domingo, 29 de marzo de 2020

O ANDAZO DA GRIPE EN SAN MARTIÑO DE SOBRÁN (VILAXOÁN) EN 1918



O ANDAZO DA GRIPE EN SAN MARTIÑO DE SOBRÁN
 ( VILAXOÁN ) EN 1918


Badía do Tombo.Vilaxoán-1920
   O andazo da gripe de 1918, tamén coñecida como a “gripe española”, considerouse a diferencia doutras, como a pandemia máis devastadora da historia humana, xa que en un só ano matou a seica 20 millóns de persoas. A enfermidade seica que foi detectada por primeira vez  o 04 de marzo de 1918 en Camp Funston (EEUU), un dos campos militares que tiñan en Kansas tralo comezo da I Guerra Mundial.
  Recibiu o nome de “gripe española” por mor de que os xornais de España lles poñían unha maior atención á gripe que en toda Europa, xa que o noso país non estaba implicado na I Guerra Mundial, polo tanto a información sobre a enfermidade non estaba censurada.
Hospital de campaña-1918-EEUU
   España foi un dos países europeos máis afectados con preto de 8 millóns de infectados en maio de 1918 e máis de 200.000 mortos. Os estudos actuais elevan o número de mortes no mundo  de 20 a 50 ou incluso 100 millóns no tempo que durou o andazo. Se o maior dos eses cálculos é correcto, a pandemia tería morto máis persoas que as dúas guerras mundiais combinadas.​
   Esta foi unha pequena introdución do que aconteceu nesas datas no noso país e no mundo para darnos conta da peligrosidade desta pandemia, porén, voume centrar na intrahistoria do meu pobo Vilaxoán de Arousa.
As Saiñas, a esquerda vese os a
esteleiros de Martinez&Goicoechea
 e no centro a casa de os Moreno-1917
   Desde primeiros de 1918, xa se ollaba vir o andazo da gripe que en España atacaba con bastante regularidade. Ante isto, o 18 de abril dese mesmo ano, a Inspección de Sanidade Provincial comezara a tomar medidas, entre elas a controlar a cantas persoas se poidan. Nese mesmo día chegaron a Vilaxoán o inspector xeral de sanidade  de Pontevedra Fernando Rubio, que ía acompañado polos médicos Sres. Viqueira Sánchez e Rafael Pazos, Tomando medidas profilácticas (1) a máis de cincocentas persoas, moitas delas obrigadas xa que atoparon por parte dalgúns veciños atrancos abondo.
Editorial de Galicia Nueva de setembro de 1918
onde fai unha dura crítica ás autoridades
pola falla de profilaticos e a falta de limpeza das rúas etc
.
   Nos días seguintes seguiu a campaña  desas medidas  que impuxo sanidade, que consistía en que toda aquela persoa que fixera resistencia tiña que pagar unha multa de 25 pts. As autoridades comentaban que non se debía capitular aos antollos dos máis remisos, cando nos intres do arrepiante andazo estábase presentando con unha natureza máis que grave.
  A partir de setembro, o andazo da gripe comezaba a ter unhas trazas estarrecedoras. As defuncións ían en aumento, pola orde do Gobernador Sr. Cabello Lapiedra foron pechados tódolos colexios e escolas públicas. O 22 de setembro volveu outra vez a Vilaxoán o devandito inspector de sanidade, para decatarse do estado sanitario do pobo; nese mesmo intre tomáronse unha morea de decisións, entre outras foron: desinfectar tódolos locais, pechado de escolas, recoñecemento dos doentes e outras medidas sanitarias.
Xornal La Mañana de Madrid de setembro 1918.
 Fala dos traballadores
dos Esteleiros de As Saiñas Martinez&Goicoechea
de Vilaxoán que nese mes xa tiña 14 obreiros contaxiados.
  As cousas non ían moi ben en Vilaxoán, algúns xornais da época comentaban que: “ las cosas en eses momentos no pasaban de los términos normales”, coido que esas novas dos xornais ían destinadas a non alarmar aos cidadáns. Porén, en Vilaxoán os veciños protestaban da falla de médicos e obrigaban ao titular a fixar a residencia na vila e que pasadas a enfermidade que volveran se quixeran a residir en Vilagarcía
  O certo era que o andazo da gripe na vila xa tiña uns caracteres arrepiantes, desde o primeiro de setembro ata o dez de outubro, finaron unhas 26 persoas, case tiñan un enterramento cada día. Para darnos unha idea, poñemos o mesmo mes de setembro de 1917 faleceron 2 persoas, e no mesmo mes de 1918 chegaba a 16 persoas.
Bando do Alcalde en funcións Sr.González
Pérez. Nota en Galicia Nueva de 29-09-1918
 (1)
Porén, algúns xornais comentaban a verdade do que estaba acontecendo, por exemplo, “Galicia Nueva” dicía: “ .....desdichada actuación del Gobernador Sr. Cabello Lapiedra. La epidemia de la gripe camina a pasos de gigante, al extremo de que lla son pocas las casas que no hayan sido visitadas por el mortal y peligroso huesped. Contrasta este progreso de la epidemia en Vilaxoán y en menor medida en Vilagarcia con el abandono con los servicios de higiene pública. No se ven por ninguna parte las medidas gubernativas, recomendadas para este casos. No sirven las medias tintas para combatir la terrible enfermedad Sr. Gobernador, la gripe sigue causando muchas vajas en Vilaxoán, pero de profilaxis andamos en paños menores, como en los tiempos primitivos....”.
   O Alcalde en funcións Sr. González Pérez por ausencia do Alcalde Dr. Valentín Viqueira que estaba nas súas funcións médicas ante o o problema do andazo, ordenou visitar a domicilio a fin de amañar moitas deficiencias que existen en algunhas casas. Tamén deu a orde de prohibir a celebración de exequias de corpo presente, os finados tiñan que ser levados ao cemiterio o máis axiña posible e polo camiño máis curto. moitos veciños non querían facer caso desta prohibición e non tivo máis remedio que a policía tivo que intervir  
 Badía de O Tombo de 1900. Foto cedida por J. Carlos Porto.
  O 6 de outubro faise unha xuntanza de veciños no Concello co Sr. Alcalde en funcións , onde se acorda facer fronte a esta conxuntura das clases máis necesitadas, emprendendo unha cociña de socorro en Vilaxoán. Neste mesmo día, o Gobernador dalle a orde ao Sr. Alcalde pra que faga uso do artigo 155 que lle permite obrigar a tódolos médicos que residen en Vilagarcía a que presten sen escusa os seus servizos profesionais. O Sr. Alcalde pide máis médicos e materiais de desinfección e da un aviso a tódolos que teñan automóbil  para que se poñan ao servizo dos médicos. Tamén solicitara o Balneario “La Concha de Arosa” para destinalo a hospitalización dos máis graves, este fora concedido polo dono.
Peirao na entrada da Badía do Tombo. 1918
  Ao seis día faise unha xuntanza na alcaldía con urxencia, xa que en Vilaxoán xa apareceran máis de 400 casos de contaxio, tomáronse o acordo de sacar un bando coas medidas profilácticas e outras máis enérxicas (1)
Ata finais de novembro en Vilaxoán non remitira o andazo, a partir destas datas a gadaña da morte foi indo a menos; a finais do devandito ano o andazo foi controlado; neste ano non se celebraron as festas do Rosario, foron aprazadas por mor deste triste acontecemento.
Dr. Rafael Pazos
  Debo suliñar neste triste episodio de Vilaxoán de primeiros do século XX,  o traballo encomiable do Doutores D. Rafael Pazos Rivas e Valentín Viqueira evitando no posible moita máis tristura no pobo, pasando moitas noites sen durmir, saíndo dunha casa para outra sen descanso.
   O pobo de Vilaxoán agradeceulle a Dr.Rafael Pazos poñéndolle o seu nome á maior praza da vila, un exemplo de gáleno dos pobres. Outro tanto fixo o pobo de Vilagarcía con o Dr. Valentín Viqueira.
---------------------------------------

