mércores, 27 de febreiro de 2019

XURISDICCIÓN DE SAN MARTIÑO DE SOBRÁN. SÉCULO XVIII


XURISDICCIÓN DE SAN MARTIÑO DE SOBRÁN. SÉCULO XVIII

A xurisdicción de Sobran pertencía á provincia de Santiago de Compostela, como tamén as freguesías de San Miguel de Catoira e Santa Baia (oeste Catoira). Esta antiga provincia de Santiago, a primeiros do século XVIII, tiña unha superficie de 7.020 quilómetros cadrados e estaba composta por 27 vilas, 20 cotos redondos, 832 freguesías e a cidade de Santiago de Compostela.
           
Pazo de Sobrán, 2014
Na metade deste século XVIII, concretamente en 1752, a poboación desta Xurisdicción  era de 1450 habitantes, dos que 515 veciños eran da freguesía de Sobran, a maior de todos os núcleos, que incluía o porto de Vilaxoán, Aralde, Canto, Eiviño, Faxilde, Galáns, Combe, Cortiñas, Goris, Lagoa, Lodeiro, Maceiras, Piñeiro, Renza, Praga, Riolois e Rúanova. O coto de Rubiáns tiña 200 veciños, o coto de Lorenzo 55, a vila de Vilagarcía, 264 e a vila de Carril, 42 veciños.
Condes de Maceda
            A mediados do século XVII, Sobrán era rexentada polo III conde de Maceda, D. Xosé Benito de Lanzós e Novoa, nado en Santiago o 11 de decembro de 1670,  que casou con María Teresa Taboada Villamarín. O conde e a súa muller residían por tempadas no Pazo  de Sobran. En 1710, o Rei Felipe V concedeulle a grandeza de España da primeira clase.
            Sucedeulle o seu fillo Dº Francisco Xavier de Lanzós e Taboada, Señor de Sobran,VI conde de Maceda e IV conde de Taboada nado no Pazo do mesmo nome e bautizado na igrexa de San Martiño de Sobran (Vilaxoán) o 7 de decembro de 1699. Foi tenente xeneral dos Reais Exércitos, xentil-home de Cámara do Rei Carlos III e visconde de Laiosa.
Partida de Bautismo  Francisco Javier  nacido en
Sobrán 
Non deixou descendentes e sucedéuno a súa irmá María Ignacia de Lanzós e Taboada, que estaba casada co conde de La Fuente del Sauco, Dº Xoán Manuel de Lando.
            A finais do século XVIII e comezos do XIX, quen rexentaba a xurisdicción era Dº Gonzalo Manuel Lando, VII conde de Maceda.
            O vencello do condado de Maceda coa xurisdicción de Sobrán remóntase ao 12 de maio de 1652 cando casaron en Pontevedra Bernardino de Lanzós e Andrade, II conde de Maceda, con Baltasara Montenegro Soutamaior, filla de María de Soutamaior, Sra. de Sobrán. Ao finar esta, herdou Baltasara o morgado da casa de Sobrán.
            D. Bernardino de Lazós Andrade otorga testamento ante o escribano da xurisdicción de Sobrán, Dº Antonio Pedrosa, o 1 de xullo de 1687 no seu Pazo de Sobrán, e solicita ser soterrado na capela de San Andrés, sita na igrexa de San Martiño de Sobran aclarando que cando estivera arranxada a fundación do convento de Santa Mariña, desta freguesía, os seus ósos fosen trasladados alí, igoal que os da súa dona Baltasara, por aquel entón finada. Os fillos deste matrimonio foron o devandito III conde de Maceda, Xosé Benito, que herdara a casa de Sobran.
Moitas familias aparecen vencelladas a esta xurisdicción e ao fermoso Pazo de Sobran  no percorrer dos anos. Nomes como os Caamaño, Mariño de Lobera, Castro, Sarmiento, Andrade, Losada, Mendoza, Maceda, Castelar e os Patiño.


