xoves, 7 de febreiro de 2019

VILAXOÁN-PRIMEIROS DÍAS DA GUERRA CIVIL, 1936


VILAXOÁN
PRIMEIROS DÍAS DA GUERRA CIVIL, 1936

O levantamento do exército o 18 de xullo de 1936 contra o goberno lexítimo da República nacido das urnas, sendo a  cabeza visible o Ditador Franco, tivo a súas consecuencias tráxicas e sanguentas nesta vila como en miles de pobos do país. A represión foi brutal tanto nos primeiros días como en toda a contenda.
(Vilaxoán anos 1935 ( Preguntoiro)
 Ao longo da noite daquel sábado 18 de xullo, tivo lugar o incendio das sociedades “Club Náutico de Regatas” e “ Juventud Católica” por parte de persoas que defendían a lexitimidade do goberno; estas sociedades eran rexentadas por persoas da alta sociedade de Vilagarcía sendo partidarias do golpe de estado, algunhas delas simpatizaban coa Falanxe e outras representaban á dereita máis retrógrada.

O luns día 20 pola mañá, ten lugar unha xuntanza de moitos simpatizantes do Frente Popular no Teatro Vilagarcia para decidir se ían a folga xeral. Neses intres foi chamado con urxencia a Pontevedra o deputado de “Izquierda Republicana”  Elpidio Villaverde Rei onde se lle pediu que mandase á capital milicianos armados. De volta a Vilagarcia declarase a folga xeral e fórmase o comité executivo do Frente Popular na Alcaldía, onde se toma a decisión de armar aos obreiros e requisar automóbiles; moitas persoas  non saen das súas casas e a cidade vai quedando case deserta. Anteriormente xa meteran na cadea como prisioneiros máis de 30 persoas de significada ideoloxía dereitista, que en todo momento non foron obxecto de malos tratos nin dano algún.
Directiva de Real Club de Regatas, algúns destes integrantes
foron partidarios do golpe de estado fascista
Porén, todo isto non foi máis que unha ilusión e nada efectivo, xa que o tenente  da Garda Civil de apelido Belay que dirixe as forzas  ao seu mando, aborta a resistencia de Vilagarcía e acada que remate a presión dos resistentes na mañanciña do día 21.
Co paso das horas e organizados os simpatizantes do golpe de estado, colle o mando como comandante militar da Praza o coronel de Regulares Salvador Mujica Buhígas, comezando a da-las ordes oportunas. Nomea como alcalde ao avogado Frutos Cereceda Lapatza e adxuntos a Emiliano Porto e Wenceslao Oubiña.
O día 24 preséntase unha columna de Pontevedra ao mando do capitán da Garda Civil Manuel Bernal con forzas de Artillería e falanxistas. Pola estrada de Rubiáns baixa outra columna de Artillería ao mando do comandante Santiago Revilla. Estas dúas columnas únense e marchan sobre Cambados, ao saír de Vilagarcia teñen un enfrontamento a tiros con
Elpidio Villaverde, terceiro pola esquerda. Alcalde de Vilagarcia e Deputado
Por Izquierda Republicana, na terraza da praia Compostela nas festas de
San Roque 1934. A súa esquerda atópase Bernardino Machado expresidente
de Portugal exiliado por mor do golpe militar no veciño país. A nena que ollamos
na foto é a filla de Elpidio: Rosina.





unha morea de militantes do Frente Popular, que cortaran a estrada ao carón do convento de Vista Alegre. Máis tarde atoparan outras barricadas con moita resistencia en Vilaxoán e o Rial preto do río do mesmo nome onde estouparan unha ponte, a resistencia non puido parar ás columnas de Bernal e Revilla, entrando en Cambados.
Instantánea do mesmo día que a anterior foto na mesma 
praia de Compostela con Bernardino Machado 
e outras persoas
que están sen edintificar. Tamén atópanse as 
dúas fillas de
Elpidio cunhas amigas.
De volta para Vilagarcia, camiñan pola estrada de Pontecesures e atopan en Bamio unha ponte estoupada e non poden seguir, daquela dedícanse a combater aos legalistas republicáns no monte de Xiabre.
O día 25 pola tardiña, estas columnas vanse para Pontevedra despois de reducir en Sanxenxo e o Grove os últimos grupos de leais á República.
Rogelio Díz Fuentes veciño de a Lagoa, pasou polas 
cadeas de 
San Simón (Lazareto) e o Fuerte San Cristóbal 
(Navarra), 
sonado pola súa masiva fuga de presos
Nembargantes, os fuxidos nos montes de Xiabre e Lobeira non foron totalmente eliminados, seguiron resistindo con actos de sabotaxe nas liñas eléctricas e nas vías do ferrocarril. Ante isto volve de Pontevedra o capitán Bernal coa súa columna e fai unha batida o 29 de xullo sobre Xiabre coa axuda dos hidroavións da base de Marín. Ao día seguinte o fan cos refuxiados no monte de Lobeira entrando por Cornazo, Pontearnelas e Sobradelo,  facendo cinco baixas  e varios feridos aos resistentes, entre eles Latorre, persoa que mandaba un dos grupos.
Francisco Muníz