(1)- Naquel tempo non existía ningunha vacina contra esta gripe. Sen vacina para protexer contra a infección por influenza, sin antibióticos para tratar  infeccións bacterianas secundarias que poden estar asociadas con infeccións por influenza, todos os esforzos de control limitáronse a intervencións non farmacéuticas como o illamento, corentena, unha boa hixiene persoal, desinfectantes e as limitacións de xuntanzas públicas.

As únicas vacinas que existían en 1918 eran a da varíola, a rabia, a febre tifoide, cólera e a peste


Teo Cardalda F.








O ANDAZO DA GRIPE - CC by-nc 4.0 - Teodomiro Cardalda Fernández

mércores, 18 de marzo de 2020

ESTALEIROS DE VILAXOÁN EN 1918-1920



ESTALEIROS DE VILAXOÁN EN 1918-1920

Antes de anexionarse o Concello de Vilaxoán ao de Vilagarcía en 1913 existían dous estaleiros en Vilaxoán, o máis importante en número de traballadores e carpinteiros de ribeira era o “Astilleros de Arosa”, eran os seus donos os señores Martínez e Goicoechea, atopábase na praia das Saiñas ao carón do Esteiro. Os xornais daquela época xa escribían del o seguinte: “este astillero puede considerarse como un gran éxito para la industria naval de Galicia”.
Foto do Estaleiro Arousa. A xente agardando pola botadura. Ao
carón está Vilaxoán co seu peirao e lonxa de mediados dos ano 60
O barco que reproducimos na fotografía no mesmo estaleiro a piques de ser botado ao mar, onde se observa unha morea de xente que veu á botadura. Outra foto onde xa está flotando no mar. Isto acontecía en xullo de 1918, seica que este estaleiro traballaban 65 persoas e o barco ía con atraso por mor do andazo da gripe que desbastou a este país cunha mortaldade arrepiante, sendo moi grave tamén en Vilaxoán. Contan as crónicas daquelas datas nestes estaleiros a gripe fixo moito dano, por esta data de xullo tiña de baixa a 45 obreiros, tendo en conta que na vila nese mes de xullo comezaba a propagarse sendo os meses máis funestos agosto e setembro onde a  mortaldade era de entre un e dous cada día. Pola miña banda non vai quedar sen escribir neste Blog da intrahistoria de Vilaxoán, todos os detalles dese andazo da gripe que foi devastador para o pobo; momento oportuno para facelo ante o estado de alarma que hoxe estamos vivindo en marzo de 2020. Cousa que farei o escrito histórico o máis axiña posible.