luns, 18 de febreiro de 2019

VILAXOÁN : ÉPOCA MEDIEVAL


VILAXOÁN : ÉPOCA MEDIEVAL
Na época medieval, a antiga freguesía de San Martiño de Sobrán pertencía ao bispado de Iria que, co tempo, chegaría a ser do Cabildo de Santiago de Compostela. A primeira nova histórica de San Martiño de Sobrán témola na obra de Antonio López Ferreiro Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago; dicía que no ano 1115 o nobre galego Ramiro Muñiz fixo a doazón deste territorio de Sobrán (Severana) ao Apóstolo, concretamente á igrexa de Compostela.
Co tempo, a finais do século XIV, estas terras de Sobrán pasarían por aforamento da Mitra Compostelán á Casa dos Soutomaior, liñaxe moi poderoso naquelas épocas en Galicia.
Pazo de Sobrán
Todas estas terras da Ría de Arousa, en especial a Saliniense (Salnés), así chamada polas explotacións das antigas salinas, eran moi cobizadas e tiña un especial interese para facerse con elas a igrexa de Santiago, como di E. Fernández Villamil: “Quizá su fertilidad y la riqueza en pesca de sus costas entrasen como factores en esta predilección del opulento cenobio por esta ciertamente hermosa y prolífica comarca. Y, desde luego, los tributos señoriales propios de los puertos de mar, donde se pagaban además de los propios de la tierra, eran un aliciente”.
Estes tributos señoriais dos portos da costa e das rías eran os “diezmos de mar”, que sempre foron de señorío real, inda que nos comenzos do século XIV tivesen a metade os Arcebispos de Compostela por unha concesión outorgada polo Rei Fernando IV.
Cando asentaron en Sobrán os Soutomaior, tiñan como dereitos ,ao ser terra marítima, tres importantes tributos,  que eran derechos del Señor”: O tributo dos “cambos”, que se compoñía dun feixe de peixes por cada barco que chegaba ao porto cargado de calquera especie do mar;  O de “portazgo”, que eran os dereitos por carga e descarga de calquera mercadoría de cada barco e, por último, o tributo de “quebrazos”, que viñan ser os refugallos dos naufraxios que o mar guindaba á costa, pero este tributo soamente lle correspondía ao señorío.
Sartego de Paio Gómez Chariño, na Igrexa de
San Fracisco de Pontevedra
As avantaxes señoriais estaban rebaixadas en certo porcentaxe nas terras dependentes dos Arcebispos composteláns polo aproveitamento e concesión que éstes tiñan do tributo dos “cambos” en toda a Ría de Arousa.
A economía dos habitantes da bisbarra do Salnés, e polo tanto dos que residían en Sobrán, era máis de subsistencia, baseada na pesca e a agricultura, e sufrían fortes impostos que enchían as arcas do señores, que eran os  Soutomaior, que tiñan intereses nalgúns portos da Ría de Arousa, Cambados, Illa de Arousa, Vilanova etc. Onde non tiñan señorío, impoñían a súa cara protección como era o caso de Vilanova de Arousa. Era o que os arousáns lle chamaban os cartos da sardiña”, exactamente corenta marabedís,que lles non foran dados salvo por defensión, que os defendese” .
Os Soutomaior desprezaban esa cantidade por un bo banquete para as súas xentes. Nunhas declaracións recollidas en acta notarial realizadas ante o alcalde da Hermandade da vila de Vilanova, Rui Vicenti, actas dadas a coñecer por López Ferreiro, comentábase sobre Suero Gómez de Soutomaior, Señor de Sobrán: “ahora viñase (Suero Gómez) a comer con trinta e quarenta omes e  quantos eles querian a comer os ditos jantares”.
Na segunda metade do século XV, a presión dos señores sobre as poboacións arousáns resultaba insoportable, segundo declaraban en 1467 aos alcaldes da Hermandade os veciños de ditas poboacións. Aquel primitivo titular do señorío, o Cabildo compostelán, fora anulado. Primeiro impuxo a súas esixencias o Arcebispo de Santiago, D. Lope de Mendoza, que levaba as rendas reais, e despois impoñían o seu ditado os señores que acadaran dos arcebispos o arrendo das rendas reais no seu favor. “Ahora se entrometian señores e caballeros da terra a arrendarla e... fazian faser outros arrendamentos ao dito lugar, en maneira que se agravaban o lugar para que os tomase a mayores precios”.
Sartego de Suero Gómez de Soutomaior. Museo de Pontevedra
A fundación de Burgos mariñeiros contemplouse como algo de moito proveito persoal para os receptores dos impostos. Así, no século XV, fundouse a vila de Portonovo polo Arcebispo don Lope de Mendoza; o arcediano de Reina, don Xoán Mariño de Soutomaior, fundou o porto de Vilaxoán na xurisdición de Sobrán, algo que comentarei con máis amplitude en vindeiros capítulos, e García de Caamaño, a vila e porto de Vilagarcia.
 O gran polígrafo Fermín Bouza-Brey,  no seu traballo titulado El señorío de Villagarcia desde su fundación hasta su marquesado (1461-1655), da a entender que a fundación do porto de Vilaxoán foi anterior ao de Vilagarcia,  e comenta textualmente:
“Para llevar a cabo esta puebla (refírese a Vilagarcia) a la que dio su nombre, como había dado su tío político, el Arcediano  Xoán Mariño, el suyo de Villajuán a la por el fundada, otorgó don García de Caamaño en la inmediata parroquia de Cornazo, una carta con fecha 12 de mayo de 1461”.
Da nobre e poderosa familia Soutomaior, que se asentou en San Martiño de Sobrán, foi Paio Gómez de Soutomaior, Mariscal de Castela, Cabaleiro da Banda, Señor da Fortaleza de Lantaño, das vilas de Santo Tomé, Villamaior, do porto de Carril e da Fortaleza e vila de Rianxo, Señor da Fortaleza de Insua, terra de Tabeirós, e de San Martiño de Sobrán.
