xoves, 26 de setembro de 2019

CENTENARIO DO PÓSITO DE VILAXOÁN 1919-2019

CENTENARIO DO PÓSITO DE VILAXOÁN
1919-2019

  Desde fai moitos anos esta vila sempre tivo un movemento asociativo moi forte en tódolos eidos da vida social. A historia nos lembra que estes movementos asociativos sempre estiveron na vangarda  das reivindicacións sociais,culturais e de melloras para o pobo. Porén, non soamente eran reivindicacións organizadas por distintas agrupacións ou asociacións que loitaban a principios do século XX contra as inxustizas
Vista aerea de Vilaxoán de Arousa na actualidade
e o caciquismo imperante daqueles anos tan convulsos, senón que por veces eran loitas espontáneas que nacían por un caso concreto de abuso de poder, inxustiza e a fame que padecía a clase mariñeira, como foron os graves sucesos acontecidos en 1901 polos problemas da Traíña e o Xeito con enfrontamentos entre o pobo (mariñeiros, mulleres e xente non mariñeira da vila) e as fozas de orde público, principalmente a Garda Civil que chegou a disparar contra todo o que se movía causando feridos graves entre mulleres e homes vilaxoaneses. Sucesos que estiveron seguidos polos xornais de Galicia e de Madrid e logo levouse todo o acontecido ao Parlamento de Madrid.
O xornal El Liberal de Madrid recolle todo o acontecido en Vilaxoán, foi o pobo
mariñeiro onde comezou a loita para percorrer a toda a Ria de Arousa. 22 de 09-1901

Nestes graves sucesos non quería deixar pasar de escribir sobre estes feitos que é onde saco unhas conclusións moi interesantes sobre a clase de mariñeiros que abondaban na vila, homes e mulleres bravos que a partir destes históricos sucesos foi onde esta xente do mar comezaron a tomar conciencia tratando de organizarse en asociacións. Así foi como ao pasar os anos foron xerminando paseniño estas agrupacións. Porén, deste grave suceso facerei un apartado máis extenso con documentos abondo e inclusive das actas do parlamento, onde algúns deputados liberais falaban e manipulaban os feitos de que non houbo feridos.
  Ao desaparecer o Concello coa anexión ao de Vilagarcía en 1913, péchase unha etapa da historia de Vilaxoán. Alguén pode pensar que esta anexión foi un camiño de rosas e a xente do común do pobo nada fixo, pois houbo protestas pero foron acaladas por certas autoridades políticas e caciquís por manobras nos prazos de protesta sobre a anexión.
Este recorte pertece ao xornal La Época
de Madrid onde recolle a cantidade de feridos
e a algún ata lle deron a extremaución.
a Unha muller de 80 anos recibiu catro balazos
da sempre "Benemérita" Garda Civil
Ante esta situación da perda da máxima institución, os mariñeiros e labregos fundaron unha asociación en 1915 que levaba o nome de “La Honradez”, tiña entre as súas reivindicacións resolver os problemas tanto dos labregos como os dos mariñeiros.   Desta asociación saíron os alicerces da fundación do Pósito Pescador de Vilaxoán no ano 1919.
Este traballo que saíra a luz a primeiros do ano 2020 nun libro que estou rematando consta de diversos capítulos, onde o máis importante é tratar de saber da historia do Pósito, porén, non podo esquecerme de facer un apartado daqueles anos de principios do século XX daqueles afoutos mariñeiros que enfrontáronse ao poder establecido cunha represión xamais vista nesta vila. Quizais non se podería falar e escribir do Pósito se aqueles homes e mulleres de entón que non esqueceron daquela represión e de perda do Concello, coido que por iso trataron de organizarse ao longo dos anos chegando a acadar esta representación mariñeira a nivel estatal.
  Teño que dicir que a pescuda sobre esta entidade mariñeira, pouco atopei nos documentos da que hoxe é a Confraría; moitos destes documentos foron desaparecendo ao logo dos anos. Mergullando puiden recuperar algunha que outra acta do anos 50 e 70 do pasado século sendo case imposible facer un traballo moito máis extensible, porén, por fora da entidade atopei unha morea de documentos e artigos dos xornais galegos e de Madrid, por outra banda rebusquei na casa matriz da miña familia e algo tamén atopei polo seguinte motivo de que o meu bisavó fora un dos fundadores.
  Neste libro do Pósito será moito máis extensivo con moitos documentos que ao longo destes últimos meses están aparecendo. Quero chegar unha vez máis a reflectir un anaco da historia dun pobo, duns homes e mulleres que loitaron por unha vila mellor en tempos non moi doados e de penurias.
   A miña arela sería que este traballo histórico fora recollido e ampliado por futuros historiadores da vila, que abran os regos polos que circulen a historia e a vida, estou a falar por eses nenos e nenas que hoxe están estudando nos Colexios de Vilaxoán, só por isto, pagou a pena facer este anaco de historia,
 Este sinxelo traballo vai en forma de homenaxe por todos aqueles, mulleres e homes, que ao longo dos anos traballaron e loitaron anonimamente en condicións moi extremas intentando facer un Vilaxoán mellor.
Teo Cardalda F.

