sábado, 23 de marzo de 2019

A SALGADURA EN VILAXOÁN, SÉCULO XVIII




A SALGADURA EN VILAXOÁN, SÉCULO XVIII

   Os mareantes da vila alternaban a recolleita da ostra coa pesca ao longo da primeira metade século XVIII, moitos deixaron a súa vida no Atlántico. Como o naufraxio acontecido en marzo de 1722 a unhas 15 millas da costa de Portugal. Neste naufraxio desapareceron para sempre os veciños de Vilaxoán: Nicolás Díaz, Manuel Fernández, Antonio Soutelo e Xoán Lourenzo, este é un exemplo dos moitos que houbo ao percorrer dos anos deste s. XVIII.
   Na metade deste século, concretamente nos anos 1750-1755, foi cando en Vilaxoán vaise a nota-lo pulo da industria da salgadura coa chegada dos primeiros cataláns, que eran expertos nesta importante industria do peixe salgado. Ao chegar o ano 1778, Vilaxoán era o porto máis importante da Ría de Arousa pola cantidade de fábricas que estableceron nesta vila.
Carta de A Ría de Arousa de Pedro Teixeira (Lisboa)
1634
    Na década de 1750-60, os portos comprendidos na antiga provincia marítima de Pontevedra, entre eles o de Vilaxoán, zarpaban máis de cen barcos anualmente en leva-la sardiña a Portugal. Estes barcos chamados os Vascotes ou de Revenir ían cargados de 700 a 800 milleiros de sardiña.
Bases de salgadura na Ría de Arousa, Vilaxoán aparece como base e porto de
distribución.
    Nos anos 1785-1790, o porto de Vilaxoán avantaxaba aos portos máis importantes de Galicia na exportación de sardiñas salgadas; ao remata-lo século había vinte fábricas de salgadura, froito do traballo dos nativos e do capital invertido daqueles cataláns que viñeron no ano 1755 como foron: Antonio Fábregas, Xosé Fontanals, Nicolás Ferrer, Tomás Martí, Francisco Sabriá e os irmáns Fidel e Xoán Curt. Estes foron os principais pioneiros da industrialización pesqueira deste porto de Sobrán. Avegáronse nas zonas do Preguntoiro, Pumariño, Tombo e Torás, moitos deles eran naturais das poboacións de Arens de Mar, Blanes, Calella, Cubellas, Canet de Mar e outras poboacións de Cataluña. Ao longo dos anos fóronse destacando como industriais importantes Fidel Curt e Tomás Martí.
  Fidel Curt o primeiro que fixo ao avegarse en Vilaxoán, foi comezar a explotar aos nativos axustando os prezos cos patróns das lanchas con actas de escribán, para que se lle dera toda a sardiña ao prezo de 5 reais o milleiro en agosto e setembro, e 10 reais o resto dos meses; no contrato tamén puña que a sardiña que pescaran non a poderían vender a outra persoa aínda que lles prometera máis diñeiro.
   Tomás Martí tiña a fábrica nun terreo á beira da súa casa, na rúa do Tombo ao carón do mar. Chegou a ser Martí o máis adiñeirado da Ría de Arousa nos finais anos deste século, tiña catro barcos de pesca e un bergantín; cando finou a primeiros do século XIX a herdanza que deixou, chegaba a dous millóns de reais e un importante patrimonio.
            Pero mentres os cataláns enriquecíanse abondo, non era así para os mariñeiros nativos de Vilaxoán e doutras poboacións da Ría de Arousa, estes case sempre vivían baixo os donos cataláns, servíanse deles para explotalos como precarios xornaleiros. Meijide Pardo nos seus escritos de pescuda di, que en 1795 dende Pontevedra o Administrador da Renda de Salinas de Galicia dá conta a Madrid de certas anomalías con respecto aos mariñeiros, entre outras cousas dicía: “la ganancia de estes mariñeiros a penas les llega para salir del día, pasando el resto del año en la indigencia y desnudez”.
A Traiña