O seu bisavó, que foi tanto ou máis importante, foi Paio Gómez Charino (segundo Crespo Pozo, débese nomear Paio Gómez de Soutomaior El Charino); nacera en Rianxo no ano 1223 e foi Señor de Rianxo e Quinto Almirante de Castela, asistindo á conquista de Sevilla tomada polos mouros. Para a toma desta cidade concorreu coas naves de Galicia, chegando a ser primeiro Almirante Maior; dende a súa mocidade foi moi afouto e práctico nas tarefas do mar por se ter criado na ribeira e afeito dende a súa nenez aos perigos do mar. Dende moi mozo comezou a súa carreira militar.
Na toma de Sevilla mandaba unha flota de 27 navíos e destruíu unha ponte feita de barcos sobre o río Guadalquivir, que chegaba desde o castelo de Triana ate o Arenal, cunha das súas naves. Isto aconteceu o 3 de maio de 1248.
Pazo de Sobrán en 1919
Ao ser Paio contemporáneo do Rei Alfonso X El Sabio, personaxe que tanto amaba a poesía e aos poetas galegos, o Rei sempre procurou telo ao seu carón. Moitos estudosos de Paio din que, no eido literario, foi un dos representantes máis notabéis da lírica galaico-portuguesa, xunto con Martín Códax, Mendinho e Joan de Cangas. Foi don Paio un dos primeiros autores que tratou o tema do mar na poesía, cantando ao mar aberto surcado polos navíos de guerra. Esta é unha pequena mostra da súa poesía:
“As froles do meu amigo / briosas van no navío / e vanse as frores / d´aquí ben cos meus amores...”.
Da súa condición trovadoresca, que foi e por certo excelente, recollo unha pequena estrofa: “... Ai Santiago, padrón sabido / Vos m´adugades o meu amigo; / sobre mar vem quem frores d´amor ten / mirarei, madre, as torres de Jeen...”.
O mariño, poeta e trobador, don Paio Gómez Charino, vencellado á Ría de Arousa e, indirectamente, con San Martiño de Sobrán, finou asasinado en 1297 (seica por razóns políticas) estando nunha dehesa de Ciudad Rodrigo en conversa a cabalo cos Infantes D. Xoán e D. Pedro, cando un cabaleiro de nome Rui Pérez Tenorio atravesoulle o corazón cun coitelo. Ao Almirante Poeta trouxérono para ser soterrado en Pontevedra, na Igrexa de San Francisco. Estaba casado con Dona María Maldonado.
O seu bisneto do cal faláramos anteriormente, don Paio Gómez de Soutomaior, Señor de Sobrán, fora nomeado polo Rei Henrique III embaixador ante o Gran Tamorlán,  chamado tamén  na forma máis usual no século XIV “Tamurbeque”, que era un gran conquistador tártaro e xefe do Diagatai, unha gran rexión de Hungría .
Interior do Pazo de Sobrán
co campanario da Igrexa de San Martiño de Sobrán
Nun escrito do século XV titulado Discurso hecho por Gonzalo Argote de Molina, fala deste acontecemento diplomático: “ .... imbió el rey don Enrique por Embaxador al gran Tamorlán a Payo Gómez de Sotomayor y Hernán Sánchez de Palazuelos, Caualleros de su casa. Los cuales se hallaron en aquella sangrienta  y famosa batalla que entre estos dos grandes  principes se dio, donde el turco, preso y puesto en una jaula de fierro, siruiendo de poyo de estribo al Tamorlán. Recibió el Tamorlán con mucha Beneuolencia a Payo Gómez de Sotomayor y Hernán Sánchez de Palazuelos... ”.
Entre os dons que Tamorlán concedeu ao Rei Henrique III, levados por Paio Gómez e Hernán Sánchez, estaban dúas damas irmáns, que en Castela se chamaron Dona Angelina de Grecia e Dona María Gómez. Contan os cabaleiros do liñaxe de Soutomaior, descendentes de Paio Gómez, que chegou a Sevilla con Angelina e María e de alí  marcharon á Corte, pasando pola fortaleza de Carpio (Córdoba) que pertencía ao seu curmán, Luís Méndez de Soutomaior. Foi recibido e hospedado con grandes festas, e acampou  ao pé da fortaleza na que don Paio tivo amores e empreñou a Dona María Gómez , razón pola que El-Rei don Enrique quixoo prender e matar, fuxindo don Paio a Galicia e despois a Franza para, co tempo, obter o favor real e ser perdoado. Por orde do Príncipe Juán, volveu a Galicia e casou con Dona María Gómez  en terceiras nupcias. A súa primeira dona , Dona Maior de Mendoza, era irmá do Arcebispo de Santiago don Lope de Mendoza, e a segunda foi María de Grecia. Os seus fillos foron Suero Gómez de Soutomaior, Mariscal de Castela que seguiu a liñaxe; Dona Inés Gómez de Soutomaior; María Gómez de Soutomaior; Paio Gómez; María Álvarez e Juán Mariño de Soutomaior, fundador da vila e porto de Vilaxoán. É máis que probable que  Inés Gómez como María Ávarez,  o doutor Diego Álvarez, e, quizais, tamén Estéban Rodríguez, tesoureiro da Igrexa de Santiago, foran fillos de  María Gómez, como tamén o devandito don Juan Mariño de Soutomaior.
O primoxénito, don Suero Gómez de Soutomaior, O Mariscal, herdeiro do señorío de Sobrán, Rianxo e Lantaño, xogará un dos papeis máis interesantes na Galicia do século XV. Estaba casado don Dona Leonor Vázquez da Insua.
Foto aerea onde se ollea o Pazo de Sobrán
 e a Igrexa de San Martiño de Sobrán, anos sesenta
De mozo serviu ao Rei Don Juán II de Castela. No ano 1441 foi testemuña con don Juan de Mendoza na carta do título de “Pertiguero Mayor” de Santiago, que fora outorgado a Rui Sánchez de Moscoso, da fidalga Casa de Altamira, da que Suero Gómez foi sempre o seu fiel aliado.

