sábado, 2 de maio de 2020

O HISTÓRICO VENCELLO DOS APELIDOS VALLE-INCLÁN NA XURISDICCIÓN DE SAN MARTIÑO DE SOBRÁN (VILAXOÁN)



O HISTÓRICO VENCELLO DOS APELIDOS VALLE-INCLÁN NA XURISDICCIÓN DE SAN MARTIÑO DE SOBRÁN (VILAXOÁN)


Polos días da primeira metade do século XVIII (1732-33) chegaba ao porto de Vilaxoán procedente de Cádiz un persoeiro de nome Pablo del Valle Peña; persoa que acadou o vencello dos apelidos Valle e Inclán. No percorrer dos anos este apelido sería de moita sona co seu fillo Francisco del Valle-Inclán nacido en Vilaxoán e anos máis tarde o de Ramón del Valle-Inclán xenial escritor universal nacido en Vilanova de Arousa.
Francisco del Valle-Inclán Santos, nacido en Vilaxoán
Pablo del Valle Peña nacera o 25 de xaneiro de 1705 en Santa María de Bares, bautizado ao día seguinte na igrexa da citada freguesía. Era fillo de Andrés del Valle Rodríguez e de María Antonia de la Peña, todos eles veciños de Bares. Todos os devanceiros de Pablo del Valle pola liña paterna eran nativos dunha casa do seu apelido Valle que atopábase preto de Asturias e Euskadi; afincándose ao logo dos anos na casa chamada de Castro de Santa María de Bares, pertencente ao bispado de Mondoñedo. Pablo del Valle tivo uns antepasados fidalgos: Andrés e Gaspar del Valle Torre. Estes dous irmáns gañaron en Valladolid en novembro de 1556 a carta executoria de fidalguía.
Pablo del Valle na súa mocidade emprendera viaxe de Bares a Cádiz, nesta capital gaditana estivo estudando ao carón do seu tío Frai Tomás del Valle prior dos Dominicos desa mesma cidade e logo Bispo desa mesma diocese
Acta de bautismo de Pablo del Valle na Igrexa de Santa María de Bares
A finalidade que levou a Pablo del Valle a viaxar e residir en Vilaxoán é descoñecida polo autor deste traballo neste Blog. Porén, quizais sexa moi arriscado pode dicir que a motivación que o levou a afincarse neste porto, foran os negocios de exportación de ostra e importación de bacallau. Se fago este análise é con moitos reparos, tampouco pode ser rexeitada esta hipótese, por mor da cantidade de mercadores alleos que negociaban en Vilaxoán e outros portos da Ria de Arousa; poida ser que estivera relacionado con operacións mercantís desta natureza, xa que por estas datas (1734-35) o porto de Vilaxoán (e outros portos da Ria de Arousa) era un porto de comercio marítimo como porto de exportación de ostra escabechada e de peixe seco, Vilaxoán non só era base deste comercio de exportación, tamén unha importante base de recolleita de ostra.
Acta de Matrimonio de Pablo del Valle e Antonia Inclán na Igrexa de
San Martiño de Sobrán (Vilaxoán)
Coido que tamén puido estar Pablo de Valle relacionado coa importación de bacallau, por mor de que neses anos arribaron nesta vila barcos ingleses con bacallau de Terranova. Quizais houbera outras motivacións as que trouxeron a este porto, porén, non se pode descartar as anteriormente expostas.
Acta de bautismo  de Carlos Luís del Valle-Inclán en San Martiño
de Sobrán (Vilaxoán). Avó de Ramón del Valle-Inclán Peña o grande
escritor universal
Na data do primeiro de abril de 1735, a Igrexa de San Mariño de Sobrán, foi a testemuña silandeira deste vencello dos VALLE-INCLÁN ao contraer casamento Pablo del Valle de la Peña con María Antonia Inclán Santos, apelidos que ao longo dos anos sería universal. O casamento fora oficiado polo crego Manuel Francisco Padín. Pablo na data do seu casamento, ficaba no lugar de Faxilde preto dun quilómetro do porto. María Antonia Inclán foi bautizada en Santa María Ocampo da Pobra do Caramiñal no ano 1708; filla de Antonio Inclán (o menor) natural de Caleiro (Vilanova) e de María Gómez Santos natural de Boiro e veciños da Xurisdición de San Martiño de Sobrán, concretamente de a Ruanova.
Casa Pazo de Ruanova
O matrimonio tivo varios fillos nacidos nesta freguesía , o primoxénito foi Francisco del Valle-Inclán Santos, fundador da primeira Biblioteca Pública de Santiago de Compostela e de o primeiro xornal de Galicia “El Catón Compostelano”.Outros fillos nacidos en Vilaxoán: Miguel del Valle-Inclán-(1)- nado o 18 de agosto de 1744 e soterrado no camposanto de Sobrán o 17 de febreiro de 1789: José Antonio-(2)- que veu ao mundo o 12 de xuño de 1749; Dominga nacida o 5 de febreiro de 1737; Josefa Francisca (?) e Bárbara Micaela, desta muller seica que finou moi nova, de Josefa Francisca non teño novas sobre unha posible descendencia, non así de Dominga, que casou o 10 de xuño de 1759 na Igrexa de San Martiño de Sobrán con Juan Antonio de Rubianes Franco, natural de Carril.
(2)-JoséAntonio del Valle-Inclán Santos, casara con Juana Malvido que herdara o morgado da Casa de Ruanova, entre outros fillos, tivo a Carlos Luís del Valle-Inclán Malvido que naceu na Casa de Ruanova e bautizado na Igrexa de San Martiño de Sobrán o día 2 de novembro de 1791, sendo polo tanto pola vía paterna, tanto José Antonio como Carlos Luís bisavó e avó respectivamente do xenial escritor universal D. Ramón del Valle-Inclán Peña nacido en Vilanova de Arousa. Ver máis.........
Coido que queda abondo demostrado que todos os antergos de D. Ramón del Valle-Inclán veñen de Vilaxoán, freguesía de San Martiño de Sobrán.
Teo Cardalda F.



Ningún comentario:

Publicar un comentario