sábado, 18 de abril de 2020

CAPÍTULO PRIMEIRO- ASOCIACIÓN DE LABREGOS E MARIÑEIROS “LA HONRADEZ” 1915



 CAPÍTULO PRIMEIRO-

ASOCIACIÓN DE LABREGOS E MARIÑEIROS “LA HONRADEZ” 1915

Ao anexionarse o Concello de Vilaxoán ao de Vilagarciá en 1913, non había unha representación real na vila que ollara polos intereses dos labregos e mariñeiros, e catro anos antes da fundación do Pósito de Pescadores nacera esta asociación concretamente o 5 de xaneiro de 1915 e o 7 do mesmo mes elixen a Xunta Directiva coas seguintes persoas: Presidente Honorario, Manuel Fernández Álvarez (1) ; Presidente, Bernardino Riveiro; Vicepresidente, Xosé María González; Secretario, Salvador Vidal; Vicesecretario, Braulio López; Contador, Silverio Bouzas; Tesoureiro, Emilio Dasilva; Vocais, Antonio Díaz, Xosé María Rey, Antonio Díz, Santiago Manuel Otero, Francisco Navazas e Marcelino Urcera.
Preguntoiro ao fondo. Estrada de Vilagarcía a Cambados. sobre a dereita
a fábrica de salgadura de Trigo e no mar a escadra inglesa, anos 20

(Foto: xentileza de J. Carlos Porto)
Eran uns homes emprendedores de Vilaxoán que trataron de facer o posible acadando melloras sociais para o pobo. Como dixen anteriormente, naceu esta asociación por mor da falla do Concello de Vilaxoán e aínda non chegara a lei dos pósitos en España.
Nesa primeira xuntanza comentaban que, a representación por Vilaxoán que neses intres tiñan no Concello de Vilagarciá non era do máis axeitado para os intereses dos labregos e mariñeiros, sendo o representante nese intre o derradeiro Alcalde de Vilaxoán Sr. Ameijeiras, concelleiro pola vila no Concello de Vilagarciá.
A primeiros do mes de febreiro de 1915, esta asociación “La Honradez” fixo un xesto moi humanitario ao mandar un telegrama ao Presidente do Goberno Eduardo Dato, pedíndolle a gracia e o perdón para uns reos de Cambados condenados a morte. A asociación recibiu un telegrama o 12 do mesmo mes do Presidente Dato, comunicándolle que se ollaría o expediente de ditos reos; un mes despois estes reos foron perdoados da pena capital.
Vilaxoán desde o alto de Faxilde. A dereita a Igrexa de San Martiño
de Sobrán e ao fodo na ría a escadra inglesa, ano 20
(Foto: xentileza de J. Carlos Porto)
O 10 de maio de 1915, nos medios de comunicación en especial "La Opinión" de Redondela comentaba moi extensivamente unha nota desta asociación: "La Asociación la Honradez de Villajuán está siendo objeto de un cobarde acecho por parte de unos malvados caciques de esta villa, aquí están unos hombres que mutuamente se denunciaron como finos ladrones y falsificadores, esta Asociación los ha cogido en fraganti delito de malversación, hubo un robo que se mormura simulado en la que desaparecieron comprometedores documentos de la Casa Consistorial relacionados con el Ayuntamiento de Villajuán, y ahora aquellos malvados sinverguenzas se proponen por los medios más cobardes acabar con esta asociación la Honradez,
En El Correo de Galicia de marzo de 1913
aparece unha nova onde fala  dese roubo
de actas do Concello de Vilaxoán. Actas que aínda
hoxe non apareceron. ¿Que quixeron ocultar?
pero muy pronto vendrán por Villajuán los líderes de las asociaciones de Pontevedra a dar un gran mitin los Sres. Couto, Amoedo, Jacinto Crespo y Samuel Blanco en la que perfectamente documentados sacarán las máscaras con que tratan de cubrise estes caciques de Villajuán. En el mitin se invitará a la prensa y mientras tanto tengan calma nuestros compañeros de Villajuán, que al fin y al cabo el tiempo será siempre de los honrados.
Nosotros dejaremos páginas escritas de ciudadanía, ellos dejaran las leyes un nombre manchado por el crimen”

Nestes históricos escritos algo se di sobre a anexión do concello de Vilaxoán, e algo fedía 

moi mal nesta versión oficial. A versión que se citou historicamente sempre foi a do 

problema económico de Vilaxoán.  Coido que as cousas non foron como se dixeron, senón que houbo moito de caciquismo das forzas vivas de Vilaxoán e Vilagarcía.
Hai moitas lagoas nos derradeiros momentos da anexión de Vilaxoán a Vilagarcía. Nalgúns escritos por historiadores locais fan un canto moi ledo a esa anexión, pero as cousas non foron tan ledas nin amigables, en especial por parte do derradeiro Alcalde de Vilaxoán o Sr. Ameijeiras e algúns membros da corporación; proba diso é a falla de actas e documentos nos Arquivos dos últimos anos antes da anexión, outra proba son as devanditas  declaracións a prensa da asociación La Honradez. ¿ A quen lles interesou naqueles anos que non houbera probas escritas do Concello de Vilaxoán?.
Faxilde anos 20