Portada do Libro-documento
 
Naqueles tempos, eran moi normais as liortas entre a nobreza, e que as vilas e cidades solicitasen a axuda dun defensor entre aqueles homes que tiveran xente de armas. Suero Gómez tomou ao seu cargo a defensa de Sobrán, de Pontevedra e doutras vilas da Ría de Arousa. Comprometíase á defensa e axuda a tódolos veciños e moradores, e facía promesa de gardar tódolos usos e costumes da vila. Tampouco prenderá a ningún veciño, até que o faga saber ao alcalde da vila. O “Concejo” tiña por obriga, aparte de outros beneficios, a de axudar a Don Suero en todo o que fose necesario. Contrato parecido fixoo co “Concejo” de Vilanova de Arousa , xa que este pagaba o xantar a Don Fernando Bermúdez de Castro e a Don Suero para que defendesen a vila.
Manuscrito do Recuento das casas antigas do Reino de Galicia
na Biblioteca Nacional de España.
Os Soutomaior da Casa de Lantaño e Sobrán
As relacións que Don Suero tiña cos arcebispos de Santiago sempre foron de moita tensión e en moitos casos ameazárono de excomuñón e con multas de mil maravedís, de non se abster de esixir os tributos aos cidadáns das vilas pertencentes a Santiago. Pouco caso lles fixo. Unha desas requisitorias de excomuñón foi para que deixara exento ao cabildo de San Adrián de Vilariño de Cambados das rendas e froitos. Cando era Arcebispo D. Rodrigo de Luna non houbo nengún troco por parte de D. Suero.
No ano 1449, D. Suero casa en segundas nupcias con Dª Juana de Luna, irmán do Arcebispo, mais D. Suero seguiu aproveitando como antes os dereitos e señoríos da Igrexa de Santiago. En 1450, o Arcebispo D. Rodrigo fai un chamamento aos cabaleiros e escudeiros do seu reino, e moi especial ao seu cuñado D. Suero, prohibíndolles esixir “pechos y servicios” aos colonos dos canónicos por estaren exentos en virtude da concesión real e eclesiástica.
Máis adiante, e con ocasión dunha carta de D. Rodrigo de Luna na que se ordeaba a cantos tiñan terras e pazos do Arcebispo que se incorporasen ao real exército na expedición contra os mouros, D. Suero e os demais cabaleiros negáronse a tal, dicindo que non estaban na obriga de facer tal servicio, comezando así un enfrontamento entre o Arcebispo e os demais cabaleiros que precisou da intervención do Conde de Lemos para asinar unha tregua. Nese mesmo ano de 1458, o Rei D. Henrique mandoulle unha carta a D. Suero e a outros cabaleiros na que se refería ás liortas que mantiñan co Arcebispo de Santiago.
Alonso de Fonseca
Desde que se fai cargo da sede de Compostela Don Alonso de Fonseca no ano 1464, houbo unha continua sucesión de graves liortas cos señores. D. Suero Gómez, fiel aliado dos Moscoso, condes de Altamira, xogou un papel importante e, ao mesmo tempo, foi quen maior beneficios tirou da situación de enfrontamento que obrigou a Fonseca a asinar unha capitulación na que se comprometía a non residir na súa Diocese por un espazo de dez anos. Volverá Alonso de Fonseca a Compostela por mor do levantamento dos Irmandiños. A situación de descontrolo era tal que o Rei manda a D. Fernando Pareja, Adiantado Maior de Galicia, para poñer orde e fai un requirimento ao Sr. de Sobran, D. Suero, e a outros cabaleiros para que atendan a razóns, tomando estes a determinación de se constituíren nunha especie de confederación para se axudarse mutuamente contra Fonseca e os nobres vencellados co arzebispo. Ao derrotar a Fonseca, os señores de Galicia obtiveron grandes mercés do feble Rei Henrique IV e D. Suero é nomeado Mariscal conxuntamente con D. Pedro Pardo de Cela.
Pedro Pardo de Cela
Copia dun lenzo  no Castelo
da Frouxeira
Na guerra de sucesión ao trono de Castela, o Sr. de Sobrán  Suero Gómez amósase partidario de Dª Isabel. No ano 1475 intervén no cerco a Pontevedra, que estaba en poder de  Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga), cabaleiro que sempre foi compañeiro de armas de D. Suero. Quen levaba a parte principal do ataque a cidade eran o Arcebispo Fonseca e o nobre Ladrón de Guevara,  que, dubidando da lealdade de D. Suero e dos seus aliados, Lope Sánchez de Ulloa e Moscoso, Conde de Altamira, e Diego de Andrade, determinaron en segredo prendelos pero advertidos por García Martiz de Barbeira do que tramaba o Arcebispo, puideron librarse da traizón. As cousas “no fueron de buena guisa” para os inimigos de Pedro Madruga, tendo que levantar o cerco da cidade que continuou no poder de Pedro Álvarez.
No ano 1481, D. Suero intervén con Fernando de Acuña  contra Fonseca pero o cerco pouco dura.
Escudo de armas dos
Gómez de Soutomaior
No ano 1489, D. Suero fai testamento en Vilanova de Arousa. Este documento foi publicado no seu día por A. López Ferreiro e resulta ser unha copia do orixinal do século XVII. Quizais sexa máis interesante outro documento que é unha copia notarial coetánea da cláusula do testamento no que consta o legado ao Mosteiro de Santo Domingo de Pontevedra. Esta copia foi sacada do orixinal polo Prior e os monxes do devandito mosteiro polo mesmo notario ante quen D. Suero testara.
Finou D. Suero no ano 1490, sepultárono, segundo era a súa vontade, no Mosteiro de Santo Domingo de Pontevedra onde ficaban xa o seu pai Paio Gómez de Soutomaior e os seus avós.
Ao finar D. Suero, o seu irmán, D. Xoán Mariño de Soutomaior, o fundador do porto e vila de Vilaxoán, quedou rexendo o señorío de Sobran ata a súa morte, acontecida en 1496.

T.C.F.
   


xoves, 7 de febreiro de 2019

VILAXOÁN-PRIMEIROS DÍAS DA GUERRA CIVIL, 1936


VILAXOÁN
PRIMEIROS DÍAS DA GUERRA CIVIL, 1936

O levantamento do exército o 18 de xullo de 1936 contra o goberno lexítimo da República nacido das urnas, sendo a  cabeza visible o Ditador Franco, tivo a súas consecuencias tráxicas e sanguentas nesta vila como en miles de pobos do país. A represión foi brutal tanto nos primeiros días como en toda a contenda.
(Vilaxoán anos 1935 ( Preguntoiro)
 Ao longo da noite daquel sábado 18 de xullo, tivo lugar o incendio das sociedades “Club Náutico de Regatas” e “ Juventud Católica” por parte de persoas que defendían a lexitimidade do goberno; estas sociedades eran rexentadas por persoas da alta sociedade de Vilagarcía sendo partidarias do golpe de estado, algunhas delas simpatizaban coa Falanxe e outras representaban á dereita máis retrógrada.

O luns día 20 pola mañá, ten lugar unha xuntanza de moitos simpatizantes do Frente Popular no Teatro Vilagarcia para decidir se ían a folga xeral. Neses intres foi chamado con urxencia a Pontevedra o deputado de “Izquierda Republicana”  Elpidio Villaverde Rei onde se lle pediu que mandase á capital milicianos armados. De volta a Vilagarcia declarase a folga xeral e fórmase o comité executivo do Frente Popular na Alcaldía, onde se toma a decisión de armar aos obreiros e requisar automóbiles; moitas persoas  non saen das súas casas e a cidade vai quedando case deserta. Anteriormente xa meteran na cadea como prisioneiros máis de 30 persoas de significada ideoloxía dereitista, que en todo momento non foron obxecto de malos tratos nin dano algún.
Directiva de Real Club de Regatas, algúns destes integrantes
foron partidarios do golpe de estado fascista
Porén, todo isto non foi máis que unha ilusión e nada efectivo, xa que o tenente  da Garda Civil de apelido Belay que dirixe as forzas  ao seu mando, aborta a resistencia de Vilagarcía e acada que remate a presión dos resistentes na mañanciña do día 21.
Co paso das horas e organizados os simpatizantes do golpe de estado, colle o mando como comandante militar da Praza o coronel de Regulares Salvador Mujica Buhígas, comezando a da-las ordes oportunas. Nomea como alcalde ao avogado Frutos Cereceda Lapatza e adxuntos a Emiliano Porto e Wenceslao Oubiña.
O día 24 preséntase unha columna de Pontevedra ao mando do capitán da Garda Civil Manuel Bernal con forzas de Artillería e falanxistas. Pola estrada de Rubiáns baixa outra columna de Artillería ao mando do comandante Santiago Revilla. Estas dúas columnas únense e marchan sobre Cambados, ao saír de Vilagarcia teñen un enfrontamento a tiros con
Elpidio Villaverde, terceiro pola esquerda. Alcalde de Vilagarcia e Deputado
Por Izquierda Republicana, na terraza da praia Compostela nas festas de
San Roque 1934. A súa esquerda atópase Bernardino Machado expresidente
de Portugal exiliado por mor do golpe militar no veciño país. A nena que ollamos
na foto é a filla de Elpidio: Rosina.





