xoves, 10 de decembro de 2020

UNHA VOLTA NA INTRAHISTORIA DO "VAPOR" RÍA DE AROSA 2-ANOS 60

 

   Vou lembrar un anaco da intrahistoria de finais dos anos 50 e principios dos 60 que teñen un especial impacto no meu maxín de cando eu ía a escola “El Divino Maestro” preto do Casal; escola que rexentaba D. Pepe Martiñán e atopábase na casa do que fora o último alcalde de Vilaxoán Serafín Ameijeiras. O meu percorrido ía tanto polo Preguntoiro como pola Avenida de Vilanova (antiga estrada de Vilagarcía a Cambados), por días entraba sobre as 16 horas e outros ás 17, tempos onde ter un reloxo era un artigo de luxo, porén, sabía que o “vapor” de Ribeira sempre pasaba fronte a Vilaxoán entre o Illote do Con e a illa Malveira Grande eran as 16:30 horas, desta maneira controlaba o tempo.

Cando chegaba de Ribeira ou a Pobra a Vilagarcía pola mañanciña cedo, sempre estaba o autobús SABAS, agardando aos viaxeiros que querían ir a Vigo-Bouzas

   Este buque a motor (os máis vellos da vila lle chamaban o “Vapor”) era o RÍA DE AROSA Nº 2 que fora construído en madeira no Freixo en 1939, onde recollo do compañeiro Manuel Gago Pérez que fora inspector da Capitanía Marítima de Vilagarcía, todas as súa características.   O buque fora deseñado polo mestre carpinteiro de ribeira Francisco Monte Ferrín. As súas medidas eran: eslora 17,50, manga 4,58 e puntal 2,35. Montaba un motor alemán MAN de 8 cilindros de 200 C.V. Inscríbese o un de febreiro de 1941 en Ribeira co folio 32 da 4ª lista. Armadores Ramón Baltar Cardona e Agustín Sarasquete Hermo, ámbolos de Santa Uxía de Ribeira. Nese mesmo ano sufre unha inspección de facenda e o resultado queda establecido dun canon de 300 pts mensuais.         

(Á esquerda o Ría de Arosa Nº 2 no peirao de pasaxeiros VILAGARCÍA)

   Autorizábaselle o transporte de viaxeiros coas seguintes limitacións: en cámara de 1ª 16 persoas, de 2ª 56 e sobre cuberta e toldillas con bo tempo podería facer excursións pola Ría de Arousa ían 46 persoas.

    En decembro de 1943 e 1945 fai unhas reparacións en Marín do forro exterior de madeira de pino sen alterar a fasquía do buque. En 1954 troca o nome por RÍA DE AROSA SEGUNDO

    Conta Manuel Gago unha anécdota que lle contou unha persoa moi coñecida de Vilaxoán como é Ramoné que fixo a súa vida laboral de mecánico na fábrica de conservas Pita. Por veces o mandaban á fábrica do mesmo nome en Cabo de Cruz e en unha das ocasións, á altura da Illa da Bensa, cando o barco retornaba do mercado de Vilagarcía, atestado de xente, mercadorías e algún que outro animal, galiñas, porcos. Un destes porcos caeu ao mar pola borda, polo que entre os que o quixeron recuperar e os que acudiron a ollar e o balbordo que había, pasou que case todo o pasaxe se foi a unha banda e o barco comezou a escorar dunha maneira moi perigosa, Ramoné xa cría que o barco ía a poñerse a quilla ao sol, porén, houbo un pouco de sorte e o barco chegou a endereitarse e o susto quedou soamente nunha anécdota.











Ningún comentario:

Publicar un comentario