O buque era un Paquebote matriculado VILLAJUAN- I - e tiña as seguintes características: Eslora, 31,50 metros; puntal, 3,30; capacidade de carga 300 tn.. arbora de paquebote de tres paus.
O barco vai provisto dun motor auxiliar de 60 cabalos, tipo C.O semi-diesel da casa Fairbanks de Morse de EEUU. O motor principal non se puido instalar por dificultades de transporte e permisos de exportación e atópase nos peiraos de New Yok, o barco botouse ao mar sen o motor, aínda que xa estaba preparado para colocalo en canto chegara do porto americano. Con respecto ás súa singraduras, vou comentar unha deste Paquebote “Villajuan I” onde chegou a Vigo no ano 1926 de Marsella e Alacante con tella plana
Porén, no estaleiro xa estaban colocando a quilla para un buque dunhas 1300 Tn. de carga, sendo as súa características: Eslora, 51 metros; manga, 10; puntal, 5,80 e arborará de bergantín-goleta de tres paus. O arqueo bruto era de 838 toneladas e o neto de 774. Este buque foi botado ao mar o 14 de setembro de 1920, o atraso desde que se puxo a quilla en 1918, debeuse ao andazo da gripe por falta de xente e tardou máis do que agardaban. Este novo buque foi bautizado co mesmo nome do estaleiro “Astilleros de Arousa”, era dun forte casco de madeira, dunha fasquía liñas aparellado de bergantín-goleta: ademais ía montado un motor semi-diesel de 200 C.V. de forza que lle permitía non usar as velas e facer as recaladas sen auxilio externo e ao mesmo tempo fuxir da navegación en calma que era un grande problema dos buques de vela.
A arboradura tiña tres paus iguais, os dous de popa con masteleiros e o trinquete con masteleirillo. Os tres paus eran de abeto americano. Seica que o barco era dunha beleza e fasquía propia dos antigos buques de vela; porén, para aqueles anos de “La Belle Époque”, tiña unha moderna estética e condicións de seguridade mariñeira que mereceu a primeira clasificación do “Bureau Veritas” de Franza.
Despois da botadura 1918
O mascarón de proa, foi un agasallo aos armadores feito polo soado artista Aniceto Marinas (1) , que estivo en Vilaxoán esculpindo a talla no mesmo taller do Estaleiro. Representa unha estatua de Mercurio que na súa man dereita pendura a bolsa do ouro, mentres na súa man esquerda o bastón alado. Coido que para facer o traballo nos talleres do estaleiro tiña que pernoctar nalgunha casa o pensión da Vila.
Tamén estaban a construír un vapor pesqueiro de 16 metros de quilla e outras embarcacións menores. Como observamos a carga de traballo era impresionante para esas datas cheas de dificultades.
O outro Estaleiro atopábase en Canelas onde estaba a depuradora Pipla, este estaleiro pertencía ao Sr. Manuel Valenciano. Por esas mesmas datas, concretamente en xuño de 1918, botouse o paquebote VILABOA, onde tamén foi presenciado por moita xente.
Este barco, segundo as crónicas tiña un fermosa fasquía e os técnicos comentaban: que era un dos buques feitos a conciencia da Ría de Arousa, foi dirixido polo mestre carpinteiro de ribeira José Priegue.

O mesmo estaleiro no ano 1916. Ao caron do barco os bois para
acarrexar os tablóns
Este paquebote VILABOA fora vendido para un armador por 300.000 ptas. Á botadura deste xa ían construíndo coa colocación da quilla doutro de 800 Tn. Para o mesmo armador.
E importante suliñar que ante esa carga de traballo nos dous estaleiros con preto de cen traballadores, como en outras profesións e a xente mariñeira, Vilaxoán tiña 2.637 habitantes con panaderías, médicos: Viqueira e Rafael Pazos. As tabernas de Xoaquín Callón, Francisco Durán. Ultramarinos de María del Carme Fuentes. O café de Manuel Fernández. A Pousada do Tombo
Zona do Esteiro-Saiñas onde estaba o Estaleiro Arousa
foto de 1996
de Manuel Fernández. Asociación de labregos e mariñeiros; xastrerías; zapaterías; tecidos; mercerías; escolas de nenas e nenos a cargo da mestra Carme Otivan e o mestre Juan Neroste; estancos, barbería ao cargo de Marcelino Rodríguez; tres carpinterías que facían de empresas auxiliares para os estaleiros sendo os seus donos: Román Reino, Manuel Varela e Anxo Villaronga; modistas, albaneles etc.


=========================
(1)- Aniceto Marinas García naceu en Segovia, na parroquia de San Millán en 1886 e finou en 1953 en Madrid. De familia humilde, logra unha bolsa da Deputación de Segovia para estudar na Real Academia de Belas Artes de San Fernando en 1884. En 1888 é bolseiro para seguir os seus estudos na Academia de Roma, onde remata a súa estadía en 1893.



