luns, 1 de xullo de 2019

SÉCULO XX EN VILAXOÁN 1900-1901 ANOS MOI REVOLTOS




SÉCULO XX EN VILAXOÁN
    1900-1901 ANOS MOI REVOLTOS CON SUCESOS MOI GRAVISIMOS
    QUE ACONTECERON NA VILA

    Preguntoiro desde a casa de os Moreno Tilve,primeiros 
    do século XX
    A comezos do século XX , concretamente en 1900, Vilaxoán era cabeza do Concello de 3.285 habitantes, onde a maioría deles dedicábanse a pesca da sardiña, coas súas correspondentes fábricas de salgadura. Nas zonas e lugares da Freguesía de San Martiño de Sobrán como: Faxilde, Renza, Piñeiro, Mazeira, Galáns, Eiviño, Santa Mariña moita xente alternaban o traballo no agro e cría de animais coa pesca cando era o tempo da sardiña. Na outra freguesía de San Salvador de Sobradelo que tamén pertecía ao Concello de Vilaxoán os seus habitantes traballaban no agro, a salga e na pesca.
    Rambla de Badía do Tombo
    O Alcalde era Juan Oubiña, Secretario Eduardo Pajares, Contador Francisco Santos Crespo. No xulgado estaba ao cargo o xuíz Manuel Ameijeiras o fiscal Salvador Galván e Secretario Fernando Bayón; rexía a freguesía de San Martiño de Sobrán o crego Vitoriano Bandín. Neste ano aínda Vilaxoán tiña consulado de Uruguai ao cargo de Silverio Jover Poch como Vicecónsul.
    Non podía faltar no pobo unha das bases máis importantes para a poboación como é a labor sanitaria que facía os médicos Manuel Rovira Carrero e Valentín Viqueira.
    Como todo Concello máis ou menos organizado, a grande maioría produtiva do pobo viña da pesca dos mariñeiros xeiteiros e traballadores/as das fábricas de salgadura rexentadas por Manuel Costas, José Martínez Abad, Manuel Martínez, Somoza y Compañía, Andrés Rodríguez e José Trigo.
    No ensino e educación pública estaba ao cargo dos mestres Carmen Oliván e Juan Piñeiro. Como toda sociedade organizada a primeiros deste século XX,Vilaxoán tamén tiña o seu bufete de avogado co despacho na praza que hoxe chámase Rafael Pazos que atendía o letrado Juan Oubiña que tamén era o alcalde da vila.
    Non podía faltar obreiros de todas as profesións que moitos gardaban relación directa ou indirecta co mar, como podía ser os talleres dos carpinteiros de Joaquín Callón, Angel Galván e Román Loureiro. E do taller do ferreiro e cerralleiro Joaquín Piñeiro. Quen arranxaban os vidros das fiestras e portas era no taller de José Somoza que tamén era lanterneiro.
    Eran tres as tendas de comestibles que eran rexentadas por Josefa Berenguer Costa, José Galáns e Manuel Martínez. Non podían faltar as tendas de roupa, oficialmente había dúas, a de Manuela Álvarez e Francisco Villaronga. Por último non podo esquecerme dun dos oficios artesanais máis importantes como o de zapateiro xa que eran militantes tanto na súa profesión como nos movementos de protesta social, case sempre  tiveron un papel dominante nas actividades de calquera pobo; por iso temos leido e escoitado aquel proverbio de:“zapatero a tus zapatos”, onde indicaba esta tendencia dos zapateiros a expresar opinións que só debían de deixarse sobre estes asuntos aos políticos e persoas oficialmente ilustradas. Na vila existían dúas zapaterías dos señores: Francisco Martinez e Arturo Silva.


