xoves, 18 de xuño de 2020

ULPIANO BUHÍGAS PRAT AVENTUREIRO E INVENTOR GALEGO NACIDO EN VILAXOÁN



ULPIANO BUHÍGAS PRAT

AVENTUREIRO E INVENTOR GALEGO NACIDO EN VILAXOÁN


      A mediados do século XVIII comezaron a vir a Vilaxoán aqueles cataláns aos que uns lle chamaban fomentadores e outros explotadores. Sobre o ano 1755 viñeron algunhas familias como eran: Antonio Fábregas, Xosé Fontanals, Nicolás Ferrer, Tomás Martí, Francisco Sabriá e os irmáns Fidel e Xoán Curt. Estes foron os principais pioneiros da industrialización pesqueira deste porto de Sobrán. Avegáronse nas zonas do Preguntoiro, Pumariño, Tombo e Torás, moitos deles eran naturais das poboacións de Arens de Mar, Blanes, Calella, Cubellas, Canet de Mar e outras poboacións de Cataluña. Ao longo dos anos fóronse destacando como industriais importantes Fidel Curt e Tomás Martí.
Ulpiano Buhígas Prat (Foto de 1879- Ilustración Gallega
Asturiana
   A partir do ano 1775, chegarían a este porto unhas cantas familias máis de Cataluña, como Francisco Batista, Xaime Bosch, Xoán Fábregas, Xoán Poch, e Francisco Prats. Un pouco máis tarde, concretamente nos anos 1788 e 1795 chegaban outras familias: Antonio Bargués, Pedro Bori, Salvador Buhígas, Manuel Cardona, Antonio Carrero, Xaime Comas, Carlos de Haz, Pablo Jover, Xoán Murta, Pablo e Ramón Poch, Manuel Roquete, Xerardo e Venancio Tapias e Francisco Vila; a maioría deles rematando este século, tiñan as súas fábricas en Vilaxoán no Grove e nos pequenos portos da Ría de Arousa, case todos eles eran veciños de Vilaxoán.
   Entre todos estes cataláns, un dos máis destacados era Salvador Buhigas Jaume afincado en Vilaxoán, onde ao pasar o tempo era nomeado Procurador Síndico Xeral, representaba a todas as fábricas de salgadura da Ría de Arousa, estaba capacitado para formular calquera queixa ao goberno de Carlos IV.
Vilaxoán a finais do século XIX, badía do Tombo
  Salvador Buhígas Jaume estaba casado con Teresa Prat Pons naturais de Calella provincia de Barcelona. Do matrimonio naceron e bautizados na Igrexa de San Martiño de Sobrán en Vilaxoán: Ulpiano Buhígas, Salvador e Isabel.
  Ulpiano Buhígas Prat naceu en Vilaxoán o 03 de maio de 1833, desde neno demostrou unha grande afección polas matemáticas, así como das linguas inglesa, francesa e italiana, de xoven e levado por ese xenio que tiña de “cu de mal asento”, ou sexa, era unha persoa de carácter inquedo e bulideiro, inconstante (tanto no persoal como no laboral) e incapaz de asentarse durante moito tempo en algún lugar ou facendo unha mesma actividade.
Preguntoiro, principios do século XX
  De moi mozo fixo unha viaxe á Habana, onde ficou un tempo ata que veuse na obriga a volver á Vilaxoán por mor de coller unha enfermidade . Curado da doenza, e polo seu carácter para o repouso, foise para Inglaterra. Chegou a Londres naquelas datas de verdadeiro furor por marchar a Australia, xa que tiña unha sona en ricas minas de ouro. Fervello por aventuras emprendeu    Ulpiano Buhígas unha viaxe a aquelas terras das antípodas, onde mercou en compañía de outros estranxeiros unha mina aurífera e dedicouse a súa explotación. Un desgraciado accidente que lle aconteceu visitando as escavacións feitas para atopar o vil e cobizable metal, ocasionoulle a fractura dun brazo que foi a causa de que decidise regresar a Galicia, vendendo a súa parte da mina a outros industriais, que por certo, atoparon ao pouco tempo de partir unha grande veta facendo unha grande fortuna os seus ex-socios.