==========================






mércores, 4 de marzo de 2020

LEMBRANDO A FELIPE RODRÍGUEZ "PANTERA DE AROUSA"





FELIPE RODRÍGUEZ PIÑEIRO
PANTERA DE AROUSA”


   Preto vai facer dúas décadas que se nos foi o grande Felipe Rodríguez "Pantera". Non quixera deixar neste Blog da historia de Vilaxoán sen facer un anaco da súa historia como boxeador, aínda que tamén foi un campión na súa faceta humana como un daqueles "bos e xenerosos" de Galicia. 
Video de Vilaxoán Canta en Luar con Felipe

    Felipe era unha persoa que alentaba humanidade por tódolos seus poros, un rapaz magnífico e sempre amigo dos seus amigos, disto podo dar fe, por darme a súa amizade que foi correspondida. Dixen sempre que naquel corpo tan grande e de atleta gardaba un inmenso corazón.
Naceu Felipe Rodríguez, “Pantera de Arousa” o 22 de decembro de 1953 en Vilaxoán. Quen sería o mellor dos pesos pesados de España, comezou a súa andaina puxilista cando era un neno nun provisorio ring, aló, preto da praia de Canelas.
Na Pelada (Faxilde)
  En 1972 disputou o seu primeiro combate, pasando axiña a formar parte do equipo español afeccionado, erixíndose campión dos Xogos Mediterráneos. Como amateur foi campión de España dos pesos pesados en 1974 e 1976. En 1974 gañaría a medalla de prata do V Torneo Internacional celebrado en Holanda.
Felipe con Alain Delon na T.V. Francesa
  O primeiro combate como profesional disputouno o 13 de maio de 1977, vencendo a Francisco López Barrilado. O 1 de abril de 1978, acadou en Pontevedra o seu primeiro título nacional dos pesos pesados tras vencer a Fermín Hernández, título que ninguén logroullo arrebatar.
Durante os 1983-84, Enrique Soria encárgase da súa preparación e pelexou en Alemaña, Dinamarca, Italia e Sudáfrica. No Pavillón de Pontevedra foi onde máis combates disputou, poñendo en xogo o Campionato de España fronte a Alfredo Evangelista, Avenamar Peralta e Fermín Hernández. Pelexou catro veces polo título europeo, pero non logrou gañar en ningunha ocasión. Entre os seus rivais cumpre citar ao francés Lucien Rodríguez e o italiano Lorenzo Zenon.
Felipe en Luar RTVG
Disputou 38 combates, gañou 25, fixo 5 nulos e perdeu en 8 ocasións.  Pelexou contra púxiles como Tom Halpern, Albert Sybem, Tony Moore, Terry O´Connor, Alí Lakusta ou Alfredo Evangelista.
   Retirouse do boxeo activo o 8 de agosto de 1987, tras combater contra o francés Jean Chanel. Despois traballou nunha compañía de seguridade privada e no programa “Luar” da TVG e finalmente volveu para Vilaxoán prestando servizos como vixiante xurado na Confraría de Pescadores “Virxe do Rosario”.
Estatua de Bronce no Parque Dona Concha. (Vilaxoán)
   É unha ledicia velo ao carón de galegos ilustres,  escritores, poetas, científicos e deportistas no libro Gallegos e ver o seu nome na Gran Enciclopedia Galega, o que para tódolos vilaxoaneses é un orgullo como tamén o será para as xeracións vindeiras que sempre o lembraran como o “púxil de Vilaxoán”.
 O 1 de xuño do ano 2001, o Concello adicoulle unha estatua de bronce no Parque Dna. Concha, obra do escultor Alfonso Vilar.
Felipe e a súa familia no día da súa homenaxe
(foto Voz de Galicia)
Un tumor cerebral acabou coa súa vida no primeiro día do mes de xuño do ano 2000. O 8 de abril dese ano o pavillón de Fontecarmoa (Vilagarcía) resultou insuficiente para dar cabida a quen acudiu á súa homenaxe, no que se respiraba unha sensación de despedida no ambiente.
                    

         
Lucien Rodríguez, Alain Delon, Felipe Rodríguez (Pantera). Foto o 24 de novembro de 1981 n T.V, Francesa,
dus días antes do combate. Fotógrafo Keystone, Press, Pictures USA

          =================================================

Rocords de Felipe Rodríguez Piñeiro (Pantera)
Quero expresarlle as miñas grazas á que fora a súa dona María José Lorenzo por atenderme na miña petición de poñer nas miñas mans unha serie de fotografías e documentos para poder publicalos. Grazas de corazón.
Teo Cardalda F.

CRONOLOXÍA FOTOGRÁFICA DE FELIPE RODRÍGUEZ



































luns, 17 de febreiro de 2020

O TEATRO CINE “VILLAJUAN CINEMA”




O TEATRO CINE “VILLAJUAN CINEMA”