     Os cataláns facían préstamos aos mariñeiros, hipotecando terras e casas para que mercaran barcos e aparellos, tendos deste xeito controlados economicamente. Os mariñeiros comezaron a chamarlle a estes cataláns, por unha banda fomentadores, e por outra explotadores.
A arribada destes emigrantes cataláns, en boa parte foron por homes oportunistas xa que con un pouco de diñeiro pretendían obter grandes beneficios no menos tempo posible, tanto a nivel persoal como formando empresas mercantís. Eran algunhas empresas de tempada, de pouca vida, xa que nestes casos a maioría delas non duraban máis que un ano, e logo volvían a constituírse ao seguinte ano co mesmo dono ou con outros socios.
   Nuns escritos de Xosé Cornide en :”Memoria sobre la pesca de sardina en las costas de Galicia. 1774”, comentaba: “ Vivía esta (Galicia) en el seno de la paz y de la abundancia; gozaba de los frutos de su costa y su suelo, sin la zazobra de perderlos en el futuro. Extrahíalos en naves propias a los países extranjeros y las retornaban cargadas de muchos géneros de preciso consumo y de gruesas sumas que aumentaban su moneda. Ignoraba las fatales consecuencias del lujo, porque no lo conocía. Y he aquí se presentan los industriosos catalanes, esos holandeses del mediodía, que vinculan su subsistencia en los productos de su industria; 
Fábrica de salgadura en Vilaxoán, 1932
esos hombres especuladores, cuyas operaciones dirige sólo el interés. Y derramándose en varias colonias de pescadores y traficantes por la costa, ocupan hasta la más pequeña ensenada; emprenden la ruína de la pesca, trastornan el comercio de sus naturales dejándolos en una sujeción precaria. Abusan de la sencillez de los incautos pescadores, empéñandolos en contratos que causan ruina y anticipándoles en vinos y aguardiente el valor de su futuro trabajo, vician sus costumbres y fomentan so ociosidad; porque no pudiendo el deudor disponer de su producto, le mira con tedio y le reputa por perdido.”
Outra prespectiva da mesma fábrica en Vilaxoán, 1932
   Xosé del Río Cossa autor dun arbitrio que remitira ao Ministerio de Mariña co título: “Contribución gravosa a la Pesca y Salazón”, dicía que deploraba a triste situación dos mariñeiros en Galicia convertidos en serviciais dos cataláns, rematando o escrito desta maneira: “se aprovechan del sudor de tanto rudo infeliz, es considerable la ganancia que reporta al negociador foráneo, el ramo de la sardina y demás pescados despues que salen de las manos de los infelices pescadores matriculados, no lucrándose estos en nada en comparación de aquellos, a quienes venden la pesca así que llega del mar, bajo el precio que les acomoda, y se ven precisados a cederles por el subyugo de ser sus artefactos”.
    En definitiva, os cataláns introduciron o sistema capitalista na produción pesqueira; tendo en conta que ata o intre en que chegaron estes “fomentadores” os mariñeiros de Vilaxoán como os demais pobos da Ría de Arousa e Galicia pescaban a sardiña dunha maneira artesanal ou tradicional coa arte chamada “xeito” dunha lonxitude de setenta metros de longo e dezaseis ou dezaoito de ancho cunha embarcación de nome “lancha xeiteira” ou dorna. Cando impuxeron os cataláns a “xávega” era unha arte que tiña entre os trescentos  e os seiscentos metros de longo, cunha embarcación moito meirande que a dorna xeiteira. Estes métodos capitalistas e enriquecemento rápido da pesca, trouxeron moitos problemas aos cataláns con enfrontamentos cos mariñeiros, problemática que espallo máis documentada en vindeiras páxinas.
Primeiros anos do século XX na fábrica de Zoilo Trigo
Vilaxoán