                            FUNDACIÓN

PÓSITO PESCADOR DE VILAXOÁN DE AROUSA-1919

  Voume espallar un pouco nos tres primeiros anos da súa fundación deixando todo o resto de centenario para ese traballo do libro que estou preparando, e afondar moito máis na historia dunha institución moi antiga de Vilaxoán como é o Pósito Pescador que foi o embrión da actual Confraría.
O Pósito na súa fundación, estaba na casa señalada coa frecha
 ao pé do Pazo de Pardiñas. As oficinas atopábanse
na pranta baixa é era propiedade do Secretario e fundador Francisco
Santos Crespo
  O domingo 28 de setembro de 1919, foi a data da fundación do Pósito Pescador de Vilaxoán por uns homes emprendedores desta vila. Homes que naquelas datas de penuria tiñan unhas inquedanzas e gañas de organizarse para acada-lo mellor para Vilaxoán, sendo tempos non moi doados para enfrontamentos co poder polo caciquismo que estaba imperando na nosa sociedade galega.
 Porén, o desexo de loita deste homes foi que decontado Vilaxoán tivera unha representación dos mariñeiros con carácter oficial, sendo este Pósito o que facía o número 15 (o primeiro de España fora o de Cambados en 1917) en toda a xeografía española, cando neste devandito día se constituíu xa tiñan 160 socios mariñeiros.
O Pósito (Confraría) na actualidade

 Foron estes homes fundadores as seguintes persoas: Presidente, Xesús Somoza Villaronga; Secretario-Contador, Francisco Santos Crespo; Vicepresidente, Xoaquín Bouzas Názara; Vice-secretario, Antonio Vázquez Jueguen; Tesoureiro, Xoán Fernández Patiño; Vocais, Xoaquín Valle Torres; Xoaquín Chaves Alejandre; Manuel Vidal Orozco e Antonio Soto Brocos.

Jesús Somoza Villaronga. Fundador
 e primeiro Presidente
  Xa coa mesma , solicitaron o 18 de novembro de 1919 ao deputado D. Pedro Seoane, a construción dun peirao, solicitude que cito literalmente: “....El vecino puerto de Villajuan que por su importancia como centro de operaciones para la industria de la pesca, está conceptuado entre los primeros de la Ría de Arosa y en el que las transaciones que diariamente se realizan en la Lonja son importantísimas, mereciendo también que nuestras autoridades vuelvan los ojos hacia la vecina villa de Villajuan cuyos habitantes sufren con paciencia y silencio el abandono en que se hallan.
  La higiene es una de las cosas que acá se desconoce y tan necesaria para la industria que en él se explota como la pesca, salazón, conserva y exportación de toda clase de pescado. Añádase a todo esto las dificultades con que se encuentra los que se dedican a todas estas faenas. No teniendo un muelle que las condiciones y suficiente seguridad para el desembarco del pescado........”. O escrito sigue falando das condicións de atraque e tratar de acadar un lugar de refuxio para as embarcacións, e que se comprometa a Xefatura de Obras Públicas dun inmediato estudo e proxecto do peirao. Rematando a solicitude con unhas verbas moi ao estilo vilaxoanés: “....bueno es, que los vecinos de Villajuan despierten y se den perfecta cuenta de que este pueblo no tuvo ni tiene persona alguna que velase por sus intereses.......”. Lendo estas palabras lonxe no tempo, preto de 82 anos que se dixeron, coido que aínda son válidas na actualidade.
Francisco Santos Crespo. Fundador
 e primeiro Secretario Contador
 Seguindo coa historia, ao sábado seguinte de facer este escrito-solicitude, concretamente o día 22 de novembro de 1919 a xunta directiva do Pósito fai unha xuntanza de mariñeiros onde dan conta do significado do escrito ao deputado Sr. Seoane. Nesta xuntanza O Presidente Sr. Somoza pide un aplauso para o protector deste proxecto do peirao como era o Marqués de Casa Pardiñas D. Ramón Sanjurjo Neira. O Secretario Francisco Santos toma a palabra dicindo que tódolos pobos da Ría de Arousa estanse a beneficiar en obras de peiraos menos Vilaxoán.
Xa facía catro meses que o Pósito estaba en activo, e en febreiro concretamente o xoves 29 de 1920 a xunta directiva fai un balance e reconto das cantidades de ingresos e pagos dende o día 1 de decembro de 1919 ata o día anteriormente citado. A transparencia dos balances era tal que tódalas contas eran tomadas polos xornais da provincia. As oficinas provisionais atopábanse na casa de Francisco Santos Crespo, casa que se atopa hoxendía en ruínas fronte ao Pazo de Pardiñas, tendo a honra o que esta historia escribe de se-la casa onde nacín, o pasar os anos pasaría a Confraría onde actualmente atópase.
  Neste anaco de historia do Pósito, quero reflectir este pequeno balance de contas por se-lo primeiro que se fixo na historia desta entidade.

