Amosando publicacións coa etiqueta vilaxoán. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta vilaxoán. Amosar todas as publicacións

luns, 29 de xuño de 2020

MARTÍN SANTOS FERRÓN Futbolista Internacional



MARTÍN SANTOS FERRÓN
Futbolista Internacional

Teo Cardalda F.
Martín Santos Ferrón naceu na freguesía de Sobrán (Vilaxoán), na rúa Marqués de Pardiñas o 9 de marzo de 1899.
Martín Santos no Real Club Alfonso XIII
Martín deu as súas primeiras patadas, non precisamente a un balón de coiro, senón a pelotas feitas de trapo e cunchas de mariscos no interior. Martín cando era neno xa poñía coraxe e comezaba a despuntar coma un gran xogador e como xogaban no peirao de Vilaxoán, en moitas ocasións o balón remataba no mar.
Naquel entón en Galicia había catro equipos de fútbol: Real Club Alfonso XIII de Vilagarcía, o Real Vigo, o Atlético de Pontevedra e o Real Coruña e dos catro o que máis destacaba era o Real Vigo.  Martín Santos ficha con dezasete anos polo Alfonso XIII e terá como compañeiros a grandes xogadores como Xoán de Hoz, Leona ou Pepe Rei, entre outros.
En 1918 o presidente do club era Xosé Quintáns e o de honra Pedro Seoane e ese ano, concretamente o 6 de marzo, El-Rei Alfonso XIII concedíalle ao club o título de Real.
Crónica de Galicia Nueva de 1916
Debutou Santos o domingo 26 de maio de 1918 nun encontro co Vilagarcía S. C., que gañou o Alfonso XIII por dous a cero. A prensa comentaba o destacado papel de Santos a quen consideraban un gran defensa esquerdo. Os seus compañeiros de equipo neste encontro foron os seguintes Silva, de porteiro, Ramos, Pedrido, González, Blanco, Rei, García, Bravo, Da-Silva e Rubianes.
Velaí algún comentario aparecido na prensa:
Siempre elegante en la entrada, caballero en el juego y en su vida particular, noble con la nobleza que nace del dominio de si mismo supo imponerse de tal manera, que moi pronto fue el ídolo de los públicos, que le dieron el sobrenombre del Zaguero de la Elegancia”.
Foto de prensa cando estaba en Cuba
O 19 de agosto de 1919, o Real Alfonso XIII enfrontouse o Real Stadium de Oviedo, empatando a un gol, cos seguintes xogadores : Bernardo Silva, Martín Santos, Pepe Rei, Serxio González, Xosé Baladía, Manuel Vega, Federico Bouza, Teodoro Rei, Anxo Silva, Vicente Carregal e Roque Rei. Mentres permaneceu no equipo de Vilagarcía tería como compañeiros a Ramón Bravo,Francisco Tobio, Xosé Troncoso, Domingo Dasilva, Anxo Mariño, Faustino Vázquez e Xoán de Haz.
Mais despois de xogar varios anos na formación do Alfonso XIII, M. Santos tivo que coller o uniforme e facer o servizo militar obrigatorio en África, e cando volveu coa licencia na man a Vilaxoán, tivo ofertas de varios equipos pero deuse a casualidade de que chegou unha comisión de directivos do Club Hispanoamerica de Cuba, que amosaron interese en facerlle unha proba, e, unha vez rematada, deseguido quixérono contratar. Así foi, o contrato incluía viaxes pagadas entre Cuba e España e 160 dólares ao mes.
Equipo da selección cubana cando xogou
contra o Español de Barcelona

Na illa caribeña decontado comezou a xogar no Hispanoamerica ao carón de grandes xogadores como Cosme, Gonzalito e Conrado e o pouco tempo foi seleccionado para o equipo nacional cubano.
Unha crónica no xornal El Heraldo comentaba de M. Santos ao fío do papel desenvolvido durante un partido disputado contra o Fortuna Sport Club:
Crónica de diario De la Marina, onde fala sobre Martín Santos
que fora un dos mellores xogadores da Selección. Na primeira
plana aparece a foto do lexendario porteiro Ricardo Zamora
El as entre los ases del balompié, M. Santos es un verdadero maestro del fútbol, una estrella que ilumina con luz propia nuestro firmamento balompédico, un diamante pulido, jugador maestro que sin emplear esas acometidas brutales que hacen pensar al espectador que algo grave ha de ocurrir, ora avanta la cabeza, la hace describir un círculo en el aire y despide de sus dominios el balón, es valiente y decidido, esos saltos que él dá para rechazar de cabeza el balón, saltos que no fallan, pues siempre se le vé sobresalir de los demás con seguridad inigualable. El Heraldo de Cuba se honra publicando en sus planas la fotografía de este estupendo jugador, que en el corto tiempo que lleva en Cuba, cuenta con una grande legión de simpatizantes producto esto, de su juego vistoso e efectivo y de su caballerosidad, tanto en el campo de juego y fuera de él, jugadores como este dan prestigio al fútbol”.
Nun partido no estadio de La Habana. Santos sempre xogaba
cun pano arredor da cabeza, os saltos que pegaba eran
impresionantes
Este importante xornal da Habana, despois de eloxiar a M.Santos tanto deportivamente como humanamente, remata cunhas verbas dirixidas ao seu pobo natal co máis agarimoso saúdo e felicitacións.
Durante un partido celebrado entre o Equipo Nacional Cubano e o Español de Barcelona, no que xogaba Ricardo Zamora, unha multitude de xente coreou o nome de M. Santos no Stadium da Habana, xa que fora o heroe daquel tan disputado encontro e mesmo os xornais afirmaron que fora o cerebro do equipo.
Entrenador da Selección Cubana nos xogos deportivos
centro-americanos
Foto dedicada a Martín Santos
en Cuba de Jesús Rodríguez Bouzas
O Español de Barcelona arribara a Habana o sábado 18 de setembro de 1926, e xogou ao día seguinte ás 17 horas. A selección cubana estaba formada por grandes xogadores internacionais como Amador, Bobranzas, M.Santos, Belmonte, Edelmiro, Arenas, Calceran, Villar, Candasu, Avelino e Torres.
O Español xogaba con Ricardo Zamora, Saprira, Portas, Trabal, Esparza, Caricedo, Olarriaga, Ventrolá, Oramas, Padrón e Yurrita.
Tras un partido amigable que disputou a selección de Cuba contra a de Uruguai, que viña de gañar os Xogos Olímpicos de Amsterdam en 1928, ofrecéronlle xogar no Nova Iorque mais non aceptou, pois dicía que en Cuba atopábase moi ledo.
Título de adestrador para entrenar o Castilla
Durante un partido entre a selección cubana e a mexicana, o estremo dereito desta última partiulle a perna dereita. Unha lesión tan grave tiña que apartarlle dos terreos de xogo, como así aconteceu. Converteuse en adestrador do Deportivo Centro Galego da Habana, e máis tarde a Federación Cubana de Fútbol nomeouno seleccionador-adestrador, gañando as Olimpíadas de Centroamérica.
Entrenador do filial do Real Madrid o Castilla
Tras nove anos de permanencia en Cuba, retorna a Galicia para ocupar o posto de adestrador do “Club Vilagarcía” e tamén do equipo feminino de hóckey. En 1940 marcha a Madrid opara ocupar un posto no Ministerio de Traballo e chega a adestrar ao Castilla, equipo de fútbol filial do Real Madrid. Case tódolos veráns viña pasalos en Vilaxoán e tiña o costume de pasear polo peirao e polo Preguntoiro falando con uns e con outros, xa que endexamais se esqueceu o pobo que o viu nacer. Nun deses paseos foi entrevistado polo xornal deportivo “Marca” o 4 de decembro de 1943.
Entrevista do xornal Marca de Madrid
en 1943
Martín Santos era un grande amigo do boxeador Jesús Rodríguez Bouzas “La Pantera de Arosa” tamén nacido en Vilaxoán, cando nos anos 1925 e 1926 estivo pelexando en combates na Habana e Santiago de Cuba, onde resalto unha foto en Cuba dedicada a Martín Santos. Entre os meses de 1925 e 1926 Jesús pelexou 10 combates
Unha das moitas afeccións que tiña aparte do fútbol e outros deportes, era a literatura. Martín Santos era fillo de Francisco Santos Crespo que fora fundador en 1919 e secretario do Pósito de Pescadores(Confraría) compaxinando esta faceta co de ser administrador do Marqués de Pardiñas Ramón Agustín Pardiñas Montenegro, que finara o 12 de xaneiro de 1917 onde foi soterrado no cemiterio de Sobrán (Vilaxoán). Antes de finar o Marqués regaloulle a escopeta de caza ao pai de Martín Santos, cousa que pasou dita arma (hoxe peza de museo) aos descendentes de Francisco Santos Crespo. Na actualidade está en posesión de Martín Santos Villar, fillo de grande futbolista.
Neste anaco da historia teño un pracer especial  e orgullo por escribir sobre Martín Santos Ferrón, xa que tócame familiarmente como tío-avó. Finou o 25 de agosto de 1964 o “Zaguero de la Elegancia”. 