  Mentres duraba o tempo da colleita da sardiña, que é de xuño a setembro, case tódolos cataláns avegados en Vilaxoán vivían para este traballo, e nos outros meses negociaban exportando o produto traballado da sardiña. Cando a pesca era moi frouxa, facían negocio con outra modalidade de produtos: viño, licores, coiros, ferros, brea, xabón, liño, aceite, etc. No negocio do viño controlaban a exportación dende Vilaxoán, eran os típicos exportadores que lles interesaba este porto, por mor de que tiña Alfándega e Subdirección de Mariña, e viñan tamén a este porto a vende-la sardiña os barcos de Carril, Illa de Arousa, Vilanova e O Grove.
Publicidade da fábrica de Zoilo Trigo
    No negocio do viño, os cataláns traíano a bordo dos navíos na viaxe de volta de Levante, sendo un negocio máis de lucro mercantil. Non só negociaban cos viños de Cataluña e Andalucía, tamén das colleitas desta Bisbarra do Salnés, tanto estes viños como os de fóra os exportaban ás poboacións de Galicia, en especial a Ferrol polo seu consumo, ao ser base naval e asento dos arsenais da mariña.
Tiñan controlados tódolos medios de produción, exportación e importación, sendo a dependencia dos nosos antergos cada vez moito máis. O profesor economista Xosé M. Beiras Torrado, comenta  sobre este tema : “os cataláns nunca chegaron a afincarse aquí nin potenciaron o desenrolo doutras industrias auxiliares ou complementarias que a pesca e o comercio das conservas poderían impulsar, dado que estes insólitos inmigrantes ( Xosé M. Beiras os bautiza desta maneira), volven ao seu país en canto se enriquecen e de feito, mentres o fan, envían alí as súas ganancias”
   A partir do ano 1775, chegarían a este porto unhas cantas familias máis de Cataluña, como Francisco Batista, Xaime Bosch, Xoán Fábregas, Xoán Poch, e Francisco Prats. Un pouco máis tarde, concretamente nos anos 1788
Farramentas das fábricas
e 1795 chegaban outras familias: Antonio Bargués, Pedro Bori, Salvador Buhígas, Manuel Cardona, Antonio Carrero, Xaime Comas, Carlos de Haz, Pablo Jover, Xoán Murta, Pablo e Ramón Poch, Manuel Roquete, Xerardo e Venancio Tapias e Francisco Vila; a maioría deles rematando este século, tiñan as súas fábricas en Vilaxoán e tamén no Grove, nos pequenos portos, case todos eles eran veciños de Vilaxoán.
  Fidel Curt non só asentara as fábricas en Vilaxoán e o Grove, tamén as instalara na Pobra do Caramiñal, Santa Uxía de Ribeira e Corrubedo, era dono dunha flota de galeóns de nome: “El Buen Jesús”, “Animas” e os  Bergatíns “Manuel” e “Nuestra Señora de la Misericordia”.
    A maioría das familias nativas desta vila se poñen ao servizo dos cataláns na labor do proceso de industrialización, case toda a totalidade dos mariñeiros traballaban na pesca da sardiña para a salgadura. Na labor do prensado, eran as mulleres quen tiñan esta tarefa, algunhas destas mulleres non só eran do porto de Vilaxoán, tamén viñan das aldeas de Faxilde, Lagoa, Galáns, lugares desta freguesía de Sobrán. Polo xeral estas mulleres non estaban inscritas no gremio do mar (Matrícula del Mar), tiñan o costume de laborear no campo e fiar, e cando era a colleita da sardiña traballaban na salgadura.
Mulleres acarretando a sardiña no peirao de O Preguntoiro, 1925
    As opinións vertidas dos galegos sobre os cataláns eran de moitos cualificativos: Fomentadores, Operadores, Explotadores e Introdutores de Técnicas de Pesca. Sobre esta última definición, os mariñeiros galegos non estaban de acordo en usar  técnicas de pesca que implantaron os cataláns, tan en desacordo estaban, que ocasionou fortes e graves enfrontamentos ao implantar os cataláns a arte de pesca Xávega (esta arte de pesca era un dos recursos de lucro na Ría de Arousa), en 1770-80 o emprego desta arte, orixinou enfrontamentos entre os mariñeiros e cataláns, algúns destes enfrontamentos foron moi violentos. Os mariñeiros queixábanse de que non se empregaban cercos naturais e outras redes usadas antigamente, senón que coa Xávega a pesca era moi nociva, xa que estes aparellos recollen as crías da sardiña.
Contrato de carga desde Vilaxoán a Bilbao
1805
      Ante estes acontecementos xurdiron unha morea de motíns en moitas partes das costas de Galicia. Algúns exemplos que se saiba como o de Corcubión en 1757, onde os mariñeiros e a súas mulleres levantáronse contra os cataláns e as persoas que traballaban coa Xávega, rompéndoas. En Cee no mesmo ano, as mulleres da vila tocaron as campás para convocar ao pobo, ían armadas de paus, pedras e furcos, pedindo aos cataláns que pescaran co mesmo trato e termos que antano tiñan os veciños. Xente de Muros que  desembarcou en Portosín como si fora unha escuadra en batalla, prenderon lume a unha casa e fábrica de sardiña que alí tiña un catalán, logo queimaron outras casas e fábricas de Salvador Martorrel que tiña na mesma vila. Asaltaron e queimaron outras catro casas e fábricas no Porto do Esteiro, isto aconteceu no ano 1812.
Contrato de carga 

