MONUMENTOS HISTÓRICOS
DESAPARECIDOS
CAPELA DE SANTA MARIÑA
Estaba ao carón do lugar nomeado Riolois ao pé
do monte coñecido como "Monte de Pedra Corbal" á beira de Lobeira,
nun aberto, arrodeada de piñeiros e construída en pedra de perpiaño (cantería).
As obras comezaron no ano 1654 baixo o mando de
D.Alonso DE Lanzós y Andrade primeiro Conde de Maceda. A continuidade foron
polo seu fillo primoxénito D.Bernardino de Lanzós Novoa e Andrade, Cabaleiro da
Orde de Santiago e segundo Conde de Maceda, nacido en Madrid o 23 de outubro de
1636, falecido en Sobrán o 01-VII- 1687, sendo as súas posesións o
pazo de Sobrán e de Trabanca. Casara na freguesía de San Bartolomé de Pontevedra
coa Sra. Baltasara Montenegro e
Soutomaior filla de Paio Sorrez de Montenegro e de Dna.María de Soutomaior,
sendo esta a que herdara dos seus devanceiros o pazo de Sobrán e dominios.
Capela de Santa Mariña, principios do século XX |
A construcción da Capela remátase no ano 1683. O
escudo nobiliario estaba na fachada sobre a porta principal , representando as
armas correspondentes aos apelidos do segundos Condes de Maceda D.Bernardino e
súa dona Baltasara.
O historiador e investigador Fermín Bouza-Brey
fixo unha visita ao lugar o 23 de setembro de 1924, onde comentaba de todo o
que alí veu naquelas datas......." é
unha capela grande como unha Igrexa rural dás boas, conserva a capela maior a
súa bóveda de canón con arcos de molduras convexas........". E segue
comentando: que o resto do teito estaba todo derruído, a imaxe de Santa Mariña
que presidía o Retablo da Capela Maior atopábase naquelas datas (1924) na
Igrexa de San Martiño de Sobrán.
No ábside e a un metro por debaixo do tellado, nun dos alicerces,
podíase ler a lenda seguinte: ESTA CAPILLA MAIOR SEA CABO AVEINTIQUATRO, D
NBRE AÑ D 1683 ESTRODELLA IVEDO INSUA.
Tiña unha fonte de pedra de dous canos, ao
arredor dela, uns bancos de pedra semellante ao frontispicio da fonte de máis
de dous metros e medio de altura que remataba nun frontón triangular, con dous
pináculos aos lados e unha imaxe en pedra que F.Bouza-Brey viu esnaquizada
dentro da Capela.
Celebrábase unha romaría cada 18 de xullo, era
unha romaría moi coñecida na bisbarra do Salnés. Ata o ano 1995 aínda se
conservaba parte da parede da casa rectoral, que foi derruída polas escavadoras ao mercarse ese terreo. Isto foi
un atentado ao patrimonio de Galicia, tendo unha grande responsabilidade o goberno
municipal de Vilagarcía daquel entón desta desfeita. Tamén estaba a devandita
fonte que nos anos 1995 aínda se podía beber daquela auga cristalina.
Algunhas imaxes aínda se conservan como a de
San Antón Abade e Virxe do Carme e outras, que están en mans de veciños da
zona, tamén se conserva nun bo estado o cáliz que se atopa na Igrexa de San
Martiño de Sobrán
![]() |
Lugar de Santa Mariña, foto 1999 |
Na praciña que se atopaba fronte a Capela houbo
dous cruceiros, un dos cales tiña unha inscrición coa lenda de que foron postos
alí como remate da obra en 1683.
En tempos do cardeal Martín Herrera
(1835-1922), os veciños tentaron reconstruír a Capela, pero ao final desistiron
pola cantidade de atrancos que lles puxeron por parte do organismo
eclesiástico.
Canta mágoa e tristura ao pensar que por unhas e
outras razóns, por unha falla de sensibilidade cara ao noso patrimonio
artístico-cultural, se perdeu esta fermosa Capela de Santa Mariña. Esta perda
patrimonial de Galicia foi unha máis das moitas que foron esnaquizadas por
preguiza, ignorancia e descoñecemento dalgúns cregos, e polo consentimento das
autoridades no seu tempo.
Outra Capela que desapareceu foi a de Galáns,
era un pequeno santuario da Virxe dos Milagres que se atopaba nun monte chamado
Outeiro.Esta capela tiña oito fermosas imaxes de talla que tamén desapareceron.
Ata a primeira metade do século XX
facíase unha romaría moi importante onde
viñan xente de moitos lugares, ao chega-la noite se facía un desfile de
romeiros polas corredoiras soando os clásicos "alalás" e
"aturuxos". Polo ano 1917 esta Capela pertencía en propiedade a
Manuel R. Vidal de Galáns.
Pedras da antiga Capela dos Milagres de Galáns. Foto 1999 |
T.C.F.
Ningún comentario:
Publicar un comentario