luns, 29 de xuño de 2020

MARTÍN SANTOS FERRÓN Futbolista Internacional



MARTÍN SANTOS FERRÓN
Futbolista Internacional

Teo Cardalda F.
Martín Santos Ferrón naceu na freguesía de Sobrán (Vilaxoán), na rúa Marqués de Pardiñas o 9 de marzo de 1899.
Martín Santos no Real Club Alfonso XIII
Martín deu as súas primeiras patadas, non precisamente a un balón de coiro, senón a pelotas feitas de trapo e cunchas de mariscos no interior. Martín cando era neno xa poñía coraxe e comezaba a despuntar coma un gran xogador e como xogaban no peirao de Vilaxoán, en moitas ocasións o balón remataba no mar.
Naquel entón en Galicia había catro equipos de fútbol: Real Club Alfonso XIII de Vilagarcía, o Real Vigo, o Atlético de Pontevedra e o Real Coruña e dos catro o que máis destacaba era o Real Vigo.  Martín Santos ficha con dezasete anos polo Alfonso XIII e terá como compañeiros a grandes xogadores como Xoán de Hoz, Leona ou Pepe Rei, entre outros.
En 1918 o presidente do club era Xosé Quintáns e o de honra Pedro Seoane e ese ano, concretamente o 6 de marzo, El-Rei Alfonso XIII concedíalle ao club o título de Real.
Crónica de Galicia Nueva de 1916
Debutou Santos o domingo 26 de maio de 1918 nun encontro co Vilagarcía S. C., que gañou o Alfonso XIII por dous a cero. A prensa comentaba o destacado papel de Santos a quen consideraban un gran defensa esquerdo. Os seus compañeiros de equipo neste encontro foron os seguintes Silva, de porteiro, Ramos, Pedrido, González, Blanco, Rei, García, Bravo, Da-Silva e Rubianes.
Velaí algún comentario aparecido na prensa:
Siempre elegante en la entrada, caballero en el juego y en su vida particular, noble con la nobleza que nace del dominio de si mismo supo imponerse de tal manera, que moi pronto fue el ídolo de los públicos, que le dieron el sobrenombre del Zaguero de la Elegancia”.
Foto de prensa cando estaba en Cuba
O 19 de agosto de 1919, o Real Alfonso XIII enfrontouse o Real Stadium de Oviedo, empatando a un gol, cos seguintes xogadores : Bernardo Silva, Martín Santos, Pepe Rei, Serxio González, Xosé Baladía, Manuel Vega, Federico Bouza, Teodoro Rei, Anxo Silva, Vicente Carregal e Roque Rei. Mentres permaneceu no equipo de Vilagarcía tería como compañeiros a Ramón Bravo,Francisco Tobio, Xosé Troncoso, Domingo Dasilva, Anxo Mariño, Faustino Vázquez e Xoán de Haz.
Mais despois de xogar varios anos na formación do Alfonso XIII, M. Santos tivo que coller o uniforme e facer o servizo militar obrigatorio en África, e cando volveu coa licencia na man a Vilaxoán, tivo ofertas de varios equipos pero deuse a casualidade de que chegou unha comisión de directivos do Club Hispanoamerica de Cuba, que amosaron interese en facerlle unha proba, e, unha vez rematada, deseguido quixérono contratar. Así foi, o contrato incluía viaxes pagadas entre Cuba e España e 160 dólares ao mes.
Equipo da selección cubana cando xogou
contra o Español de Barcelona