  Nas datas do reinado de Carlos IV, houbo uns anos no que se privou o emprego da Xávega, concretamente no ano 1807 por unha orde do Capitán Xeneral do Departamento de Ferrol, onde dicía que se prohibía o emprego da Xávega nos mares de Galicia, menos na Ría de Ferrol nos meses da colleita da sardiña. Contra esta orde protestan os cataláns Boch, Buhígas, Curt, Poch, Martí, Jover, Haz, Roquete e Tapias, todos eles veciños de Vilaxoán.
   Segundo os escritos de Meijide Pardo, as protestas dos cataláns expoñían ao Capitán Xeneral as súas razóns para o emprego da Xávega: “que en atención al hecho de haber contribuído con la mayor prontitud con cuantos impuestos dispuso la Corona para sus precisas y justas urgencias, Carlos IV les había concedido la franquicia, entre otras cosas, de emplear Jábegas y Xeitos para capturar la sardina y que pudiesen usar de las redes y clase de embarcaciones que más les acomode en todas las costas de Galicia”.
Contrato de carga de Vilaxoán a Alacante
  Un dos asinantes desta protesta fora Salvador Buhígas, Exercía de Procurador Síndico Xeral en Vilaxoán, representaba tódalas fábricas da Ría para formular calquera queixa ao goberno de Carlos IV.
   Salvador Buhígas Jenma estaba casado con Teresa Prat Pons, deste casamento naceron en Vilaxoán, Ulpiano e Salvador Buhígas Prat. Ulpiano dedicouse á explotación de ouro en Australia, ven para España e funda unha fábrica de mistos en Carril, emigra a Uruguai onde dedicase á industria da carne bovina, pescudando a maneira de conserva-la carne. O Concello de Hixiene Pública de Montevideo patenta o sistema Buhígas inventado por el, para a conservación da carne.
   A finais do século XVIII a demanda de peixe curado era importante dabondo, xa que as remesas que se fixeron por vía marítima foi preciso alugar navíos de bandeira estranxeira coa finalidade de poder prover da sardiña curada con regularidade.
  En 1800 o Sr. Martorell fai un contrato de carga co patrón da fragata de Dinamarca “Mariane”, atracada no porto de Vilaxoán, para transportar 350 pipas de sardiña salgada a Cartaxena e Barcelona. Curt e Mascato tamén axustan prezos de fretamento co capitán do navío danés “La Providencia”, para levar ao porto de Almería unha carga de 447 milleiros de sardiña.
O catalán Antonio Sabriá fai un prèstamo
hipotecario a un veciño de Vilaxoán.
18-08-1829
    Outros industriais cataláns de Vilaxoán, como Bosch, Jover, Poch e Riva, concertan un transporte en 1805 co capitán do bergantín sueco “Enigheten”, de 300 pipas de sardiña para Tarragona; neste mesmo ano Félix Jover fai contrato co capitán do navío sueco “Juana Beata” dende o porto de Vilaxoán ao porto de Almería, de 33 cascos contiñan 322 milleiros.
     Meijide Pardo comenta nos seus escritos: que os rexistros alfandegueiros sobre os anos de 1796 a 1806, din claramente ata que punto o porto de Vilaxoán era a “principalísima” base exportadora de toda a Ría de Arousa, onde máis do 80 por cento do volume anual de sardiña salgada e prensada foi expedida deste porto (sendo descoñecida a cantidade que foi remitida para o consumo interior de Galicia e Castela), o 20 por cento restante das remesas exportadas, foron dende os portos de Vilanova de Arousa, Santa Uxía de Ribeira, Carril, Vilagarcía, O Grove e Cambados. Nembargantes hai dúas xustificacións para que o porto de Vilaxoán fora tan destacado, a primeira era o feito da cantidade de fábricas que se atopaban instaladas nesta vila. A segunda, por mor de que o devandito porto tiña alfándega e Subdirección de Mariña, onde pagaban os dereitos de saída do peixe.
Pescantinas de Vilaxoán lavando o peixe no Cavadelo
     Nos estudios de pescuda de Meijide Pardo, recollo os destinos e cantidades de sardiña embarcada no porto de Vilaxoán dende os anos 1796 ata 1802 (as cantidades veñen recollidas en milleiros).
                                                                                 


