Amosando publicacións coa etiqueta luís bouza-brey 1933. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta luís bouza-brey 1933. Amosar todas as publicacións

luns, 17 de febreiro de 2020

O TEATRO CINE “VILLAJUAN CINEMA”




O TEATRO CINE “VILLAJUAN CINEMA”

Moitos de nós sabemos por referencias dos nosos pais e avós escoitar do Teatro-Cine “Villajuan Cinema” do Preguntoiro. Sobre este anaco histórico vou escribir unha notas dos anos 1919-1920 e 1933.
Por aqueles anos o correspondente de Galicia Nueva en Vilaxoán era Antero Costas de profesión barbeiro que tiña a barbería na casa do patín que hoxe atópase ao carón da fonte na praza Rafael Pazos. Antero cando escribía no citado xornal, ao “Villajuan Cinema” chamáballe: “....el nuestro pequeño coliseo de Villajuan...”. Non era de estrañar que o citara desta maneira polas actuacións teatrais, culturais, políticas e de pases de películas daquela época.
Foto aerea dos anos 60. "Villajuan Cinema" subliñado por unha frecha
En maio de 1919 a compañía teatral de Gómez Rocafull puxeran en escena un drama sociolóxico de Joaquín Dicenta “Juan José”, unha das máis importante obra dramática deste xornalista, dramaturgo, poeta e narrador. Con esta peza, Dicenta inaugura por primeira vez en 1895 esta obra teatral onde se ollaba o drama social de España, a realidade que carcomía á maioría da xente do común. Nesta obra actuaban como actores persoas de Vilaxoán sendo moi aplaudida polo abondoso público que acudiu. Por estas mesmas datas tamén estaban a ensaiar o drama galego “Antucho” de Román Loureiro, persoa moi coñecida no pobo por ser o comprador da lonxa. Nestes todos os meses de 1919 desde febreiro ata decembro, as veladas teatrais eran abondosas por mor de que moitas obras estaban en carteis unha morea de semanas.
foto (1)
A obra de Román Loureiro “Antucho” a estiveron ensaiando sendo o seu cadro de artistas a maioría con xente do pobo facendo modificacións para ser estreada en teatros da provincia. Esta obra do Sr. Loureiro a dirixía o Sr. Urioste, tanto a escenografía como a decoración estaba ao cargo de Manolo Rey. Despois de ser presentada no “Villajuan Cinema” o día 15 de xaneiro de 1920, foron a estreala o día 17 ao Salón Varietés de Vilagarcía, sendo as dúas presentacións un grande éxito.
Neste mesmo ano seguían facéndose obras teatrais de autores moi importantes, entre outros os soados irmáns Álvarez Quintero. Nunhas notas que aparecen nos xornais vou facer referencia a un comentario moi significativo sobre o “Villajuan Cinema”:.....la labor en tablas de estos artístas profesionales y amater es acogida con muchos aplausos, por el numeros público que todas las noches acude al elegante teatro-cine del Preguntoiro........
Ruínas do"Villajuan Cinema" .Fotos da actualidade
Porén, tamén tiña o teatro outras presentacións como eran actos sociais e políticos. Nestes apartados imos lembrar algunhas datas do ano 1933. A sociedade agraria e mariñeiros “La Honradez” de Vilaxoán, convocaba o día 22 de xaneiro unha conferencia sobre a Autonomía e Cooperación Agraria que foi exposta polo profesor Xosé Núñez Búa. Comentara o fundamento das cooperativas labregas na Galicia autónoma, que foi expoñendo moi claramente con datos abondo e estatísticas tomadas de organismos oficiais. A conferencia foi seguida por moreas de labregos e mariñeiros que deron mostras de civismo e aprobación co conferenciante Sr. Búa.
Nestas datas de 1933 estábase preparando o Estatuto de Autonomía de Galicia e o Partido Galeguista de Vilagarcía celebraba xunta xeral o 11 de xaneiro deste mesmo ano. Desta xuntanza saíron por unanimidade a directiva composta por: Presidente, Germán Quintela; Vice, Dámaso Carrasco; Secretario Xeral, Jesús Garrido; Secretario de Actas, Francisco Fernández; Tesoreiro, Leopoldo Sampedro; Vocais, Antonio Oubiña, Xoaquín M. Posse e Xoan Parada.
Ruínas do "Villajuan Cinema" Preguntoiro a principios dos anos 90
A primeira iniciativa da directiva era tratar de impulsar con grande actividade a propaganda galeguista, sendo o máis especial dar a coñecer o Estatuto de Autonomía de Galicia en toda a bisbarra; a partir desta data organizarían conferencias en todas a freguesías do concello de Vilagarcía e distrito. A primeira conferencia foi en Bamio o día 15 de xaneiro, onde asistiron: Xosé Giráldez, Germán Quintela Novoa, Antonio Oubiña, Xosé Núñez Búa e Francisco Fernández del Riego.
Toman a decisión de facer no “Vilaxoán Cinema” un mitin con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
O sábado día 4 de febreiro de 1933 celébrase o acto sendo tanta a expectación agardando por Castelao que moita xente non puido entrar quedando na rúa, moitas persoas estaban polas portas e fiestras para escoitar á figura máis relevante da historia de Galicia do século XX.
Castelao con Luís Bouza-Brey en Vilagarcia, 1933
Presentara o acto o Secretario da Agrupación Galeguista de Vilagarcía Xesús Garrido(1), facendo unha exposición persoal dos oradores. Comezou a falar Victor Casas un dos fundadores do Partido Galeguista e director de a publicación A Nosa Terra. Falou en Vilaxoán cunha oratoria moi áxil e solta, argumentando con datos sobre o Estatuto de Autonomía, O Sr. Casas acadou afervoar ao público que entusiasmado aplaudiron moito tempo. Victor Casas foi detido polos fascistas en 1936, despois dunha farsa xudicial o condenaron a morte e logo fusilado en Pontevedra.