Moitos de nós sabemos por referencias dos nosos pais e avós escoitar do Teatro-Cine “Villajuan Cinema” do Preguntoiro. Sobre este anaco histórico vou escribir unha notas dos anos 1919-1920 e 1933.
Por aqueles anos o correspondente de Galicia Nueva en Vilaxoán era Antero Costas de profesión barbeiro que tiña a barbería na casa do patín que hoxe atópase ao carón da fonte na praza Rafael Pazos. Antero cando escribía no citado xornal, ao “Villajuan Cinema” chamáballe: “....el nuestro pequeño coliseo de Villajuan...”. Non era de estrañar que o citara desta maneira polas actuacións teatrais, culturais, políticas e de pases de películas daquela época.
Foto aerea dos anos 60. "Villajuan Cinema" subliñado por unha frecha
En maio de 1919 a compañía teatral de Gómez Rocafull puxeran en escena un drama sociolóxico de Joaquín Dicenta “Juan José”, unha das máis importante obra dramática deste xornalista, dramaturgo, poeta e narrador. Con esta peza, Dicenta inaugura por primeira vez en 1895 esta obra teatral onde se ollaba o drama social de España, a realidade que carcomía á maioría da xente do común. Nesta obra actuaban como actores persoas de Vilaxoán sendo moi aplaudida polo abondoso público que acudiu. Por estas mesmas datas tamén estaban a ensaiar o drama galego “Antucho” de Román Loureiro, persoa moi coñecida no pobo por ser o comprador da lonxa. Nestes todos os meses de 1919 desde febreiro ata decembro, as veladas teatrais eran abondosas por mor de que moitas obras estaban en carteis unha morea de semanas.
foto (1)
A obra de Román Loureiro “Antucho” a estiveron ensaiando sendo o seu cadro de artistas a maioría con xente do pobo facendo modificacións para ser estreada en teatros da provincia. Esta obra do Sr. Loureiro a dirixía o Sr. Urioste, tanto a escenografía como a decoración estaba ao cargo de Manolo Rey. Despois de ser presentada no “Villajuan Cinema” o día 15 de xaneiro de 1920, foron a estreala o día 17 ao Salón Varietés de Vilagarcía, sendo as dúas presentacións un grande éxito.
Neste mesmo ano seguían facéndose obras teatrais de autores moi importantes, entre outros os soados irmáns Álvarez Quintero. Nunhas notas que aparecen nos xornais vou facer referencia a un comentario moi significativo sobre o “Villajuan Cinema”:.....la labor en tablas de estos artístas profesionales y amater es acogida con muchos aplausos, por el numeros público que todas las noches acude al elegante teatro-cine del Preguntoiro........
Ruínas do"Villajuan Cinema" .Fotos da actualidade
Porén, tamén tiña o teatro outras presentacións como eran actos sociais e políticos. Nestes apartados imos lembrar algunhas datas do ano 1933. A sociedade agraria e mariñeiros “La Honradez” de Vilaxoán, convocaba o día 22 de xaneiro unha conferencia sobre a Autonomía e Cooperación Agraria que foi exposta polo profesor Xosé Núñez Búa. Comentara o fundamento das cooperativas labregas na Galicia autónoma, que foi expoñendo moi claramente con datos abondo e estatísticas tomadas de organismos oficiais. A conferencia foi seguida por moreas de labregos e mariñeiros que deron mostras de civismo e aprobación co conferenciante Sr. Búa.
Nestas datas de 1933 estábase preparando o Estatuto de Autonomía de Galicia e o Partido Galeguista de Vilagarcía celebraba xunta xeral o 11 de xaneiro deste mesmo ano. Desta xuntanza saíron por unanimidade a directiva composta por: Presidente, Germán Quintela; Vice, Dámaso Carrasco; Secretario Xeral, Jesús Garrido; Secretario de Actas, Francisco Fernández; Tesoreiro, Leopoldo Sampedro; Vocais, Antonio Oubiña, Xoaquín M. Posse e Xoan Parada.
Ruínas do "Villajuan Cinema" Preguntoiro a principios dos anos 90
A primeira iniciativa da directiva era tratar de impulsar con grande actividade a propaganda galeguista, sendo o máis especial dar a coñecer o Estatuto de Autonomía de Galicia en toda a bisbarra; a partir desta data organizarían conferencias en todas a freguesías do concello de Vilagarcía e distrito. A primeira conferencia foi en Bamio o día 15 de xaneiro, onde asistiron: Xosé Giráldez, Germán Quintela Novoa, Antonio Oubiña, Xosé Núñez Búa e Francisco Fernández del Riego.
Toman a decisión de facer no “Vilaxoán Cinema” un mitin con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
O sábado día 4 de febreiro de 1933 celébrase o acto sendo tanta a expectación agardando por Castelao que moita xente non puido entrar quedando na rúa, moitas persoas estaban polas portas e fiestras para escoitar á figura máis relevante da historia de Galicia do século XX.
Castelao con Luís Bouza-Brey en Vilagarcia, 1933
Presentara o acto o Secretario da Agrupación Galeguista de Vilagarcía Xesús Garrido(1), facendo unha exposición persoal dos oradores. Comezou a falar Victor Casas un dos fundadores do Partido Galeguista e director de a publicación A Nosa Terra. Falou en Vilaxoán cunha oratoria moi áxil e solta, argumentando con datos sobre o Estatuto de Autonomía, O Sr. Casas acadou afervoar ao público que entusiasmado aplaudiron moito tempo. Victor Casas foi detido polos fascistas en 1936, despois dunha farsa xudicial o condenaron a morte e logo fusilado en Pontevedra.

