VILAXOÁN : ÉPOCA MEDIEVAL
Na
época medieval, a antiga freguesía de San Martiño de Sobrán pertencía ao
bispado de Iria que, co tempo, chegaría a ser do Cabildo de Santiago de
Compostela. A primeira nova histórica de San Martiño de Sobrán témola na obra
de Antonio López Ferreiro Historia de la Santa
A. M. Iglesia de Santiago; dicía que no ano 1115 o nobre galego Ramiro
Muñiz fixo a doazón deste territorio de Sobrán (Severana) ao Apóstolo, concretamente
á igrexa de Compostela.
Co
tempo, a finais do século XIV, estas terras de Sobrán pasarían por aforamento
da Mitra Compostelán á Casa dos Soutomaior, liñaxe moi poderoso naquelas épocas
en Galicia.
![]() |
Pazo de Sobrán |
Estes
tributos señoriais dos portos da costa e das rías eran os “diezmos de mar”, que
sempre foron de señorío real, inda que nos comenzos do século XIV tivesen a
metade os Arcebispos de Compostela por unha concesión outorgada polo Rei
Fernando IV.
Cando
asentaron en Sobrán os Soutomaior, tiñan como dereitos ,ao ser terra marítima,
tres importantes tributos, que eran “derechos del Señor”: O tributo dos “cambos”, que se compoñía dun feixe de peixes por cada barco que chegaba ao porto
cargado de calquera especie do mar; O de
“portazgo”, que eran os dereitos por carga e descarga de calquera
mercadoría de cada barco e, por último, o tributo de “quebrazos”, que viñan ser
os refugallos dos naufraxios que o mar guindaba á costa, pero este tributo
soamente lle correspondía ao señorío.
![]() |
Sartego de Paio Gómez Chariño, na Igrexa de San Fracisco de Pontevedra |
As avantaxes
señoriais estaban rebaixadas en certo porcentaxe nas terras dependentes dos
Arcebispos composteláns polo aproveitamento e concesión que éstes tiñan do
tributo dos “cambos” en toda a Ría de Arousa.
A
economía dos habitantes da bisbarra do Salnés, e polo tanto dos que residían en
Sobrán, era máis de subsistencia, baseada na pesca e a agricultura, e sufrían
fortes impostos que enchían as arcas do señores, que eran os Soutomaior, que tiñan intereses nalgúns
portos da Ría de Arousa, Cambados, Illa de Arousa, Vilanova etc. Onde non tiñan señorío,
impoñían a súa cara protección como era o caso de Vilanova de Arousa. Era o que
os arousáns lle chamaban “os cartos da sardiña”, exactamente
corenta marabedís, “que lles non
foran dados salvo por defensión, que os defendese” .
Os
Soutomaior desprezaban esa cantidade por un bo banquete para as súas xentes.
Nunhas declaracións recollidas en acta notarial realizadas ante o alcalde da
Hermandade da vila de Vilanova, Rui Vicenti, actas dadas a coñecer por López
Ferreiro, comentábase sobre Suero Gómez de Soutomaior, Señor de Sobrán: “ahora viñase (Suero Gómez) a comer con trinta e
quarenta omes e quantos eles querian a
comer os ditos jantares”.
Na
segunda metade do século XV, a presión dos señores sobre as poboacións arousáns
resultaba insoportable, segundo declaraban en 1467 aos alcaldes da Hermandade
os veciños de ditas poboacións. Aquel primitivo titular do señorío, o Cabildo
compostelán, fora anulado. Primeiro impuxo a súas esixencias o Arcebispo de
Santiago, D. Lope de Mendoza, que levaba as rendas reais, e despois impoñían o
seu ditado os señores que acadaran dos arcebispos o arrendo das rendas reais no
seu favor. “Ahora se
entrometian señores e caballeros da terra a arrendarla e... fazian faser outros
arrendamentos ao dito lugar, en maneira que se agravaban o lugar para que os
tomase a mayores precios”.
