sábado, 18 de abril de 2020

CAPÍTULO PRIMEIRO- ASOCIACIÓN DE LABREGOS E MARIÑEIROS “LA HONRADEZ” 1915



 CAPÍTULO PRIMEIRO-

ASOCIACIÓN DE LABREGOS E MARIÑEIROS “LA HONRADEZ” 1915

Ao anexionarse o Concello de Vilaxoán ao de Vilagarciá en 1913, non había unha representación real na vila que ollara polos intereses dos labregos e mariñeiros, e catro anos antes da fundación do Pósito de Pescadores nacera esta asociación concretamente o 5 de xaneiro de 1915 e o 7 do mesmo mes elixen a Xunta Directiva coas seguintes persoas: Presidente Honorario, Manuel Fernández Álvarez (1) ; Presidente, Bernardino Riveiro; Vicepresidente, Xosé María González; Secretario, Salvador Vidal; Vicesecretario, Braulio López; Contador, Silverio Bouzas; Tesoureiro, Emilio Dasilva; Vocais, Antonio Díaz, Xosé María Rey, Antonio Díz, Santiago Manuel Otero, Francisco Navazas e Marcelino Urcera.
Preguntoiro ao fondo. Estrada de Vilagarcía a Cambados. sobre a dereita
a fábrica de salgadura de Trigo e no mar a escadra inglesa, anos 20

(Foto: xentileza de J. Carlos Porto)
Eran uns homes emprendedores de Vilaxoán que trataron de facer o posible acadando melloras sociais para o pobo. Como dixen anteriormente, naceu esta asociación por mor da falla do Concello de Vilaxoán e aínda non chegara a lei dos pósitos en España.
Nesa primeira xuntanza comentaban que, a representación por Vilaxoán que neses intres tiñan no Concello de Vilagarciá non era do máis axeitado para os intereses dos labregos e mariñeiros, sendo o representante nese intre o derradeiro Alcalde de Vilaxoán Sr. Ameijeiras, concelleiro pola vila no Concello de Vilagarciá.
A primeiros do mes de febreiro de 1915, esta asociación “La Honradez” fixo un xesto moi humanitario ao mandar un telegrama ao Presidente do Goberno Eduardo Dato, pedíndolle a gracia e o perdón para uns reos de Cambados condenados a morte. A asociación recibiu un telegrama o 12 do mesmo mes do Presidente Dato, comunicándolle que se ollaría o expediente de ditos reos; un mes despois estes reos foron perdoados da pena capital.
Vilaxoán desde o alto de Faxilde. A dereita a Igrexa de San Martiño
de Sobrán e ao fodo na ría a escadra inglesa, ano 20
(Foto: xentileza de J. Carlos Porto)
O 10 de maio de 1915, nos medios de comunicación en especial "La Opinión" de Redondela comentaba moi extensivamente unha nota desta asociación: "La Asociación la Honradez de Villajuán está siendo objeto de un cobarde acecho por parte de unos malvados caciques de esta villa, aquí están unos hombres que mutuamente se denunciaron como finos ladrones y falsificadores, esta Asociación los ha cogido en fraganti delito de malversación, hubo un robo que se mormura simulado en la que desaparecieron comprometedores documentos de la Casa Consistorial relacionados con el Ayuntamiento de Villajuán, y ahora aquellos malvados sinverguenzas se proponen por los medios más cobardes acabar con esta asociación la Honradez,
En El Correo de Galicia de marzo de 1913
aparece unha nova onde fala  dese roubo
de actas do Concello de Vilaxoán. Actas que aínda
hoxe non apareceron. ¿Que quixeron ocultar?
pero muy pronto vendrán por Villajuán los líderes de las asociaciones de Pontevedra a dar un gran mitin los Sres. Couto, Amoedo, Jacinto Crespo y Samuel Blanco en la que perfectamente documentados sacarán las máscaras con que tratan de cubrise estes caciques de Villajuán. En el mitin se invitará a la prensa y mientras tanto tengan calma nuestros compañeros de Villajuán, que al fin y al cabo el tiempo será siempre de los honrados.
Nosotros dejaremos páginas escritas de ciudadanía, ellos dejaran las leyes un nombre manchado por el crimen”

Nestes históricos escritos algo se di sobre a anexión do concello de Vilaxoán, e algo fedía 

moi mal nesta versión oficial. A versión que se citou historicamente sempre foi a do 

problema económico de Vilaxoán.  Coido que as cousas non foron como se dixeron, senón que houbo moito de caciquismo das forzas vivas de Vilaxoán e Vilagarcía.
Hai moitas lagoas nos derradeiros momentos da anexión de Vilaxoán a Vilagarcía. Nalgúns escritos por historiadores locais fan un canto moi ledo a esa anexión, pero as cousas non foron tan ledas nin amigables, en especial por parte do derradeiro Alcalde de Vilaxoán o Sr. Ameijeiras e algúns membros da corporación; proba diso é a falla de actas e documentos nos Arquivos dos últimos anos antes da anexión, outra proba son as devanditas  declaracións a prensa da asociación La Honradez. ¿ A quen lles interesou naqueles anos que non houbera probas escritas do Concello de Vilaxoán?.
Faxilde anos 20