unha morea de militantes do Frente Popular, que cortaran a estrada ao carón do convento de Vista Alegre. Máis tarde atoparan outras barricadas con moita resistencia en Vilaxoán e o Rial preto do río do mesmo nome onde estouparan unha ponte, a resistencia non puido parar ás columnas de Bernal e Revilla, entrando en Cambados.
Instantánea do mesmo día que a anterior foto na mesma 
praia de Compostela con Bernardino Machado 
e outras persoas
que están sen edintificar. Tamén atópanse as 
dúas fillas de
Elpidio cunhas amigas.
De volta para Vilagarcia, camiñan pola estrada de Pontecesures e atopan en Bamio unha ponte estoupada e non poden seguir, daquela dedícanse a combater aos legalistas republicáns no monte de Xiabre.
O día 25 pola tardiña, estas columnas vanse para Pontevedra despois de reducir en Sanxenxo e o Grove os últimos grupos de leais á República.
Rogelio Díz Fuentes veciño de a Lagoa, pasou polas 
cadeas de 
San Simón (Lazareto) e o Fuerte San Cristóbal 
(Navarra), 
sonado pola súa masiva fuga de presos
Nembargantes, os fuxidos nos montes de Xiabre e Lobeira non foron totalmente eliminados, seguiron resistindo con actos de sabotaxe nas liñas eléctricas e nas vías do ferrocarril. Ante isto volve de Pontevedra o capitán Bernal coa súa columna e fai unha batida o 29 de xullo sobre Xiabre coa axuda dos hidroavións da base de Marín. Ao día seguinte o fan cos refuxiados no monte de Lobeira entrando por Cornazo, Pontearnelas e Sobradelo,  facendo cinco baixas  e varios feridos aos resistentes, entre eles Latorre, persoa que mandaba un dos grupos.
Francisco Muníz

O 4 de agosto nomeouse xuíz militar da Praza ao capitán Carlos G. Rei comezando a instruír os procesos sumarísimos contra os resistentes e leais á República, as consecuencias destes “procesos”
Juan Piñeiro

foron arrepiantes, penas de morte, cadea perpetua etc. O fiscal de apelido Puga, lles pide pena de morte a o ex-xuíz municipal Luís Pardo, Manuel Ouviña, Ramón Mondragón e Angel Navia. Ao alcalde Valentín Brionés, Jesús Villaverde Rei e José Otero foron condenados a cadea perpetua. Aos veciños de Vilaxoán, Francisco Muñíz, Antonio Alejandre e Vicente Montenegro, o fiscal pide a cadea perpetua, quen presidía este tribunal foi o coronel Ledo, Ezequiel Vidal foi condenado a morte e conmutada a perpetua. Tanto os anteriormente citados como Roxelio Diz Fuentes e 
Na fila sentados o segundo pola esquerda é Antonio Alejandre
con outros presos na cadea de San Simón (Lazareto)

Juan Piñeiro Pérez foron levados ao Lazareto (Illa de San Simón) . A Roxelio Diz e Ezequiel Vidal máis tarde os mandaron para a cárcere do Forte de San Cristóbal de  Pamplona, pasados unha morea de anos todos eles  foron postos en liberdade, pero era unha liberdade vixiada. Todos eles pasado moito tempo foron refacendo a súa vida paseniño con moitas dificultades, inclusive Juan Piñeiro Pérez chegou a ser Patrón Maior de Vilaxoán.
Antonio Alejandre entrevistado en Vilaxoán polo sonado xornalista
Perfecto Conde Muruais para a revista Gallegos en 2015.
 O mais triste de todo isto foron as represalias en todas a súas formas a centos de persoas ao longo da guerra e na posguerra como: rapado do pelo ás mulleres, control de vixilancia permanente a persoas soamente por vinganzas persoais, control nos Cuarteis da Garda Civil onde lles daban malleiras, requisas nas casas polos falanxistas dos que eles pensaban que eran sospeitosos, práctica do terror a persoas que non fixeron ren pero si algún dos seus familiares, despidos nos traballos , a queima dalgunhas casas por si se atopaba dentro algunha persoa das que andaban a buscar, para queimala en vida, etc..
Antonio Alejandre ao pé do Pazo de
Pardiñas en 2015. Finou en 2017 aos 102 anos
 Arrepiante foi o asasinato de persoas “paseadas” a sangue fría guindados os cadáveres en calquera cuneta  por elementos que se dicían da Falanxe. “Paseados” só polo feito de defender a legalidade vixente como era a República e a democracia. Entre moitos deles en Vilaxoán foron: Rodrigo Berruete Alejandre, José Otero Lago, Manuel Soto Valle, Antonio Basilio Sayanes González, José Rei Cores,Antonio Soto Patiño, Manuel Diz Fuentes, Enrique Mariño Barreiro, Serafín Nogueira Santorun, Manuel Rei Urcera, Joaquín Valle Torres e Santiago Rivas Martínez.
Os máis baixos instintos do ser humano afloraron con esta semellante brutalidade, non habendo xustificación ningunha para cometer estes asasinatos que aínda despois de setenta anos quedaron na total impunidade.
Esta é un  anaquiño histórico da Guerra Civil e posguerra, historia que sempre nos ocultaron tanto na escola como en outros eidos da vida, sendo imprescindible recuperar esa memoria histórica e dala a coñecer en toda a súa crueza e realidade aínda que non nos guste, para que os nosos descendentes saiban a verdade do que pasou e que non volvan a cometer os mesmos erros. Cousa que hoxe 2019, a dereita franquista volve a seguir creando odio e enfrentamentos xa que non aprederon a usar a forza da razón, só coñecen a razón da forza.
Entrevista a Antonio Alejandre (video caseiro) no Monte de Xiabre
Por Gonzalo Bouza-Brey e Teo Cardalda no verán de 2005




