martes, 18 de xuño de 2019

O PAZO DA RUANOVA



O PAZO DA RUANOVA
Parte sur do Pazo
A casa pazo da Ruanova fica na corredoira que, dende a igrexa de San Martiño de Sobran, leva a Faxilde e a Renza; dende este lugar vaise polo antigo Camiño Real até Aralde; ao carón desta aldea fica o lugar da Ruanova. Ao camiñar por estes lugares, síntese o pracer do vento do norte da Ría de Arousa que vén mesturado co recendo dos piñeiros e carballos dos montes de Eiviño e Renza. Percorrendo o Camiño Real, como escribiu Rosalía de castro, contémplase “un mar de ondulante verdura”, un manto de parras enchidas de uva albariña.
Parte norte e cruceiro diante do Pazo
 Ao chegar ao pazo, atoparemos un fermoso cruceiro con escadas onde antigamente as vendedoras de hortalizas pousaban a mercadoría para descansar e logo seguir o camiño ate o mercado de Vilaxoán que estaba diante do Pazo de Pardiñas.

Ao carón da Capela, dúas placas pétreas fixaban as lindes entre a freguesía de San Martiño de Sobrán e a de San Lourenzo de András. Unha reza así:
Jurisdicción de Villajuán, feligresía de Sobrán”.
Estatuas de Miguel Inclán e Rosa Malvido dentro do Pazo
Na outra placa:
Villanueva, feligresía de András”.
A Ruanova ten unha longa fachada fachada en todo o seu percorrido da corredoira de verdes ourelas que atravesa por diante da vivenda. Na metade da fachada, formando corpo co edificio, atópase a histórica capela cunha fornela enriba da entrada coa efixie de San Miguel e remata nunha sinxela espadana. Pola banda sur, sobresaen no lintel os escudos dos fundadores da fidalga casa. Esta capela inspirou a Ramón del Valle-Inclán algunhas escenas da súa obra de teatro Romance de lobos, pertencente á triloxía das Comedias Bárbaras.
Un portalón ameado na banda norte dá paso aos eidos, e na á nobre hai unha porta que antano estivo protexida por cadeas que na actualidade aínda ten as argolas para suxeitar os cabalos.
D. MIguel Inclán, retablo que se atopa
na Capela do Pazo
 A casa comezouse a edificar a principios do século XVIII sobre as ruínas dunha antiga fortaleza da época dos Reis Católicos. Debeu ser D. Antonio Inclán (o menor) o que comezou a construción e ao mesmo tempo reconstruíu a capela que levantara Don Andrés Malvido e a súa Dona Francisca Rico da Rúa, pais de Rosa Malvido, esposa de Don Miguel Inclán, matrimonio que rematou a fidalga construción. No eido da casa, atópanse sobre pedestais dúas estatuas de granito que sobresaen polas videiras, que representan a D. Miguel, con casaca, chapeu, polainas e unha espada sostida baixo o brazo dereito, e a Dona Rosa, cunha chaqueta curta con volantes, saia longa e un laúde pulsado pola man dereita e sostido pola man esquerda, man na actualidade desaparecida.
Torre do Colexial e Capela de San Miguel
As figuras están moi deterioradas e lembran os tempos idos de saudade producindo a sensación de que están a chorar polo desleixo da casa que levantaron con azos de se perpetuar. Quen sabe se o futuro que agarda ás pétreas figuras de Dona Rosa e Don Miguel non será outro que desaparecer por forza ou accidente.
Escudo do Pazo
Na parte norte érguese a Torre do Colexial, así se lle ven chamando desde que no século XVIII tomaraa en posesión o bibliotecario e Reitor do Colexio de San Clemente de Santiago de Compostela, Francisco del Valle-Inclán Santos. Non quero deixar de chamar a atención sobre a versión que  numerosos estudosos e investigadores da obra de Ramón del Valle-Inclán sobre a orixe do seu apelido. Se houbo unha Inclán e un Valle que casaron e xuntaron os apelidos na Igrexa de San Martiño de Sobrán (Vilaxoán), e se houbo, como está comprobado historicamente, unha persoa que se chamaba Francisco del Valle-Inclán, ¿a conta de que ven continuar afirmando que Ramón del Valle-Inclán non se apelidaba así?.(1)
Foto dos anos 60 de Miguel e Rosa
fundadores do Pazo
Na actualidade, o pazo está repartido entre varios donos e sofre un deterioro progresivo. Aínda que na banda norte e a Capela vaise arranxando por parte dos seus donos.



Video de 2009 do Pazo de Ruanova. Voz en of de Teo Cardalda Gestoso
dos poemas de Ramón del Valle-Inclán "Claves Líricas". Poemas cantados por o 
grupo Cómplices onde Teo lles puxo música.






D. Francisco del Valle-Inclán Santos
(1)-O día 1 de Abril de 1735, o crego Manuel Francisco Padín celebrou na Igrexa de San Martiño de Sobrán o matrimonio entre dous veciños: Pablo del Valle Peña e María Antonia Inclán Santos, natural de Currás, Concello de Vilanova de Arousa. Velaí a orixe do apelido Valle-Inclán.
Esta María Antonia, que nalgúns documentos aparece co apelido Santiso no canto de Santos, foi bautizada en 1708 na Igrexa de Santa María da Pobra do Caramiñal; era filla de Antonio Inclán Ocampo, “o Menor”, natural de Caleiro, Concello de Vilanova de Arousa, e de María Gómez Santos (ou Santiso), natural de Boiro.
El Catón Compostelano, primeiro xornal
de Galicia fundado o 01 de maio de 1800
 por Francisco del Valle-ïnclán
Dona María Antonia e Don Pablo tiveron varios fillos nacidos en Ruanova. Francisco del Valle-Inclán, o primoxénito, naceu en Faxilde (Vilaxoán), lugar de residencia dos seus pais, o 29 de Febreiro de 1736, e foi bautizado na Igrexa de San Martiño de Sobrán. Don Francisco foi quen de fundar a primeira Biblioteca Pública Universitaria e fundara o primeiro xornal de Galicia : “Catón Compostelano”.
Miguel naceu o 18 de Agosto de 1744 e foi soterrado na mesma freguesía o 17 de Febreiro de 1789 . José Antonio veu ao mundo o 12 de Xuño de 1749 mentres que Dominga foi nacida o 5 de Novembro de 1737, Josefa o 7 de Marzo de 1739 e Bárbara Micaela o 3 de Abril de 1747. Bárbara Micaela finou moi nova. Carecemos de dados sobre unha filla chamada Francisca porén non tivo descendencia, seica. Quen así a tivo foi Dominga, que casou en Sobrán con Juan Antonio de Rubianes Franco, natural de Carril, o 10 de Xuño de 1759.
Acta de defunción de F. del Valle-Inclán en Sobrán
Acta de nacemento de Francisco del Valle-Inclán en
San Martiño de Sobrán
Pablo del Valle finará o 17 de Outubro de 1763 e María Antonia Inclán en 1774, e ambos foron soterrados no camposanto de Sobrán.


Outros Valle-Inclán nacidos en San Martiño de Sobrán (Vilaxoán)

Nacemento de Isabel Antonia del Valle-Inclán
Josefa Juana del Valle-Inclán















Carlos Luís del Valle-Inclán, avó do grande escritor
D. Ramón del Valle-Inclán