A presenza de Alfonso R. Castelao foi acollida cunha ovación agarimosa, expresión deste agarimo que se lle tiña en todos os pobos da Ría de Arousa, sabendo os mariñeiros que en el tiñan o máis entusiasta defensor. Comezara a conferencia con aquel feitizo característico que achega á xente no intre mesmo de entrar a falar. Foi desfacendo un por un todos os argumentos que empregaban en contra do Estatuto de Galicia polos que se chamaban republicanos, comentando o seguinte: .......aínda sendo republicanos, carecen do máis elemental coñecemento do que a República significa na harmonía dos pobos e a base democrática de liberdade que estes merecen.....
Outra prespectiva fotográfica aerea do "Villajuan-Cinema" de principios dos anos 60
Tamén falara Castelao sobre a interdependencia económica das entidades mundiais ás que uniformismo oponse sen resultado. Ao final do acto a ovación que recibiu Castelao foi impresionante en Vilaxoán. A atención do público existente foi dun respeto absoluto, o que demostraba o interesante que era o tema do Estatuto de Autonomía. Coido que foi un orgullo para Vilaxoán que un dos persoeiros máis relevantes de Galicia estivera dando unha conferencia nunhas datas de esperanza para o pobo galego; ilusións de progreso estouradas a sangue e lume polas “hordas franquistas-fascistas”.
Historia ten abondo este “...pequeño coliseo de Villajuán...”, como así lle chamaba o barbeiro Antero. Hoxe o edificio do “Villajuan Cinema”, atópase en ruínas conservando desde aqueles anos a fasquía da fachada.
-----------------------------------------
(1)-Xesús Garrido Álvarez nace en Vilaxoán o 23 de setembro de 1904. Fixo os seus estudos no colexio San Agustín de Vilagarcía, colexio que co tempo pasou a chamarse León XIII.
Rematados os estudos de maxisterio, pasa a ensinar nas escolas de Renza, Faxilde e Zamar. Ao comezar a Guerra Incivil é acusado de profesar ideas galeguistas e comunistas, o primeiro era ben certo, máis a segunda acusación era de todo falso. Foi sancionado e destinado ao pobo de Barruelo de Santullano na provincia de Palencia que neses intres era fronte de guerra, o que lle impediu tomar posesión da praza, circunstancia que non lle librou de ser inhabilitado para exercer o ensino nunha escola oficial.
Xesús Garrido Álvarez
Posteriormente estivo no colexio Mezquita de Vigo e máis tarde pasa a dar clases no colexio León XIII de Vilagarcía xunto ao grande poeta Aquilino Iglesia Alvariño.
Cando Aquilino vaise para Vigo para exercer como mestre no colexio Labor, queda Xesús Garrido como director do León XIII que daquela xa tiña máis de 50 alumnos.
Cos anos aumentou o alumnado e a sona do colexio, aproveitando unha oferta de venda por parte do seu dono Remigio Valladares, Xesús Garrido e Aquilino mercan o colexio acordando que Aquilino levaría a dirección e Garrido levaría a administración.
Cando Aquilino gaña a cátedra de Latín do Instituto de Lugo, vende a súa parte a Garrido que convértese en director ata o día que finou, o 31 de maio de 1971. Xesús garrido estaba casado con Concepción Castromán e tiveron catorce fillos.
Tamén tiña a titulación de Perito Calígrafo, onde de cando en vez era chamado para exercer os seu servizos na administración de xustiza. Durante 18 anos foi axente de seguros sociais dos mariñeiros de Carril. Tamén era un poeta xa que gañara o premio “Jesús Arellano” organizado pola Universidade Hispanoamericana de Rábida no ano 1964.
Foi unha persoa dunha extraordinaria humanidade. No día do seu pasamento foi lembrado polos xornais Faro de Vigo, La Voz de Galicia e El Correo Gallego como os seus alumnos. Nos citados xornais publicaron artigos da súa intensa laboura humana e educadora no ensino.
T.C.F.