1796
1797
Levante (a)....... 5.624
Levante (a) ..............4.300
Cádiz (a)............. 204
Levante/Livorno ......1.500
                          5.828
Asturias .......................150

Ferrol ............................46

                                  5.996

1798 (b)
1800 (b)
Levante (a) ........... 4.900
      Levante (a) ........3.670
Levante/Livorno ....3.260

                                8.160


1801 (b)
1802 (b)
Levante (a) ........5.300
Levante (a)......14.700
Bilbao ...................280
A Coruña .............300
                            5.580
Asturias ...............230

Cádiz ...................190

                         15.420

(a).- Tamén estaban incluídos os portos de Cataluña.
(b).- Por estar algunhas partidas en cascos, son estatísticas aproximadas.

    O volume total de embarque por este porto dende 1803 ao 1806, foi dun pulo moi importante, non só embarcábase para os devanditos portos, tamén despachouse sardiña para outros portos da xeografía española e de Portugal, sendo estes: Santander, Sevilla, Oporto, Canarias, etc. As remesas embarcábase para Vigo, A Coruña e Ferrol as máis delas eran para transbordar a outros barcos de maior porte, barcos que facían rutas ás nosas posesións de Indias ao través dos Correos Marítimos da Coroa, ou ben a bordo e navíos de compañías privadas.
Carta da Ría de Arousa, 1791
     Dende os anos 1803-06, as cantidades despachadas dende Vilaxoán, foron de 66.501 milleiros. Os meses do ano que máis se exportaba eran os de decembro, xaneiro e febreiro, un pouco menos os de setembro, outubro e novembro, polo mes de marzal era moi pouco o que se exportaba. Os restantes meses as cantidades eran de miudeza.
   Tamén exportábanse en poucas cantidades outras clases de peixes, como o polbo e o congro curado. Para os portos de Levante no ano 1796, exportábanse 400 quintais de congro, cantidade que fora aportada neste ano por Tomás Martí.
   Na metade deste século XVIII en Galicia houbo un mercado moi importante de bacallau, importado por navíos e negociantes estranxeiros. Entre outros portos de Galicia que importaron o bacallau, o porto de Vilaxoán algo tivo que ver nos anos 1734 e 1737, onde chegaron algúns navíos de bandeira de Inglaterra que viñan de Terranova a descargar bacallau para o consumo de Galicia.
       