Estou a facer uns comentarios sen moitas interpretacións persoais, nin puntos de vista propios, soamente é unha relación de feitos vencellados aos primeiros anos do século XX. Feitos expostos obxectivamente pescudando nas fontes antigas sen discusións nin xuízos alleos á historia, aínda que ao pescudar sempre se fai algunha que outra interpretación persoal por mor de repetirse a historia en algún que outro caso.
Neste anaco histórico da Asociación “La Honradez”, coido que se pode sacar algunha interpretación analizando paseniño a vida social daqueles primeiros anos da perda do Concello en 1913 e das asociacións que naceron despois desas datas.
Despois daquel aviso aos xornais do 10 de maio de 1915 da Asociación “La Honradez”, falando sobre as trapalladas dos caciques e poñendo espidos aos causantes da perda do Concello. O 22 de agosto do mesmo ano celebrouse un gran mitin na Praza do Campo (hoxe, Praza de Rafael Pazos), para denunciar e poñer en evidencia aos caciques desta vila, segundo dicían os dirixentes da Asociación que, estaban antepor os intereses persoais aos intereses  da maioría do pobo.
Piornos na Lagoa, anos 20
Uns días antes de comezar o mitin, seica o Alcalde de Vilagarcía Sr. Valentín Viqueira tratou por tódolos medios de que o mitin non se celebrara, inclusive fixo xestións co Gobernador para abortalo. As crónicas daquelas datas dan conta deste feito, cousa que da pé para reflexionar un pouquiño, os xornais comentaban deste xeito: “El Alcalde Sr. Viqueira, haciendo honor a su impopularidad y a su sistemática oposición a cuanto signifique progreso para el pueblo, negó el permiso hasta el último momento, demostrando la más intolerancia e ignorancia de las leyes de reuniones públicas”. Porén, teño que poñer certas cousas no seu sitio: o cortés non quita o valente xa que tres anos despois o  Doutor Valentín Viqueira como médico estivo ao pé do canón con outros médicos a salvar vidas en Vilaxoán ante o andazo da gripe de1918.
A Asociación “La Honradez” ante este feito do Sr. Alcalde comentaba : “ Os labregos e mariñeiros de Vilaxoán non se asustan dos monterillas que coñecen a conduta dos caciques”. Os dirixentes da Asociación puxéronse á fala co Gobernador, que este lle dou tan tremendo rexeite ao Sr. Alcalde que inclusive o desautorizou con un telegrama moi preciso: “Gobernador, comunica Alcalde de Vilagarcía que organizadores mitin Villajuán, comunican que desean hacer mitin, sino hay otras razones que lo impidan, no veo que haga falta suspenderlo”.
Mitín na Praza do Campo (Hoxe Rafael Pazos) anos 20
Ante todo isto que estaba acontecendo, a Asociación manda aos xornais unha nota moi dura : “Si el Sr. Alcalde de tener muy claro el concepto de la dignidad política, pediría su dimisión. Así hacen los hombres de carácter que no se apegan al bastón de mando”. Despois da dura oposición do Sr. Viqueira e algúns concelleiros da Corporación, incluíndo o concelleiro por Vilaxoán o Sr. Ameijeiras, para que fracasaran os labregos e mariñeiros, non pode darse meirande desautorización por parte do Gobernador ao Sr. Alcalde.
O mitin comezou ás seis do serán. Asistiron as asociacións dos distritos de Cambados e Caldas de Reis coas súas bandeiras e moreas de xente. Estiveron convidados a Banda de Música de Vilanova de Arousa e o Gaiteiro de Paradela.
Na tribuna que estaba colocada onde hoxe está a fonte, comeza por falar o Sr. Maio, presidente da Federación de Asociacións, que fai a presentación para logo dar uso da palabra o avogado de Vigo e Director do xornal “La Noche” o Sr. Adolfo Gregorio Espino, onde fixo unha descrición moi animada sobre os galegos; comparounos pola súa reflexión ás pousadas augas da fermosa Ría de Arousa nos días de bonanza, e como ela, brava e adoecida cando chega o sufrimento. Atacou moi duramente ao caciquismo dicindo que, os labregos e mariñeiros teñen solucións políticas e económicas-sociais para arranxa-los problemas que neses intres tiñan.
Deseguido sube ao palco O Sr. Meis, fala como un socialista recomendando o asociacionismo como único medio de colle-la forza para derrubar aos caciques, dando lugar a que veña o estado de dereito e as reivindicacións sociais; falaba tamén da necesidade de face-los Bancos Agrícolas como medio de arrincar ao pequeno dono das poutas do caciquismo e do usureiro.
Badía do Tombo
Manuel Rodríguez dirixente labrego, comeza cun longo discurso, onde en cada intre era interrompido polos centos de persoas. Recomendaba a necesidade de que o pobo mariñeiro e rural perda o medo aos caciques e a necesidade de estudar o programa agrario nas asociacións para levalo á práctica.
Logo fala o Director da Escola número un, das que sosteñen as Sociedades de Preescolar en Paradela D. Samuel Blanco López, onde di en termos moi sinxelos a necesidade que o pobo ten da instrución na escola, pedindo ao Goberno uns locais que teñan as condicións necesarias e mestres que fuxindo de certos prexuízos pero espetando ideas e credos alleos, para acadar o que os “ alcaldes de monterilla” e caciques non deixan, que tratan de que non haxa escolas para eles aproveitarse, para ternos como años mansos; finalizou o Sr. Samuel con estas palabras: “pobo galego érguete e camiña, sacude a preguiza enarbora a bandeira do progreso da liberdade si queres redimirte”.....IR AO CAPÍTULO SEGUNDO
=============================
(1)-



CAPÍTULO SEGUNDO ASOCIACIÓN DE LABREGOS E MARIÑEIROS “LA HONRADEZ” 1915




CAPÍTULO SEGUNDO

ASOCIACIÓN DE LABREGOS E MARIÑEIROS “LA HONRADEZ” 1915

Mariñeiro de Vilaxoán co arte de pesca o Medio Mundo
na badía de Ferrazo, anos 20
Remata o acto o líder agrarista Joaquín Núñez de Couto (2), a súa presenza ao subir á tribuna foi recibida con aplausos frenéticos. Comeza o discurso dicindo que xamais se ocupou da política miúda nin do caciquismo local, pero vese na obriga de facelo nesta data, xa que o caciquismo de Vilaxoán e Vilagarcía é moi alarmante. Fala da política da ganzúa de roubos e falsidades de políticos condenados á cadea. Seguía dicindo Núñez de Couto que, as xentes de Vilaxoán que seguen cos seus antigos explotadores son uns pobres comediantes, como as xentes das cordilleiras do Caraballo que adoran a quen máis os azoutan. Fai resaltar o grande fracaso do Sr. Alcalde e Corporación facendo tragar ao pobo aos caciques máis odiados. Dedica palabras moi agarimosas ao Crego de Vilaxoán D. Benigno Santos Pazos, que como “rara avis” achegouse á beira do pobo que sufre, que traballa e que paga. Moi canso despois dunha hora de discurso, o Sr. Couto remata entre grandiosos aplausos.