    Este ano de 1900 era o presaxio de alarma sobre a loita dos xeiteiros contra a traíña que tanto problemas tiveron a finais do século XVIII e principios do XIX, conflitos pola arte de pesca do arrastre introducido polos cataláns, denominado xávega. Esta alarma xa se viña avisando, que este conflito chegaría se non se poñía solución por parte do Goberno.
    Viñetas satíricas dos xornais de 1901
    En definitiva, os cataláns introduciron o sistema capitalista na produción pesqueira; tendo en conta que ata o intre en que chegaron estes “fomentadores” os mariñeiros de Vilaxoán como os demais pobos da Ría de Arousa e Galicia pescaban a sardiña dunha maneira artesanal ou tradicional coa arte chamada “xeito” dunha lonxitude de setenta metros de longo e dezaseis ou dezaoito de ancho cunha embarcación de nome “lancha xeiteira” ou dorna. Cando impuxeron os cataláns a “xávega” era unha arte que tiña entre os trescentos e os seiscentos metros de longo, cunha embarcación moito meirande que a dorna xeiteira. Estes métodos capitalistas e enriquecemento rápido da pesca, trouxeron moitos problemas aos cataláns con enfrontamentos cos mariñeiros, problemática que espallo máis documentada en vindeiras páxinas. A principios do século XIX, José del Río Cosas autor dun arbitrio que remitira ao Ministerio co título: “Contribución gravosa a la Pesca y Salazón”, dicía que deploraba a triste situación dos mariñeiros en Galicia convertidos en servizais dos cataláns, rematando o escrito desta maneira: “se aprovechan del sudor de tanto rudo infeliz, es considerable la ganancia que reporta al negociador foráneo, el ramo de la sardina y demás pescados despues que salen de las manos de los infelices pescadores matriculados, no lucrándose estos en nada en comparación de aquellos, a quienes venden la pesca así que llega del mar, bajo el precio que les acomoda, y se ven precisados a cederles por el subyugo de ser sus artefactos”.
    Tiveron que pasar case 80 anos cando a voz de alarma chegou no ano de 1897
    El Imparcial, Madrid-28-10-1897.
    onde nun escrito publicado este ano no xornal
    Eduardo Gasset Artime, fundador
    do xornal El Imparcial
    El Imparcial de Madrid o 28 de outubro por Eduardo Gasset Artime (fundador deste xornal) e deputado en cortes onde entre moitas cousas describe as razóns dos fabricantes de conserva coa traíña comentando:
    “... Seamos francos y menos egoístas y confesemos que con las traíñas se desa conseguir que tan solo tenga cuenta pescar a los ricos...”.

    Desde 1897 ata 1900 a situación foise agravando en Galicia e con máis intensidade na Ría de Arousa. As liortas comezaban a estenderse por todos os portos, enfrontamentos ao longo das rías baixas en especial todos os portos da Ría de Arousa. No centro de toda esta loita, de malleiras, pedradas, tiros, dinamita contra as traíñas e queimándoas, á armada con canoneiras no mar e en terra coa garda civil e os carabineiros tratan de manter ao orde.
    A chegar outubro de 1900, o conflito ía agravándose por mor de que fora desestimada a instancia que fora cursada ao Ministerio de Mariña por mariñeiros de Porto do Son, onde solicitaban que se prohibira a pesca coa traíña nas Rías Baixas, en especial a de Arousa, Muros, Pontevedra e Vigo.
    Traiña e xeiteiro
    O sr. Francisco Silvela Presidente do Consello de Ministros dispuxo, ademais, que sexan rechazadas todas as peticións en igual sentido.
    Ante todo isto, chegando o mes xullo os mariñeiros do xeito de todos os portos organizaron unha grande manifestación en Vilagarcía. ¿Cal foi o motivo de decidir por este porto ?. Pois pola forza que tiña os mariñeiros organizados en Vilaxoán e pensaban que esta era a poboación máis importante de Arousa con comunicacións moi doadas con outros municipios, o ser capital marítima da ría e ter unha clase burguesa e políticos e militares de influencia de abondo, o ter unha badía moi grande para poder recibir sen problemas a centos de barcos. Todos estes motivos foron esenciais para que esta manifestación tivera a maior repercusión mediática a nivel de todo o país.

    Segue en vindeiros capítulos...................................
















    Ningún comentario:

    Publicar un comentario