 A DECADENCIA DA INDUSTRIA DA SALGADURA


   Comezou a decadencia desta industria a partir de 1815. A principal causa xurdiu da falla do producto imprescindible como era o sal. Non soamente afectou ás fábricas de Vilaxoán, senón a todas as que estaban situadas no entorno da Ría de Arousa e outros portos de Galicia. Porén, teño que suliñar que pola cantidade de fábricas, barcos, e persoal tanto do mar como de terra, a incidencia foi máis acusada no devandito porto.
    Os fomentadores cataláns recibían o sal das bases de Alacante, Cádiz e Setúbal. O fornecemento deste producto, entón era monopolio estatal, tiña unha maior intensidade cando chegaba o mes de agosto de cada ano, sendo xeralmente esa época polo inicio da pesca costeira da sardiña.
    A importación do sal chegaba a grandes cantidades na segunda metade do século XVIII, cando os cataláns acadan o máximo rendemento da producción. Os portos máis importantes de desembarco do sal eran Carril e Vilagarcia, co arribo dunha morea de barcos procedentes dos devanditos portos. Por exemplo entre xuño e decembro de 1805, soamente polo porto de Vilagarcia entraron once barcos estranxeiros cargados de sal, eran barcos daneses, suecos, xenoveses, rusos e portugueses.
   Mais non sempre púidose ter o nivel de regularidade deste producto que era a base fundamental e vital para as factorías catalanas. O problema foise extremando por un problema conxuntural e conflictivo daquela época; loitas con Francia, Inglaterra ou Portugal reinando Carlos IV, e despois a Guerra da Independencia. Todos estes problemas crearon moitos contratempos para fretar barcos, inclusive de bandeira neutral.
Dornas do Xeito
    Cando a escaseza do sal tiña a coincidencia cos meses de abundancia de sardiña, o problema facíase moi critica para os fomentadores e para os mariñeiros. En 1797 houbo unha  abondosa pesca nos meses de agosto a decembro e a falta de sal fixo que houbera peticións ao Goberno, solicitando o subministro preciso para poder soster as empresas da salgadura. Máis o Goberno non lle vía saída a este problema por canto lles comunicaba aos fomentadores o seguinte: “ la navegación portuguesa sigue interceptada por los corsarios franceses, sin que los capitanes extranjeros concurran con los cargamentos de sal pedidos”.
   En 1801, que foi outro ano de extrema penuria, ao non facer moito caso o Goberno aos fomentadores, estes trataron de axenciar o sal polos seus propios medios. Esgotadas as existencias nos alfolíes de Padrón, Vilagarcia e a Pobra do Caramiñal e vendo como a pesca  era abondosa, solicitan ao Intendente Xeneral de Galicia lles conceda especial licencia para mercar o sal en Portugal. O subministro do sal portugués considerouse sempre de vital importancia para soster a productividade das salgaduras galegas.
     O declive en Vilaxoán comezou no primeiro decenio  do século XIX, pechando algunhas fábricas e con elo a decadencia da salgadura. En 1790 poucas fábricas existían fora do pioneiro núcleo de Vilaxoán, sendo isto moito máis problemático que outras poboacións da Ría de Arousa. Tanto Fidel Curt e Bernardo Mascato dos primeiros que chegaron a Vilaxoán, comentaban aló polos anos 1817 do triste estado no que estaban as súas fábricas de sardiñas: “…… no usan de las mismas sino tres meses del año, por la escasez de sal, y para satisfacer el jornal de los operarios, han de suplir de sus casas algún dinero, para no verse obligados a tener que abandonar dichas fábricas y preservarlas de su ruina…..”
    Moitos fabricantes cataláns víronse en continuas obrigacións hipotecarias. Outros abandonaban as fábricas, sendo moito máis grave o problema para os mariñeiros nativos, non gañaban para mercar unha libra de pan e vivían empeñados case todo o ano.
Nunha escritura notarial de obrigación feita por unha morea de fomentadores ante o escríbano Pablo Jover, veciño de Vilaxoán dicía: ......los otorgantes expresaban cómo han padecido suma decadencia en sus capitales, con motivo de las pérdidas que han sufrido en el ramo o industria de la salazón y fomento de la pesca, a causa de la escasez y el crecido precio de la sal. Para eludir su completa ruina y la de una gran parte de personas, terrestres y marineras que se ocupan y se mantienen con los jornales que ganan en dicha industria, ha decidido representar a S. M. Se digne mandar que la sal para el fomento y salazón de la pesca se dé el goce de fábrica a los dichos otorgantes y demás de su clase, al. precio de dos reais fanega, según se ejecute para los extranjeros.....”
Elaborando o bacallao na fábrica de Vilaxoán 
nos anos 70 do século pasado
  Desta maneira comezou a decadencia da salgadura en Vilaxoán, Andando os anos comezaría a implantación da industria conserveira. Porén, con pasar dos anos aínda quedaba algunha industria fabril da salgadura en Galicia. Na actualidade en Vilaxoán aínda temos unha fábrica secadora e manufacturadora de bacallao moi importante. ou sexa, a transformación do bacallau importado en producto rematado que está destinado ao mercado. Esta compañía de bacallao S.L. COINBA, son os sucesores doutra de finais do século XIX que por aquel entón dedicábase á salgadura da sardiña.
T.C.F.