martes, 5 de febreiro de 2019

A IGREXA ROMÁNICA DE SAN MARTIÑO DE SOBRÁN - HISTORIA



A IGREXA ROMÁNICA DE SAN MARTIÑO DE SOBRÁN

HISTORIA



A Igrexa de San Martiño de Sobrán data do século XII. Seica foi levantada sobre as ruínas dun antigo mosteiro do que poucos datos hai. Rutas de lo románico en la provincia de Pontevedra, que o mosteiro de Sobrán foi patrimonial e quizais dúplice e que perdeu a súa categoría ao desaparecer os seus patróns.
(Praia do Preguntoiro onde se pode ollar a Igrexa)
As novas tómanse da doazón que fixo o conde D. Ramón, asemade con Dona Urraca, ao mosteiro de Antealtares o 28 de marzo de 1098. Hipólito de Sa comenta no seu traballo
(Interior e altar)

Por estas mesmas datas, a Raíña Dona Urraca fai doazón a Antealtares doutro mosteiro de nome "Supratelio" de Sobradelo, ao carón de Sobrán.
Igrexa nos anos 30

No ano 1114 hai unha doazón á Catedral  de Santiago, sendo Arcebispo D.Diego Xelmirez, das pertenzas que tiña Ramiro Muñíz, incluíndo a Igrexa, en ( San Martín de Severana ) Sobrán.
 É digno de mención o comentario que sobre esta igrexa fai Chamoso Lamas: "esta Iglesia tiene que figurar entre los monumentos próceres de nuestro románico y es una de las pocas que se conserva intacta en lo que a influencias góticas se refiere".

A igrexa está ao carón do Pazo de Sobrán que pertencía ao Mariscal Suero Gómez de Soutomaior, quen reformou o Pazo empregando as pedras do derruído mosteiro de Cálogo de Vilanova,. Ao mesmo tempo pasaba a él o patronazgo da igrexa onde a vinculou e comunicou con unha porta lateral ao Pazo, porta que hoxendía está tapiada.
DESCRICIÓN ARTÍSTICA
A igrexa de San Martiño de Sobran é un fermoso exemplo da arte románica en Galicia. A súa planta é rectangular, cunha soa nave e ábsida semicircular. A bóveda, de canón semicircular, está sostida por arcos transversais, apoiados en pares de columnas amosadas que dividen a nave en tres compartimentos, dos que se abren xanelas con arcos de medio punto, faltando a da parede central do Sur onde unha porta, que foi pechada con ladrillos, conserva a portada exterior. As xanelas teñen forma de seteira sendo a máis importante a que, na parede Norte, dá luz ao coro, que ten dous pares de columnas con capiteis, e unha triple arquivolta apoiada nos saíntes ábacos.
(Outra prespectiva do interior)
Baixo as xanelas hai unha imposta corrida e nos compartimentos da nave, ao carón do altar maior, atópanse os sartegos dos Gómez de Soutomaior; baixo o arco conopial da parede do Norte fica o de D. Xoán Mariño de Soutomaior, o fundador da vila e porto de Vilaxoán. No fronte figuran dous escudos labrados e sobre o sepulcro descansa unha estatua xacente con vestiduras episcopais que sostén un libro sobre o peito mentres na banda frontal hai unha inscrición con letras góticas coa lenda: "AQUÍ YAZ MARIÑO DE SOUTO MAYOR ARCYDYANO DE REYNA QUE FAIECEYO ANO DE MIL CCCCLXXXXVI A II DE NOVEMBRE"
Esta arca sepulcral, que descansa sobre dous leóns, cobre o fronte con tres escudos que levan os blasóns dos Soutomaior, Aldao, Mariños e Medoza.

A estatua xacente está vestida con as galas pontificais. As mans sosteñen sobre o peito un libro, e a cabeza descansa sobre tres almofadas escalonadas. Están dous anxos con libros nas súas mans parecendo como se estiveran entoando cánticos.
Seica, esta obra lembra ao artista que fixo o mausoleo do bispo de Ourense, Don Alonso López de Valladolid, que se atopa na beira dereita da entrada da Azabachería da Catedral de Santiago de Compostela.

(Parte sur e cemiterio)
É probábel que tamén sexa o mesmo escultor quen fixo o sepulcro do Arcebispo de Santiago Don Rodrigo de Luna, quen finou en xullo de 1460, que se atopa na capela maior da igrexa  Ex-Colexiata de Iria Flavia (Padrón). O bispo de Ourense, D. Alonso López, finou en 1468, oito anos despois do falecemento do prelado compostelán.
No outro compartimento da parede Sur, figura a estatua xacente dun cabaleiro armado do que non se coñece o seu nome, sen celada e cunha espada sobre o peito. Polos escudos que ten o sepulcro, quizais podería pertencer a familia dos Soutomaior.
Tres xanelas saeteras, con lisas arquivoltas sobre columnas de sinxelos capiteis, ábrense no ábsida do presbiterio que cubre unha bóveda de canón rematada en cascaron, apoiada dun arco que divide en dous tramos a capela maior.
(Igrexa no ano 2001)
Columnas semiadousadas dividen por fora o ábsida en cinco tramos, salientando no central belas xanelas de arcos de medio punto con arquivoltas de bocel e xeitosos capiteis.
Na fachada, de tres corpos, ábrese a portada con arquivoltas sobre pares de columnas acodilladas de directriz semicircular, da mesma fasquía ca da parede Sur. Unha colección de pequenos canos están baixo a cornixa sobre a que se abre unha xanela semellante á portada na que loce un rosetón.


