venres, 10 de abril de 2020

A SONADA FOLGA NO PORTO DE VILAGARCIA EN 1916 E A SÚA REPERCUSIÓN EN VILAXOÁN



A SONADA FOLGA NO PORTO DE VILAGARCIA EN 1916 E A SÚA
REPERCUSIÓN EN VILAXOÁN
A primeiros de xaneiro de 1916, comezaba unha folga no Porto de Vilagarcía, onde sobre o día 12 aínda non se ollaba solución por parte dos estibadores e dos consignatarios e armadores. Ata este día tódalas xuntanzas viñan de fracaso en fracaso e o conflito seguía en pé con signos moi negativos. Representantes do Comercio de Vilagarcía coidaban que era necesaria a presencia  do Gobernador Civil para atopar unha solución a esta folga.
Foto xentileza de J. Carlos Porto
No día 15, a Cámara de Comercio celebra unha xuntanza no Concello onde acordan fundar unha Asociación Patronal; a mesma hora tamén se estaba celebrando unha reunión dos obreiros no seu domicilio social, onde entre outras cousas acordaron que seguiría a folga mentres non percibiran os seus salarios os gabarreiros e con horas extras igual cos compañeiros a partir  das 5 da tarde, e o descanso que por dereito lle pertencía en atraque e desatraque das gabarras fora das súas horas regulamentarias.
Chegando o día 16, as patrullas da garda civil estaban en servizo permanente, inclusive ían cos crebafolgas (homes contratados no día anterior na xuntanza no Concello) nun bote do Garda Costas “Dorado” nas operacións de carga e descarga.
Foto xentileza de J.Carlos Porto
Neste mesmo día unha morea de obreiros fixeron unha marcha a pé a Pontevedra co obxecto de pedirlle ao Gobernador que mediara cos armadores e consignatarios unha pronta solución; nesta marcha ían un numeroso grupo de mulleres na maior parte esposas e fillas dos traballadores, ao día seguinte o Gobernador Sr. Díaz Moreu chegará a Vilagarcía, onde foi recibido no Concello polo Alcalde Valentín Viqueira, o capitán da Garda Civil Sr. Yañez Salinas . Fixo unha xuntanza para recibir informes do conflito por parte do Alcalde, consignatarios (Ulpiano Buhígas), e membros da Xunta da Asociación “Despertar Marítimo”. Sobre o día 17 aínda non se solucionara este problema despois de horas de negociacións, porén, este día foi tranquilo nas rúas.
Praza da Peixería. 
Ao día seguinte 18, agrávase o problema ao facer causa común cos estibadores os lancheiros transportadores de pinos, os mariñeiros de Vilaxoán e as pescantinas da mesma vila onde a Garda Civil comeza a patrullar polas rúas de Vilaxoán, todo isto acontece xa que os consignatarios non atenden algunhas peticións dos obreiros. Neste día acontece unha sorprendente nova, o Comercio de Vilagarcía collido entre o choque de dúas forzas de patróns e obreiros, e despois de esgotar tódolos medios de prudencia acordan crear unha agrupación de traballadores para defender os seus intereses ameazados. O día 19 os armadores e consignatarios xúntanse no edificio do Casino sen dar ningunha solución.
No Centro Obreiro de Vilagarcía, o día 26 celebran unha xuntanza, onde trocan impresións sobre a folga, acordando celebrar na Asociación de Labregos e Mariñeiros “La Honradez” de Vilaxoán, asociación presidida por Jesús Somoza que fora no ano 1919 con Francisco Santos Crespo os fundadores do Pósito Pescador. Esta xuntanza celebrouse ese mesmo día 26 ás 7 do serán presidida polo presidente de Despertar Marítimo o Sr, Lourido, ao final deste acto acordan nomear unhas comisións para vixilancia da folga.
A partir do día 28 a folga perde o carácter pacifico. A influencia que tivo en Vilaxoán foi determinante pola solidariedade de toda a poboación , as pescantinas deixaron de ir vender a súa mercadoría a praza de Vilagarcía e os mariñeiros non saíron ao mar. Neste mesmo día na primeira hora da mañanciña, tivo que intervir a Garda Civil por actos de coacción aos labregos en Vilaxoán. Nesta vila xa se instalaran o maior número de forza pública con 8 números da Garda Civil a cabalo ao mando dun sarxento, pois había murmurios de sabotaxes e resistencia pasiva e outras medidas de violencia. Como consecuencia destas pequenas liortas foron detidos Xosé Meléndez de 56 anos do Casal é unha muller de Vilaxoán coñecida por María “A Boleira”, a Garda Civil facía servizos de patrulla a pé e a cabalo pola estrada de Cambados ao mando do oficial Lorenzo Sanz Hernández. Os ánimos estaban moi alporizados na vila polo que tivo que presentarse o Tenente Coronel  Salvador Millán xunto co Capitán Sr. Yañez Salinas e o Tenente Francisco Padín, onde visitaron unha chea de puntos de saída de Faxilde, Renza e estrada de Cambados, para tratar que os labregos chegaran coas súas mercadorías a Vilagarcía. En canto a María “A Boleira” foi detida  e acusada ao tribunal pola Garda Civil de coaccionar a unha leiteira despois de guindarlle unha xerra de leite ao chan.
Os Gardas Civís foron aloxados na casa de Serafín Ameijeiras, que fora Alcalde do Concello de Vilaxoán, onde este Sr.  puxo á disposición da forza pública tanto a casa como en todo o que fixera falla. Eu sigo falando e escribindo (sempre en base a moitos documentos que teño históricos) sobre o Sr. Ameijeiras, que foi o cacique de Vilaxoán en todas as súa maneiras de comportarse, tanto como Alcalde e como cidadán corrupto negociando co sulfato de cobre subvencionado para os labregos. Sempre foi un dos máis acérrimos en vender o Concello de Vilaxoán ao de Vilagarcía por catro dinares, o digo con todas as consecuencias que me da a historia documental e as hemerotecas. Porén, a historia da anexión sempre se contou desde un punto de vista subxectivo e sen contar co pobo. Neste ano o Sr. Ameijeiras era concelleiro do Concello de Vilagarcía e “anfitrión” das forzas represoras contra o pobo.