luns, 11 de marzo de 2019

REVISTA AVANTE DA AA.VV. VILAXOÁN






REVISTA AVANTE  DA AA.VV. VILAXOÁN

Esta revista foi editada en decembro de 2010, foi un compendio ou recopilación daquela revista  Avante fundada pola mesma asociación en setembro de 1995 que tiña unha tirada cada mes ata o ano 1998
Nesta revista resume, imos lembrar algúns artigos e notas dos anos 90 que quedaron para a historia do pobo, facendo fincapé das que cremos que foron as máis importantes desde o noso punto de vista.
Todo aquilo que acontece nun pobo, cidade, lugar ou vila sexa positivo ou negativo, sempre teñen causas que non son do momento, sempre veñen ligadas de seu dun pasado de acertos e erros.
Así mesmo todo quedou escrito para que os lectores de hoxe fagan unha valoración máis xusta daquela andaina que co tempo fixo historia.
A AA.VV. Vilaxoán naqueles tempos comezara presentando un proxecto ambicioso e de futuro ante a mala actividade dos poderes políticos. De principio presentouse unha iniciativa ao Concello e Xunta de Galicia para tratar de rexenerar a praia do Preguntoiro e As Saiñas. Acadar un Paseo Marítimo sostible, Infraestrusturas que despois de 24 anos pouco se plasmaron na realidade, non entanto, algo se acometeu no referente á praia do Preguntoiro acadando Bandeira Azul pero sen completar todo o seu perímetro no abastecemento de area. Na praia de As Saiñas nada se fixo e sobre o Paseo Marítimo quedou en augas de borralla.
Xente que pasou por esa asociación que deixaron o pelexo petando nas portas deses despachos de moqueta moi fermosos de Santiago, Pontevedra e Concello, falando cos políticos que prometían a luna, Sobre todo dándolles a entender que esas infraestruturas sempre sería un aliciente para o desenrolo da vila en todas a súas vertentes. Estiveron a traballar con ilusión para que Vilaxoán recuperara un anaquiño da súa identidade con proxectos sostibles. Ou sexa, un proxecto de futuro que aínda está por acadar.
Embaixo destas liñas tendes a revista para poder ollala, soamente ´premer en ela aumentala e pasar folla por folla. En pouco tempo intentarei poñer todas as revistas desde 1995 ata 1998 para recordo e ter algún referente do que foi aquerla loita de rivindicación social.