No apartado de ventas aparecen unha cantidade de persoas con nomes e apelidos dos nosos antergos, estes ingresos eran polo concepto do 1,5 por cento das ventas, entre moitos deles están: Jesús Jueguen, Francisco Durán Martínez, Dolores Muiño Faro, Salvador Martiñán Alejandre, Andrés Rodríguez Bravo, Tomás Piñeiro Bravo, Carmen Rodríguez Bravo, Josefa Bouzas Buceta, Francisco Muñíz, e outros. 
Acta económica desde a súa fundación ata febreiro de 1920

  No día 13 de xullo de 1920, estivo pola tarde en Vilaxoán o Enxeñeiro xefe de Portos do Ministerio de Fomento D. Leopoldo Soler, sendo acompañado polo presidente e secretario Sr. Somoza e Sr. Santos respectivamente, percorrendo parte da zona do mar para estudar sobre o terreo o proxecto das futuras obras do peirao. Ao remata-lo estudo tiveron unha xuntanza co Alcalde Sr: Valentín Viqueira e o Comandante de Mariña. Naqueles intres as aspiracións dos vilaxoaneses era acadar o peirao de abrigo, e neste día parecía moito máis preto a realidade, pero como ollaremos máis adiante en capítulos vindeiros houbo unha “man negra” que chafou o proxecto por intereses políticos e caciquís, xa que si daquela fora avante o proxecto do peirao, hoxendía quizais o porto comercial sería dende Vilaxoán ata Vilagarcía con un calado moi importante.
En relación con este tema da construción do peirao, o día 14 de xaneiro de 1921 o Pósito-Confraría recibiu unha comunicación da Dirección de Obras Públicas comunicándolle que no Boletín Oficial do día 8 do devandito mes, abrirase unha información para a construción do peirao.
O Preguntoiro, primeiros do século XX
  No 14 de xuño deste mesmo ano, celebrase unha xunta xeral presidida polo presidente Sr. Somoza, onde asistiron unha gran cantidade de mariñeiros e como invitados o Alférez de Fragata da Comandancia de Mariña D. Gregorio F. Ballesta e D. Xosé Rodríguez Bernardez que era o inspector dos Positos de España. Dou conta o Secretario Sr. Francisco Santos dos balances de contas, o presidente falou dos avances que se están a lograr sobre as xestións para a construción do peirao. Ao final tomou a palabra o Inspector Sr, Rodríguez falando da unión dos mariñeiros xa que sen ela nada ou pouco se pode facer, diante da xuntanza dos mariñeiros acordou solicitar un crédito da Caixa Central de Crédito Marítimo de 30.000 Pts para a creación dunha Lonxa, así mesmo fai constar a pulcritude e competencia que son levadas as contas do Pósito ao moderno estilo comercial polo secretario Sr. Santos, ao final reinou un gran interese e xubilo por parte dos mariñeiros.
Badía do Tombo, 1901
  A gran labor  nestes dous anos de existencia do Pósito dende o punto de vista social e cultural, foi dunha intensidade importante para Vilaxoan, onde se daban conferencias e actos culturais con asistencia dabondo de mariñeiros e xente do pobo. Como exemplo: a conferencia que dou o 5 de xullo de 1921 o xornalista Sr. Llanizarraya falando sobre os pósitos en España, a conferencia deste día levaba o titulo seguinte: “ La Acción Social de los Pósitos Pescadores “, concretamente nesta conferencia falaba desta maneira: “...que en su tiempo ya me fui ocupando de la iniciativa del Posito Pescador de Villajuan, y me comprometí a decir algo en mi periódico de todos los acuerdos tomados desde que se fundo, y seguir con mucha atención la labor de su Junta de Gobierno. El entusiasmo de la labor cada día aumenta, sobre la parte administrativa nada deja que desear la gran actividad del secretario D. Francisco Santos Crespo, sobre lo cultural mi enhorabuena al profesor D. Jesús Garrido Alvarez por su labor en la enseñanza de los hijos de los marineros, en fin, de la gestión de la directiva en pleno, ya que por todos los medios procuraron alentar a los marineros, consiguiendo limar asperezas, borrar enemistades hacer del Pósito Pescador de Vilaxoan algo tan grande.