sábado, 18 de abril de 2020

CAPÍTULO PRIMEIRO- ASOCIACIÓN DE LABREGOS E MARIÑEIROS “LA HONRADEZ” 1915



 CAPÍTULO PRIMEIRO-

ASOCIACIÓN DE LABREGOS E MARIÑEIROS “LA HONRADEZ” 1915

Ao anexionarse o Concello de Vilaxoán ao de Vilagarciá en 1913, non había unha representación real na vila que ollara polos intereses dos labregos e mariñeiros, e catro anos antes da fundación do Pósito de Pescadores nacera esta asociación concretamente o 5 de xaneiro de 1915 e o 7 do mesmo mes elixen a Xunta Directiva coas seguintes persoas: Presidente Honorario, Manuel Fernández Álvarez (1) ; Presidente, Bernardino Riveiro; Vicepresidente, Xosé María González; Secretario, Salvador Vidal; Vicesecretario, Braulio López; Contador, Silverio Bouzas; Tesoureiro, Emilio Dasilva; Vocais, Antonio Díaz, Xosé María Rey, Antonio Díz, Santiago Manuel Otero, Francisco Navazas e Marcelino Urcera.
Preguntoiro ao fondo. Estrada de Vilagarcía a Cambados. sobre a dereita
a fábrica de salgadura de Trigo e no mar a escadra inglesa, anos 20

(Foto: xentileza de J. Carlos Porto)
Eran uns homes emprendedores de Vilaxoán que trataron de facer o posible acadando melloras sociais para o pobo. Como dixen anteriormente, naceu esta asociación por mor da falla do Concello de Vilaxoán e aínda non chegara a lei dos pósitos en España.
Nesa primeira xuntanza comentaban que, a representación por Vilaxoán que neses intres tiñan no Concello de Vilagarciá non era do máis axeitado para os intereses dos labregos e mariñeiros, sendo o representante nese intre o derradeiro Alcalde de Vilaxoán Sr. Ameijeiras, concelleiro pola vila no Concello de Vilagarciá.
A primeiros do mes de febreiro de 1915, esta asociación “La Honradez” fixo un xesto moi humanitario ao mandar un telegrama ao Presidente do Goberno Eduardo Dato, pedíndolle a gracia e o perdón para uns reos de Cambados condenados a morte. A asociación recibiu un telegrama o 12 do mesmo mes do Presidente Dato, comunicándolle que se ollaría o expediente de ditos reos; un mes despois estes reos foron perdoados da pena capital.
Vilaxoán desde o alto de Faxilde. A dereita a Igrexa de San Martiño
de Sobrán e ao fodo na ría a escadra inglesa, ano 20
(Foto: xentileza de J. Carlos Porto)
O 10 de maio de 1915, nos medios de comunicación en especial "La Opinión" de Redondela comentaba moi extensivamente unha nota desta asociación: "La Asociación la Honradez de Villajuán está siendo objeto de un cobarde acecho por parte de unos malvados caciques de esta villa, aquí están unos hombres que mutuamente se denunciaron como finos ladrones y falsificadores, esta Asociación los ha cogido en fraganti delito de malversación, hubo un robo que se mormura simulado en la que desaparecieron comprometedores documentos de la Casa Consistorial relacionados con el Ayuntamiento de Villajuán, y ahora aquellos malvados sinverguenzas se proponen por los medios más cobardes acabar con esta asociación la Honradez,
En El Correo de Galicia de marzo de 1913
aparece unha nova onde fala  dese roubo
de actas do Concello de Vilaxoán. Actas que aínda
hoxe non apareceron. ¿Que quixeron ocultar?
pero muy pronto vendrán por Villajuán los líderes de las asociaciones de Pontevedra a dar un gran mitin los Sres. Couto, Amoedo, Jacinto Crespo y Samuel Blanco en la que perfectamente documentados sacarán las máscaras con que tratan de cubrise estes caciques de Villajuán. En el mitin se invitará a la prensa y mientras tanto tengan calma nuestros compañeros de Villajuán, que al fin y al cabo el tiempo será siempre de los honrados.
Nosotros dejaremos páginas escritas de ciudadanía, ellos dejaran las leyes un nombre manchado por el crimen”