venres, 8 de marzo de 2019

CAPELA DE SANTA MARIÑA


       MONUMENTOS HISTÓRICOS DESAPARECIDOS

CAPELA DE SANTA MARIÑA


Estaba ao carón do lugar nomeado Riolois ao pé do monte coñecido como "Monte de Pedra Corbal" á beira de Lobeira, nun aberto, arrodeada de piñeiros e construída en pedra de perpiaño (cantería).
As obras comezaron no ano 1654 baixo o mando de D.Alonso DE Lanzós y Andrade primeiro Conde de Maceda. A continuidade foron polo seu fillo primoxénito D.Bernardino de Lanzós Novoa e Andrade, Cabaleiro da Orde de Santiago e segundo Conde de Maceda, nacido en Madrid o 23 de outubro de 1636,  falecido en Sobrán  o 01-VII- 1687, sendo as súas posesións o pazo de Sobrán e de Trabanca. Casara na freguesía de San Bartolomé de Pontevedra coa Sra. Baltasara  Montenegro e Soutomaior filla de Paio Sorrez de Montenegro e de Dna.María de Soutomaior, sendo esta a que herdara dos seus devanceiros o pazo de Sobrán e dominios.
Capela de Santa Mariña, principios do século XX
A construcción da Capela remátase no ano 1683. O escudo nobiliario estaba na fachada sobre a porta principal , representando as armas correspondentes aos apelidos do segundos Condes de Maceda D.Bernardino e súa dona Baltasara.
O historiador e investigador Fermín Bouza-Brey fixo unha visita ao lugar o 23 de setembro de 1924, onde comentaba de todo o que alí veu naquelas datas......." é unha capela grande como unha Igrexa rural dás boas, conserva a capela maior a súa bóveda de canón con arcos de molduras convexas........". E segue comentando: que o resto do teito estaba todo derruído, a imaxe de Santa Mariña que presidía o Retablo da Capela Maior atopábase naquelas datas (1924) na Igrexa de San Martiño de Sobrán.
No ábside e a un metro por debaixo do tellado, nun dos alicerces, podíase ler a lenda seguinte: ESTA CAPILLA MAIOR SEA CABO AVEINTIQUATRO, D NBRE AÑ D 1683 ESTRODELLA IVEDO INSUA.
Tiña unha fonte de pedra de dous canos, ao arredor dela, uns bancos de pedra semellante ao frontispicio da fonte de máis de dous metros e medio de altura que remataba nun frontón triangular, con dous pináculos aos lados e unha imaxe en pedra que F.Bouza-Brey viu esnaquizada dentro da Capela.
Celebrábase unha romaría cada 18 de xullo, era unha romaría moi coñecida na bisbarra do Salnés. Ata o ano 1995 aínda se conservaba parte da parede da casa rectoral, que foi derruída polas  escavadoras ao mercarse ese terreo. Isto foi un atentado ao patrimonio de Galicia, tendo unha grande responsabilidade o goberno municipal de Vilagarcía daquel entón desta desfeita. Tamén estaba a devandita fonte que nos anos 1995 aínda se podía beber daquela auga cristalina.
Algunhas imaxes aínda se conservan como a de San Antón Abade e Virxe do Carme e outras, que están en mans de veciños da zona, tamén se conserva nun bo estado o cáliz que se atopa na Igrexa de San Martiño de Sobrán
Lugar de Santa Mariña, foto 1999
Na praciña que se atopaba fronte a Capela houbo dous cruceiros, un dos cales tiña unha inscrición coa lenda de que foron postos alí como remate da obra en 1683.
En tempos do cardeal Martín Herrera (1835-1922), os veciños tentaron reconstruír a Capela, pero ao final desistiron pola cantidade de atrancos que lles puxeron por parte do organismo eclesiástico.
Canta mágoa e tristura ao pensar que por unhas e outras razóns, por unha falla de sensibilidade cara ao noso patrimonio artístico-cultural, se perdeu esta fermosa Capela de Santa Mariña. Esta perda patrimonial de Galicia foi unha máis das moitas que foron esnaquizadas por preguiza, ignorancia e descoñecemento dalgúns cregos, e polo consentimento das autoridades no seu tempo.

Outra Capela que desapareceu foi a de Galáns, era un pequeno santuario da Virxe dos Milagres que se atopaba nun monte chamado Outeiro.Esta capela tiña oito fermosas imaxes de talla que tamén desapareceron. Ata a primeira metade do século XX
Pedras da antiga Capela dos Milagres de Galáns. Foto 1999
facíase unha romaría moi importante onde viñan xente de moitos lugares, ao chega-la noite se facía un desfile de romeiros polas corredoiras soando os clásicos "alalás" e "aturuxos". Polo ano 1917 esta Capela pertencía en propiedade a Manuel R. Vidal de Galáns.
T.C.F.