Amosando publicacións coa etiqueta xurisdicción de sobrán. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta xurisdicción de sobrán. Amosar todas as publicacións

mércores, 27 de febreiro de 2019

XURISDICCIÓN DE SAN MARTIÑO DE SOBRÁN. SÉCULO XVIII


XURISDICCIÓN DE SAN MARTIÑO DE SOBRÁN. SÉCULO XVIII

A xurisdicción de Sobran pertencía á provincia de Santiago de Compostela, como tamén as freguesías de San Miguel de Catoira e Santa Baia (oeste Catoira). Esta antiga provincia de Santiago, a primeiros do século XVIII, tiña unha superficie de 7.020 quilómetros cadrados e estaba composta por 27 vilas, 20 cotos redondos, 832 freguesías e a cidade de Santiago de Compostela.
           
Pazo de Sobrán, 2014
Na metade deste século XVIII, concretamente en 1752, a poboación desta Xurisdicción  era de 1450 habitantes, dos que 515 veciños eran da freguesía de Sobran, a maior de todos os núcleos, que incluía o porto de Vilaxoán, Aralde, Canto, Eiviño, Faxilde, Galáns, Combe, Cortiñas, Goris, Lagoa, Lodeiro, Maceiras, Piñeiro, Renza, Praga, Riolois e Rúanova. O coto de Rubiáns tiña 200 veciños, o coto de Lorenzo 55, a vila de Vilagarcía, 264 e a vila de Carril, 42 veciños.
Condes de Maceda
            A mediados do século XVII, Sobrán era rexentada polo III conde de Maceda, D. Xosé Benito de Lanzós e Novoa, nado en Santiago o 11 de decembro de 1670,  que casou con María Teresa Taboada Villamarín. O conde e a súa muller residían por tempadas no Pazo  de Sobran. En 1710, o Rei Felipe V concedeulle a grandeza de España da primeira clase.
            Sucedeulle o seu fillo Dº Francisco Xavier de Lanzós e Taboada, Señor de Sobran,VI conde de Maceda e IV conde de Taboada nado no Pazo do mesmo nome e bautizado na igrexa de San Martiño de Sobran (Vilaxoán) o 7 de decembro de 1699. Foi tenente xeneral dos Reais Exércitos, xentil-home de Cámara do Rei Carlos III e visconde de Laiosa.
Partida de Bautismo  Francisco Javier  nacido en
Sobrán 
Non deixou descendentes e sucedéuno a súa irmá María Ignacia de Lanzós e Taboada, que estaba casada co conde de La Fuente del Sauco, Dº Xoán Manuel de Lando.
            A finais do século XVIII e comezos do XIX, quen rexentaba a xurisdicción era Dº Gonzalo Manuel Lando, VII conde de Maceda.
            O vencello do condado de Maceda coa xurisdicción de Sobrán remóntase ao 12 de maio de 1652 cando casaron en Pontevedra Bernardino de Lanzós e Andrade, II conde de Maceda, con Baltasara Montenegro Soutamaior, filla de María de Soutamaior, Sra. de Sobrán. Ao finar esta, herdou Baltasara o morgado da casa de Sobrán.
            D. Bernardino de Lazós Andrade otorga testamento ante o escribano da xurisdicción de Sobrán, Dº Antonio Pedrosa, o 1 de xullo de 1687 no seu Pazo de Sobrán, e solicita ser soterrado na capela de San Andrés, sita na igrexa de San Martiño de Sobran aclarando que cando estivera arranxada a fundación do convento de Santa Mariña, desta freguesía, os seus ósos fosen trasladados alí, igoal que os da súa dona Baltasara, por aquel entón finada. Os fillos deste matrimonio foron o devandito III conde de Maceda, Xosé Benito, que herdara a casa de Sobran.
Moitas familias aparecen vencelladas a esta xurisdicción e ao fermoso Pazo de Sobran  no percorrer dos anos. Nomes como os Caamaño, Mariño de Lobera, Castro, Sarmiento, Andrade, Losada, Mendoza, Maceda, Castelar e os Patiño.