A presenza de Alfonso R. Castelao foi acollida cunha ovación agarimosa, expresión deste agarimo que se lle tiña en todos os pobos da Ría de Arousa, sabendo os mariñeiros que en el tiñan o máis entusiasta defensor. Comezara a conferencia con aquel feitizo característico que achega á xente no intre mesmo de entrar a falar. Foi desfacendo un por un todos os argumentos que empregaban en contra do Estatuto de Galicia polos que se chamaban republicanos, comentando o seguinte: .......aínda sendo republicanos, carecen do máis elemental coñecemento do que a República significa na harmonía dos pobos e a base democrática de liberdade que estes merecen.....
Outra prespectiva fotográfica aerea do "Villajuan-Cinema" de principios dos anos 60
Tamén falara Castelao sobre a interdependencia económica das entidades mundiais ás que uniformismo oponse sen resultado. Ao final do acto a ovación que recibiu Castelao foi impresionante en Vilaxoán. A atención do público existente foi dun respeto absoluto, o que demostraba o interesante que era o tema do Estatuto de Autonomía. Coido que foi un orgullo para Vilaxoán que un dos persoeiros máis relevantes de Galicia estivera dando unha conferencia nunhas datas de esperanza para o pobo galego; ilusións de progreso estouradas a sangue e lume polas “hordas franquistas-fascistas”.
Historia ten abondo este “...pequeño coliseo de Villajuán...”, como así lle chamaba o barbeiro Antero. Hoxe o edificio do “Villajuan Cinema”, atópase en ruínas conservando desde aqueles anos a fasquía da fachada.
-----------------------------------------
(1)-Xesús Garrido Álvarez nace en Vilaxoán o 23 de setembro de 1904. Fixo os seus estudos no colexio San Agustín de Vilagarcía, colexio que co tempo pasou a chamarse León XIII.
Rematados os estudos de maxisterio, pasa a ensinar nas escolas de Renza, Faxilde e Zamar. Ao comezar a Guerra Incivil é acusado de profesar ideas galeguistas e comunistas, o primeiro era ben certo, máis a segunda acusación era de todo falso. Foi sancionado e destinado ao pobo de Barruelo de Santullano na provincia de Palencia que neses intres era fronte de guerra, o que lle impediu tomar posesión da praza, circunstancia que non lle librou de ser inhabilitado para exercer o ensino nunha escola oficial.
Xesús Garrido Álvarez
Posteriormente estivo no colexio Mezquita de Vigo e máis tarde pasa a dar clases no colexio León XIII de Vilagarcía xunto ao grande poeta Aquilino Iglesia Alvariño.
Cando Aquilino vaise para Vigo para exercer como mestre no colexio Labor, queda Xesús Garrido como director do León XIII que daquela xa tiña máis de 50 alumnos.
Cos anos aumentou o alumnado e a sona do colexio, aproveitando unha oferta de venda por parte do seu dono Remigio Valladares, Xesús Garrido e Aquilino mercan o colexio acordando que Aquilino levaría a dirección e Garrido levaría a administración.
Cando Aquilino gaña a cátedra de Latín do Instituto de Lugo, vende a súa parte a Garrido que convértese en director ata o día que finou, o 31 de maio de 1971. Xesús garrido estaba casado con Concepción Castromán e tiveron catorce fillos.
Tamén tiña a titulación de Perito Calígrafo, onde de cando en vez era chamado para exercer os seu servizos na administración de xustiza. Durante 18 anos foi axente de seguros sociais dos mariñeiros de Carril. Tamén era un poeta xa que gañara o premio “Jesús Arellano” organizado pola Universidade Hispanoamericana de Rábida no ano 1964.
Foi unha persoa dunha extraordinaria humanidade. No día do seu pasamento foi lembrado polos xornais Faro de Vigo, La Voz de Galicia e El Correo Gallego como os seus alumnos. Nos citados xornais publicaron artigos da súa intensa laboura humana e educadora no ensino.
T.C.F.

martes, 28 de xaneiro de 2020

1916- 1920. ACONTECEMENTOS HISTÓRICOS PROTAGONIZADOS POR MARIÑEIROS DA VILA.






1916- 1920. ACONTECEMENTOS HISTÓRICOS PROTAGONIZADOS POR MARIÑEIROS DA VILA.




O nove de novembro de 1916, tivo lugar un episodio na vila que poucas veces ten acontecido na costa galega naqueles tempos de fai máis de cen anos, e coido, moito menos na Ría de Arousa. Eran as trece horas dese día de inverno, cando os patróns de Vilaxoán Manuel Bóveda. ao mando da súa lancha “Juanita”, e Francisco López, da embarcación “Elena”, ollaron á deriva preto da punta do Rial (ou punta do Esteiro) un obxecto moi raro que arrandeábase coas ondas do mar e coidaron que puidera tratarse dun submarino polo cor azul moureado. 

Mentres se achegaban ao obxecto déronse conta que era un cetáceo, unha balea de grandes dimensións que dou unha arrincada e foi varar á praia das Sinas. 
As tripulacións brincaron a terra na mesma praia e axudados por uns serradores de Corón que traballaban ao carón da Praia, botáronlle un rizón de catro puntas no oco que as baleas teñen preto da cabeza, trincándoa en terra por un longo cabo. Denantes de quedar en seco sobre as seis do serán, o animal dou unhas fortes sacudidas até quedar morta.


Balea na praia de As Sinas. - 1916




A praia das Sinas encheuse de xente que viña mirar o fenómeno mariño e, segundo as crónicas, era tanta que aquilo máis ben parecía unha romaría. Os vellos mariñeiros comentaban que xamais viran un animal semellante, dunhas dimensións de 16,40 metros de longo, dun peso que chegaba a 16.500 Quilos. Ao día seguinte foi poxada por 550 pts.
Alí estivo un persoeiro de Vilagarcía coa súa cámara de fotos, Luís Bouza Trillo, a quen lle debemos a fotografía que acompaña estas liñas.