Nestes históricos escritos algo se di sobre a anexión do concello de Vilaxoán, e algo fedía 

moi mal nesta versión oficial. A versión que se citou historicamente sempre foi a do 

problema económico de Vilaxoán.  Coido que as cousas non foron como se dixeron, senón que houbo moito de caciquismo das forzas vivas de Vilaxoán e Vilagarcía.
Hai moitas lagoas nos derradeiros momentos da anexión de Vilaxoán a Vilagarcía. Nalgúns escritos por historiadores locais fan un canto moi ledo a esa anexión, pero as cousas non foron tan ledas nin amigables, en especial por parte do derradeiro Alcalde de Vilaxoán o Sr. Ameijeiras e algúns membros da corporación; proba diso é a falla de actas e documentos nos Arquivos dos últimos anos antes da anexión, outra proba son as devanditas  declaracións a prensa da asociación La Honradez. ¿ A quen lles interesou naqueles anos que non houbera probas escritas do Concello de Vilaxoán?.
Faxilde anos 20

Estou a facer uns comentarios sen moitas interpretacións persoais, nin puntos de vista propios, soamente é unha relación de feitos vencellados aos primeiros anos do século XX. Feitos expostos obxectivamente pescudando nas fontes antigas sen discusións nin xuízos alleos á historia, aínda que ao pescudar sempre se fai algunha que outra interpretación persoal por mor de repetirse a historia en algún que outro caso.
Neste anaco histórico da Asociación “La Honradez”, coido que se pode sacar algunha interpretación analizando paseniño a vida social daqueles primeiros anos da perda do Concello en 1913 e das asociacións que naceron despois desas datas.
Despois daquel aviso aos xornais do 10 de maio de 1915 da Asociación “La Honradez”, falando sobre as trapalladas dos caciques e poñendo espidos aos causantes da perda do Concello. O 22 de agosto do mesmo ano celebrouse un gran mitin na Praza do Campo (hoxe, Praza de Rafael Pazos), para denunciar e poñer en evidencia aos caciques desta vila, segundo dicían os dirixentes da Asociación que, estaban antepor os intereses persoais aos intereses  da maioría do pobo.
Piornos na Lagoa, anos 20
Uns días antes de comezar o mitin, seica o Alcalde de Vilagarcía Sr. Valentín Viqueira tratou por tódolos medios de que o mitin non se celebrara, inclusive fixo xestións co Gobernador para abortalo. As crónicas daquelas datas dan conta deste feito, cousa que da pé para reflexionar un pouquiño, os xornais comentaban deste xeito: “El Alcalde Sr. Viqueira, haciendo honor a su impopularidad y a su sistemática oposición a cuanto signifique progreso para el pueblo, negó el permiso hasta el último momento, demostrando la más intolerancia e ignorancia de las leyes de reuniones públicas”. Porén, teño que poñer certas cousas no seu sitio: o cortés non quita o valente xa que tres anos despois o  Doutor Valentín Viqueira como médico estivo ao pé do canón con outros médicos a salvar vidas en Vilaxoán ante o andazo da gripe de1918.
A Asociación “La Honradez” ante este feito do Sr. Alcalde comentaba : “ Os labregos e mariñeiros de Vilaxoán non se asustan dos monterillas que coñecen a conduta dos caciques”. Os dirixentes da Asociación puxéronse á fala co Gobernador, que este lle dou tan tremendo rexeite ao Sr. Alcalde que inclusive o desautorizou con un telegrama moi preciso: “Gobernador, comunica Alcalde de Vilagarcía que organizadores mitin Villajuán, comunican que desean hacer mitin, sino hay otras razones que lo impidan, no veo que haga falta suspenderlo”.
Mitín na Praza do Campo (Hoxe Rafael Pazos) anos 20
Ante todo isto que estaba acontecendo, a Asociación manda aos xornais unha nota moi dura : “Si el Sr. Alcalde de tener muy claro el concepto de la dignidad política, pediría su dimisión. Así hacen los hombres de carácter que no se apegan al bastón de mando”. Despois da dura oposición do Sr. Viqueira e algúns concelleiros da Corporación, incluíndo o concelleiro por Vilaxoán o Sr. Ameijeiras, para que fracasaran os labregos e mariñeiros, non pode darse meirande desautorización por parte do Gobernador ao Sr. Alcalde.
O mitin comezou ás seis do serán. Asistiron as asociacións dos distritos de Cambados e Caldas de Reis coas súas bandeiras e moreas de xente. Estiveron convidados a Banda de Música de Vilanova de Arousa e o Gaiteiro de Paradela.
Na tribuna que estaba colocada onde hoxe está a fonte, comeza por falar o Sr. Maio, presidente da Federación de Asociacións, que fai a presentación para logo dar uso da palabra o avogado de Vigo e Director do xornal “La Noche” o Sr. Adolfo Gregorio Espino, onde fixo unha descrición moi animada sobre os galegos; comparounos pola súa reflexión ás pousadas augas da fermosa Ría de Arousa nos días de bonanza, e como ela, brava e adoecida cando chega o sufrimento. Atacou moi duramente ao caciquismo dicindo que, os labregos e mariñeiros teñen solucións políticas e económicas-sociais para arranxa-los problemas que neses intres tiñan.
Deseguido sube ao palco O Sr. Meis, fala como un socialista recomendando o asociacionismo como único medio de colle-la forza para derrubar aos caciques, dando lugar a que veña o estado de dereito e as reivindicacións sociais; falaba tamén da necesidade de face-los Bancos Agrícolas como medio de arrincar ao pequeno dono das poutas do caciquismo e do usureiro.
Badía do Tombo
Manuel Rodríguez dirixente labrego, comeza cun longo discurso, onde en cada intre era interrompido polos centos de persoas. Recomendaba a necesidade de que o pobo mariñeiro e rural perda o medo aos caciques e a necesidade de estudar o programa agrario nas asociacións para levalo á práctica.
Logo fala o Director da Escola número un, das que sosteñen as Sociedades de Preescolar en Paradela D. Samuel Blanco López, onde di en termos moi sinxelos a necesidade que o pobo ten da instrución na escola, pedindo ao Goberno uns locais que teñan as condicións necesarias e mestres que fuxindo de certos prexuízos pero espetando ideas e credos alleos, para acadar o que os “ alcaldes de monterilla” e caciques non deixan, que tratan de que non haxa escolas para eles aproveitarse, para ternos como años mansos; finalizou o Sr. Samuel con estas palabras: “pobo galego érguete e camiña, sacude a preguiza enarbora a bandeira do progreso da liberdade si queres redimirte”.....IR AO CAPÍTULO SEGUNDO
=============================
(1)-