As Saiñas, ao fronte a punta do Esteiro e máis lonxe
A Gorma
Ao ano seguinte, concretamente o 11 de xullo de 1916, os xornais recollían un acontecemento moi en acorde co caciquismo en Vilaxoán que viñan denunciando os da asociación “Honradez”, o titular era moi elocuente: “Escándalo en Vilaxoán”. Comentaba o xornal que, 1725 quilos de sulfato de
cobre (elemento que escaseaba en España por mor da I Guerra Mundial) solicitado ao 

Estado polo derradeiro Alcalde de Vilaxoán  Serafín Ameijeiras, para as asociacións de 

labregos da freguesía de Sobran. Este Sr. montara unha asociación de labregos paralela 

para tratar de dividir á única asociación con carácter reivindicativo e pertencente á 

Federación de Labregos de Galicia, como era “La Honradez”!.
Esta asociación denuncia por medio do seu presidente Bernardino Ribeiro que, ninguén dos asociados recibiu nin un quilo desa partida de sulfato de cobre, sospeitando que eses 1725 quilos foron parar ás mans dun comerciante que os está vendendo a 3 pts o quilo. Neste comunicado fan un chamamento e atención ás autoridades que aínda non se deron por decatadas;  na asociación pensan que todo parece unha complicidade vergoñosa.
A denuncia non quedou soamente nos xornais, senón que o Presidente Bernardino comunica esta anomalía ao Deputado en Cortes pola Cañiza D. Alejandro Mon., xa que el fora o que xestionara co Goberno esta subvención do sulfato para os labregos de Vilaxoán. Alexendre Mon., fixo unha interpelación no Parlamento de Madrid, sendo recollido polos xornais da capital de España como: “El Escándalo de Villajuán”.
A Lodeira e fábrica de salgadura
A Asociación “La Honradez” estaba disposta a chegar ata o fondo do problema caera quen caera, para saber o paradoiro do sulfato.
O día 12 de xullo, unha nota do xornal Galicia Nova de Vilagarcía da conta dunha notificación asinada polo Alcalde accidental Teodosio González ( o Alcalde Sr. Viqueira atopábase de viaxe ), onde comenta o seguinte: “ hace un mes, unos cuantos viticultores solicitaron al Ayuntamiento que rogase a la Dirección General de Agricultura una partida de sulfato de cobre que estaba subvencionado, y que éllos repartirían según sus necesidades, antes de formular el pedido, recibí el encargo de D. Serafín Ameijeiras para 1725 quilos con destino a las asociaciones de Villajuán, el sulfato llegó, luego se procede al cobro de 1,90 pts. Quien ingreso el dinero en el Ayuntamiento del importe del pedido fué el Sr. Salvador Galbán por encargo del Sr. Ameijeiras, y por la misma orden de este Sr. recogió la mercancía. Desde ese momento cesó toda intervención por parte del Ayuntamiento. Si el sulfato no llegó a los agricultores de Villajuán, este Ayuntamiento es el primero en lamentarlo, expresando su más enérgica protesta “. Esta nota leva a sinatura de Teodosio González.
Nota de prensa de 31 de xullo de 1913 desta Asociación de
labregos e mariñeiros do xornal El Progreso de Santiago, censurando
ao do xornal Galicia Nueva o non publicar unha xuntanza que
 tiveron co baqueiro de Vilagarcía o Sr. Deza.
 O director de Galicia Nueva seguindo
os ditados da banca. 
No xornal “Galicia Nueva”, o seu director Xosé Fernández sae en defensa dos labregos de Vilaxoán comentando nunha editorial digna de mención: “sabemos que no llegó ni un solo kilo de sulfato a los socios de la Honradez, que es la única  sociedad de agricultores que existe en Villajuán, por lo que dice el Sr. Alcalde accidental D. Teodosio González, sospechamos de quien llevó el sulfato. Como dice D. Teodosio, que lo recogió D. Salvador Galbán por orden de el Sr. Ameijeiras, por eso agradecemos Al Sr. Alcalde sus manifestaciones tan aclaratorias”.
Como xa veño comentando, e despois de estar pescudando na historia antes e despois da anexión do concello de Vilaxoán ao de Vilagarcía; coido que esta anexión non foi unha cantiga de amores eternos, loanzas, problemas económicos  nin por mor do Porto Comercial, como din algúns historiadores, que nos queren facer ver que todo foi unha inquietude do pobo por anexionarse a Vilagarcía. Se analizamos un pouco quen era o derradeiro Alcalde de Vilaxoán o Sr. Ameijeiras, e polas pescudas que levo feito nestes anos pasados, podo dicir con toda a seguridade sen receo a trabucarme, que o derradeiro acto do concello de Vilaxoán en 1913, foi un amaño de fedor caciquil entre as forzas máis conservadoras daqueles tempos de Vilaxoán e Vilagarcía.
Jesús Somoza
O 25 de xaneiro de  1918, esta sociedade nomeu unha nova directiva ao rematar os tres anos do anterior mandato, fora elexido Jesús Somoza Villaronga onde ao ano seguinte fundouse o Pósito Pescador sendo un dos fundadores con Francisco Santos Crespo.