![]() |
Sartego de Suero Gómez de Soutomaior. Museo de Pontevedra |
A
fundación de Burgos mariñeiros contemplouse como algo de moito proveito persoal
para os receptores dos impostos. Así, no século XV, fundouse a vila de
Portonovo polo Arcebispo don Lope de Mendoza; o arcediano de Reina, don Xoán
Mariño de Soutomaior, fundou o porto de Vilaxoán na xurisdición de Sobrán, algo
que comentarei con máis amplitude en vindeiros capítulos, e García de Caamaño,
a vila e porto de Vilagarcia.
O gran
polígrafo Fermín Bouza-Brey, no seu
traballo titulado El señorío de Villagarcia desde
su fundación hasta su marquesado (1461-1655), da a entender que a fundación
do porto de Vilaxoán foi anterior ao de Vilagarcia, e comenta textualmente:
“Para llevar a cabo esta puebla (refírese a Vilagarcia) a la que dio su
nombre, como había dado su tío político, el Arcediano Xoán Mariño, el suyo de Villajuán a la por el
fundada, otorgó don García de Caamaño en la inmediata parroquia de Cornazo, una
carta con fecha 12 de mayo de 1461”.
O seu
bisavó, que foi tanto ou máis importante, foi Paio Gómez Charino (segundo
Crespo Pozo, débese nomear Paio Gómez de Soutomaior El Charino); nacera en
Rianxo no ano 1223 e foi Señor de Rianxo e Quinto Almirante de Castela,
asistindo á conquista de Sevilla tomada polos mouros. Para a toma desta cidade
concorreu coas naves de Galicia, chegando a ser primeiro Almirante Maior;
dende a súa mocidade foi moi afouto e práctico nas tarefas do mar por se ter
criado na ribeira e afeito dende a súa nenez aos perigos do mar. Dende moi mozo
comezou a súa carreira militar.
Na toma
de Sevilla mandaba unha flota de 27 navíos e destruíu unha ponte feita de barcos
sobre o río Guadalquivir, que chegaba desde o castelo de Triana ate o Arenal, cunha
das súas naves. Isto aconteceu o 3 de maio de 1248.
![]() |
Pazo de Sobrán en 1919 |
Ao ser
Paio contemporáneo do Rei Alfonso X El Sabio, personaxe que tanto amaba a poesía
e aos poetas galegos, o Rei sempre procurou telo ao seu carón. Moitos estudosos
de Paio din que, no eido literario, foi un dos representantes máis notabéis da
lírica galaico-portuguesa, xunto con Martín Códax, Mendinho e Joan de
Cangas. Foi don Paio un dos primeiros autores que tratou o tema do mar na
poesía, cantando ao mar aberto surcado polos navíos de guerra. Esta é unha
pequena mostra da súa poesía:
“As froles do meu amigo / briosas van no navío / e
vanse as frores / d´aquí ben cos meus amores...”.
Da súa
condición trovadoresca, que foi e por certo excelente, recollo unha pequena
estrofa: “... Ai Santiago, padrón
sabido / Vos m´adugades o meu amigo; / sobre mar vem quem frores d´amor ten /
mirarei, madre, as torres de Jeen...”.
O mariño, poeta e trobador,
don Paio Gómez Charino, vencellado á Ría de Arousa e, indirectamente, con San
Martiño de Sobrán, finou asasinado en 1297 (seica por razóns políticas) estando
nunha dehesa de Ciudad Rodrigo en conversa a cabalo cos Infantes D. Xoán e D.
Pedro, cando un cabaleiro de nome Rui Pérez Tenorio atravesoulle o corazón cun
coitelo. Ao Almirante Poeta trouxérono para ser soterrado en Pontevedra, na
Igrexa de San Francisco. Estaba casado con Dona María Maldonado.
O seu
bisneto do cal faláramos anteriormente, don Paio Gómez de Soutomaior, Señor de
Sobrán, fora nomeado polo Rei Henrique III embaixador ante o Gran
Tamorlán, chamado tamén na forma máis usual no século XIV
“Tamurbeque”, que era un gran conquistador tártaro e xefe do Diagatai, unha
gran rexión de Hungría .