CAPÍTULO SEGUNDO ASOCIACIÓN DE LABREGOS E MARIÑEIROS “LA HONRADEZ” 1915




CAPÍTULO SEGUNDO

ASOCIACIÓN DE LABREGOS E MARIÑEIROS “LA HONRADEZ” 1915

Mariñeiro de Vilaxoán co arte de pesca o Medio Mundo
na badía de Ferrazo, anos 20
Remata o acto o líder agrarista Joaquín Núñez de Couto (2), a súa presenza ao subir á tribuna foi recibida con aplausos frenéticos. Comeza o discurso dicindo que xamais se ocupou da política miúda nin do caciquismo local, pero vese na obriga de facelo nesta data, xa que o caciquismo de Vilaxoán e Vilagarcía é moi alarmante. Fala da política da ganzúa de roubos e falsidades de políticos condenados á cadea. Seguía dicindo Núñez de Couto que, as xentes de Vilaxoán que seguen cos seus antigos explotadores son uns pobres comediantes, como as xentes das cordilleiras do Caraballo que adoran a quen máis os azoutan. Fai resaltar o grande fracaso do Sr. Alcalde e Corporación facendo tragar ao pobo aos caciques máis odiados. Dedica palabras moi agarimosas ao Crego de Vilaxoán D. Benigno Santos Pazos, que como “rara avis” achegouse á beira do pobo que sufre, que traballa e que paga. Moi canso despois dunha hora de discurso, o Sr. Couto remata entre grandiosos aplausos.

As Saiñas, ao fronte a punta do Esteiro e máis lonxe
A Gorma
Ao ano seguinte, concretamente o 11 de xullo de 1916, os xornais recollían un acontecemento moi en acorde co caciquismo en Vilaxoán que viñan denunciando os da asociación “Honradez”, o titular era moi elocuente: “Escándalo en Vilaxoán”. Comentaba o xornal que, 1725 quilos de sulfato de
cobre (elemento que escaseaba en España por mor da I Guerra Mundial) solicitado ao 

Estado polo derradeiro Alcalde de Vilaxoán  Serafín Ameijeiras, para as asociacións de 

labregos da freguesía de Sobran. Este Sr. montara unha asociación de labregos paralela 

para tratar de dividir á única asociación con carácter reivindicativo e pertencente á 

Federación de Labregos de Galicia, como era “La Honradez”!.
Esta asociación denuncia por medio do seu presidente Bernardino Ribeiro que, ninguén dos asociados recibiu nin un quilo desa partida de sulfato de cobre, sospeitando que eses 1725 quilos foron parar ás mans dun comerciante que os está vendendo a 3 pts o quilo. Neste comunicado fan un chamamento e atención ás autoridades que aínda non se deron por decatadas;  na asociación pensan que todo parece unha complicidade vergoñosa.
A denuncia non quedou soamente nos xornais, senón que o Presidente Bernardino comunica esta anomalía ao Deputado en Cortes pola Cañiza D. Alejandro Mon., xa que el fora o que xestionara co Goberno esta subvención do sulfato para os labregos de Vilaxoán. Alexendre Mon., fixo unha interpelación no Parlamento de Madrid, sendo recollido polos xornais da capital de España como: “El Escándalo de Villajuán”.
A Lodeira e fábrica de salgadura
A Asociación “La Honradez” estaba disposta a chegar ata o fondo do problema caera quen caera, para saber o paradoiro do sulfato.
O día 12 de xullo, unha nota do xornal Galicia Nova de Vilagarcía da conta dunha notificación asinada polo Alcalde accidental Teodosio González ( o Alcalde Sr. Viqueira atopábase de viaxe ), onde comenta o seguinte: “ hace un mes, unos cuantos viticultores solicitaron al Ayuntamiento que rogase a la Dirección General de Agricultura una partida de sulfato de cobre que estaba subvencionado, y que éllos repartirían según sus necesidades, antes de formular el pedido, recibí el encargo de D. Serafín Ameijeiras para 1725 quilos con destino a las asociaciones de Villajuán, el sulfato llegó, luego se procede al cobro de 1,90 pts. Quien ingreso el dinero en el Ayuntamiento del importe del pedido fué el Sr. Salvador Galbán por encargo del Sr. Ameijeiras, y por la misma orden de este Sr. recogió la mercancía. Desde ese momento cesó toda intervención por parte del Ayuntamiento. Si el sulfato no llegó a los agricultores de Villajuán, este Ayuntamiento es el primero en lamentarlo, expresando su más enérgica protesta “. Esta nota leva a sinatura de Teodosio González.
Nota de prensa de 31 de xullo de 1913 desta Asociación de
labregos e mariñeiros do xornal El Progreso de Santiago, censurando
ao do xornal Galicia Nueva o non publicar unha xuntanza que
 tiveron co baqueiro de Vilagarcía o Sr. Deza.
 O director de Galicia Nueva seguindo
os ditados da banca. 
No xornal “Galicia Nueva”, o seu director Xosé Fernández sae en defensa dos labregos de Vilaxoán comentando nunha editorial digna de mención: “sabemos que no llegó ni un solo kilo de sulfato a los socios de la Honradez, que es la única  sociedad de agricultores que existe en Villajuán, por lo que dice el Sr. Alcalde accidental D. Teodosio González, sospechamos de quien llevó el sulfato. Como dice D. Teodosio, que lo recogió D. Salvador Galbán por orden de el Sr. Ameijeiras, por eso agradecemos Al Sr. Alcalde sus manifestaciones tan aclaratorias”.
Como xa veño comentando, e despois de estar pescudando na historia antes e despois da anexión do concello de Vilaxoán ao de Vilagarcía; coido que esta anexión non foi unha cantiga de amores eternos, loanzas, problemas económicos  nin por mor do Porto Comercial, como din algúns historiadores, que nos queren facer ver que todo foi unha inquietude do pobo por anexionarse a Vilagarcía. Se analizamos un pouco quen era o derradeiro Alcalde de Vilaxoán o Sr. Ameijeiras, e polas pescudas que levo feito nestes anos pasados, podo dicir con toda a seguridade sen receo a trabucarme, que o derradeiro acto do concello de Vilaxoán en 1913, foi un amaño de fedor caciquil entre as forzas máis conservadoras daqueles tempos de Vilaxoán e Vilagarcía.
Jesús Somoza
O 25 de xaneiro de  1918, esta sociedade nomeu unha nova directiva ao rematar os tres anos do anterior mandato, fora elexido Jesús Somoza Villaronga onde ao ano seguinte fundouse o Pósito Pescador sendo un dos fundadores con Francisco Santos Crespo.