A directiva da sociedade de labregos e mariñeiros La Honradez fora a seguinte: Presidente, Jesús Somoza. Vice, Ramón Sayar. Secretario, Salvador Vidal. Vice, José Otero. Contador, Manuel Otero. Tesoreiro, Antonio Díaz. Vocais: Joaquín Buceta, Juan A. Rodríguez, Manuel Martinez, Marcelino Nogueira, Bernardino Riveiro e Manuel Suárez.
=========================

(2)-Joaquín Núñez de Couto, nado en Ourense e finado en abril de 1940, foi un profesor e agrarista galego. Foi director do Colexio de San Luis Gonzaga de Lugo (1893) e profesor do Instituto de Lugo. Foi catedrático do Instituto de Ourense (1899), e cofundador e director do colexio León XIII de Ourense e despois de Vilagarcía, ata 1923 en que o substituíu o seu sobriño Xosé Núñez Búa. Cofundador da Sociedad de Agricultores de Vilaxoán "La Honradez", foi presidente da Sociedad de Agricultores de Portonovo e da Federación de Agricultores do distrito de Cambados e participou como propagandista na campaña de axitación da Liga Agrario-Redencionista no verán de 1910. 
Organizou o Congreso Agrario Provincial de Pontevedra, celebrado en Vilagarcía en xullo de 1915, onde se discutiu e aprobou o programa do Partido Agrario, do que era autor. Foi director de El Eco de la Enseñanza de Lugo (1893), colaborou en La Idea Moderna e El Regional, foi redactor-xefe de El Heraldo Gallego e colaborou en Galicia Nueva, La Zarpa e Faro de Vigo. Xubilouse como catedrático do Instituto de Ourense en 1931.




venres, 10 de abril de 2020

A SONADA FOLGA NO PORTO DE VILAGARCIA EN 1916 E A SÚA REPERCUSIÓN EN VILAXOÁN



A SONADA FOLGA NO PORTO DE VILAGARCIA EN 1916 E A SÚA
REPERCUSIÓN EN VILAXOÁN
A primeiros de xaneiro de 1916, comezaba unha folga no Porto de Vilagarcía, onde sobre o día 12 aínda non se ollaba solución por parte dos estibadores e dos consignatarios e armadores. Ata este día tódalas xuntanzas viñan de fracaso en fracaso e o conflito seguía en pé con signos moi negativos. Representantes do Comercio de Vilagarcía coidaban que era necesaria a presencia  do Gobernador Civil para atopar unha solución a esta folga.
Foto xentileza de J. Carlos Porto
No día 15, a Cámara de Comercio celebra unha xuntanza no Concello onde acordan fundar unha Asociación Patronal; a mesma hora tamén se estaba celebrando unha reunión dos obreiros no seu domicilio social, onde entre outras cousas acordaron que seguiría a folga mentres non percibiran os seus salarios os gabarreiros e con horas extras igual cos compañeiros a partir  das 5 da tarde, e o descanso que por dereito lle pertencía en atraque e desatraque das gabarras fora das súas horas regulamentarias.
Chegando o día 16, as patrullas da garda civil estaban en servizo permanente, inclusive ían cos crebafolgas (homes contratados no día anterior na xuntanza no Concello) nun bote do Garda Costas “Dorado” nas operacións de carga e descarga.
Foto xentileza de J.Carlos Porto
Neste mesmo día unha morea de obreiros fixeron unha marcha a pé a Pontevedra co obxecto de pedirlle ao Gobernador que mediara cos armadores e consignatarios unha pronta solución; nesta marcha ían un numeroso grupo de mulleres na maior parte esposas e fillas dos traballadores, ao día seguinte o Gobernador Sr. Díaz Moreu chegará a Vilagarcía, onde foi recibido no Concello polo Alcalde Valentín Viqueira, o capitán da Garda Civil Sr. Yañez Salinas . Fixo unha xuntanza para recibir informes do conflito por parte do Alcalde, consignatarios (Ulpiano Buhígas), e membros da Xunta da Asociación “Despertar Marítimo”. Sobre o día 17 aínda non se solucionara este problema despois de horas de negociacións, porén, este día foi tranquilo nas rúas.
Praza da Peixería. 
Ao día seguinte 18, agrávase o problema ao facer causa común cos estibadores os lancheiros transportadores de pinos, os mariñeiros de Vilaxoán e as pescantinas da mesma vila onde a Garda Civil comeza a patrullar polas rúas de Vilaxoán, todo isto acontece xa que os consignatarios non atenden algunhas peticións dos obreiros. Neste día acontece unha sorprendente nova, o Comercio de Vilagarcía collido entre o choque de dúas forzas de patróns e obreiros, e despois de esgotar tódolos medios de prudencia acordan crear unha agrupación de traballadores para defender os seus intereses ameazados. O día 19 os armadores e consignatarios xúntanse no edificio do Casino sen dar ningunha solución.
No Centro Obreiro de Vilagarcía, o día 26 celebran unha xuntanza, onde trocan impresións sobre a folga, acordando celebrar na Asociación de Labregos e Mariñeiros “La Honradez” de Vilaxoán, asociación presidida por Jesús Somoza que fora no ano 1919 con Francisco Santos Crespo os fundadores do Pósito Pescador. Esta xuntanza celebrouse ese mesmo día 26 ás 7 do serán presidida polo presidente de Despertar Marítimo o Sr, Lourido, ao final deste acto acordan nomear unhas comisións para vixilancia da folga.
A partir do día 28 a folga perde o carácter pacifico. A influencia que tivo en Vilaxoán foi determinante pola solidariedade de toda a poboación , as pescantinas deixaron de ir vender a súa mercadoría a praza de Vilagarcía e os mariñeiros non saíron ao mar. Neste mesmo día na primeira hora da mañanciña, tivo que intervir a Garda Civil por actos de coacción aos labregos en Vilaxoán. Nesta vila xa se instalaran o maior número de forza pública con 8 números da Garda Civil a cabalo ao mando dun sarxento, pois había murmurios de sabotaxes e resistencia pasiva e outras medidas de violencia. Como consecuencia destas pequenas liortas foron detidos Xosé Meléndez de 56 anos do Casal é unha muller de Vilaxoán coñecida por María “A Boleira”, a Garda Civil facía servizos de patrulla a pé e a cabalo pola estrada de Cambados ao mando do oficial Lorenzo Sanz Hernández. Os ánimos estaban moi alporizados na vila polo que tivo que presentarse o Tenente Coronel  Salvador Millán xunto co Capitán Sr. Yañez Salinas e o Tenente Francisco Padín, onde visitaron unha chea de puntos de saída de Faxilde, Renza e estrada de Cambados, para tratar que os labregos chegaran coas súas mercadorías a Vilagarcía. En canto a María “A Boleira” foi detida  e acusada ao tribunal pola Garda Civil de coaccionar a unha leiteira despois de guindarlle unha xerra de leite ao chan.
Os Gardas Civís foron aloxados na casa de Serafín Ameijeiras, que fora Alcalde do Concello de Vilaxoán, onde este Sr.  puxo á disposición da forza pública tanto a casa como en todo o que fixera falla. Eu sigo falando e escribindo (sempre en base a moitos documentos que teño históricos) sobre o Sr. Ameijeiras, que foi o cacique de Vilaxoán en todas as súa maneiras de comportarse, tanto como Alcalde e como cidadán corrupto negociando co sulfato de cobre subvencionado para os labregos. Sempre foi un dos máis acérrimos en vender o Concello de Vilaxoán ao de Vilagarcía por catro dinares, o digo con todas as consecuencias que me da a historia documental e as hemerotecas. Porén, a historia da anexión sempre se contou desde un punto de vista subxectivo e sen contar co pobo. Neste ano o Sr. Ameijeiras era concelleiro do Concello de Vilagarcía e “anfitrión” das forzas represoras contra o pobo.