Praia de As Saiñas (ao fondo vese a entrada e Punta do Esteiro) onde se avistou a balea, ao fondo
vese o trasatlántico Cap-Arcona .Foto de 1918
Despois deste acontecemento apareceu catro anos máis tarde (18 de outubro de 1920) outra balea avistada pola lancha de Ramón Martiñán de Vilaxoán que volvía da pesca sobre as dúas da mañá na punta do Esteiro. O Patrón Ramón avistou dun vulto sospeitoso que nadaba a ras da auga preto de terra ao carón onde estaba os estaleiros de Martínez Goicochea (As Saiñas-Esteiro). A lancha de Vilaxoán achegouse con moita cautela e viron abraiados que era que era unha grande balea. Tiráronlle un rizón da lancha para facela presa, porén, o rizón  rebotou na pel do animal. Parece ser que de agardar unha horas houbera quedado en seco, xa que o golpe do rizón puxo en alarma á balea fuxindo rumbo norte, ou sexa, rumbo desde o Esteiro a Rianxo.
El Compostelano cunha pequena crónica da balea-18-10-1920
Sobre as nove da maña foi avistada á poucas brazas do porto de Vilaxoán; neses intres foron aparelladas tres lanchas con mariñeiros do porto que saíron na súa persecución co o obxecto de acarroular ao cetáceo, pero non dispoñían dos útiles para tratar de coller á balea.
Desde terra ao longo do porto e o Preguntoiro moita xente estivo ollando esta operación dos mariñeiros pero ao final nada puideron facer. Sobre as cinco da tarde a balea tomou a dirección da Punta do Chazo entre a Poboa e Rianxo.
Cando estaba ao carón do Chazo, O señor Places, dono dos estaleiros do Chazo, disparoulle catro tiros e cravoulle un arpón. Tamén o mamífero foi ferido por machados e coitelos onde quedaron cravadas no lombo do animal.
Pola noite colleu rumbo ao Faro de Rúa onde os mariñeiros de Vilaxoán abandonaron a súa persecución.
Xornal de Madrid La Accion coa nova da balea en
Vilaxoán- 20 de outubro de 1920
O correspondente de Galicia Nueva en Vilaxoán e o xornalista de El Compostelano comentaban: “infratuosas resultaron las gestiones que hemos realizado en el puerto de Vilaxoán para averiguar el paradero del enorme cetáceo aparecido en nuestra ría”.
Mentres uns mariñeiros afirman que marchouse para a saída da Ria de Arousa, outros comentan que pode estar varada nalgún punto da costa; pero o certo é que na noite anterior foi vista preto do Faro de Rúa.
Moi interesante desa época é o que escribían os comentaristas dos xornais onde comentaban cousas máis ben crematísticas en relación cos gastos desa persecución da balea. Así o comentarista do xornal El Compostelano escribía desta maneira: “Se calcula que lleva adheridas más de 200 pesetas de valor en herramientas que le fueron arrojadas en diversos punto de la Ría de Arosa”. Moi pouco trocou o xornalismo de antano co de hoxe en relación cos intereses do capital, hoxe é moito máis sofisticado neste mundo globalizado.
Teo Cardalda F.


luns, 21 de outubro de 2019

PAZO DE PARDIÑAS E OS SEUS MORADORES




PAZO DE PARDIÑAS E OS SEUS MORADORES

O pazo de Pardiñas, tamén coñecido como Casa Torre dos Pardiñas Villardefrancos é de finais do século XVI. Este pazo serviu de morada, non como outras construccións pacegas que eran de morada e agropecuarios, fica ao carón do mar e no mesmo centro da vila. Está moi ben conservado, ten unha erguida torre, ousadas as súas gárgolas e grandeiros os balcóns. Na porta de arco de medio punto formado por doelas, da paso a un portal  cun salón interior cunhas escadas que nos leva á planta nobre. Un forte balado pecha a parte posterior cun pequeno xardín, que antigamente limitaba co mar na badía do Tombo.
(1)-1900-Mercado ao pé do Pazo
Hai anos tiven a oportunidade de percorrer o seu interior e tiven a sensación de atoparme no século XVIII, entre as súas paredes mantense viva a historia.

O pazo seica foi construído por Xoán da Val e a súa dona María Pérez Leiro Romero, ambos vencellados a esta construcción desde o ano 1591. Ademais, fundaron tamén o convento de San Francisco de Cambados.
Parte este
O vencello do pazo coa familia Pardiñas comezou un século despois, ao casar Francisca Romero de Lis Bermúdez con Ignacio Pardiñas Villardefrancos. Dona Francisca herdara tódolos bens e dereitos dos seus pais, Plácido Romero de Lis e Xoana Bermúdez, descendentes do devandito Xoán Da Val.  Un fillo de Ignacio e Francisca, Francisco Antonio Pardiñas Ayala Villardefrancos, nado en Vilaxoán, fora reitor do Colexio de Fonseca a mediados do século XVIII.
Balado da parte norte onde se atopa o xardín interior
Tumba de o Marqués de Pardiñas Ramón Sanjurjo e de
a súa dona Sofía Neira no cemiterio de San Martiño de Sobrán (Vilaxoán)
Dos Pardiñas vencellados a Vilaxoán, temos a Ramón Pardiñas Ayala e Feixóo sobriño do devandito Reitor de Fonseca. (2)-D. Xosé Rafael Pardiñas Villardefrancos e Varela, capitán retirado cando a guerra da Independencia en 1808 e que tivo unha intensa actividade organizando as milicias defendendo  a Vilaxoán dos ataques dos franceses, causando varias baixas ao inimigo, finou D. Ramón en Santiago en 1825. Este casara con Ana María Taboada, sendo o seu fillo Ramón Pardiñas Villardefrancos e Taboada, Mestre de Campo e Deputado a Cortes e que tivo unha actuación nas contendas civís do século XIX; a súa irmán María da
(2)-José Rafael Pardiñas
Asunción Pardiñas foi quen herdou todo o patrimonio e dereitos do Pazo de Vilaxoán, incluído o pazo de Cereo Vello  . D. Ramón Agustín Sanjurjo Pardiñas Montenegro Marqués de Casa Pardiñas fillo da devandita María Asunción, avogado, deputado provincial a Cortes e senador, condecorado coa


