OS PRIVILEXIOS SEÑORIAIS E ECLESIÁSTICOS DAS OSTREIRAS NA RÍA DE AROUSA. SÉCULOS XVII – XVIII
A vida dos mariñeiros era moi precaria, de mera supervivencia, limitada por unha economía de subsistencia, pero a riqueza xerada era capitalizada polas mans mortas da nobreza e da aristocracia eclesiástica. Abacelada a poboación nos señoríos e dominios xurisdicionais, producía para manter unha cada vez máis inútil superestrutura social detentora non só dos medios de produción senón tamén das vidas das xentes do común.
As Saiñas (Vilaxoán) ao carón do Esteiro, ano 1964 |
Nestes viveiros existían un dominio privativo de certos condes como: os de Monterrey, Fefiñanes, Castronuevo, Goyanes etc.. Estes prohibían aos pescadores “....cazar ostrias en ellos sino fuere con su licencia.....”, por considerar a ditas ostreiras naturais como propias e non comúns,, en base a antigas regalías herdadas no medievo.
Estas ostreiras, estaban limitadas por estacas e pedras e ningunha persoa podía ir a pescar nin rastrear ostras, se non era pola orde do Sr. Conde ou dos seus mordomos. Exemplos hainos dabondo, voume a limitar soamente a un. O condado de Monterrey en Galicia, tiña a Casa de Alba nas augas de Cambados, a valiosísima ostreira que posuía abarcaba un sector cuberto polo mar “....en creciente y menguante....”, nunha zona que antigamente era un campo e unha xunqueira. En 1670, a súas demarcacións eran limitadas con marcos que comezaba entre a vilas de Fefiñáns e Cambados; desta parte o marco ía ata Tragove; deste ata punta de Xestais e ata a pedra do Galiñeiro, logo en liña desde a pedra Monzón ata o porto de Santo Tomé. Dentro deste gran recinto marítimo, o pescador arousán non podía recoller ostra ningunha sen a licenza que lle daba o Sr. feudal.
O conde de Monterrey tiña o dereito de “....prohibir y quitar a todo género de personas la caza de ostras, y que entren en el lodo donde éllas se aposentan y no se remudan....”. Os que pescaban con licenza tiñan que abonar por cada barco e día de bo tempo 250 ostras “.....para regalo de su Excelencia dicho señor conde de Monterrey....”. Este dominio tan grande marisqueiro seguiu vixente ata o século XVIII.
A partir da segunda metade do século XVII, os mariñeiros comezan a ter conciencia da súa propia forza, intentado arranxar o problema dos vellos privilexios señoriais e eclesiásticos con preitos ante a Real Audiencia de Galicia, xeralmente para desgraza dos mariñeiros este preitos xamais tiñan éxito.
O Esteiro (Vilaxoán) ano 1995 |
Dos moitos litixios que promoveron e expoñerano ante a devandita Audiencia, voume a espallar só en dous, xa que faría falla outro libro como este para enumeralos todos. En 1670 os pescadores de Cambados, Fefiñáns e Santo Tomé do Mar preitearon co conde de Monterrey, por mor das perturbacións que padecían no tocante “......a la pesca y caza de ostrias y más géneros de marisco, a raíz de providencias dictadas por mandato del referido dueño jurisdiccional de Cambados. Aducen los demandantes que la ribera marítima de la villas de Cambados, Fefiñanes y Santo Tomé, incluyendo la propia ostrera de la Casa de Alba, pertenecía al mar común, no conociendo ningunas demarcaciones que dichas tres villas tengan en el mar; por lo cual se aplicaron siempre, como lo hicieron sus antecesores en este oficio, a cazar ostrias con rastros, sin que hasta ahora, se lo tradijese ninguna persona......”.
No percorrer dos anos os litixios dos mariñeiros de Arousa cos señores feudais ían a máis, sendo incapacitada a Real Audiencia de Galicia para arranxar dito problema por mor da influencia que exercían sobre esta institución os señores feudais. Ante isto as cousas foron radicalizándose ata o punto de chegar a enfrontamentos armados e con moitos mariñeiros na cadea. En 1682, os mesmos mariñeiros de Santo Tomé e Cambados litigan outra vez contra o conde de Monterrey; aducían os demandantes que: “.....están en quieta y pacífica posesión, usada y guardada desde 50 años y tiempo inmemorial a esta parte, de pescar libremente ostras y demás mariscos en la mar de Cambados y rías en más de cuatro leguas en contorno y con cualquier instrumento que se les antoje....” O Alcalde de Cambados non lles deixaba aos mariñeiros mariscar libremente; enviando contra os pescadores xente armada, onde os prenderon e os mazaron a golpes e cachetazos, ameazándoos que se volvían a poñer os pés nas zonas do conde os matarían.
Ao longo de finais do século XVII e primeiros do XVIII os litixios e enfrontamentos dos mariñeiros contra os señoríos eran continuos. Non soamente eran os de Cambados, tamén os mariñeiros de toda a ría de Arousa. En 1630, os mariñeiros de Vilamaior, a Illa de Arousa contra o arcebispo de Santiago como señor xurisdicional de Vilanova de Arousa.
En 1672, os mariñeiros de Fefiñáns, Santo Tomé, Vilanova, Vilaxoán, Vilagarcía, Portonovo e a Lanzada fan recurso ante o Capitán General de Galicia, aducindo que os señores xurisdicionais estaba a facer un grave dano aos intereses de moitas familias de pobres pescadores.
As Saiñas, 1965. Vilaxoán |
Na outra banda da ría, tamén era moi frecuente a loita dos mareantes de Cabo de Cruz contra a Casa de Goyanes, que rexía naquelas datas María de Ulloa viúva de Mariño de Goyanes como dona da Casa Fortaleza da xurisdición de Goyanes, que posuía a ostreira sita entre Peralta e a praia de Barraña, xa que estes lle impedían aos mariñeiros, coa forza das armas, recoller o marisco nos meses de colleita.
Estes ancestrais privilexios señoriais e eclesiásticos, foron un continuo atranco para a libre explotación marisqueira nos mellores bancos naturais da Ría de Arousa. Así na segunda metade do século XIX a maior parte dos criadeiros naturais de Arousa sufriron o esquilmo e unha irracional explotación por parte destes donos que, desapareceron estes ricos viveiros case del todo. A finais do devandito século a produtividade era case nula e o goberno autorizou concesións de parques ostreícolas para recuperar a antiga produción, pero foi un fracaso, esas concesións foron dadas a aos descendentes daqueles antigos condes e de casas de señorío; estes volveron a cometer os mesmos erros de entón. Algunhas concesións aínda estaban nas mans dos últimos descendentes na década de 1970.
---------------------------------------------------