luns, 21 de outubro de 2019

PAZO DE PARDIÑAS E OS SEUS MORADORES




PAZO DE PARDIÑAS E OS SEUS MORADORES

O pazo de Pardiñas, tamén coñecido como Casa Torre dos Pardiñas Villardefrancos é de finais do século XVI. Este pazo serviu de morada, non como outras construccións pacegas que eran de morada e agropecuarios, fica ao carón do mar e no mesmo centro da vila. Está moi ben conservado, ten unha erguida torre, ousadas as súas gárgolas e grandeiros os balcóns. Na porta de arco de medio punto formado por doelas, da paso a un portal  cun salón interior cunhas escadas que nos leva á planta nobre. Un forte balado pecha a parte posterior cun pequeno xardín, que antigamente limitaba co mar na badía do Tombo.
(1)-1900-Mercado ao pé do Pazo
Hai anos tiven a oportunidade de percorrer o seu interior e tiven a sensación de atoparme no século XVIII, entre as súas paredes mantense viva a historia.

O pazo seica foi construído por Xoán da Val e a súa dona María Pérez Leiro Romero, ambos vencellados a esta construcción desde o ano 1591. Ademais, fundaron tamén o convento de San Francisco de Cambados.
Parte este
O vencello do pazo coa familia Pardiñas comezou un século despois, ao casar Francisca Romero de Lis Bermúdez con Ignacio Pardiñas Villardefrancos. Dona Francisca herdara tódolos bens e dereitos dos seus pais, Plácido Romero de Lis e Xoana Bermúdez, descendentes do devandito Xoán Da Val.  Un fillo de Ignacio e Francisca, Francisco Antonio Pardiñas Ayala Villardefrancos, nado en Vilaxoán, fora reitor do Colexio de Fonseca a mediados do século XVIII.
Balado da parte norte onde se atopa o xardín interior
Tumba de o Marqués de Pardiñas Ramón Sanjurjo e de
a súa dona Sofía Neira no cemiterio de San Martiño de Sobrán (Vilaxoán)
Dos Pardiñas vencellados a Vilaxoán, temos a Ramón Pardiñas Ayala e Feixóo sobriño do devandito Reitor de Fonseca. (2)-D. Xosé Rafael Pardiñas Villardefrancos e Varela, capitán retirado cando a guerra da Independencia en 1808 e que tivo unha intensa actividade organizando as milicias defendendo  a Vilaxoán dos ataques dos franceses, causando varias baixas ao inimigo, finou D. Ramón en Santiago en 1825. Este casara con Ana María Taboada, sendo o seu fillo Ramón Pardiñas Villardefrancos e Taboada, Mestre de Campo e Deputado a Cortes e que tivo unha actuación nas contendas civís do século XIX; a súa irmán María da
(2)-José Rafael Pardiñas
Asunción Pardiñas foi quen herdou todo o patrimonio e dereitos do Pazo de Vilaxoán, incluído o pazo de Cereo Vello  . D. Ramón Agustín Sanjurjo Pardiñas Montenegro Marqués de Casa Pardiñas fillo da devandita María Asunción, avogado, deputado provincial a Cortes e senador, condecorado coa