O Tenente Coronel da Garda Civil Salvador Millán, ditou disposicións para garantirel orden y la libertad del trabajo, inclusive a medidas de represión violentas donde en algunos casos estaría justificadas”. Neste mesmo día a Garda Civil  detivo na estrada de Caldas a Juan Martínez coñecido polo “Portugués”, de 42 anos e veciño de Carril, Manuel Sairo Dios da Illa de Arousa veciño da mesma vila, por exercer cocción a vendedoras de leite.
Sobre o día 29 o conflito ía calmándose , xa que as negociacións ían tomando outro xeito; pero en Vilaxoán as cousas non ían tan ben, xa que volveu o Tenente Coronel ao saber dos murmurios de proxectos de sabotaxe  e violencia, tomou medidas para que a orde se mantivera con todo rigor.
O final da folga pódese dicir que foi o día 30 de xaneiro, en Vilagarcía e Vilaxoán comeza a facerse vida normal; a comisión de estibadores estiveron todo o día percorrendo as vilas avisando a todos os que con eles fixeron causa común, que o conflito estaba rematado. En Vilaxoán saíron ao mar os mariñeiros e as pescantinas foron para o mercado de Vilagarcía. Poren, as forzas da Garda Civil estarían unha semana máis concentradas en Vilaxoán.
Neste conflito houbo un episodio moi importante na Igrexa de Vilaxoán, onde os obreiros do porto estiveron dentro facendo xuntanzas, estando ao tanto o crego desta Vila D. Benigno Santos Pazos. O Xornal  “La Concordiade Vigo comentaba que a Garda Civil de cabalería entrou na devandita Igrexa ata o altar para desaloxar ás persoas que alí estaban agochadas, acusando ao crego de facilitar a entrada dos obreiros.
O día 30 de xaneiro o crego Benigno Santos Pazos, contesta nunha carta ao  director do xornal “Galicia Nueva”, desmentindo tódalas acusacións que se facían en certos xornais da provincia. A carta comeza co título: Reconstituyendo la verdad”, comentando entre outras cousas: “......totalmete ajeno a cuestiones políticas de las que no entiendo ni quiero, y a todo lo que no se relacione con mi ministerio y aficiones peculiares mías, vivo haciendo cuanto bien puedo, ni reparar a quien. No debe ser del agrado de alguien este mi proceder por cuanto existe en algunos, muy contados afortunadamente, una gran tendencia a restarme prestigios.........” ......mi plática del pasado domingo, fundada en el Santo Evangelio del día, en la que, lleno de los mejores deseos, les exhortaba a la paz y concordia dándoles la solución del conflicto más razonable justa y equitativa.....”.
Parte do artigo do crego Benigno Santos Pazos ao
xornal Galicia Nueva
Coido que o que comentaba o xornal La Concordia de Vigo, era o que realmente pasou, poren, o crego saíu a defenderse no xornal  Galicia Nueva con máis suavidade e ao mesmo tempo denunciando solapadamente a certas persoas (catro caciques) da parroquia coa tendencia a deixalo mal parado. Facendo unhas pescudas, atopei de Benigno Santos Pazos que era un poeta que publicaba os poemas en galego no xornal  Galicia Nueva e A Nosa Terra  co pseudónimo de Xaniño.
Poema do crego Benigno Santos Pazos en a Nosa Terra


Teo Cardalda F.