1920. Escadra Inglesa desde a Badía do Tombo
  Tamén dera unha conferencia neste mesmo ano outro xornalista Antonio Arnilla onde falara sobre o tema: “Necesidad de la uniòn de los trabajadores del mar”. Eran conferencias cun ton de carácter social coa intención de adestrar aos mariñeiros nos seus intereses como colectivos de profesión moi arriscada naqueles tempos onde traballar no mar non era moi doado. En 1922 coa data de 8 de xaneiro, a directiva do Pósito fai unha xuntanza de mariñeiros para dar conta da preparación das vindeiras eleccións e presentan o balance económico co resultado seguinte: O domingo 27 de maio de 1922, o Presidente Sr, Somoza convoca unha xuntanza  urxente de mariñeiros coa asistencia so Segundo Comandante de Mariña D. Manuel Maute Bravo. O Sr. Somoza de primeiro da conta aos socios dos asuntos referentes à organización, logo pasa ao punto principal que dou motivo a esta xuntanza. No mes de xuño dese mesmo ano, o presidente Sr. Somoza convoca eleccións para elixir unha nova directiva. Os mariñeiros votaron à mesma xunta, dándolle plena confianza na súa xestión. No percorrer destes tres anos non esquecían a solicitude que fixeran en 1919 para a construción do peirao, e seguían loitando como o primeiro día con contactos co deputado Sr: Seoane e autoridades políticas. O día 7 de xullo deste mesmo ano de 1923, chegara ao Pòsito un escrito da Dirección Xeral co ditame do Consello de Obras Públicas coa resolución sobre a construción do peirao, obra pola cal tanto loitaron estes homes fundadores do Pòsito. Dende 1919 que se fixera esta solicitude xa pasaran tres anos, e toda a directiva que estiveron loitando día tras día por acada-lo peirao confiaban en que a resolución fora positiva.
Alfredo Saralegui Caselllas
impulsor dos Pósitos en España
e creador do Instituto Social
de Marina. Foi acusado polo franquismo 

de comunista

  A resposta do Consello de Obras Públicas marca un precedente na historia  de Vilaxoàn dende que perdéramos o Concello en 1913. A comunicaciòn-resposta non ten desperdicio, literalmente foi desta maneira: ......”que este Consejo resolviò que no procede construír el muelle de refugio para embarcaciones pesqueras en Villajuàn, solicitado por el Pòsito por su proximidad al de Villagarcia, del que dista una milla escasa.........”. Quizais fora un erro moi grande o non atender as peticións do Pòsito naqueles anos que nos quedan moi afastados. Quizais si fora ao contrario as infraestrutura actual do Porto Comercial de Vilagarcía, tería outra fasquía , e os proxectos portuarios que se viñeron facendo daquela ata hoxe, serian doutra maneira máis razoable, en calados e en amplitude. Puidera ser que algunha “man negra”, por suposto caciquil, quixera o porto ao pé da súa cama en Vilagarcía.
 Non temos que esquecer a un home que foi o impulsor dos pósitos pescadores en España: Alfredo Saralegui Casellas e ao vilaxoanés Xosé Rodríguez Bernárdez que era o inspector dos Positos de España.



(Se algunha persoa ten interés en saber algún feito histórico ou documento sobre o Pósito, informarei con moito gosto. Preguntades nos comentarios ou ao mail do Blog.)






Ningún comentario:

Publicar un comentario