Interior do Pazo de Sobrán co campanario da Igrexa de San Martiño de Sobrán |
Nun
escrito do século XV titulado Discurso hecho por Gonzalo Argote de Molina, fala
deste acontecemento diplomático: “ .... imbió el rey don Enrique por Embaxador al gran Tamorlán a
Payo Gómez de Sotomayor y Hernán Sánchez de Palazuelos, Caualleros de su casa.
Los cuales se hallaron en aquella sangrienta
y famosa batalla que entre estos dos grandes principes se dio, donde el
turco, preso y puesto en una jaula de fierro, siruiendo de poyo de estribo al
Tamorlán. Recibió el Tamorlán con mucha Beneuolencia a Payo Gómez de Sotomayor
y Hernán Sánchez de Palazuelos... ”.
Entre
os dons que Tamorlán concedeu ao Rei Henrique III, levados por Paio Gómez e
Hernán Sánchez, estaban dúas damas irmáns, que en Castela se chamaron Dona
Angelina de Grecia e Dona María Gómez. Contan os cabaleiros do liñaxe de
Soutomaior, descendentes de Paio Gómez, que chegou a Sevilla con Angelina e
María e de alí marcharon á Corte,
pasando pola fortaleza de Carpio (Córdoba) que pertencía ao seu curmán, Luís Méndez de
Soutomaior. Foi recibido e hospedado con grandes festas, e acampou ao pé da fortaleza na que don Paio tivo
amores e empreñou a Dona María Gómez , razón pola que El-Rei don Enrique quixoo
prender e matar, fuxindo don Paio a Galicia e despois a Franza para, co tempo, obter
o favor real e ser perdoado. Por orde do Príncipe Juán, volveu a Galicia e casou
con Dona María Gómez en terceiras
nupcias. A súa primeira dona , Dona Maior de Mendoza, era irmá do Arcebispo de
Santiago don Lope de Mendoza, e a segunda foi María de Grecia. Os seus fillos
foron Suero Gómez de Soutomaior, Mariscal de Castela que seguiu a liñaxe; Dona
Inés Gómez de Soutomaior; María Gómez de Soutomaior; Paio Gómez; María Álvarez
e Juán Mariño de Soutomaior, fundador da vila e porto de Vilaxoán. É máis que
probable que Inés Gómez como María
Ávarez, o doutor Diego Álvarez, e, quizais,
tamén Estéban Rodríguez, tesoureiro da Igrexa de Santiago, foran fillos de María Gómez, como tamén o devandito don
Juan Mariño de Soutomaior.
O
primoxénito, don Suero Gómez de Soutomaior, O Mariscal, herdeiro do señorío de
Sobrán, Rianxo e Lantaño, xogará un dos papeis máis interesantes na Galicia do
século XV. Estaba casado don Dona Leonor Vázquez da Insua.
![]() |
Foto aerea onde se ollea o Pazo de Sobrán e a Igrexa de San Martiño de Sobrán, anos sesenta |
De mozo
serviu ao Rei Don Juán II de Castela. No ano 1441 foi testemuña con don Juan de
Mendoza na carta do título de “Pertiguero Mayor” de Santiago, que fora outorgado a
Rui Sánchez de Moscoso, da fidalga Casa de Altamira, da que Suero Gómez foi
sempre o seu fiel aliado.
|
![]() |
Manuscrito do Recuento das casas antigas do Reino de Galicia na Biblioteca Nacional de España. Os Soutomaior da Casa de Lantaño e Sobrán |
As
relacións que Don Suero tiña cos arcebispos de Santiago sempre foron de moita
tensión e en moitos casos ameazárono de excomuñón e con multas de mil
maravedís, de non se abster de esixir os tributos aos cidadáns das vilas
pertencentes a Santiago. Pouco caso lles fixo. Unha desas requisitorias de
excomuñón foi para que deixara exento ao cabildo de San Adrián de Vilariño de
Cambados das rendas e froitos. Cando era Arcebispo D. Rodrigo de Luna non houbo
nengún troco por parte de D. Suero.