O Tenente Coronel da Garda Civil Salvador Millán, ditou disposicións para garantirel orden y la libertad del trabajo, inclusive a medidas de represión violentas donde en algunos casos estaría justificadas”. Neste mesmo día a Garda Civil  detivo na estrada de Caldas a Juan Martínez coñecido polo “Portugués”, de 42 anos e veciño de Carril, Manuel Sairo Dios da Illa de Arousa veciño da mesma vila, por exercer cocción a vendedoras de leite.
Sobre o día 29 o conflito ía calmándose , xa que as negociacións ían tomando outro xeito; pero en Vilaxoán as cousas non ían tan ben, xa que volveu o Tenente Coronel ao saber dos murmurios de proxectos de sabotaxe  e violencia, tomou medidas para que a orde se mantivera con todo rigor.
O final da folga pódese dicir que foi o día 30 de xaneiro, en Vilagarcía e Vilaxoán comeza a facerse vida normal; a comisión de estibadores estiveron todo o día percorrendo as vilas avisando a todos os que con eles fixeron causa común, que o conflito estaba rematado. En Vilaxoán saíron ao mar os mariñeiros e as pescantinas foron para o mercado de Vilagarcía. Poren, as forzas da Garda Civil estarían unha semana máis concentradas en Vilaxoán.
Neste conflito houbo un episodio moi importante na Igrexa de Vilaxoán, onde os obreiros do porto estiveron dentro facendo xuntanzas, estando ao tanto o crego desta Vila D. Benigno Santos Pazos. O Xornal  “La Concordiade Vigo comentaba que a Garda Civil de cabalería entrou na devandita Igrexa ata o altar para desaloxar ás persoas que alí estaban agochadas, acusando ao crego de facilitar a entrada dos obreiros.
O día 30 de xaneiro o crego Benigno Santos Pazos, contesta nunha carta ao  director do xornal “Galicia Nueva”, desmentindo tódalas acusacións que se facían en certos xornais da provincia. A carta comeza co título: Reconstituyendo la verdad”, comentando entre outras cousas: “......totalmete ajeno a cuestiones políticas de las que no entiendo ni quiero, y a todo lo que no se relacione con mi ministerio y aficiones peculiares mías, vivo haciendo cuanto bien puedo, ni reparar a quien. No debe ser del agrado de alguien este mi proceder por cuanto existe en algunos, muy contados afortunadamente, una gran tendencia a restarme prestigios.........” ......mi plática del pasado domingo, fundada en el Santo Evangelio del día, en la que, lleno de los mejores deseos, les exhortaba a la paz y concordia dándoles la solución del conflicto más razonable justa y equitativa.....”.
Parte do artigo do crego Benigno Santos Pazos ao
xornal Galicia Nueva
Coido que o que comentaba o xornal La Concordia de Vigo, era o que realmente pasou, poren, o crego saíu a defenderse no xornal  Galicia Nueva con máis suavidade e ao mesmo tempo denunciando solapadamente a certas persoas (catro caciques) da parroquia coa tendencia a deixalo mal parado. Facendo unhas pescudas, atopei de Benigno Santos Pazos que era un poeta que publicaba os poemas en galego no xornal  Galicia Nueva e A Nosa Terra  co pseudónimo de Xaniño.
Poema do crego Benigno Santos Pazos en a Nosa Terra


Teo Cardalda F.



Ningún comentario:

Publicar un comentario