mércores, 21 de outubro de 2020

OS PRIVILEXIOS SEÑORIAIS E ECLESIÁSTICOS DAS OSTREIRAS NA RÍA DE AROUSA. SÉCULOS XVII – XVIII

 

OS PRIVILEXIOS SEÑORIAIS E ECLESIÁSTICOS DAS OSTREIRAS NA RÍA DE AROUSA. SÉCULOS XVII – XVIII

A vida dos mariñeiros era moi precaria, de mera supervivencia, limitada por unha economía de subsistencia, pero a riqueza xerada era capitalizada polas mans mortas da nobreza e da aristocracia eclesiástica. Abacelada a poboación nos señoríos e dominios xurisdicionais, producía para manter unha cada vez máis inútil superestrutura social detentora non só dos medios de produción senón tamén das vidas das xentes do común.
As Saiñas (Vilaxoán) ao carón do Esteiro, ano 1964
Nestes viveiros existían un dominio privativo de certos condes como: os de Monterrey, Fefiñanes, Castronuevo, Goyanes etc.. Estes prohibían aos pescadores “....cazar ostrias en ellos sino fuere con su licencia.....”, por considerar a ditas ostreiras naturais como propias e non comúns,, en base a antigas regalías herdadas no medievo.
 Estas ostreiras, estaban limitadas por estacas e pedras e ningunha persoa podía ir a pescar nin rastrear ostras, se non era pola orde do Sr. Conde ou dos seus mordomos. Exemplos hainos dabondo, voume a limitar soamente a un. O condado de Monterrey en Galicia, tiña a Casa de Alba nas augas de Cambados, a valiosísima ostreira que posuía abarcaba un sector cuberto polo mar  “....en creciente y menguante....”, nunha zona que antigamente era un campo e unha xunqueira. En 1670, a súas demarcacións eran limitadas con marcos que comezaba entre a vilas de Fefiñáns e Cambados; desta parte o marco ía ata Tragove; deste ata punta de Xestais e ata a pedra do Galiñeiro, logo en liña desde a pedra Monzón ata o porto de Santo Tomé. Dentro deste gran recinto marítimo, o pescador arousán non podía recoller ostra ningunha sen a licenza que lle daba o Sr. feudal.
 O conde de Monterrey tiña o dereito de “....prohibir y quitar a todo género de personas la caza de ostras, y que entren en el lodo donde éllas se aposentan y no se remudan....”. Os que pescaban con licenza tiñan que abonar por cada barco e día de bo tempo 250 ostras “.....para regalo de su Excelencia dicho señor conde de Monterrey....”. Este dominio tan grande marisqueiro seguiu vixente ata o século XVIII.
A partir da segunda metade do século XVII, os mariñeiros comezan a ter conciencia da súa propia forza, intentado arranxar o problema dos vellos privilexios señoriais e eclesiásticos con preitos ante a Real Audiencia de Galicia, xeralmente para desgraza dos mariñeiros este preitos xamais tiñan éxito.
O Esteiro (Vilaxoán) ano 1995
 Dos moitos litixios que promoveron e expoñerano ante a devandita Audiencia, voume a espallar só en dous, xa que faría falla outro libro como este para enumeralos todos. En 1670 os pescadores de Cambados, Fefiñáns e Santo Tomé do Mar preitearon co conde de Monterrey, por mor das perturbacións que padecían no tocante “......a la pesca y caza de ostrias y más géneros de marisco, a raíz de providencias dictadas por mandato del referido dueño jurisdiccional de Cambados. Aducen los demandantes que la ribera marítima de la villas de Cambados, Fefiñanes y Santo Tomé, incluyendo la propia ostrera de la Casa de Alba, pertenecía al mar común, no conociendo ningunas demarcaciones que dichas tres villas tengan en el mar; por lo cual se aplicaron siempre, como lo hicieron sus antecesores en este oficio, a cazar ostrias con rastros, sin que hasta ahora, se lo tradijese ninguna persona......”.
 No percorrer dos anos os litixios dos mariñeiros de Arousa cos señores feudais ían a máis, sendo incapacitada a Real Audiencia de Galicia para arranxar dito problema por mor da influencia que exercían sobre esta institución os señores feudais. Ante isto as cousas foron radicalizándose ata o punto de chegar a enfrontamentos armados e con moitos mariñeiros na cadea. En 1682, os mesmos mariñeiros de Santo Tomé e Cambados litigan outra vez contra o conde de Monterrey; aducían os demandantes que: “.....están en quieta y pacífica posesión, usada y guardada desde 50 años y tiempo inmemorial a esta parte, de pescar libremente ostras y demás mariscos en la mar de Cambados y rías en más de cuatro leguas en contorno y con cualquier instrumento que se les antoje....” O Alcalde de Cambados non lles deixaba aos mariñeiros mariscar libremente; enviando contra os pescadores xente armada, onde os prenderon e os mazaron a golpes e cachetazos, ameazándoos que se volvían a poñer os pés nas zonas do conde os matarían.
 Ao longo de finais do século XVII e primeiros do XVIII os litixios e enfrontamentos dos mariñeiros contra os señoríos eran continuos. Non soamente eran os de Cambados, tamén os mariñeiros de toda a ría de Arousa.  En 1630, os mariñeiros de Vilamaior, a Illa de Arousa contra o arcebispo de Santiago como señor xurisdicional  de Vilanova de Arousa.
 En 1672, os mariñeiros de Fefiñáns, Santo Tomé, Vilanova, Vilaxoán, Vilagarcía, Portonovo e a Lanzada fan recurso ante o Capitán General de Galicia, aducindo que os señores xurisdicionais estaba a facer un grave dano aos intereses de moitas familias de pobres pescadores.
As Saiñas, 1965. Vilaxoán