ALGÚNS ARTISTAS AO LONGO DOS SÉCULOS


Neste capítulo quero citar algúns artistas que dixaron a súa pegada na igrexa de San Martiño de Sobran desde o século XVII ata finais do XIX. En tan longo período de tempo, houbo en Vilagarcía e arredores certa presenza inglesa e francesa, xa pois é sabido que foi Vilagarcia a primeira cidade galega que lle declarou a guerra a Franza e houbo un natural de Vilaxoan que mandou tropas que loitaron contra os exércitos franceses, o capitán Xosé Pardiñas. A guerra trouxo, como sempre, unha gran depresión económica e foron numerosos os saqueos nas igrexas.
(Plano da Igrexa)
Na Ría de Arousa non atopamos obradoiros e artistas locais de certa importancia, de modo que a maioría das obras feitas  na igrexa de Sobrán pertecen a xentes de fóra da comarca ou de artistas que procedían de Santiago, Padrón ou Noia.
Comezamos co apartado arquitectónico, falaremos tanto da construción como das restauracións e falaremos de mestres de obras, canteiros, carpinteiros e albaneis.
CANTEIROS
Construción da sacristía en 1690 por Domingo Insua, da vila de Troáns.
Arranxo das paredes da sacristía en 1690, por Andrés Núñez de Santiago de Compostela.
Retello e arranxo do fallo en 1770 e arranxo do adro en 1771 ,por Benito Caneda da freguesía de Dimo (Catoira).
Restauración dunha parte do adro 1772-73, por Raimundo Besada de Dimo.
Lousado do adro en 1799 e levantamento do campanario en 1802, por Bruno Baliñas de Dimo.
Arranxo do lousado do adro 1807, por Xosé Filgudiras, de Cuntis.
CARPINTEIROS
Retello e arranxo do fallo 1770, por Benito de Aval, da vila de Vilaxoán.
Retello 1718, por Simón Carvallo.
Obras na sancristía en 1698-1700, por Gregorio da Silva, do lugar de Castro.
Retello e arranxo do fallo en 1770, por Pedro López, de András, Francisco de Navia, de Caleiro, e Cristóbal Vea, de Cambados.
ALBANEIS
Retello en 1684-85, por Pedro Ruso de Riveira.
Retello xeral 1717-19-20-21, por Benito De la Torre.
ESCULTURA
Caixa do retablo en 1642,obra dun escultor de apelido Delgado.
Imaxe de San Martiño esculpido en 1648, por Francisco Díaz, do lugar de Sisán.
Dourado e pintura do marco do altar maior en 1766, por Andrés Xiráldez, de Paradela.
Andas da Virxe do Rosario en 1774, por Nathec de Portugal.
(Parte sur da Igrexa  ao carón do cemiterio)
Arranxos na imaxe do Rosario en 1803-04, por Cosme Núñez, de Boiro.
Cruz do Neno Xesús en 1798, dourado e pintura dunhas andas en 1799, por Lucas Pérez, de Padrón.
Retablo de ánimas en 1718-19, por Rosendo Refoxos, de Vilanova de Arousa.


PRATEIROS
Composición da cruz do pendón en 1792, por Nicolás Aller, de Santiago de Compostela.
Arranxo da cruz en 1617, por Mateo Falcón.
Dourado do viril en 1677, por Xoán Gamallo, de Cambados.
Composición da cruz en 1809, por Fernando López, de Santiago de Compostela.
Dourado do cáliz en 1794 por Xosé Novoa , veciño de Santiago, onde traballou nos derradeiros anos do século XVIII e primeiros XIX. Foi un importante prateiro que realizou importantes obras na Catedral de Santiago, como as trece varas de palio,
Igrexa en 1919
pertegueiros, pincernas e silencios; seis copóns novos de prata; dous Santiagos de ouro con pedras preciosas e outras composicións en 1788-89. Traballou en 1795 os bances das dúas andas e dous atrís. No ano 1805  fixo catro copóns e en 1807 un Santiago de ouro.  X. Novoa vivía na freguesía de Salomé e suponse que alí finou no primeiro decenio do século XIX. Composición do cáliz  en 1661, por Francisco Oia, de Cambados.
Composición do cáliz en 1771, coroa da virxe 1788, arranxo da cruz do pendón 1802, composición de vinaxeiras 1806, arranxo da culler do cáliz 1807, obras todas de Xaime Porto Mariño, de Santiago de Compostela. Composición da cruz en 1765, por Dionisio Bens, tamén de Santiago de Compostela.
OUTROS ARRANXOS DA IGREXA
(Tumba de Xoan Mariño de Soutomaior)
A función litúrxica, como temos visto, leva aparellada todo un conxunto de atributos propios, desde as campás mesmas até, a confección de ornatos sacros, reixas e algunhas obras de pintura. Hai, pois, outros artistas que interveñen na realización de obras menores, suntuarias ou non, que cumpre citar:
Marco e tarima do altar maior en 1767, por Benito, do lugar de Abalo.
Casulla e outras roupas en 1815, obra de Luís Beltrán, de Santiago de Compostela.
Arranxo dos pendóns en 1815, por Casaldarnos, de Santiago de Compostela.
Varios obxectos de latón de 1771, por Diego Crespo.
Compoñer  asento e peana do altar maior en 1680, por Antonio Da-Priva.
Pendón de damasco branco en 1801, por Jacobo Eiras, de Santiago de Compostela.
Compoñer vidreiras en 1771, por Domingo
Igrexa e parte do Pazo de Sobrán. Foto sacada desde a Punta
do Preguntoiro no ano 2016
A. Fandiño, de Santiago de Compostela.
Cancillas do adro en 1719, por D. Piñeiro Fernández.
Composición dunha troneira en 1702, por Domingo Fontán.
Composición de vidreiras en 1789, por Rafael Guerra, de Noia.
Candeeiros de madeira en 1771, por Francisco Navia, de Caleiro (Vilanova de Arousa).
Pintura do sombreiro do púlpito en 1782, por Pastor Cuteda.
Arranxo das portas en 1617, por Xoán de Pazo.
Pintura do monumento en 1796, dourado e pinturas baras do palio 1798,  por Lucas Pérez de Padrón.
Candeeiros de madeira en 1768, por Rafael Reino.
(Altar)