domingo, 29 de marzo de 2020

O ANDAZO DA GRIPE EN SAN MARTIÑO DE SOBRÁN (VILAXOÁN) EN 1918



O ANDAZO DA GRIPE EN SAN MARTIÑO DE SOBRÁN
 ( VILAXOÁN ) EN 1918


Badía do Tombo.Vilaxoán-1920
   O andazo da gripe de 1918, tamén coñecida como a “gripe española”, considerouse a diferencia doutras, como a pandemia máis devastadora da historia humana, xa que en un só ano matou a seica 20 millóns de persoas. A enfermidade seica que foi detectada por primeira vez  o 04 de marzo de 1918 en Camp Funston (EEUU), un dos campos militares que tiñan en Kansas tralo comezo da I Guerra Mundial.
  Recibiu o nome de “gripe española” por mor de que os xornais de España lles poñían unha maior atención á gripe que en toda Europa, xa que o noso país non estaba implicado na I Guerra Mundial, polo tanto a información sobre a enfermidade non estaba censurada.
Hospital de campaña-1918-EEUU
   España foi un dos países europeos máis afectados con preto de 8 millóns de infectados en maio de 1918 e máis de 200.000 mortos. Os estudos actuais elevan o número de mortes no mundo  de 20 a 50 ou incluso 100 millóns no tempo que durou o andazo. Se o maior dos eses cálculos é correcto, a pandemia tería morto máis persoas que as dúas guerras mundiais combinadas.​
   Esta foi unha pequena introdución do que aconteceu nesas datas no noso país e no mundo para darnos conta da peligrosidade desta pandemia, porén, voume centrar na intrahistoria do meu pobo Vilaxoán de Arousa.
As Saiñas, a esquerda vese os a
esteleiros de Martinez&Goicoechea
 e no centro a casa de os Moreno-1917
   Desde primeiros de 1918, xa se ollaba vir o andazo da gripe que en España atacaba con bastante regularidade. Ante isto, o 18 de abril dese mesmo ano, a Inspección de Sanidade Provincial comezara a tomar medidas, entre elas a controlar a cantas persoas se poidan. Nese mesmo día chegaron a Vilaxoán o inspector xeral de sanidade  de Pontevedra Fernando Rubio, que ía acompañado polos médicos Sres. Viqueira Sánchez e Rafael Pazos, Tomando medidas profilácticas (1) a máis de cincocentas persoas, moitas delas obrigadas xa que atoparon por parte dalgúns veciños atrancos abondo.
Editorial de Galicia Nueva de setembro de 1918
onde fai unha dura crítica ás autoridades
pola falla de profilaticos e a falta de limpeza das rúas etc
.
   Nos días seguintes seguiu a campaña  desas medidas  que impuxo sanidade, que consistía en que toda aquela persoa que fixera resistencia tiña que pagar unha multa de 25 pts. As autoridades comentaban que non se debía capitular aos antollos dos máis remisos, cando nos intres do arrepiante andazo estábase presentando con unha natureza máis que grave.
  A partir de setembro, o andazo da gripe comezaba a ter unhas trazas estarrecedoras. As defuncións ían en aumento, pola orde do Gobernador Sr. Cabello Lapiedra foron pechados tódolos colexios e escolas públicas. O 22 de setembro volveu outra vez a Vilaxoán o devandito inspector de sanidade, para decatarse do estado sanitario do pobo; nese mesmo intre tomáronse unha morea de decisións, entre outras foron: desinfectar tódolos locais, pechado de escolas, recoñecemento dos doentes e outras medidas sanitarias.
Xornal La Mañana de Madrid de setembro 1918.
 Fala dos traballadores
dos Esteleiros de As Saiñas Martinez&Goicoechea
de Vilaxoán que nese mes xa tiña 14 obreiros contaxiados.
  As cousas non ían moi ben en Vilaxoán, algúns xornais da época comentaban que: “ las cosas en eses momentos no pasaban de los términos normales”, coido que esas novas dos xornais ían destinadas a non alarmar aos cidadáns. Porén, en Vilaxoán os veciños protestaban da falla de médicos e obrigaban ao titular a fixar a residencia na vila e que pasadas a enfermidade que volveran se quixeran a residir en Vilagarcía
  O certo era que o andazo da gripe na vila xa tiña uns caracteres arrepiantes, desde o primeiro de setembro ata o dez de outubro, finaron unhas 26 persoas, case tiñan un enterramento cada día. Para darnos unha idea, poñemos o mesmo mes de setembro de 1917 faleceron 2 persoas, e no mesmo mes de 1918 chegaba a 16 persoas.
Bando do Alcalde en funcións Sr.González
Pérez. Nota en Galicia Nueva de 29-09-1918
 (1)
Porén, algúns xornais comentaban a verdade do que estaba acontecendo, por exemplo, “Galicia Nueva” dicía: “ .....desdichada actuación del Gobernador Sr. Cabello Lapiedra. La epidemia de la gripe camina a pasos de gigante, al extremo de que lla son pocas las casas que no hayan sido visitadas por el mortal y peligroso huesped. Contrasta este progreso de la epidemia en Vilaxoán y en menor medida en Vilagarcia con el abandono con los servicios de higiene pública. No se ven por ninguna parte las medidas gubernativas, recomendadas para este casos. No sirven las medias tintas para combatir la terrible enfermedad Sr. Gobernador, la gripe sigue causando muchas vajas en Vilaxoán, pero de profilaxis andamos en paños menores, como en los tiempos primitivos....”.
   O Alcalde en funcións Sr. González Pérez por ausencia do Alcalde Dr. Valentín Viqueira que estaba nas súas funcións médicas ante o o problema do andazo, ordenou visitar a domicilio a fin de amañar moitas deficiencias que existen en algunhas casas. Tamén deu a orde de prohibir a celebración de exequias de corpo presente, os finados tiñan que ser levados ao cemiterio o máis axiña posible e polo camiño máis curto. moitos veciños non querían facer caso desta prohibición e non tivo máis remedio que a policía tivo que intervir  
 Badía de O Tombo de 1900. Foto cedida por J. Carlos Porto.
  O 6 de outubro faise unha xuntanza de veciños no Concello co Sr. Alcalde en funcións , onde se acorda facer fronte a esta conxuntura das clases máis necesitadas, emprendendo unha cociña de socorro en Vilaxoán. Neste mesmo día, o Gobernador dalle a orde ao Sr. Alcalde pra que faga uso do artigo 155 que lle permite obrigar a tódolos médicos que residen en Vilagarcía a que presten sen escusa os seus servizos profesionais. O Sr. Alcalde pide máis médicos e materiais de desinfección e da un aviso a tódolos que teñan automóbil  para que se poñan ao servizo dos médicos. Tamén solicitara o Balneario “La Concha de Arosa” para destinalo a hospitalización dos máis graves, este fora concedido polo dono.
Peirao na entrada da Badía do Tombo. 1918
  Ao seis día faise unha xuntanza na alcaldía con urxencia, xa que en Vilaxoán xa apareceran máis de 400 casos de contaxio, tomáronse o acordo de sacar un bando coas medidas profilácticas e outras máis enérxicas (1)
Ata finais de novembro en Vilaxoán non remitira o andazo, a partir destas datas a gadaña da morte foi indo a menos; a finais do devandito ano o andazo foi controlado; neste ano non se celebraron as festas do Rosario, foron aprazadas por mor deste triste acontecemento.
Dr. Rafael Pazos
  Debo suliñar neste triste episodio de Vilaxoán de primeiros do século XX,  o traballo encomiable do Doutores D. Rafael Pazos Rivas e Valentín Viqueira evitando no posible moita máis tristura no pobo, pasando moitas noites sen durmir, saíndo dunha casa para outra sen descanso.
   O pobo de Vilaxoán agradeceulle a Dr.Rafael Pazos poñéndolle o seu nome á maior praza da vila, un exemplo de gáleno dos pobres. Outro tanto fixo o pobo de Vilagarcía con o Dr. Valentín Viqueira.
---------------------------------------

(1)- Naquel tempo non existía ningunha vacina contra esta gripe. Sen vacina para protexer contra a infección por influenza, sin antibióticos para tratar  infeccións bacterianas secundarias que poden estar asociadas con infeccións por influenza, todos os esforzos de control limitáronse a intervencións non farmacéuticas como o illamento, corentena, unha boa hixiene persoal, desinfectantes e as limitacións de xuntanzas públicas.