Na outra banda da ría,  tamén era moi frecuente a loita dos mareantes de Cabo de Cruz contra a Casa de Goyanes, que rexía naquelas datas María de Ulloa viúva de Mariño de Goyanes como dona da Casa Fortaleza da xurisdición de Goyanes, que posuía a ostreira sita entre Peralta e a  praia de Barraña, xa que estes lle impedían aos mariñeiros, coa forza das armas, recoller o marisco nos meses de colleita.
Estes ancestrais privilexios señoriais e eclesiásticos, foron un continuo atranco para a libre explotación marisqueira nos mellores bancos naturais da Ría de Arousa. Así na segunda metade do século XIX a maior parte dos criadeiros naturais de Arousa sufriron o esquilmo e unha irracional explotación por parte destes donos que, desapareceron estes ricos viveiros case del todo. A finais do devandito século a produtividade era case nula e o goberno autorizou  concesións de parques ostreícolas para recuperar a antiga produción, pero foi un fracaso, esas concesións foron dadas a aos descendentes daqueles antigos condes e de casas de señorío; estes  volveron a cometer os mesmos erros de entón. Algunhas concesións aínda estaban nas mans dos últimos descendentes na década de 1970.
---------------------------------------------------

Resumo sobre a ostra escrito na Revista eSmás de xuño de 1919

T.C.F.