A directiva da sociedade de labregos e mariñeiros La Honradez fora a seguinte: Presidente, Jesús Somoza. Vice, Ramón Sayar. Secretario, Salvador Vidal. Vice, José Otero. Contador, Manuel Otero. Tesoreiro, Antonio Díaz. Vocais: Joaquín Buceta, Juan A. Rodríguez, Manuel Martinez, Marcelino Nogueira, Bernardino Riveiro e Manuel Suárez.
=========================

(2)-Joaquín Núñez de Couto, nado en Ourense e finado en abril de 1940, foi un profesor e agrarista galego. Foi director do Colexio de San Luis Gonzaga de Lugo (1893) e profesor do Instituto de Lugo. Foi catedrático do Instituto de Ourense (1899), e cofundador e director do colexio León XIII de Ourense e despois de Vilagarcía, ata 1923 en que o substituíu o seu sobriño Xosé Núñez Búa. Cofundador da Sociedad de Agricultores de Vilaxoán "La Honradez", foi presidente da Sociedad de Agricultores de Portonovo e da Federación de Agricultores do distrito de Cambados e participou como propagandista na campaña de axitación da Liga Agrario-Redencionista no verán de 1910. 
Organizou o Congreso Agrario Provincial de Pontevedra, celebrado en Vilagarcía en xullo de 1915, onde se discutiu e aprobou o programa do Partido Agrario, do que era autor. Foi director de El Eco de la Enseñanza de Lugo (1893), colaborou en La Idea Moderna e El Regional, foi redactor-xefe de El Heraldo Gallego e colaborou en Galicia Nueva, La Zarpa e Faro de Vigo. Xubilouse como catedrático do Instituto de Ourense en 1931.




mércores, 4 de marzo de 2020

LEMBRANDO A FELIPE RODRÍGUEZ "PANTERA DE AROUSA"





FELIPE RODRÍGUEZ PIÑEIRO
PANTERA DE AROUSA”


   Preto vai facer dúas décadas que se nos foi o grande Felipe Rodríguez "Pantera". Non quixera deixar neste Blog da historia de Vilaxoán sen facer un anaco da súa historia como boxeador, aínda que tamén foi un campión na súa faceta humana como un daqueles "bos e xenerosos" de Galicia. 
Video de Vilaxoán Canta en Luar con Felipe

    Felipe era unha persoa que alentaba humanidade por tódolos seus poros, un rapaz magnífico e sempre amigo dos seus amigos, disto podo dar fe, por darme a súa amizade que foi correspondida. Dixen sempre que naquel corpo tan grande e de atleta gardaba un inmenso corazón.
Naceu Felipe Rodríguez, “Pantera de Arousa” o 22 de decembro de 1953 en Vilaxoán. Quen sería o mellor dos pesos pesados de España, comezou a súa andaina puxilista cando era un neno nun provisorio ring, aló, preto da praia de Canelas.
Na Pelada (Faxilde)
  En 1972 disputou o seu primeiro combate, pasando axiña a formar parte do equipo español afeccionado, erixíndose campión dos Xogos Mediterráneos. Como amateur foi campión de España dos pesos pesados en 1974 e 1976. En 1974 gañaría a medalla de prata do V Torneo Internacional celebrado en Holanda.
Felipe con Alain Delon na T.V. Francesa
  O primeiro combate como profesional disputouno o 13 de maio de 1977, vencendo a Francisco López Barrilado. O 1 de abril de 1978, acadou en Pontevedra o seu primeiro título nacional dos pesos pesados tras vencer a Fermín Hernández, título que ninguén logroullo arrebatar.
Durante os 1983-84, Enrique Soria encárgase da súa preparación e pelexou en Alemaña, Dinamarca, Italia e Sudáfrica. No Pavillón de Pontevedra foi onde máis combates disputou, poñendo en xogo o Campionato de España fronte a Alfredo Evangelista, Avenamar Peralta e Fermín Hernández. Pelexou catro veces polo título europeo, pero non logrou gañar en ningunha ocasión. Entre os seus rivais cumpre citar ao francés Lucien Rodríguez e o italiano Lorenzo Zenon.
Felipe en Luar RTVG
Disputou 38 combates, gañou 25, fixo 5 nulos e perdeu en 8 ocasións.  Pelexou contra púxiles como Tom Halpern, Albert Sybem, Tony Moore, Terry O´Connor, Alí Lakusta ou Alfredo Evangelista.
   Retirouse do boxeo activo o 8 de agosto de 1987, tras combater contra o francés Jean Chanel. Despois traballou nunha compañía de seguridade privada e no programa “Luar” da TVG e finalmente volveu para Vilaxoán prestando servizos como vixiante xurado na Confraría de Pescadores “Virxe do Rosario”.
Estatua de Bronce no Parque Dona Concha. (Vilaxoán)
   É unha ledicia velo ao carón de galegos ilustres,  escritores, poetas, científicos e deportistas no libro Gallegos e ver o seu nome na Gran Enciclopedia Galega, o que para tódolos vilaxoaneses é un orgullo como tamén o será para as xeracións vindeiras que sempre o lembraran como o “púxil de Vilaxoán”.
 O 1 de xuño do ano 2001, o Concello adicoulle unha estatua de bronce no Parque Dna. Concha, obra do escultor Alfonso Vilar.
Felipe e a súa familia no día da súa homenaxe
(foto Voz de Galicia)
Un tumor cerebral acabou coa súa vida no primeiro día do mes de xuño do ano 2000. O 8 de abril dese ano o pavillón de Fontecarmoa (Vilagarcía) resultou insuficiente para dar cabida a quen acudiu á súa homenaxe, no que se respiraba unha sensación de despedida no ambiente.
                    

         
Lucien Rodríguez, Alain Delon, Felipe Rodríguez (Pantera). Foto o 24 de novembro de 1981 n T.V, Francesa,
dus días antes do combate. Fotógrafo Keystone, Press, Pictures USA

          =================================================

Rocords de Felipe Rodríguez Piñeiro (Pantera)
Quero expresarlle as miñas grazas á que fora a súa dona María José Lorenzo por atenderme na miña petición de poñer nas miñas mans unha serie de fotografías e documentos para poder publicalos. Grazas de corazón.
Teo Cardalda F.

CRONOLOXÍA FOTOGRÁFICA DE FELIPE RODRÍGUEZ



































martes, 28 de xaneiro de 2020

1916- 1920. ACONTECEMENTOS HISTÓRICOS PROTAGONIZADOS POR MARIÑEIROS DA VILA.






1916- 1920. ACONTECEMENTOS HISTÓRICOS PROTAGONIZADOS POR MARIÑEIROS DA VILA.




O nove de novembro de 1916, tivo lugar un episodio na vila que poucas veces ten acontecido na costa galega naqueles tempos de fai máis de cen anos, e coido, moito menos na Ría de Arousa. Eran as trece horas dese día de inverno, cando os patróns de Vilaxoán Manuel Bóveda. ao mando da súa lancha “Juanita”, e Francisco López, da embarcación “Elena”, ollaron á deriva preto da punta do Rial (ou punta do Esteiro) un obxecto moi raro que arrandeábase coas ondas do mar e coidaron que puidera tratarse dun submarino polo cor azul moureado. 