As únicas vacinas que existían en 1918 eran a da varíola, a rabia, a febre tifoide, cólera e a peste


Teo Cardalda F.








O ANDAZO DA GRIPE - CC by-nc 4.0 - Teodomiro Cardalda Fernández

mércores, 18 de marzo de 2020

ESTALEIROS DE VILAXOÁN EN 1918-1920



ESTALEIROS DE VILAXOÁN EN 1918-1920

Antes de anexionarse o Concello de Vilaxoán ao de Vilagarcía en 1913 existían dous estaleiros en Vilaxoán, o máis importante en número de traballadores e carpinteiros de ribeira era o “Astilleros de Arosa”, eran os seus donos os señores Martínez e Goicoechea, atopábase na praia das Saiñas ao carón do Esteiro. Os xornais daquela época xa escribían del o seguinte: “este astillero puede considerarse como un gran éxito para la industria naval de Galicia”.
Foto do Estaleiro Arousa. A xente agardando pola botadura. Ao
carón está Vilaxoán co seu peirao e lonxa de mediados dos ano 60
O barco que reproducimos na fotografía no mesmo estaleiro a piques de ser botado ao mar, onde se observa unha morea de xente que veu á botadura. Outra foto onde xa está flotando no mar. Isto acontecía en xullo de 1918, seica que este estaleiro traballaban 65 persoas e o barco ía con atraso por mor do andazo da gripe que desbastou a este país cunha mortaldade arrepiante, sendo moi grave tamén en Vilaxoán. Contan as crónicas daquelas datas nestes estaleiros a gripe fixo moito dano, por esta data de xullo tiña de baixa a 45 obreiros, tendo en conta que na vila nese mes de xullo comezaba a propagarse sendo os meses máis funestos agosto e setembro onde a  mortaldade era de entre un e dous cada día. Pola miña banda non vai quedar sen escribir neste Blog da intrahistoria de Vilaxoán, todos os detalles dese andazo da gripe que foi devastador para o pobo; momento oportuno para facelo ante o estado de alarma que hoxe estamos vivindo en marzo de 2020. Cousa que farei o escrito histórico o máis axiña posible.

O buque era un Paquebote matriculado VILLAJUAN- I - e tiña as seguintes características: Eslora, 31,50 metros; puntal, 3,30; capacidade de carga 300 tn.. arbora de paquebote de tres paus.
O barco vai provisto dun motor auxiliar de 60 cabalos, tipo C.O semi-diesel da casa Fairbanks de Morse de EEUU. O motor principal non se puido instalar por dificultades de transporte e permisos de exportación e atópase nos peiraos de New Yok, o barco botouse ao mar sen o motor, aínda que xa estaba preparado para colocalo en canto chegara do porto americano. Con respecto ás súa singraduras, vou comentar unha deste Paquebote “Villajuan I” onde chegou a Vigo no ano 1926 de Marsella e Alacante con tella plana
Porén, no estaleiro xa estaban colocando a quilla para un buque dunhas 1300 Tn. de carga, sendo as súa características: Eslora, 51 metros; manga, 10; puntal, 5,80 e arborará de bergantín-goleta de tres paus. O arqueo bruto era de 838 toneladas e o neto de 774. Este buque foi botado ao mar o 14 de setembro de 1920, o atraso desde que se puxo a quilla en 1918, debeuse ao andazo da gripe por falta de xente e tardou máis do que agardaban. Este novo buque foi bautizado co mesmo nome do estaleiro “Astilleros de Arousa”, era dun forte casco de madeira, dunha fasquía liñas aparellado de bergantín-goleta: ademais ía montado un motor semi-diesel de 200 C.V. de forza que lle permitía non usar as velas e facer as recaladas sen auxilio externo e ao mesmo tempo fuxir da navegación en calma que era un grande problema dos buques de vela.
A arboradura tiña tres paus iguais, os dous de popa con masteleiros e o trinquete con masteleirillo. Os tres paus eran de abeto americano. Seica que o barco era dunha beleza e fasquía propia dos antigos buques de vela; porén, para aqueles anos de “La Belle Époque”, tiña unha moderna estética e condicións de seguridade mariñeira que mereceu a primeira clasificación do “Bureau Veritas” de Franza.
Despois da botadura 1918
O mascarón de proa, foi un agasallo aos armadores feito polo soado artista Aniceto Marinas (1) , que estivo en Vilaxoán esculpindo a talla no mesmo taller do Estaleiro. Representa unha estatua de Mercurio que na súa man dereita pendura a bolsa do ouro, mentres na súa man esquerda o bastón alado. Coido que para facer o traballo nos talleres do estaleiro tiña que pernoctar nalgunha casa o pensión da Vila.
Tamén estaban a construír un vapor pesqueiro de 16 metros de quilla e outras embarcacións menores. Como observamos a carga de traballo era impresionante para esas datas cheas de dificultades.
O outro Estaleiro atopábase en Canelas onde estaba a depuradora Pipla, este estaleiro pertencía ao Sr. Manuel Valenciano. Por esas mesmas datas, concretamente en xuño de 1918, botouse o paquebote VILABOA, onde tamén foi presenciado por moita xente.
Este barco, segundo as crónicas tiña un fermosa fasquía e os técnicos comentaban: que era un dos buques feitos a conciencia da Ría de Arousa, foi dirixido polo mestre carpinteiro de ribeira José Priegue.