Na illa caribeña decontado comezou a xogar no Hispanoamerica ao carón de grandes xogadores como Cosme, Gonzalito e Conrado e o pouco tempo foi seleccionado para o equipo nacional cubano.
Unha crónica no xornal El Heraldo comentaba de M. Santos ao fío do papel desenvolvido durante un partido disputado contra o Fortuna Sport Club:
Crónica de diario De la Marina, onde fala sobre Martín Santos
que fora un dos mellores xogadores da Selección. Na primeira
plana aparece a foto do lexendario porteiro Ricardo Zamora
El as entre los ases del balompié, M. Santos es un verdadero maestro del fútbol, una estrella que ilumina con luz propia nuestro firmamento balompédico, un diamante pulido, jugador maestro que sin emplear esas acometidas brutales que hacen pensar al espectador que algo grave ha de ocurrir, ora avanta la cabeza, la hace describir un círculo en el aire y despide de sus dominios el balón, es valiente y decidido, esos saltos que él dá para rechazar de cabeza el balón, saltos que no fallan, pues siempre se le vé sobresalir de los demás con seguridad inigualable. El Heraldo de Cuba se honra publicando en sus planas la fotografía de este estupendo jugador, que en el corto tiempo que lleva en Cuba, cuenta con una grande legión de simpatizantes producto esto, de su juego vistoso e efectivo y de su caballerosidad, tanto en el campo de juego y fuera de él, jugadores como este dan prestigio al fútbol”.
Nun partido no estadio de La Habana. Santos sempre xogaba
cun pano arredor da cabeza, os saltos que pegaba eran
impresionantes
Este importante xornal da Habana, despois de eloxiar a M.Santos tanto deportivamente como humanamente, remata cunhas verbas dirixidas ao seu pobo natal co máis agarimoso saúdo e felicitacións.
Durante un partido celebrado entre o Equipo Nacional Cubano e o Español de Barcelona, no que xogaba Ricardo Zamora, unha multitude de xente coreou o nome de M. Santos no Stadium da Habana, xa que fora o heroe daquel tan disputado encontro e mesmo os xornais afirmaron que fora o cerebro do equipo.
Entrenador da Selección Cubana nos xogos deportivos
centro-americanos
Foto dedicada a Martín Santos
en Cuba de Jesús Rodríguez Bouzas
O Español de Barcelona arribara a Habana o sábado 18 de setembro de 1926, e xogou ao día seguinte ás 17 horas. A selección cubana estaba formada por grandes xogadores internacionais como Amador, Bobranzas, M.Santos, Belmonte, Edelmiro, Arenas, Calceran, Villar, Candasu, Avelino e Torres.
O Español xogaba con Ricardo Zamora, Saprira, Portas, Trabal, Esparza, Caricedo, Olarriaga, Ventrolá, Oramas, Padrón e Yurrita.
Tras un partido amigable que disputou a selección de Cuba contra a de Uruguai, que viña de gañar os Xogos Olímpicos de Amsterdam en 1928, ofrecéronlle xogar no Nova Iorque mais non aceptou, pois dicía que en Cuba atopábase moi ledo.
Título de adestrador para entrenar o Castilla
Durante un partido entre a selección cubana e a mexicana, o estremo dereito desta última partiulle a perna dereita. Unha lesión tan grave tiña que apartarlle dos terreos de xogo, como así aconteceu. Converteuse en adestrador do Deportivo Centro Galego da Habana, e máis tarde a Federación Cubana de Fútbol nomeouno seleccionador-adestrador, gañando as Olimpíadas de Centroamérica.
Entrenador do filial do Real Madrid o Castilla
Tras nove anos de permanencia en Cuba, retorna a Galicia para ocupar o posto de adestrador do “Club Vilagarcía” e tamén do equipo feminino de hóckey. En 1940 marcha a Madrid opara ocupar un posto no Ministerio de Traballo e chega a adestrar ao Castilla, equipo de fútbol filial do Real Madrid. Case tódolos veráns viña pasalos en Vilaxoán e tiña o costume de pasear polo peirao e polo Preguntoiro falando con uns e con outros, xa que endexamais se esqueceu o pobo que o viu nacer. Nun deses paseos foi entrevistado polo xornal deportivo “Marca” o 4 de decembro de 1943.
Entrevista do xornal Marca de Madrid
en 1943
Martín Santos era un grande amigo do boxeador Jesús Rodríguez Bouzas “La Pantera de Arosa” tamén nacido en Vilaxoán, cando nos anos 1925 e 1926 estivo pelexando en combates na Habana e Santiago de Cuba, onde resalto unha foto en Cuba dedicada a Martín Santos. Entre os meses de 1925 e 1926 Jesús pelexou 10 combates
Unha das moitas afeccións que tiña aparte do fútbol e outros deportes, era a literatura. Martín Santos era fillo de Francisco Santos Crespo que fora fundador en 1919 e secretario do Pósito de Pescadores(Confraría) compaxinando esta faceta co de ser administrador do Marqués de Pardiñas Ramón Agustín Pardiñas Montenegro, que finara o 12 de xaneiro de 1917 onde foi soterrado no cemiterio de Sobrán (Vilaxoán). Antes de finar o Marqués regaloulle a escopeta de caza ao pai de Martín Santos, cousa que pasou dita arma (hoxe peza de museo) aos descendentes de Francisco Santos Crespo. Na actualidade está en posesión de Martín Santos Villar, fillo de grande futbolista.
Neste anaco da historia teño un pracer especial  e orgullo por escribir sobre Martín Santos Ferrón, xa que tócame familiarmente como tío-avó. Finou o 25 de agosto de 1964 o “Zaguero de la Elegancia”. 




Ningún comentario:

Publicar un comentario