Mentres se achegaban ao obxecto déronse conta que era un cetáceo, unha balea de grandes dimensións que dou unha arrincada e foi varar á praia das Sinas. 
As tripulacións brincaron a terra na mesma praia e axudados por uns serradores de Corón que traballaban ao carón da Praia, botáronlle un rizón de catro puntas no oco que as baleas teñen preto da cabeza, trincándoa en terra por un longo cabo. Denantes de quedar en seco sobre as seis do serán, o animal dou unhas fortes sacudidas até quedar morta.


Balea na praia de As Sinas. - 1916




A praia das Sinas encheuse de xente que viña mirar o fenómeno mariño e, segundo as crónicas, era tanta que aquilo máis ben parecía unha romaría. Os vellos mariñeiros comentaban que xamais viran un animal semellante, dunhas dimensións de 16,40 metros de longo, dun peso que chegaba a 16.500 Quilos. Ao día seguinte foi poxada por 550 pts.
Alí estivo un persoeiro de Vilagarcía coa súa cámara de fotos, Luís Bouza Trillo, a quen lle debemos a fotografía que acompaña estas liñas.



Praia de As Saiñas (ao fondo vese a entrada e Punta do Esteiro) onde se avistou a balea, ao fondo
vese o trasatlántico Cap-Arcona .Foto de 1918
Despois deste acontecemento apareceu catro anos máis tarde (18 de outubro de 1920) outra balea avistada pola lancha de Ramón Martiñán de Vilaxoán que volvía da pesca sobre as dúas da mañá na punta do Esteiro. O Patrón Ramón avistou dun vulto sospeitoso que nadaba a ras da auga preto de terra ao carón onde estaba os estaleiros de Martínez Goicochea (As Saiñas-Esteiro). A lancha de Vilaxoán achegouse con moita cautela e viron abraiados que era que era unha grande balea. Tiráronlle un rizón da lancha para facela presa, porén, o rizón  rebotou na pel do animal. Parece ser que de agardar unha horas houbera quedado en seco, xa que o golpe do rizón puxo en alarma á balea fuxindo rumbo norte, ou sexa, rumbo desde o Esteiro a Rianxo.
El Compostelano cunha pequena crónica da balea-18-10-1920
Sobre as nove da maña foi avistada á poucas brazas do porto de Vilaxoán; neses intres foron aparelladas tres lanchas con mariñeiros do porto que saíron na súa persecución co o obxecto de acarroular ao cetáceo, pero non dispoñían dos útiles para tratar de coller á balea.
Desde terra ao longo do porto e o Preguntoiro moita xente estivo ollando esta operación dos mariñeiros pero ao final nada puideron facer. Sobre as cinco da tarde a balea tomou a dirección da Punta do Chazo entre a Poboa e Rianxo.
Cando estaba ao carón do Chazo, O señor Places, dono dos estaleiros do Chazo, disparoulle catro tiros e cravoulle un arpón. Tamén o mamífero foi ferido por machados e coitelos onde quedaron cravadas no lombo do animal.
Pola noite colleu rumbo ao Faro de Rúa onde os mariñeiros de Vilaxoán abandonaron a súa persecución.
Xornal de Madrid La Accion coa nova da balea en
Vilaxoán- 20 de outubro de 1920
O correspondente de Galicia Nueva en Vilaxoán e o xornalista de El Compostelano comentaban: “infratuosas resultaron las gestiones que hemos realizado en el puerto de Vilaxoán para averiguar el paradero del enorme cetáceo aparecido en nuestra ría”.
Mentres uns mariñeiros afirman que marchouse para a saída da Ria de Arousa, outros comentan que pode estar varada nalgún punto da costa; pero o certo é que na noite anterior foi vista preto do Faro de Rúa.
Moi interesante desa época é o que escribían os comentaristas dos xornais onde comentaban cousas máis ben crematísticas en relación cos gastos desa persecución da balea. Así o comentarista do xornal El Compostelano escribía desta maneira: “Se calcula que lleva adheridas más de 200 pesetas de valor en herramientas que le fueron arrojadas en diversos punto de la Ría de Arosa”. Moi pouco trocou o xornalismo de antano co de hoxe en relación cos intereses do capital, hoxe é moito máis sofisticado neste mundo globalizado.
Teo Cardalda F.


venres, 20 de setembro de 2019

PAZO DE SOBRÁN E OS SOUTOMAIOR



PAZO DE SOBRÁN E OS SOUTOMAIOR






Do Pazo de Sobrán non se teñen datos exactos da súa construción. Segundo o historiador Hipólito de Sa, foi erguido sobre os cimentos dun antigo mosteiro onde a primeira referencia é de 1098.


O escritor Ramón Blanco Arean, fai un comentario no libro Galicia Historia e Imagen” que,” aproveitando os cimentos do mosteiro ao que pertenceu a Igrexa de San Martiño de Sobrán, doada ao mosteiro de Antealtares polos condes de Borgoña, (1)-don Paio Gómez de Soutomaior edificou o pazo de Sobrán”.
Foi no século XV onde xa imos ter referencias auténticas de súa existencia, pois sábese que pertencía ao Mariscal Suero Gómez de Soutomaior.
O Pazo ten dúas torres de orixe medieval, conserva algunha saetera así como algúns signos lapidarios. O corpo central que xunta ás torres debeu ser construído con posterioridade á creación das mesmas.O Pazo era morada e agropecuario, aínda que ten moito de defensivo militar se facemos unha 
comparanza da súa estrutura e a súas formas externas alongadas de calquera forma 
Acta de bautismo do Conde de Maceda nacido neste Pazo e
bautizado na Igrexa de San Martiño de Sobrán

ornamental barroca propia da maioría dos pazos. O Pazo é un dos mellores dentro do subgrupo de aqueles que resultan da fusión de antecedentes militares e monacais. A carencia total de ornamentación e o efecto de austeridade do conxunto, casan perfectamente en ámbolos grupos.