No ano
1449, D. Suero casa en segundas nupcias con Dª Juana de Luna, irmán do
Arcebispo, mais D. Suero seguiu aproveitando como antes os dereitos e señoríos
da Igrexa de Santiago. En 1450, o Arcebispo D. Rodrigo fai un chamamento aos
cabaleiros e escudeiros do seu reino, e moi especial ao seu cuñado D. Suero,
prohibíndolles esixir “pechos y servicios” aos colonos dos canónicos por
estaren exentos en virtude da concesión real e eclesiástica.
Máis
adiante, e con ocasión dunha carta de D. Rodrigo de Luna na que se ordeaba a
cantos tiñan terras e pazos do Arcebispo que se incorporasen ao real exército
na expedición contra os mouros, D. Suero e os demais cabaleiros negáronse a
tal, dicindo que non estaban na obriga de facer tal servicio, comezando así un
enfrontamento entre o Arcebispo e os demais cabaleiros que precisou da
intervención do Conde de Lemos para asinar unha tregua. Nese mesmo ano de 1458,
o Rei D. Henrique mandoulle unha carta a D. Suero e a outros cabaleiros na que
se refería ás liortas que mantiñan co Arcebispo de Santiago.
![]() |
Alonso de Fonseca |
Desde
que se fai cargo da sede de Compostela Don Alonso de Fonseca no ano 1464, houbo
unha continua sucesión de graves liortas cos señores. D. Suero Gómez, fiel
aliado dos Moscoso, condes de Altamira, xogou un papel importante e, ao mesmo
tempo, foi quen maior beneficios tirou da situación de enfrontamento que obrigou
a Fonseca a asinar unha capitulación na que se comprometía a non residir na súa
Diocese por un espazo de dez anos. Volverá Alonso de Fonseca a Compostela por
mor do levantamento dos Irmandiños. A situación de descontrolo era tal que o
Rei manda a D. Fernando Pareja, Adiantado Maior de Galicia, para poñer orde e fai
un requirimento ao Sr. de Sobran, D. Suero, e a outros cabaleiros para que
atendan a razóns, tomando estes a determinación de se constituíren nunha
especie de confederación para se axudarse mutuamente contra Fonseca e os nobres
vencellados co arzebispo. Ao derrotar a Fonseca, os señores de Galicia
obtiveron grandes mercés do feble Rei Henrique IV e D. Suero é nomeado Mariscal
conxuntamente con D. Pedro Pardo de Cela.
![]() |
Pedro Pardo de Cela Copia dun lenzo no Castelo da Frouxeira |
Na
guerra de sucesión ao trono de Castela, o Sr. de Sobrán Suero Gómez amósase partidario de Dª Isabel.
No ano 1475 intervén no cerco a Pontevedra, que estaba en poder de Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga),
cabaleiro que sempre foi compañeiro de armas de D. Suero. Quen levaba a parte
principal do ataque a cidade eran o Arcebispo Fonseca e o nobre Ladrón de
Guevara, que, dubidando da lealdade de
D. Suero e dos seus aliados, Lope Sánchez de Ulloa e Moscoso, Conde de
Altamira, e Diego de Andrade, determinaron en segredo prendelos pero advertidos
por García Martiz de Barbeira do que tramaba o Arcebispo, puideron librarse
da traizón. As cousas “no fueron de buena guisa” para os inimigos
de Pedro Madruga, tendo que levantar o cerco da cidade que continuou no poder
de Pedro Álvarez.
No ano
1481, D. Suero intervén con Fernando de Acuña
contra Fonseca pero o cerco pouco dura.
![]() |
Escudo de armas dos Gómez de Soutomaior |
Finou
D. Suero no ano 1490, sepultárono, segundo era a súa vontade, no Mosteiro de
Santo Domingo de Pontevedra onde ficaban xa o seu pai Paio Gómez de Soutomaior
e os seus avós.
Ao
finar D. Suero, o seu irmán, D. Xoán Mariño de Soutomaior, o fundador do porto
e vila de Vilaxoán, quedou rexendo o señorío de Sobran ata a súa morte,
acontecida en 1496.
T.C.F.
Ningún comentario:
Publicar un comentario