domingo, 12 de maio de 2019

A OSTRA NA RÍA DE AROUSA, VILAXOÁN, CARRIL E CAMBADOS


A OSTRA NA RÍA DE AROUSA, VILAXOÁN, CARRIL E CAMBADOS

Nos séculos XVI-XVII e primeiros anos do XVIII, os mariñeiros de Vilaxoán comezaron a obter rendibilidade da ostra coa exportación do produto escabechado e embarrilado cara Castela, a Madrid, a praza de maior consumo.
Nos anos de 1706-1710, no mercado madrileño unha libra de ostra custaba 200 marabedís mentres que no ano 1720 a cotización no mesmo mercado era sete reais de vellón.
A Comboa rico criadeiro de ostras a principios do s. XX.
(Concello de Vilaxoán)
En 1750 os arrieiros-(1) que levaban a mercadoría de peixe salgado e ostras a Madrid (parte da mercadoría era destinada para as mesas das Súas Maxestades), cobraban de 12 a 15 reais por legua percorrida.
As zonas máis produtivas comprendían desde a praia da Comboa até Punta de Corón, O Esteiro do Rial, O Castelete- preto do con o Corbeiro- e toda a praia da Comboa. Mais os mariñeiros de Vilaxoán tamén ían a apañar ostras a outros bancos fóra da vila, concretamente aos viveiros que se atopaban en Vilanova e a Illa de Arousa, o que non deixou de provocar distintas queixas dos

mariñeiros deses portos ao Arcebispo de Santiago de Compostela en tanto que señor da xurisdición:
veinte años ha que los vecinos de la Isla comenzaron a pescar y cazar pulpos, sardinas y ostras en las ostreras; que éstas hállanse casi más en tierra que en el mar; que los mareantes del vecino puerto de Villajuán, al igual que los de Villanueva, habían pretendido tambien pescar ostra en el citado paraje, lo que siempre se lo impedian”. Quizais xa comezaba o furtivismo na Ría de Arousa.
Un lote de ostras
En 1903 o doctor vilagarcán Roque Carús (2) afirmaba que, a cría da ostra de Vilaxoán e Carril podería competir, gracia ao seu exquisito gusto, coa producida en Franza, Tarento e o golfo de Edimburgo, si se instalaran parques ao estilo dos soados Arcachon, Marnnes e Ostende :“ utilizando, si fuere preciso los duros lechos de teja, tabla sin cepillar y haces de leño; evitando en lo posible el enterramiento de la ostra joven por el cieno y arena movediza, las acometidas de las estrella de mar, erizos, balanos, sérpulas y otros enemigos declarados; y, sobre todo, prohibiendo la venta de ostra menores del  diámetro de un duro, es  decir, de dos a  tres años,  y respentando la veda en los meses de verano”.

A ostra era un produto que xeraba considerable riqueza pero desde que se deixaron saquear viveiros enteiros, esa riqueza desapareceu, ocasionando a ruína de numerosas familias que vivían ou malvivían da súa pesca. Sobre a decadencia da pesca da ostra en Galicia, o economista e sociólogo Alfredo Brañas (3) ten escrito en 1889 na Revista Regional de Ciencias, Letras e Arte que: “el establecimiento de parques ostrícolas en buenas condiciones asegurarían a los habitantes de las riberas una vida holgada e independiente.