Cruz de Isabel a católica, estaba casado Con Sofía Neira, tamén D. Ramón fora Alcalde de Santiago, contan as crónicas de 1890  que fora un dos mellores alcaldes que pasaron por Santiago, finou o 12 de xaneiro de 1917 no pazo e soterrárono no camposanto de Sobrán.
Porta da entrada principal de arco de medio punto formado por doelas
Da familia dos Pardiñas están soterrados no cemiterio de Vilaxoán o devandito D. Ramón Agustín, o segundo Marqués D. Ramón Sanjurjo Neira, a terceira marquesa Dona Ramona Sanjurjo Neira e mailo seu esposo o Xeneral D. Miguel De Castro Arizcun.
Escudo
A finais do século XIX o tratamento de marqués de casa Pardiñas ostentouno Joaquín Arias Sanjurjo título ao que renunciou; e que estaba emparentado cos Pardiñas de Vilaxoán pola liña da última Marquesa Ramona Sanjurjo, Joaquín nacera en Santiago en 1860 e finou na mesma cidade en 1946, estudiou Dereito en Compostela. A finais do século XIX foise para Monforte a desempeñar gratuitamente a profesión de avogado, alí exerce unha influencia cultural e social. Esta inquietude cultural e a súa independencia política e vinculación ao rexionalismo, levouno a aceptar o pacto de ” Solidaridad Gallega”, movemento ao que se suma dende o primeiro intre. Convocou a Iª Asamblea Agraria de Monforte onde asinou moitas das súas conclusións, Foi Deputado Provincial, creou o “Centro Rexionalista Agrario”. En 1913 escribiu un duro e forte “Manifesto” contra as deputacións provinciais. En 1915 aparece entre os colaboradores da revista “España” de Madrid dunha orientación máis ben melquiadista, pero Joaquín mantén a súa posición política de republicano, agrarista e rexionalista.  Foi moi coñecido o seu ataque  á ORGA
Estatuas do xardín interior
e a Casares Quiroga. Publicou unha morea de estudios sobre temas moi diversos entre os cales o “Estatuto de Galicia” de 1932, sobre o “ Problema Ferroviario de Galicia”1935, “ El Problema Social de Nuestro Tiempo” de 1933. Coido que  non é nada alleo ante a súa vida social e política que, o título de  Marqués nada tiña que ver co seu republicanismo, e  durante a súa vida fixo esquecer tal tratamento.

Os escudos de armas aparecen as faixas escaqueadas dos Soutomaior, o año e bolo dos Bolaño, os roeles dos Castro e as pombas dos Seixas.
Fronte ao pazo atópase un xardín cunha flora importante, antigamente este xardín estaba lindando coa casa pola parte sur. No ano de 1900 o Marqués de Pardiñas abriu un paso entre o Pazo e o xardín para que a xente do pobo puidera pasar. 
Porta de entrada ao xardín e ao interior do Pazo


Neste mesmo ano o Alcalde de Vilaxoán Juan Ouviña, acordara establecer na vila un mercado  que se celebraría o sábado de cada semana. O 6 de abril deste mesmo ano inaugurouse no mesmo lugar ao carón do xardín e fronte ao Pazo. O Alcalde anunciara que este mercado sería libre de impostos e adxudicaría premios aos mellores espazos que se presentaren. (01-Foto)
Na actualidade o Pazo pertence a familia Rodríguez Alarcón  e atópase nun bo estado de conservación.

T.C.F.




venres, 4 de outubro de 2019

TVG RIBEIRAS DE SALITRE Vilaxoán, as ondas do mar de traballo


TVG

RIBEIRAS DE SALITRE

VILAXOÁN DE AROUSA, ONDAS DO MAR DE TRABALLO





Hai uns meses Xosé H. Rivadulla Corcón, guionista, escritor e presentador galego, convidoume a estar con el nun programa para Vilaxoán. O día 29 de setembro de 2019, foi emitido pola TVG onde teño o pracer de presentar o video neste Blog.
Rivadulla, fixo unha fermosa exposición falando coas persoas que gardan e gardaron moita relación co mar á beira dese mesmo mar de Arousa como é Vilaxoán.
Alí atopouse a Rita Lucio mariscadora cunha conversa moi interesante na mesma praia onde traballa. Logo foise para a Praza de Abastos de Vilagarcía onde falou tomando un café con Carmen Tarrío, peixeira de Vilaxoán. Logo ao que este escribe, colleume por banda para ir xantar e falar a As Eiras onde tomamos un bo viño ribeiro e unhas ameixas á mariñeira preparadas por Xefa Torres.
Os xóvenes músicos da vila Uxía Vázquez con zanfona e Álvaro Cardalda co acordeón deleitáronnos coa música do noso mar arousán coa "Foliada de Vilaxoán. No INTECMAR, Rivadulla internouse no científico falando coa directora do centro Covadonga Salgado. Do pasado da conserva e decadencia actual, falaron con Purita Bemposta e Carmiña Couso. Non podía faltar o sair ao mar no barco de José Rañó.


T.C.F.