Amosando publicacións coa etiqueta paquebote villajuan. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta paquebote villajuan. Amosar todas as publicacións

mércores, 18 de marzo de 2020

ESTALEIROS DE VILAXOÁN EN 1918-1920



ESTALEIROS DE VILAXOÁN EN 1918-1920

Antes de anexionarse o Concello de Vilaxoán ao de Vilagarcía en 1913 existían dous estaleiros en Vilaxoán, o máis importante en número de traballadores e carpinteiros de ribeira era o “Astilleros de Arosa”, eran os seus donos os señores Martínez e Goicoechea, atopábase na praia das Saiñas ao carón do Esteiro. Os xornais daquela época xa escribían del o seguinte: “este astillero puede considerarse como un gran éxito para la industria naval de Galicia”.
Foto do Estaleiro Arousa. A xente agardando pola botadura. Ao
carón está Vilaxoán co seu peirao e lonxa de mediados dos ano 60
O barco que reproducimos na fotografía no mesmo estaleiro a piques de ser botado ao mar, onde se observa unha morea de xente que veu á botadura. Outra foto onde xa está flotando no mar. Isto acontecía en xullo de 1918, seica que este estaleiro traballaban 65 persoas e o barco ía con atraso por mor do andazo da gripe que desbastou a este país cunha mortaldade arrepiante, sendo moi grave tamén en Vilaxoán. Contan as crónicas daquelas datas nestes estaleiros a gripe fixo moito dano, por esta data de xullo tiña de baixa a 45 obreiros, tendo en conta que na vila nese mes de xullo comezaba a propagarse sendo os meses máis funestos agosto e setembro onde a  mortaldade era de entre un e dous cada día. Pola miña banda non vai quedar sen escribir neste Blog da intrahistoria de Vilaxoán, todos os detalles dese andazo da gripe que foi devastador para o pobo; momento oportuno para facelo ante o estado de alarma que hoxe estamos vivindo en marzo de 2020. Cousa que farei o escrito histórico o máis axiña posible.

O buque era un Paquebote matriculado VILLAJUAN- I - e tiña as seguintes características: Eslora, 31,50 metros; puntal, 3,30; capacidade de carga 300 tn.. arbora de paquebote de tres paus.
O barco vai provisto dun motor auxiliar de 60 cabalos, tipo C.O semi-diesel da casa Fairbanks de Morse de EEUU. O motor principal non se puido instalar por dificultades de transporte e permisos de exportación e atópase nos peiraos de New Yok, o barco botouse ao mar sen o motor, aínda que xa estaba preparado para colocalo en canto chegara do porto americano. Con respecto ás súa singraduras, vou comentar unha deste Paquebote “Villajuan I” onde chegou a Vigo no ano 1926 de Marsella e Alacante con tella plana
Porén, no estaleiro xa estaban colocando a quilla para un buque dunhas 1300 Tn. de carga, sendo as súa características: Eslora, 51 metros; manga, 10; puntal, 5,80 e arborará de bergantín-goleta de tres paus. O arqueo bruto era de 838 toneladas e o neto de 774. Este buque foi botado ao mar o 14 de setembro de 1920, o atraso desde que se puxo a quilla en 1918, debeuse ao andazo da gripe por falta de xente e tardou máis do que agardaban. Este novo buque foi bautizado co mesmo nome do estaleiro “Astilleros de Arousa”, era dun forte casco de madeira, dunha fasquía liñas aparellado de bergantín-goleta: ademais ía montado un motor semi-diesel de 200 C.V. de forza que lle permitía non usar as velas e facer as recaladas sen auxilio externo e ao mesmo tempo fuxir da navegación en calma que era un grande problema dos buques de vela.
A arboradura tiña tres paus iguais, os dous de popa con masteleiros e o trinquete con masteleirillo. Os tres paus eran de abeto americano. Seica que o barco era dunha beleza e fasquía propia dos antigos buques de vela; porén, para aqueles anos de “La Belle Époque”, tiña unha moderna estética e condicións de seguridade mariñeira que mereceu a primeira clasificación do “Bureau Veritas” de Franza.
Despois da botadura 1918
O mascarón de proa, foi un agasallo aos armadores feito polo soado artista Aniceto Marinas (1) , que estivo en Vilaxoán esculpindo a talla no mesmo taller do Estaleiro. Representa unha estatua de Mercurio que na súa man dereita pendura a bolsa do ouro, mentres na súa man esquerda o bastón alado. Coido que para facer o traballo nos talleres do estaleiro tiña que pernoctar nalgunha casa o pensión da Vila.
Tamén estaban a construír un vapor pesqueiro de 16 metros de quilla e outras embarcacións menores. Como observamos a carga de traballo era impresionante para esas datas cheas de dificultades.
O outro Estaleiro atopábase en Canelas onde estaba a depuradora Pipla, este estaleiro pertencía ao Sr. Manuel Valenciano. Por esas mesmas datas, concretamente en xuño de 1918, botouse o paquebote VILABOA, onde tamén foi presenciado por moita xente.
Este barco, segundo as crónicas tiña un fermosa fasquía e os técnicos comentaban: que era un dos buques feitos a conciencia da Ría de Arousa, foi dirixido polo mestre carpinteiro de ribeira José Priegue.

O mesmo estaleiro no ano 1916. Ao caron do barco os bois para
acarrexar os tablóns
Este paquebote VILABOA fora vendido para un armador por 300.000 ptas. Á botadura deste xa ían construíndo coa colocación da quilla doutro de 800 Tn. Para o mesmo armador.
E importante suliñar que ante esa carga de traballo nos dous estaleiros con preto de cen traballadores, como en outras profesións e a xente mariñeira, Vilaxoán tiña 2.637 habitantes con panaderías, médicos: Viqueira e Rafael Pazos. As tabernas de Xoaquín Callón, Francisco Durán. Ultramarinos de María del Carme Fuentes. O café de Manuel Fernández. A Pousada do Tombo
Zona do Esteiro-Saiñas onde estaba o Estaleiro Arousa
foto de 1996
de Manuel Fernández. Asociación de labregos e mariñeiros; xastrerías; zapaterías; tecidos; mercerías; escolas de nenas e nenos a cargo da mestra Carme Otivan e o mestre Juan Neroste; estancos, barbería ao cargo de Marcelino Rodríguez; tres carpinterías que facían de empresas auxiliares para os estaleiros sendo os seus donos: Román Reino, Manuel Varela e Anxo Villaronga; modistas, albaneles etc.


=========================
(1)- Aniceto Marinas García naceu en Segovia, na parroquia de San Millán en 1886 e finou en 1953 en Madrid. De familia humilde, logra unha bolsa da Deputación de Segovia para estudar na Real Academia de Belas Artes de San Fernando en 1884. En 1888 é bolseiro para seguir os seus estudos na Academia de Roma, onde remata a súa estadía en 1893.



==========================