Amosando publicacións coa etiqueta andazo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta andazo. Amosar todas as publicacións

domingo, 29 de marzo de 2020

O ANDAZO DA GRIPE EN SAN MARTIÑO DE SOBRÁN (VILAXOÁN) EN 1918



O ANDAZO DA GRIPE EN SAN MARTIÑO DE SOBRÁN
 ( VILAXOÁN ) EN 1918


Badía do Tombo.Vilaxoán-1920
   O andazo da gripe de 1918, tamén coñecida como a “gripe española”, considerouse a diferencia doutras, como a pandemia máis devastadora da historia humana, xa que en un só ano matou a seica 20 millóns de persoas. A enfermidade seica que foi detectada por primeira vez  o 04 de marzo de 1918 en Camp Funston (EEUU), un dos campos militares que tiñan en Kansas tralo comezo da I Guerra Mundial.
  Recibiu o nome de “gripe española” por mor de que os xornais de España lles poñían unha maior atención á gripe que en toda Europa, xa que o noso país non estaba implicado na I Guerra Mundial, polo tanto a información sobre a enfermidade non estaba censurada.
Hospital de campaña-1918-EEUU
   España foi un dos países europeos máis afectados con preto de 8 millóns de infectados en maio de 1918 e máis de 200.000 mortos. Os estudos actuais elevan o número de mortes no mundo  de 20 a 50 ou incluso 100 millóns no tempo que durou o andazo. Se o maior dos eses cálculos é correcto, a pandemia tería morto máis persoas que as dúas guerras mundiais combinadas.​
   Esta foi unha pequena introdución do que aconteceu nesas datas no noso país e no mundo para darnos conta da peligrosidade desta pandemia, porén, voume centrar na intrahistoria do meu pobo Vilaxoán de Arousa.
As Saiñas, a esquerda vese os a
esteleiros de Martinez&Goicoechea
 e no centro a casa de os Moreno-1917
   Desde primeiros de 1918, xa se ollaba vir o andazo da gripe que en España atacaba con bastante regularidade. Ante isto, o 18 de abril dese mesmo ano, a Inspección de Sanidade Provincial comezara a tomar medidas, entre elas a controlar a cantas persoas se poidan. Nese mesmo día chegaron a Vilaxoán o inspector xeral de sanidade  de Pontevedra Fernando Rubio, que ía acompañado polos médicos Sres. Viqueira Sánchez e Rafael Pazos, Tomando medidas profilácticas (1) a máis de cincocentas persoas, moitas delas obrigadas xa que atoparon por parte dalgúns veciños atrancos abondo.
Editorial de Galicia Nueva de setembro de 1918
onde fai unha dura crítica ás autoridades
pola falla de profilaticos e a falta de limpeza das rúas etc
.
   Nos días seguintes seguiu a campaña  desas medidas  que impuxo sanidade, que consistía en que toda aquela persoa que fixera resistencia tiña que pagar unha multa de 25 pts. As autoridades comentaban que non se debía capitular aos antollos dos máis remisos, cando nos intres do arrepiante andazo estábase presentando con unha natureza máis que grave.
  A partir de setembro, o andazo da gripe comezaba a ter unhas trazas estarrecedoras. As defuncións ían en aumento, pola orde do Gobernador Sr. Cabello Lapiedra foron pechados tódolos colexios e escolas públicas. O 22 de setembro volveu outra vez a Vilaxoán o devandito inspector de sanidade, para decatarse do estado sanitario do pobo; nese mesmo intre tomáronse unha morea de decisións, entre outras foron: desinfectar tódolos locais, pechado de escolas, recoñecemento dos doentes e outras medidas sanitarias.
Xornal La Mañana de Madrid de setembro 1918.
 Fala dos traballadores
dos Esteleiros de As Saiñas Martinez&Goicoechea
de Vilaxoán que nese mes xa tiña 14 obreiros contaxiados.
  As cousas non ían moi ben en Vilaxoán, algúns xornais da época comentaban que: “ las cosas en eses momentos no pasaban de los términos normales”, coido que esas novas dos xornais ían destinadas a non alarmar aos cidadáns. Porén, en Vilaxoán os veciños protestaban da falla de médicos e obrigaban ao titular a fixar a residencia na vila e que pasadas a enfermidade que volveran se quixeran a residir en Vilagarcía