O 4 de agosto nomeouse xuíz militar da Praza ao capitán Carlos G. Rei comezando a instruír os procesos sumarísimos contra os resistentes e leais á República, as consecuencias destes “procesos”
Juan Piñeiro

foron arrepiantes, penas de morte, cadea perpetua etc. O fiscal de apelido Puga, lles pide pena de morte a o ex-xuíz municipal Luís Pardo, Manuel Ouviña, Ramón Mondragón e Angel Navia. Ao alcalde Valentín Brionés, Jesús Villaverde Rei e José Otero foron condenados a cadea perpetua. Aos veciños de Vilaxoán, Francisco Muñíz, Antonio Alejandre e Vicente Montenegro, o fiscal pide a cadea perpetua, quen presidía este tribunal foi o coronel Ledo, Ezequiel Vidal foi condenado a morte e conmutada a perpetua. Tanto os anteriormente citados como Roxelio Diz Fuentes e 
Na fila sentados o segundo pola esquerda é Antonio Alejandre
con outros presos na cadea de San Simón (Lazareto)

Juan Piñeiro Pérez foron levados ao Lazareto (Illa de San Simón) . A Roxelio Diz e Ezequiel Vidal máis tarde os mandaron para a cárcere do Forte de San Cristóbal de  Pamplona, pasados unha morea de anos todos eles  foron postos en liberdade, pero era unha liberdade vixiada. Todos eles pasado moito tempo foron refacendo a súa vida paseniño con moitas dificultades, inclusive Juan Piñeiro Pérez chegou a ser Patrón Maior de Vilaxoán.
Antonio Alejandre entrevistado en Vilaxoán polo sonado xornalista
Perfecto Conde Muruais para a revista Gallegos en 2015.
 O mais triste de todo isto foron as represalias en todas a súas formas a centos de persoas ao longo da guerra e na posguerra como: rapado do pelo ás mulleres, control de vixilancia permanente a persoas soamente por vinganzas persoais, control nos Cuarteis da Garda Civil onde lles daban malleiras, requisas nas casas polos falanxistas dos que eles pensaban que eran sospeitosos, práctica do terror a persoas que non fixeron ren pero si algún dos seus familiares, despidos nos traballos , a queima dalgunhas casas por si se atopaba dentro algunha persoa das que andaban a buscar, para queimala en vida, etc..
Antonio Alejandre ao pé do Pazo de
Pardiñas en 2015. Finou en 2017 aos 102 anos
 Arrepiante foi o asasinato de persoas “paseadas” a sangue fría guindados os cadáveres en calquera cuneta  por elementos que se dicían da Falanxe. “Paseados” só polo feito de defender a legalidade vixente como era a República e a democracia. Entre moitos deles en Vilaxoán foron: Rodrigo Berruete Alejandre, José Otero Lago, Manuel Soto Valle, Antonio Basilio Sayanes González, José Rei Cores,Antonio Soto Patiño, Manuel Diz Fuentes, Enrique Mariño Barreiro, Serafín Nogueira Santorun, Manuel Rei Urcera, Joaquín Valle Torres e Santiago Rivas Martínez.
Os máis baixos instintos do ser humano afloraron con esta semellante brutalidade, non habendo xustificación ningunha para cometer estes asasinatos que aínda despois de setenta anos quedaron na total impunidade.
Esta é un  anaquiño histórico da Guerra Civil e posguerra, historia que sempre nos ocultaron tanto na escola como en outros eidos da vida, sendo imprescindible recuperar esa memoria histórica e dala a coñecer en toda a súa crueza e realidade aínda que non nos guste, para que os nosos descendentes saiban a verdade do que pasou e que non volvan a cometer os mesmos erros. Cousa que hoxe 2019, a dereita franquista volve a seguir creando odio e enfrentamentos xa que non aprederon a usar a forza da razón, só coñecen a razón da forza.
Entrevista a Antonio Alejandre (video caseiro) no Monte de Xiabre
Por Gonzalo Bouza-Brey e Teo Cardalda no verán de 2005




Ningún comentario:

Publicar un comentario