Tivo unha incidencia histórica na bisbarra, en Galicia e en España e os intres de maior auxe desta casa, foron arredor de dous personaxes estelares, Paio Gómez de Soutomaior e o seu fillo Suero Gómez de Soutomaior e o seu irmán Xoán Gómez de Soutomaior fundador do porto de Vilaxoán, persoeiros que falo deles noutros capítulos.
. Outros donos do Pazo no percorrer dos tempos foron entre outros, os Condes de Maceda e o Marqués de Castelar . En 1700, Sobrán era rexentada polo III Conde de Maceda don Xosé Benito de Lanzós e Novoa, nacido en Santiago o 11 de decembro de 1670, casara con María Teresa Taboada Villamarín. O Conde e maila súa muller residían por temporadas no Pazo, En 1710, o Rei Felipe V concedeulle a grandeza de España de primeira clase.
Sucedeulle o seu fillo don Francisco Xavier de Lanzós e Taboada, nacido neste Pazo
Francisco Padín Cardalda e a súa dona foron os últimos
donos do Pazo, mercado a primeiros do século XX, sendo
agora dos seus descendentes a familia Padín
e bautizado na Igrexa de San Martiño de Sobrán o 7 de decembro de 1699. Foi Tenente Xeneral dos Reais Exércitos, Xentil Home de Cámara do Rei Carlos III e Vizconde de Laioxa.
Os escudos atópanse na torre esquerda onde figuran as armas dos Soutomaior e os Castro.
Na actualidade o Pazo pertence a familia Padín e nas dependencias das antigas adegas  ata fai uns anos existía  un restaurante de nome. “El Lagar”
--------------------------------



OS SOUTOMAIOR VINCULADOS AO PAZO
(1)- Paio Gómez de Soutomaior, Mariscal de Castela, Cabaleiro da Banda, Señor da Fortaleza de Lantaño, das vilas de Santo Tomé, Villamaior, do porto de Carril e da Fortaleza e vila de Rianxo, Señor da Fortaleza de Insua, terra de Tabeirós, e de San Martiño de Sobrán.
O seu bisavó, que foi tanto ou máis importante, foi Paio Gómez Charino (segundo Crespo Pozo, débese nomear Paio Gómez de Soutomaior El Charino); nacera en Rianxo no ano 1223 e foi Señor de Rianxo e Quinto Almirante de Castela, asistindo á conquista de Sevilla tomada polos mouros. Para a toma desta cidade concorreu coas naves de Galicia, chegando a ser primeiro Almirante Maior; dende a súa mocidade foi moi afouto e práctico nas tarefas do mar por se ter criado na ribeira e afeito dende a súa nenez aos perigos do mar. Dende moi mozo comezou a súa carreira militar.