  Volto a Vilaxoán, e unha vez mellorado abondo nos baños de Cuntis, o seu maxín comezou coa súa imaxinación a lembrar aquelas explotacións de Australia, tivo a idea de explotar as areas auríferas do río Miño. Fixo estudos e construíu en Carril a maquinaria e farramentas que foron necesarios para acometer os traballos, marchouse a Ourense e puxo en práctica o seu proxecto, ao ver que non compensaba a extracción e gastos de traballo (acadou algún ouro) tivo que abandonar esta empresa, volvendo a Carril ao carón do seu irmán Salvador, que xa era un coñecido comerciante da vila e máis tarde Alcalde.
  Unha vez en Carril, e non dando repouso ao seu maxín e actividade, formou un proxecto dunha fábrica de mistos montada cos aparellos máis modernos daquelas datas. Empresa que montou  en compañía do seu irmán fundada en 1861, dando traballo a case 120 traballadores onde a maior parte eran mulleres; fábrica que seguiu funcionando ata principios do século XX.
En 1867 volveu Ulpiano a abandonar o país, esta vez embarcouse para Arxentina. Ao pouco tempo presentara a concurso os planos dunha praza-mercado, que foron aprobados e premiados polo Goberno Municipal de Bos Aires.
Vilaxoán finais do século XIX.  Camiño antigo de Vilaxoán a Vilagarcía
 (hoxe estrada Vilagarcía Cambados). Foto cedida por J.Carlos Porto.
Pertencente ao Museo de Royal Navy de London. O pé de foto é orixinal
  Como antes comentaba que era de “cu de mal asento”, Ulpiano sempre pensaba que non era aínda a hora de sentar ese cu. Pouco despois emprende viaxe a Estados Unidos, onde ficou case dous anos, ao remate dese tempo embarca para Montevideo e nesta capital contraeu matrimonio.
Ficando en Montevideo, e con ese carácter industrial e activo votou case cinco anos estudando o medio de conservar a carne no seu mollo natural, entre ensaios e sacrificios custosos e os seus constantes estudos, acadou ver a luz o invento “sistema Buhígas” .
  Este descubrimento tivo unha importancia para a conservación da carne a nivel internacional. Era moi importante para as longas viaxes da navegación e por suposto para o comercio. Boa proba diso foi que os Gobernos de Uruguai, Arxentina, Brasil, Perú, Cuba e outros lle concederan ao Buhígas o privilexio como autor do invento. En Cuba iniciouse co buque español “Terita” que estaba destinado na Habana.
  Nos xornais da época, falaban de que este mesmo beneficio foi recoñecido polos países : EEUU, Francia e outros, xa que foron enviados moreas de barrís para que puideran valorar o sensacional da carne conservada polo sistema Buhígas.
El Eco de Santiago, maio de 1928
  O Consello de hixiene pública de Montevideo, emitira un informe positivo, onde declara que tratada a mostra de carne cos reactivos que a ciencia indicaba naquelas datas, manifestaron que non se manifestou a presencia de ningunha sustancia que puidera non ser apta para o consumo, polo tanto foi a preferida polo Goberno Uruguaio para o abastecemento do exército e das escuadras.
Case todos os xornais de América e Europa facían mención do invento que viña a encher unha necesidade, principalmente das grandes singraduras da navegación oceánica.
  Ao pasar uns anos, concretamente a principios do século XX, o método de conxelación frigorífica xa viña petando moi forte y co tempo foi substituído polo método Buhígas; porén, aínda seguiu moitos anos compaxinando coa conxelación, por mor que aínda este método estaba nos seus principios e nos buques non estaba implantado polas dificultades que tiña.
  Porén, quédanos o exemplo e capacidade de emprender e iniciar uns proxectos, unha persoa que afrontou uns novos retos do século XIX con enerxía dun home nacido en Vilaxoán de orixe catalán.
Despois dunha longa enfermidade, Ulpiano Buhígas Prat finou en Montevideo o 18 de maio de 1889  Como dicía Albert Einstein: “Non pretendas que as cousas cambien se sempre fas o mesmo”. Ulpiano Buhígas adiantouse á cita do grande físico, xamais fixo o mesmo na súa andaina pretendendo trocar as cousas e o acadou.

Teo Cardalda F,







Ningún comentario:

Publicar un comentario