PRINCIPIOS DA VILA
Vilaxoán
de Arousa atópase na marxe sur da Ría de Arousa na posición de latitude 42º 35`
4 N. e lonxitude 08º 47´ 3 W. Esta vila e porto é o núcleo de maior importancia
tanto en poboación coma en edificación da freguesía de San Martiño de Sobrán.
Toda a freguesía abrangue unha superficie de 5,9
![]() |
Carta náutica da Ría de Arousa de Tomás López (1784) |
Quilómetros
cadrados con 83 Hectáreas de monte e 3.787 habitantes do censo de 2010. Foi
concello de seu desde 1836 ata 1913 e desde entón pertence ao concello de
Vilagarcia de Arousa.
![]() |
Ampliación da mesma carta, onde se ollea a Vilaxoán e Sobrán |
Non
hai moita constancia de cándo comezou a ser habitado o lugar onde naceu a vila,
pero os estudios arqueolóxicos, o conxunto de costumes e crenzas que se
transmitiron de xeración en xeración e a toponimia, danos pé para xulgar que
debeu estar habitada dende tempos moi
antigos. Non é moi doado fixar con exactitude a época na que se formou un
núcleo de poboación con un nome definido, pero tomando como base as excavacións
que se fixeron a fins do século XIX e primeiros do XX, nas que apareceron
varios obxectos de pedra pulimentada e cobre pertencentes a razas aborixes,
pódese dicir sen dúbida que a vila debeu estar habitada nunha época cando menos
anterior á neolítica, e polo tanto, prehistórica.
![]() |
Insuiña e parte da badía do Tombo nos anos 60 |
Na obra Legado
Histórico de Fermín Bouza-Brey, de Marcelino Abuín, coméntanse os indicios
da presenza sueva á vista dos novos achados arqueolóxicos, segundo noticias
recollidas no xornal El Porvenir, de
Santiago de Compostela, no ano 1876.
Marcelino comenta no seu libro:
“No adro cemiterio da igrexa parroquial, a máis de dous
metros de profundidade... descubriuse casualmente ao abri-los cimentos para
construír unha capela unida ao hastial do norte, un antigo cemiterio”.
Sete
foron polo menos as sepulturas descubertas só na profunda gabia aberta, e,
ademais, indicios das moitas que existiron primitivamente naquel chan.
![]() |
anos 50 |
Varios foron os ladrillos
enteiros que se sacaron, uns de barro e outros de cal, e todos eran notabeis
polas súas dimensións. Habíaos cadrados de máis dun pé de lado e rectangulares
de dúas e media cuartas de longo e unha de largo e tres polgadas de groso.
Nalgunha
sepultura aparecen depositados varios cadáveres. Débese nota-lo tamaño dos osos
extraídos, así como o groso dos cranios, que nalgúns chegaba a catro liñas.
Nas necrópoles galegas das provincias de A
Coruña e Pontevedra, o uso dos sarcófagos remóntase aos primeiros tempos do
cristianismo; uns tiñan forma de cuba rectangular (Iria Flavia, Santiago, Santo Tirso de Oseiro etc.), outros tiñan formas
antropomórficas, en parte con ondulacións en forma circular ou case de
ferradura na cabeceira. (Vilaxoán desde o ar)
Tamén
apareceron achados de olería romana e moedas dos emperadores Constancio Cloro e
Constantino. Os topónimos que atopamos en toda a freguesía dános pé para dicir
que os iberos, celtas, fenicios, gregos e romanos, de primeiro, e os godos,
suevos, normandos e árabes despois, estiveron poboando este porto de Sobrán.
Manuel
Murguía en Galicia, sus monumentos y artes, su naturaleza e historia de 1888
, comenta que, ao saír de Vilagarcia en dirección a Cambados e a curto treito
do convento das agustinas (Concello de Vilaxoán naquelas datas), atopouse nun
terreo de enxurrada un moi grande depósito de cunchas entre as cales ollábanse
mesturados ósos de animais, compoñendo o todo dun verdadeiro kjoekkenmoedding, ou refugallosde cociña. Cubertos con unha capa de terra de seixos,
cando os obreiros comezaron a escava-la fendedura e reenche-la estrada,
apareceu o depósito, no que predominaban as cunchas de ostras, berberecho e
mexilón. A cada momento aparecían ósos que polas súas dimensións puideron ser
de grandes paquidermos extintos e tamén restroballos de cerámica e mosaicos
romanos.

( Mariñeiros da Vila á procura de peixe na Ría, anos 70)
Na Enciclopedia Universal Ilustrada, de
1920, fala da punta do Preguntoiro e un pouco máis aló da punta da Gorma é do
illote do mesmo nome, que era un punto preferido polos mariñeiros de Vilaxoán
para a pesca do congro ao palangre, comentando que, tendo este illote moi pouca
extensión debeu estar habitado en tempos remotos, e onde en 1915 afloraban na
súa superficie anacos de tégula romana.
O
eminente polígrafo vilagarcián D. Fermín Bouza-Brey, expuña nas súas teses que
os romanos escolleran o porto de Vilaxoán como un dos que arribaren de cando en
vez nas súas viaxes pola Ría de Arousa; na súa opinión, tódolos achados de
restos de ánforas procedían da limpeza dos barcos que se atopaban no porto.
T.C.F.
Ningún comentario:
Publicar un comentario