Arranxo dun pendón en 1804, por Domingo Lucas Rial.
Compoñer vidreiras en 1802, e de novo vidreiras e máis troneiras en 1807,por Sebastián Rodríguez de Carril. Pendón do Rosario en 1798, roupas da virxe e casulla de damasco en 1799, por Manuel Rubianes. Catafalco de defuntos e terno completo en 1850, por Alexandre San Martín, de Santiago de Compostela. Despensa, oratorio da sancristía, compoñer caixóns do altar maior en 1698-1700, por Gregorio da Silva de Castro. Casulla negra en 1771, por Manuel Vicente. Casullas en 1767, por Xoán Ilario, do porto de Vilaxoán.
Velaí algúns nomes de artistas dos obradoiros de carpintería e ebanistería de Vilaxoan que fixeron traballos en outras igrexas da bisbarra:
Manuel Canosa, que fixo a lámpada do Santísimo en 1849 na Igrexa de Bamio. Anxo (?), que renovou todo o tellado da capela sur da Igrexa de Caleiro (Vilanova de Arousa) en 1909, e Benito Aval, que arranxou o tellado en 177
(Tumba dun Cabaleiro dos Soutomaior)
OUTRAS NOVAS DA IGREXA
Moitos foron os saqueos que durante séculos sufriu a igrexa e como consecuencia perdeu gran parte da súas riquezas: xoias, pinturas e tallas en madeira e perpiaño, chegadas en doazón, desapareceron para endexamais retornaren. Un exemplo das doazóns é o dun emigrante do século XVII de nome Alonso Fiel de Cavarces, natural de Sobrán, residente na cidade dos Anxos de Indias, que donou unha cantidade de xoias importante.

(Unha das columnas da Igrexa)
Ata hai uns anos, no fornelo da fachada, houbo unha estatua ecuestre de San Martiño con perruca carruxada e chapeu de penuxe, que desapareceu misteriosamente e até hoxe nada se sabe dela. Era unha fermosa obra esculpida en perpiaño, realizada no século XV, e quizais hoxendía esta embelece algunha casa señorial que, de seguro, saben ben de ónde procede e a quén pertence, de xeito que para que o pobo de Vilaxoan recupere isto que era seu, de veremos agardar a que algunha persoa nos diga en qué mans se atopa agora. Esta peza é inconfundible, xa que o cabalo tiña unha pata rota a causa dun accidente que sufriu o canteiro da Lagoa, Sr. Diz, que se aferrou a ela para evitar caer ao chan cando estaba a limpar a figura e como non soportou o seu peso partiu pola parte máis feble, acabando no chan o bo do Sr. Diz e mailo anaco da pata cabalar.

(Fachada da Igrexa en 1919, cando aínda 
estaba a escultura
ecueste de San Martiño do século XVI. 

Desaparecida por arte de maxia)
Sobre este episodio, recollo parte do poema publicado no libro titulado Mis Memorias, obra precisamente do fillo deste canteiro da Lagoa, de nome Roxelio Diz. Libro editado na cidade de Puebla en México. A poesía comeza así: "La Iglesia de Vilaxoán,/ tiene la fachada antigua;/ la recuerdo desde niño,/ grabados en piedra fina./ San Martín al frente estaba,/ con una mano partida;/ que se la partió mi Padre,/que desde ahí se caía./ Fue un día señalado,/ fracturando tres costillas,/ el caballo sin la mano,/ y mi padre sin costillas. / San Martín y el caballo, / quedaron allá arriba; / mi padre en el hospital, / curando sus heridas. / Y la mano del caballo del jinete San Martín; / no se pudo restaurar, / pues lo llevaron de ahí. / San Martín quedó haí, / reliquia muy admirada; / y cuando de viejo volví, / ese tesoro no estaba./ Desde haí no se fue solo, / sin una mano no andaba; / fue un milagro Señor, / el pueblo, así exclamaba. / San Martín y el caballo, / y la pila de bautizo, / reliquia de siglo XV,/ que han desaparecido”.
Os libros da freguesía de Sobran que se conservan no Arquivo Histórico Diocesano son: Libro de Fábrica de 1906-1945, Libro de la Cofradía del Buen Jesús y Ánimas de 1678, Libro de la Cofradía de Nuestra Señora del Rosario de 1667 e Libro de la Cofradía de Nuestra Señora del Carmen de 1753. Este último recolle a morte en combate durante a Guerra da Independencia do veciño de Vilaxoán Juan Ozores, preto de Burgos, en 1808.


Outros dados que podemos tirar é o nome do Cofrade Maior en 1676, o Mordomo D. Ventura Gómez Mariño, xuíz do Coto de Sobran.

Dos moitos acontecementos que tiveron lugar nesta fermosa igrexa, quero subliñar un en especial, o vencello dos apelidos Valle e Inclán cando contraeron matrimonio o primeiro de abril de 1735 dous veciños de Vilaxoan, Pablo del Valle e María Inclán, tataravós de Ramón del Valle-Inclán.
A campá grande é do ano 1903, realizada en Arcos da Condesa por Melchor Ocampo. A mediana tamén foi feita en 1903 polo mesmo fundidor, e a campá pequena é do ano 1833.

PÍA BAUTISMAL DO SÉCULO XIII
Pía Bautismal

A pía bautismal (s.XIII), é unha fermosa obra de cantería cedida en 1911 á Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, na actualidade pertence ao Museo da mesma cidade e pódese ollar na Igrexa de Santo Domingo onde tamén fica o sartego de Suero Gómez de Soutomaior, Señor de Sobrán irmán de Juan Mariño de Soutomaior fundador da vila e porto de Vilaxoán.
Algunhas pedras que embelecen o adro da Igrexa, pertencían a capela de Santa Mariña, hoxe desaparecida, unha perda e atentado cultural ao noso patrimonio Artístico, por preguiza, ignorancia, desidia, incultura e barbarismo. Desta Capela de Santa Mariña teremos outro apartado escrito,  xa que gardaba unha estreita ligazón coa Igrexa de San Martiño.
Teo Cardalda Fernández