O Esteiro, anos 20, Vilaxoán

Triste es confesarlo; siendo las costas de Galicia fecundas en la producción de los más sabrosos moluscos, nunca se ha llegado, sin embargo, a explotarlos de una manera seria e inteligente. En Santa Marta de Ortigueira se hizo un criadero de ostras, que más tarde se entrego al más cruel y punible abandono. Los riquísimos y privilegiados viveros naturales de Carril, Villajuán, Cambados, etc., han desaparecido por completo”.
Aqueles criadeiros naturais antano moi produtivos foron entrando paseniño en  decadencia a partir do século XIX, concretamente en 1860 cando xa non daban ocupación aos pescadores que antes fornecían aos escabechadores e só as mulleres cos nenos ían apañalas na baixamar entre os cons e areais e algún que outro mariñeiro rastrexaba nos fondos das enseadas onde atopaban certas cantidades, case sempre miúdas. A finais do século XIX, pódese dicir que os tan ricos viveiros case desapareceron.
Ante a decadencia e esquilme dos viveiros naturais, a finais do citado século, nun intento de recuperar a súa antiga produtividade, o goberno de Alfonso XII autorizou a unha xeira de industriais o establecemento de parques ostreícolas. Unha Real Orde de 1885 concedeu permiso ao Marqués de Monasterio Alfonso Osorio de Moscoso Duque de Terranova (4), para instalar un viveiro en toda a praia da Comboa, no Concello de Vilaxoán ), a condición de que: “ la siembra exclusiva de ostras extranjeras con que ha de empezarse el parque sea, lo menos a razón de 50.000 por hectárea concedida”.
Na década de 1890 realizouse unha sementeira de 68.500 ostras pero foi traída de outros lugares de España e non, precisamente, da mellor calidade e por este motivo e por non ser o concesionario “una persona inteligente” dito intento non acadou os fins agardados, para rematar converténdose nun fracaso.
Mariscadoras recolledo ameixa no Esteiro
antigo criadeiro de ostras, ano 2005


(1)Estes arrieiros tamén chamados “Maragatos” pertencían á bisbarra da Maragatería moi preto de Astorga (León), levaban o peixe,ostras e outras mercadorías a Castela ao través da “Ruta Postal”, tamén chamada “Carrera de Galicia”, dende a Coruña esta ruta incluía as Postas seguintes: Betanzos, Portebelo, Outeiro de Rei, Hospital de Chamoso, Fontefría, Pedrafita do Cebreiro, Trabadelo, Cacabelos,  Molinaseca, Fuencenbandón, Astorga, La Bañeza, Benavente, Villacastín, Espinar, Guadarrama, Torrelodones, e as Rozas.

Arrieros maragatos en ruta, finais do s. XIX
Os arrieiros tamén levaban peixe fresco para Madrid, para transportar esta mercadoría, estes estaban ao mando dos “Maestros de Postas”. Estes transportistas tiñan a saída da Coruña para Madrid ao pé das 4 ou 9 do serán, invertendo no percorrido unhas tres xornadas da viaxe.
Estes correos a cabalo encargados de face-lo percorrido de Posta en Posta o peixe fresco, facían un total de 41 viaxes da Coruña a Madrid nos meses de decembro ata abril, chegando a facer un termo medio de nove viaxes no mes.
No Arquivo Xeral de Contas de Simancas. Marina,legados 4183 e 4187,carpeta 1751-54, aparecen algúns nomes destes arrieiros: Francisco Ares veciño de Val de San Lourenzo (Astorga); Tomás de la Puente veciño de Lucillo (Astorga) etc.
Roque Carús Falcón
(2)-Roque Carús Falcón,naceu en Vilagarcia en 1852, médico, doutor en ciencias físico-químicas e naturalista ilustre, dedicou os seus traballos ao estudio da fauna e a flora microscópica e análises biolóxicos mariños, todas a súas pescudas deixounas nun libro marabilloso moi apreciado no estranxeiro. As súas obras máis notables son: “Los secretos de la Naturaleza, flora y fauna de la ría de Arosa”. Finou no ano 1910.


Alfredo Brañas
(3)-Alfredo Brañas, xurista, avogado, economista, sociólogo e político rexionalista, naceu en Carballo o 11 de xaneiro de 1859 e finou en Santiago o 21 de febreiro de 1900. Entre moitos dos seus escritos, recollo o que fai referencia á decadencia da ostra en Galicia: “Memoria acerca de las pequeñas industrias que conviene establecer en la provincia de Pontevedra ( La Coruña, 1889 )”. Sobre 1892, redactou en Vilagarcia de Arousa “Las Bases Generales del Regionalismo”, que permaneceron inéditas ata 1983. Os seus restos atópanse preto da tumba de Rosalía de Castro.

(4)-Duque de Terranova, naceu en Madrid o 25-05-1858 e
finou en Vilagarcía o 24-11-1901










Ningún comentario:

Publicar un comentario