Estou a facer uns comentarios sen moitas interpretacións persoais, nin puntos de vista propios, soamente é unha relación de feitos vencellados aos primeiros anos do século XX. Feitos expostos obxectivamente pescudando nas fontes antigas sen discusións nin xuízos alleos á historia, aínda que ao pescudar sempre se fai algunha que outra interpretación persoal por mor de repetirse a historia en algún que outro caso.
Neste anaco histórico da Asociación “La Honradez”, coido que se pode sacar algunha interpretación analizando paseniño a vida social daqueles primeiros anos da perda do Concello en 1913 e das asociacións que naceron despois desas datas.
Despois daquel aviso aos xornais do 10 de maio de 1915 da Asociación “La Honradez”, falando sobre as trapalladas dos caciques e poñendo espidos aos causantes da perda do Concello. O 22 de agosto do mesmo ano celebrouse un gran mitin na Praza do Campo (hoxe, Praza de Rafael Pazos), para denunciar e poñer en evidencia aos caciques desta vila, segundo dicían os dirixentes da Asociación que, estaban antepor os intereses persoais aos intereses  da maioría do pobo.
Piornos na Lagoa, anos 20
Uns días antes de comezar o mitin, seica o Alcalde de Vilagarcía Sr. Valentín Viqueira tratou por tódolos medios de que o mitin non se celebrara, inclusive fixo xestións co Gobernador para abortalo. As crónicas daquelas datas dan conta deste feito, cousa que da pé para reflexionar un pouquiño, os xornais comentaban deste xeito: “El Alcalde Sr. Viqueira, haciendo honor a su impopularidad y a su sistemática oposición a cuanto signifique progreso para el pueblo, negó el permiso hasta el último momento, demostrando la más intolerancia e ignorancia de las leyes de reuniones públicas”. Porén, teño que poñer certas cousas no seu sitio: o cortés non quita o valente xa que tres anos despois o  Doutor Valentín Viqueira como médico estivo ao pé do canón con outros médicos a salvar vidas en Vilaxoán ante o andazo da gripe de1918.
A Asociación “La Honradez” ante este feito do Sr. Alcalde comentaba : “ Os labregos e mariñeiros de Vilaxoán non se asustan dos monterillas que coñecen a conduta dos caciques”. Os dirixentes da Asociación puxéronse á fala co Gobernador, que este lle dou tan tremendo rexeite ao Sr. Alcalde que inclusive o desautorizou con un telegrama moi preciso: “Gobernador, comunica Alcalde de Vilagarcía que organizadores mitin Villajuán, comunican que desean hacer mitin, sino hay otras razones que lo impidan, no veo que haga falta suspenderlo”.
Mitín na Praza do Campo (Hoxe Rafael Pazos) anos 20
Ante todo isto que estaba acontecendo, a Asociación manda aos xornais unha nota moi dura : “Si el Sr. Alcalde de tener muy claro el concepto de la dignidad política, pediría su dimisión. Así hacen los hombres de carácter que no se apegan al bastón de mando”. Despois da dura oposición do Sr. Viqueira e algúns concelleiros da Corporación, incluíndo o concelleiro por Vilaxoán o Sr. Ameijeiras, para que fracasaran os labregos e mariñeiros, non pode darse meirande desautorización por parte do Gobernador ao Sr. Alcalde.
O mitin comezou ás seis do serán. Asistiron as asociacións dos distritos de Cambados e Caldas de Reis coas súas bandeiras e moreas de xente. Estiveron convidados a Banda de Música de Vilanova de Arousa e o Gaiteiro de Paradela.
Na tribuna que estaba colocada onde hoxe está a fonte, comeza por falar o Sr. Maio, presidente da Federación de Asociacións, que fai a presentación para logo dar uso da palabra o avogado de Vigo e Director do xornal “La Noche” o Sr. Adolfo Gregorio Espino, onde fixo unha descrición moi animada sobre os galegos; comparounos pola súa reflexión ás pousadas augas da fermosa Ría de Arousa nos días de bonanza, e como ela, brava e adoecida cando chega o sufrimento. Atacou moi duramente ao caciquismo dicindo que, os labregos e mariñeiros teñen solucións políticas e económicas-sociais para arranxa-los problemas que neses intres tiñan.
Deseguido sube ao palco O Sr. Meis, fala como un socialista recomendando o asociacionismo como único medio de colle-la forza para derrubar aos caciques, dando lugar a que veña o estado de dereito e as reivindicacións sociais; falaba tamén da necesidade de face-los Bancos Agrícolas como medio de arrincar ao pequeno dono das poutas do caciquismo e do usureiro.
Badía do Tombo
Manuel Rodríguez dirixente labrego, comeza cun longo discurso, onde en cada intre era interrompido polos centos de persoas. Recomendaba a necesidade de que o pobo mariñeiro e rural perda o medo aos caciques e a necesidade de estudar o programa agrario nas asociacións para levalo á práctica.
Logo fala o Director da Escola número un, das que sosteñen as Sociedades de Preescolar en Paradela D. Samuel Blanco López, onde di en termos moi sinxelos a necesidade que o pobo ten da instrución na escola, pedindo ao Goberno uns locais que teñan as condicións necesarias e mestres que fuxindo de certos prexuízos pero espetando ideas e credos alleos, para acadar o que os “ alcaldes de monterilla” e caciques non deixan, que tratan de que non haxa escolas para eles aproveitarse, para ternos como años mansos; finalizou o Sr. Samuel con estas palabras: “pobo galego érguete e camiña, sacude a preguiza enarbora a bandeira do progreso da liberdade si queres redimirte”.....IR AO CAPÍTULO SEGUNDO
=============================
(1)-



Ningún comentario:

Publicar un comentario