  O certo era que o andazo da gripe na vila xa tiña uns caracteres arrepiantes, desde o primeiro de setembro ata o dez de outubro, finaron unhas 26 persoas, case tiñan un enterramento cada día. Para darnos unha idea, poñemos o mesmo mes de setembro de 1917 faleceron 2 persoas, e no mesmo mes de 1918 chegaba a 16 persoas.
Bando do Alcalde en funcións Sr.González
Pérez. Nota en Galicia Nueva de 29-09-1918
 (1)
Porén, algúns xornais comentaban a verdade do que estaba acontecendo, por exemplo, “Galicia Nueva” dicía: “ .....desdichada actuación del Gobernador Sr. Cabello Lapiedra. La epidemia de la gripe camina a pasos de gigante, al extremo de que lla son pocas las casas que no hayan sido visitadas por el mortal y peligroso huesped. Contrasta este progreso de la epidemia en Vilaxoán y en menor medida en Vilagarcia con el abandono con los servicios de higiene pública. No se ven por ninguna parte las medidas gubernativas, recomendadas para este casos. No sirven las medias tintas para combatir la terrible enfermedad Sr. Gobernador, la gripe sigue causando muchas vajas en Vilaxoán, pero de profilaxis andamos en paños menores, como en los tiempos primitivos....”.
   O Alcalde en funcións Sr. González Pérez por ausencia do Alcalde Dr. Valentín Viqueira que estaba nas súas funcións médicas ante o o problema do andazo, ordenou visitar a domicilio a fin de amañar moitas deficiencias que existen en algunhas casas. Tamén deu a orde de prohibir a celebración de exequias de corpo presente, os finados tiñan que ser levados ao cemiterio o máis axiña posible e polo camiño máis curto. moitos veciños non querían facer caso desta prohibición e non tivo máis remedio que a policía tivo que intervir  
 Badía de O Tombo de 1900. Foto cedida por J. Carlos Porto.
  O 6 de outubro faise unha xuntanza de veciños no Concello co Sr. Alcalde en funcións , onde se acorda facer fronte a esta conxuntura das clases máis necesitadas, emprendendo unha cociña de socorro en Vilaxoán. Neste mesmo día, o Gobernador dalle a orde ao Sr. Alcalde pra que faga uso do artigo 155 que lle permite obrigar a tódolos médicos que residen en Vilagarcía a que presten sen escusa os seus servizos profesionais. O Sr. Alcalde pide máis médicos e materiais de desinfección e da un aviso a tódolos que teñan automóbil  para que se poñan ao servizo dos médicos. Tamén solicitara o Balneario “La Concha de Arosa” para destinalo a hospitalización dos máis graves, este fora concedido polo dono.
Peirao na entrada da Badía do Tombo. 1918
  Ao seis día faise unha xuntanza na alcaldía con urxencia, xa que en Vilaxoán xa apareceran máis de 400 casos de contaxio, tomáronse o acordo de sacar un bando coas medidas profilácticas e outras máis enérxicas (1)
Ata finais de novembro en Vilaxoán non remitira o andazo, a partir destas datas a gadaña da morte foi indo a menos; a finais do devandito ano o andazo foi controlado; neste ano non se celebraron as festas do Rosario, foron aprazadas por mor deste triste acontecemento.
Dr. Rafael Pazos
  Debo suliñar neste triste episodio de Vilaxoán de primeiros do século XX,  o traballo encomiable do Doutores D. Rafael Pazos Rivas e Valentín Viqueira evitando no posible moita máis tristura no pobo, pasando moitas noites sen durmir, saíndo dunha casa para outra sen descanso.
   O pobo de Vilaxoán agradeceulle a Dr.Rafael Pazos poñéndolle o seu nome á maior praza da vila, un exemplo de gáleno dos pobres. Outro tanto fixo o pobo de Vilagarcía con o Dr. Valentín Viqueira.
---------------------------------------

(1)- Naquel tempo non existía ningunha vacina contra esta gripe. Sen vacina para protexer contra a infección por influenza, sin antibióticos para tratar  infeccións bacterianas secundarias que poden estar asociadas con infeccións por influenza, todos os esforzos de control limitáronse a intervencións non farmacéuticas como o illamento, corentena, unha boa hixiene persoal, desinfectantes e as limitacións de xuntanzas públicas.

As únicas vacinas que existían en 1918 eran a da varíola, a rabia, a febre tifoide, cólera e a peste


Teo Cardalda F.








O ANDAZO DA GRIPE - CC by-nc 4.0 - Teodomiro Cardalda Fernández