Cruz de Isabel a católica, estaba casado Con Sofía Neira, tamén D. Ramón fora Alcalde de Santiago, contan as crónicas de 1890  que fora un dos mellores alcaldes que pasaron por Santiago, finou o 12 de xaneiro de 1917 no pazo e soterrárono no camposanto de Sobrán.
Porta da entrada principal de arco de medio punto formado por doelas
Da familia dos Pardiñas están soterrados no cemiterio de Vilaxoán o devandito D. Ramón Agustín, o segundo Marqués D. Ramón Sanjurjo Neira, a terceira marquesa Dona Ramona Sanjurjo Neira e mailo seu esposo o Xeneral D. Miguel De Castro Arizcun.
Escudo
A finais do século XIX o tratamento de marqués de casa Pardiñas ostentouno Joaquín Arias Sanjurjo título ao que renunciou; e que estaba emparentado cos Pardiñas de Vilaxoán pola liña da última Marquesa Ramona Sanjurjo, Joaquín nacera en Santiago en 1860 e finou na mesma cidade en 1946, estudiou Dereito en Compostela. A finais do século XIX foise para Monforte a desempeñar gratuitamente a profesión de avogado, alí exerce unha influencia cultural e social. Esta inquietude cultural e a súa independencia política e vinculación ao rexionalismo, levouno a aceptar o pacto de ” Solidaridad Gallega”, movemento ao que se suma dende o primeiro intre. Convocou a Iª Asamblea Agraria de Monforte onde asinou moitas das súas conclusións, Foi Deputado Provincial, creou o “Centro Rexionalista Agrario”. En 1913 escribiu un duro e forte “Manifesto” contra as deputacións provinciais. En 1915 aparece entre os colaboradores da revista “España” de Madrid dunha orientación máis ben melquiadista, pero Joaquín mantén a súa posición política de republicano, agrarista e rexionalista.  Foi moi coñecido o seu ataque  á ORGA
Estatuas do xardín interior
e a Casares Quiroga. Publicou unha morea de estudios sobre temas moi diversos entre os cales o “Estatuto de Galicia” de 1932, sobre o “ Problema Ferroviario de Galicia”1935, “ El Problema Social de Nuestro Tiempo” de 1933. Coido que  non é nada alleo ante a súa vida social e política que, o título de  Marqués nada tiña que ver co seu republicanismo, e  durante a súa vida fixo esquecer tal tratamento.

Os escudos de armas aparecen as faixas escaqueadas dos Soutomaior, o año e bolo dos Bolaño, os roeles dos Castro e as pombas dos Seixas.
Fronte ao pazo atópase un xardín cunha flora importante, antigamente este xardín estaba lindando coa casa pola parte sur. No ano de 1900 o Marqués de Pardiñas abriu un paso entre o Pazo e o xardín para que a xente do pobo puidera pasar. 
Porta de entrada ao xardín e ao interior do Pazo


Neste mesmo ano o Alcalde de Vilaxoán Juan Ouviña, acordara establecer na vila un mercado  que se celebraría o sábado de cada semana. O 6 de abril deste mesmo ano inaugurouse no mesmo lugar ao carón do xardín e fronte ao Pazo. O Alcalde anunciara que este mercado sería libre de impostos e adxudicaría premios aos mellores espazos que se presentaren. (01-Foto)
Na actualidade o Pazo pertence a familia Rodríguez Alarcón  e atópase nun bo estado de conservación.

T.C.F.




venres, 4 de outubro de 2019

TVG RIBEIRAS DE SALITRE Vilaxoán, as ondas do mar de traballo


TVG

RIBEIRAS DE SALITRE

VILAXOÁN DE AROUSA, ONDAS DO MAR DE TRABALLO





Hai uns meses Xosé H. Rivadulla Corcón, guionista, escritor e presentador galego, convidoume a estar con el nun programa para Vilaxoán. O día 29 de setembro de 2019, foi emitido pola TVG onde teño o pracer de presentar o video neste Blog.
Rivadulla, fixo unha fermosa exposición falando coas persoas que gardan e gardaron moita relación co mar á beira dese mesmo mar de Arousa como é Vilaxoán.
Alí atopouse a Rita Lucio mariscadora cunha conversa moi interesante na mesma praia onde traballa. Logo foise para a Praza de Abastos de Vilagarcía onde falou tomando un café con Carmen Tarrío, peixeira de Vilaxoán. Logo ao que este escribe, colleume por banda para ir xantar e falar a As Eiras onde tomamos un bo viño ribeiro e unhas ameixas á mariñeira preparadas por Xefa Torres.
Os xóvenes músicos da vila Uxía Vázquez con zanfona e Álvaro Cardalda co acordeón deleitáronnos coa música do noso mar arousán coa "Foliada de Vilaxoán. No INTECMAR, Rivadulla internouse no científico falando coa directora do centro Covadonga Salgado. Do pasado da conserva e decadencia actual, falaron con Purita Bemposta e Carmiña Couso. Non podía faltar o sair ao mar no barco de José Rañó.


T.C.F.