Na toma de Sevilla mandaba unha flota de 27 navíos e destruíu unha ponte feita de barcos sobre o río Guadalquivir, que chegaba desde o castelo de Triana ate o Arenal, cunha das súas naves. Isto aconteceu o 3 de maio de 1248.
Ao ser Paio contemporáneo do Rei Alfonso X El Sabio, personaxe que tanto amaba a poesía e aos poetas galegos, o Rei sempre procurou telo ao seu carón. Moitos estudosos de Paio din que, no eido literario, foi un dos representantes máis notábeis da lírica galaico-portuguesa, xunto con Martín Códax, Mendinho e Joan de Cangas. Foi don Paio un dos primeiros autores que tratou o tema do mar na poesía, cantando ao mar aberto surcado polos navíos de guerra. Esta é unha pequena mostra da súa poesía:
As froles do meu amigo / briosas van no navío / e vanse as frores / d´aquí ben cos meus amores...”.
Pazo de Sobrán nos anos 40
Da súa condición trobadoresca, que foi e por certo excelente, recollo unha pequena estrofa: “... Ai Santiago, padrón sabido / Vos m´adugades o meu amigo; / sobre mar vem quem frores d´amor ten / mirarei, madre, as torres de Jeen...”.
O mariño, poeta e trobador, don Paio Gómez Charino, vencellado á Ría de Arousa e, indirectamente, con San Martiño de Sobrán, finou asasinado en 1297 (seica por razóns políticas) estando nunha dehesa de Ciudad Rodrigo en conversa a cabalo cos Infantes D. Xoán e D. Pedro, cando un cabaleiro de nome Rui Pérez Tenorio atravesoulle o corazón cun coitelo. Ao Almirante Poeta trouxérono para ser soterrado en Pontevedra, na Igrexa de San Francisco. Estaba casado con Dona María Maldonado.
O seu bisneto do cal faláramos anteriormente, don Paio Gómez de Soutomaior, Señor de Sobrán, fora nomeado polo Rei Henrique III embaixador ante o Gran Tamorlán,  chamado tamén  na forma máis usual no século XIV “Tamurbeque”, que era un gran conquistador tártaro e xefe do Diagatai, unha gran rexión de Hungría .
Nun escrito do século XV titulado Discurso hecho por Gonzalo Argote de Molina, fala deste acontecemento diplomático:.... imbió el rey don Enrique por Embaxador al gran Tamorlán a Payo Gómez de Sotomayor y Hernán Sánchez de Palazuelos, Caualleros de su casa. Los cuales se hallaron en aquella sangrienta  y famosa batalla que entre estos dos grandes principes se dio, donde el turco, preso y puesto en una jaula de fierro, siruiendo de poyo de estribo al Tamorlán. Recibió el Tamorlán con mucha Beneuolencia a Payo Gómez de Sotomayor y Hernán Sánchez de Palazuelos... ”.
Ruinas de Santo Domingo en Pontevedra, onde están enterrados os Soutomaior
foto da Ilustración Española e Americana de 1907
Entre os dons que Tamorlán concedeu ao Rei Henrique III, levados por Paio Gómez e Hernán Sánchez, estaban dúas damas irmáns, que en Castela se chamaron Dona Angelina de Grecia e Dona María Gómez. Contan os cabaleiros do liñaxe de Soutomaior, descendentes de Paio Gómez, que chegou a Sevilla con Angelina e María e de alí  marcharon á Corte, pasando pola fortaleza de Carpio (Córdoba) que pertencía ao seu curmán, Luís Méndez de Soutomaior. Foi recibido e hospedado con grandes festas, e acampou  ao pé da fortaleza na que don Paio tivo amores e empreñou a Dona María Gómez , razón pola que El-Rei don Enrique quixoo prender e matar, fuxindo don Paio a Galicia e despois a Franza para, co tempo, obter o favor real e ser perdoado. Por orde do Príncipe Juán, volveu a Galicia e casou con Dona María Gómez  en terceiras nupcias. A súa primeira dona , Dona Maior de Mendoza, era irmá do Arcebispo de Santiago don Lope de Mendoza, e a segunda foi María de Grecia. Os seus fillos foron Suero Gómez de Soutomaior, Mariscal de Castela que seguiu a liñaxe; Dona Inés Gómez de Soutomaior; María Gómez de Soutomaior; Paio Gómez; María Álvarez e Juán Mariño de Soutomaior, fundador da vila e porto de Vilaxoán. É máis que probable que  Inés Gómez como María Ávarez,  o doutor Diego Álvarez, e, quizais, tamén Estéban Rodríguez, tesoureiro da Igrexa de Santiago, foran fillos de  María Gómez, como tamén o devandito don Juan Mariño de Soutomaior.
O Pazo no interior onde se ollea parte do campanario de Igrexa
de San Martiño de Sobrán
O primoxénito, don Suero Gómez de Soutomaior, O Mariscal, herdeiro do señorío de Sobrán, Rianxo e Lantaño, xogará un dos papeis máis interesantes na Galicia do século XV. Estaba casado don Dona Leonor Vázquez da Insua.
De mozo serviu ao Rei Don Juán II de Castela. No ano 1441 foi testemuña con don Juan de Mendoza na carta do título de “Pertiguero Mayor” de Santiago, que fora outorgado a Rui Sánchez de Moscoso, da fidalga Casa de Altamira, da que Suero Gómez foi sempre o seu fiel aliado.
Naqueles tempos, eran moi normais as liortas entre a nobreza, e que as vilas e cidades solicitasen a axuda dun defensor entre aqueles homes que tiveran xente de armas. Suero Gómez tomou ao seu cargo a defensa de Sobrán, de Pontevedra e doutras vilas da Ría de Arousa. Comprometíase á defensa e axuda a tódolos veciños e moradores, e facía promesa de gardar tódolos usos e costumes da vila. Tampouco prenderá a ningún veciño, até que o faga saber ao alcalde da vila. O “Concejo” tiña por obriga, aparte de outros beneficios, a de axudar a Don Suero en todo o que fose necesario. Contrato parecido fixoo co “Concejo” de Vilanova de Arousa , xa que este pagaba o xantar a Don Fernando Bermúdez de Castro e a Don Suero para que defendesen a vila.
Un dos comedores do Pazo
As relacións que Don Suero tiña cos arcebispos de Santiago sempre foron de moita tensión e en moitos casos ameazárono de excomuñón e con multas de mil maravedís, de non se abster de esixir os tributos aos cidadáns das vilas pertencentes a Santiago. Pouco caso lles fixo. Unha desas requisitorias de excomuñón foi para que deixara exento ao cabildo de San Adrián de Vilariño de Cambados das rendas e froitos. Cando era Arcebispo D. Rodrigo de Luna non houbo nengún troco por parte de D. Suero.
No ano 1449, D. Suero casa en segundas nupcias con Dª Juana de Luna, irmán do Arcebispo, mais D. Suero seguiu aproveitando como antes os dereitos e señoríos da Igrexa de Santiago. En 1450, o Arcebispo D. Rodrigo fai un chamamento aos cabaleiros e escudeiros do seu reino, e moi especial ao seu cuñado D. Suero, prohibíndolles esixirpechos y servicios” aos colonos dos canónicos por estaren exentos en virtude da concesión real e eclesiástica.
Máis adiante, e con ocasión dunha carta
Os músicos Juan Carlos Porto e Teo Cardalda 
no Comedor do Pazo-2017
de D. Rodrigo de Luna na que se ordeaba a cantos tiñan terras e pazos do Arcebispo que se incorporasen ao real exército na expedición contra os mouros, D. Suero e os demais cabaleiros negáronse a tal, dicindo que non estaban na obriga de facer tal servicio, comezando así un enfrontamento entre o Arcebispo e os demais
cabaleiros que precisou da intervención do Conde de Lemos para asinar unha tregua. Nese mesmo ano de 1458, o Rei D. Henrique mandoulle unha carta a D. Suero e a outros cabaleiros na que se refería ás liortas que mantiñan co Arcebispo de Santiago.
Piorno da Pazo
Desde que se fai cargo da sede de Compostela Don Alonso de Fonseca no ano 1464, houbo unha continua sucesión de graves liortas cos señores. D. Suero Gómez, fiel aliado dos Moscoso, condes de Altamira, xogou un papel importante e, ao mesmo tempo, foi quen maior beneficios tirou da situación de enfrontamento que obrigou a Fonseca a asinar unha capitulación na que se comprometía a non residir na súa Diocese por un espazo de dez anos. Volverá Alonso de Fonseca a Compostela por mor do levantamento dos Irmandiños. A situación de descontrolo era tal que o Rei manda a D. Fernando Pareja, Adiantado Maior de Galicia, para poñer orde e fai un requirimento ao Sr. de Sobran, D. Suero, e a outros cabaleiros para que atendan a razóns, tomando estes a determinación de se constituíren nunha especie de confederación para se axudarse mutuamente contra Fonseca e os nobres vencellados co arzebispo. Ao derrotar a Fonseca, os señores de Galicia obtiveron grandes mercés do feble Rei Henrique IV e D. Suero é nomeado Mariscal conxuntamente con D. Pedro Pardo de Cela.

Unha sá de estar
Na guerra de sucesión ao trono de Castela, o Sr. de Sobrán Suero Gómez amósase partidario de Dª Isabel. No ano 1475 intervén no cerco a Pontevedra, que estaba en poder de Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga), cabaleiro que sempre foi compañeiro de armas de D. Suero. Quen levaba a parte principal do ataque a cidade eran o Arcebispo Fonseca e o nobre Ladrón de Guevara, que, dubidando da lealdade de D. Suero e dos seus aliados, Lope Sánchez de Ulloa e Moscoso, Conde de Altamira, e Diego de Andrade, determinaron en segredo prendelos pero advertidos por García Martiz de Barbeira do que tramaba o Arcebispo, puideron librarse da traizón. As cousas “no fueron de buena guisa” para os inimigos de Pedro Madruga, tendo que levantar o cerco da cidade que continuou no poder de Pedro Álvarez.
Sartego de Juan Mariño de Soutomaior, fundador do porto de Vilaxoán
No ano 1481, D. Suero intervén con Fernando de Acuña  contra Fonseca pero o cerco pouco dura.
No ano 1489, D. Suero fai testamento en Vilanova de Arousa. Este documento foi publicado no seu día por A. López Ferreiro e resulta ser unha copia do orixinal do século XVII. Quizais sexa máis interesante outro documento que é unha copia notarial coetánea da cláusula do testamento no que consta o legado ao Mosteiro de Santo Domingo de Pontevedra. Esta copia foi sacada do orixinal polo Prior e os monxes do devandito mosteiro polo mesmo notario ante quen D. Suero testara.
Finou D. Suero no ano 1490, sepultárono, segundo era a súa vontade, no Mosteiro de Santo Domingo de Pontevedra onde ficaban xa o seu pai Paio Gómez de Soutomaior e os seus avós.
Ao finar D. Suero, o seu irmán, D. Xoán Mariño de Soutomaior, o fundador do porto e vila de Vilaxoán, quedou rexendo o señorío de Sobran ata a súa morte, acontecida en 1496.
T.C.F.