Amosando publicacións coa etiqueta boxeo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta boxeo. Amosar todas as publicacións

mércores, 4 de marzo de 2020

LEMBRANDO A FELIPE RODRÍGUEZ "PANTERA DE AROUSA"





FELIPE RODRÍGUEZ PIÑEIRO
PANTERA DE AROUSA”


   Preto vai facer dúas décadas que se nos foi o grande Felipe Rodríguez "Pantera". Non quixera deixar neste Blog da historia de Vilaxoán sen facer un anaco da súa historia como boxeador, aínda que tamén foi un campión na súa faceta humana como un daqueles "bos e xenerosos" de Galicia. 
Video de Vilaxoán Canta en Luar con Felipe

    Felipe era unha persoa que alentaba humanidade por tódolos seus poros, un rapaz magnífico e sempre amigo dos seus amigos, disto podo dar fe, por darme a súa amizade que foi correspondida. Dixen sempre que naquel corpo tan grande e de atleta gardaba un inmenso corazón.
Naceu Felipe Rodríguez, “Pantera de Arousa” o 22 de decembro de 1953 en Vilaxoán. Quen sería o mellor dos pesos pesados de España, comezou a súa andaina puxilista cando era un neno nun provisorio ring, aló, preto da praia de Canelas.
Na Pelada (Faxilde)
  En 1972 disputou o seu primeiro combate, pasando axiña a formar parte do equipo español afeccionado, erixíndose campión dos Xogos Mediterráneos. Como amateur foi campión de España dos pesos pesados en 1974 e 1976. En 1974 gañaría a medalla de prata do V Torneo Internacional celebrado en Holanda.
Felipe con Alain Delon na T.V. Francesa
  O primeiro combate como profesional disputouno o 13 de maio de 1977, vencendo a Francisco López Barrilado. O 1 de abril de 1978, acadou en Pontevedra o seu primeiro título nacional dos pesos pesados tras vencer a Fermín Hernández, título que ninguén logroullo arrebatar.
Durante os 1983-84, Enrique Soria encárgase da súa preparación e pelexou en Alemaña, Dinamarca, Italia e Sudáfrica. No Pavillón de Pontevedra foi onde máis combates disputou, poñendo en xogo o Campionato de España fronte a Alfredo Evangelista, Avenamar Peralta e Fermín Hernández. Pelexou catro veces polo título europeo, pero non logrou gañar en ningunha ocasión. Entre os seus rivais cumpre citar ao francés Lucien Rodríguez e o italiano Lorenzo Zenon.
Felipe en Luar RTVG
Disputou 38 combates, gañou 25, fixo 5 nulos e perdeu en 8 ocasións.  Pelexou contra púxiles como Tom Halpern, Albert Sybem, Tony Moore, Terry O´Connor, Alí Lakusta ou Alfredo Evangelista.
   Retirouse do boxeo activo o 8 de agosto de 1987, tras combater contra o francés Jean Chanel. Despois traballou nunha compañía de seguridade privada e no programa “Luar” da TVG e finalmente volveu para Vilaxoán prestando servizos como vixiante xurado na Confraría de Pescadores “Virxe do Rosario”.
Estatua de Bronce no Parque Dona Concha. (Vilaxoán)
   É unha ledicia velo ao carón de galegos ilustres,  escritores, poetas, científicos e deportistas no libro Gallegos e ver o seu nome na Gran Enciclopedia Galega, o que para tódolos vilaxoaneses é un orgullo como tamén o será para as xeracións vindeiras que sempre o lembraran como o “púxil de Vilaxoán”.
 O 1 de xuño do ano 2001, o Concello adicoulle unha estatua de bronce no Parque Dna. Concha, obra do escultor Alfonso Vilar.
Felipe e a súa familia no día da súa homenaxe
(foto Voz de Galicia)
Un tumor cerebral acabou coa súa vida no primeiro día do mes de xuño do ano 2000. O 8 de abril dese ano o pavillón de Fontecarmoa (Vilagarcía) resultou insuficiente para dar cabida a quen acudiu á súa homenaxe, no que se respiraba unha sensación de despedida no ambiente.
                    

         
Lucien Rodríguez, Alain Delon, Felipe Rodríguez (Pantera). Foto o 24 de novembro de 1981 n T.V, Francesa,
dus días antes do combate. Fotógrafo Keystone, Press, Pictures USA

          =================================================

Rocords de Felipe Rodríguez Piñeiro (Pantera)
Quero expresarlle as miñas grazas á que fora a súa dona María José Lorenzo por atenderme na miña petición de poñer nas miñas mans unha serie de fotografías e documentos para poder publicalos. Grazas de corazón.
Teo Cardalda F.

CRONOLOXÍA FOTOGRÁFICA DE FELIPE RODRÍGUEZ