O mesmo estaleiro no ano 1916. Ao caron do barco os bois para
acarrexar os tablóns
Este paquebote VILABOA fora vendido para un armador por 300.000 ptas. Á botadura deste xa ían construíndo coa colocación da quilla doutro de 800 Tn. Para o mesmo armador.
E importante suliñar que ante esa carga de traballo nos dous estaleiros con preto de cen traballadores, como en outras profesións e a xente mariñeira, Vilaxoán tiña 2.637 habitantes con panaderías, médicos: Viqueira e Rafael Pazos. As tabernas de Xoaquín Callón, Francisco Durán. Ultramarinos de María del Carme Fuentes. O café de Manuel Fernández. A Pousada do Tombo
Zona do Esteiro-Saiñas onde estaba o Estaleiro Arousa
foto de 1996
de Manuel Fernández. Asociación de labregos e mariñeiros; xastrerías; zapaterías; tecidos; mercerías; escolas de nenas e nenos a cargo da mestra Carme Otivan e o mestre Juan Neroste; estancos, barbería ao cargo de Marcelino Rodríguez; tres carpinterías que facían de empresas auxiliares para os estaleiros sendo os seus donos: Román Reino, Manuel Varela e Anxo Villaronga; modistas, albaneles etc.


=========================
(1)- Aniceto Marinas García naceu en Segovia, na parroquia de San Millán en 1886 e finou en 1953 en Madrid. De familia humilde, logra unha bolsa da Deputación de Segovia para estudar na Real Academia de Belas Artes de San Fernando en 1884. En 1888 é bolseiro para seguir os seus estudos na Academia de Roma, onde remata a súa estadía en 1893.



==========================






mércores, 4 de marzo de 2020

LEMBRANDO A FELIPE RODRÍGUEZ "PANTERA DE AROUSA"





FELIPE RODRÍGUEZ PIÑEIRO
PANTERA DE AROUSA”


   Preto vai facer dúas décadas que se nos foi o grande Felipe Rodríguez "Pantera". Non quixera deixar neste Blog da historia de Vilaxoán sen facer un anaco da súa historia como boxeador, aínda que tamén foi un campión na súa faceta humana como un daqueles "bos e xenerosos" de Galicia. 
Video de Vilaxoán Canta en Luar con Felipe

    Felipe era unha persoa que alentaba humanidade por tódolos seus poros, un rapaz magnífico e sempre amigo dos seus amigos, disto podo dar fe, por darme a súa amizade que foi correspondida. Dixen sempre que naquel corpo tan grande e de atleta gardaba un inmenso corazón.
Naceu Felipe Rodríguez, “Pantera de Arousa” o 22 de decembro de 1953 en Vilaxoán. Quen sería o mellor dos pesos pesados de España, comezou a súa andaina puxilista cando era un neno nun provisorio ring, aló, preto da praia de Canelas.
Na Pelada (Faxilde)
  En 1972 disputou o seu primeiro combate, pasando axiña a formar parte do equipo español afeccionado, erixíndose campión dos Xogos Mediterráneos. Como amateur foi campión de España dos pesos pesados en 1974 e 1976. En 1974 gañaría a medalla de prata do V Torneo Internacional celebrado en Holanda.
Felipe con Alain Delon na T.V. Francesa
  O primeiro combate como profesional disputouno o 13 de maio de 1977, vencendo a Francisco López Barrilado. O 1 de abril de 1978, acadou en Pontevedra o seu primeiro título nacional dos pesos pesados tras vencer a Fermín Hernández, título que ninguén logroullo arrebatar.
Durante os 1983-84, Enrique Soria encárgase da súa preparación e pelexou en Alemaña, Dinamarca, Italia e Sudáfrica. No Pavillón de Pontevedra foi onde máis combates disputou, poñendo en xogo o Campionato de España fronte a Alfredo Evangelista, Avenamar Peralta e Fermín Hernández. Pelexou catro veces polo título europeo, pero non logrou gañar en ningunha ocasión. Entre os seus rivais cumpre citar ao francés Lucien Rodríguez e o italiano Lorenzo Zenon.
Felipe en Luar RTVG
Disputou 38 combates, gañou 25, fixo 5 nulos e perdeu en 8 ocasións.  Pelexou contra púxiles como Tom Halpern, Albert Sybem, Tony Moore, Terry O´Connor, Alí Lakusta ou Alfredo Evangelista.
   Retirouse do boxeo activo o 8 de agosto de 1987, tras combater contra o francés Jean Chanel. Despois traballou nunha compañía de seguridade privada e no programa “Luar” da TVG e finalmente volveu para Vilaxoán prestando servizos como vixiante xurado na Confraría de Pescadores “Virxe do Rosario”.
Estatua de Bronce no Parque Dona Concha. (Vilaxoán)
   É unha ledicia velo ao carón de galegos ilustres,  escritores, poetas, científicos e deportistas no libro Gallegos e ver o seu nome na Gran Enciclopedia Galega, o que para tódolos vilaxoaneses é un orgullo como tamén o será para as xeracións vindeiras que sempre o lembraran como o “púxil de Vilaxoán”.
 O 1 de xuño do ano 2001, o Concello adicoulle unha estatua de bronce no Parque Dna. Concha, obra do escultor Alfonso Vilar.
Felipe e a súa familia no día da súa homenaxe
(foto Voz de Galicia)
Un tumor cerebral acabou coa súa vida no primeiro día do mes de xuño do ano 2000. O 8 de abril dese ano o pavillón de Fontecarmoa (Vilagarcía) resultou insuficiente para dar cabida a quen acudiu á súa homenaxe, no que se respiraba unha sensación de despedida no ambiente.
                    

         
Lucien Rodríguez, Alain Delon, Felipe Rodríguez (Pantera). Foto o 24 de novembro de 1981 n T.V, Francesa,
dus días antes do combate. Fotógrafo Keystone, Press, Pictures USA

          =================================================

Rocords de Felipe Rodríguez Piñeiro (Pantera)
Quero expresarlle as miñas grazas á que fora a súa dona María José Lorenzo por atenderme na miña petición de poñer nas miñas mans unha serie de fotografías e documentos para poder publicalos. Grazas de corazón.
Teo Cardalda F.

CRONOLOXÍA FOTOGRÁFICA DE FELIPE RODRÍGUEZ