luns, 29 de xuño de 2020

MARTÍN SANTOS FERRÓN Futbolista Internacional



MARTÍN SANTOS FERRÓN
Futbolista Internacional

Teo Cardalda F.
Martín Santos Ferrón naceu na freguesía de Sobrán (Vilaxoán), na rúa Marqués de Pardiñas o 9 de marzo de 1899.
Martín Santos no Real Club Alfonso XIII
Martín deu as súas primeiras patadas, non precisamente a un balón de coiro, senón a pelotas feitas de trapo e cunchas de mariscos no interior. Martín cando era neno xa poñía coraxe e comezaba a despuntar coma un gran xogador e como xogaban no peirao de Vilaxoán, en moitas ocasións o balón remataba no mar.
Naquel entón en Galicia había catro equipos de fútbol: Real Club Alfonso XIII de Vilagarcía, o Real Vigo, o Atlético de Pontevedra e o Real Coruña e dos catro o que máis destacaba era o Real Vigo.  Martín Santos ficha con dezasete anos polo Alfonso XIII e terá como compañeiros a grandes xogadores como Xoán de Hoz, Leona ou Pepe Rei, entre outros.
En 1918 o presidente do club era Xosé Quintáns e o de honra Pedro Seoane e ese ano, concretamente o 6 de marzo, El-Rei Alfonso XIII concedíalle ao club o título de Real.
Crónica de Galicia Nueva de 1916
Debutou Santos o domingo 26 de maio de 1918 nun encontro co Vilagarcía S. C., que gañou o Alfonso XIII por dous a cero. A prensa comentaba o destacado papel de Santos a quen consideraban un gran defensa esquerdo. Os seus compañeiros de equipo neste encontro foron os seguintes Silva, de porteiro, Ramos, Pedrido, González, Blanco, Rei, García, Bravo, Da-Silva e Rubianes.
Velaí algún comentario aparecido na prensa:
Siempre elegante en la entrada, caballero en el juego y en su vida particular, noble con la nobleza que nace del dominio de si mismo supo imponerse de tal manera, que moi pronto fue el ídolo de los públicos, que le dieron el sobrenombre del Zaguero de la Elegancia”.
Foto de prensa cando estaba en Cuba
O 19 de agosto de 1919, o Real Alfonso XIII enfrontouse o Real Stadium de Oviedo, empatando a un gol, cos seguintes xogadores : Bernardo Silva, Martín Santos, Pepe Rei, Serxio González, Xosé Baladía, Manuel Vega, Federico Bouza, Teodoro Rei, Anxo Silva, Vicente Carregal e Roque Rei. Mentres permaneceu no equipo de Vilagarcía tería como compañeiros a Ramón Bravo,Francisco Tobio, Xosé Troncoso, Domingo Dasilva, Anxo Mariño, Faustino Vázquez e Xoán de Haz.
Mais despois de xogar varios anos na formación do Alfonso XIII, M. Santos tivo que coller o uniforme e facer o servizo militar obrigatorio en África, e cando volveu coa licencia na man a Vilaxoán, tivo ofertas de varios equipos pero deuse a casualidade de que chegou unha comisión de directivos do Club Hispanoamerica de Cuba, que amosaron interese en facerlle unha proba, e, unha vez rematada, deseguido quixérono contratar. Así foi, o contrato incluía viaxes pagadas entre Cuba e España e 160 dólares ao mes.
Equipo da selección cubana cando xogou
contra o Español de Barcelona

Na illa caribeña decontado comezou a xogar no Hispanoamerica ao carón de grandes xogadores como Cosme, Gonzalito e Conrado e o pouco tempo foi seleccionado para o equipo nacional cubano.
Unha crónica no xornal El Heraldo comentaba de M. Santos ao fío do papel desenvolvido durante un partido disputado contra o Fortuna Sport Club:
Crónica de diario De la Marina, onde fala sobre Martín Santos
que fora un dos mellores xogadores da Selección. Na primeira
plana aparece a foto do lexendario porteiro Ricardo Zamora
El as entre los ases del balompié, M. Santos es un verdadero maestro del fútbol, una estrella que ilumina con luz propia nuestro firmamento balompédico, un diamante pulido, jugador maestro que sin emplear esas acometidas brutales que hacen pensar al espectador que algo grave ha de ocurrir, ora avanta la cabeza, la hace describir un círculo en el aire y despide de sus dominios el balón, es valiente y decidido, esos saltos que él dá para rechazar de cabeza el balón, saltos que no fallan, pues siempre se le vé sobresalir de los demás con seguridad inigualable. El Heraldo de Cuba se honra publicando en sus planas la fotografía de este estupendo jugador, que en el corto tiempo que lleva en Cuba, cuenta con una grande legión de simpatizantes producto esto, de su juego vistoso e efectivo y de su caballerosidad, tanto en el campo de juego y fuera de él, jugadores como este dan prestigio al fútbol”.
Nun partido no estadio de La Habana. Santos sempre xogaba
cun pano arredor da cabeza, os saltos que pegaba eran
impresionantes
Este importante xornal da Habana, despois de eloxiar a M.Santos tanto deportivamente como humanamente, remata cunhas verbas dirixidas ao seu pobo natal co máis agarimoso saúdo e felicitacións.
Durante un partido celebrado entre o Equipo Nacional Cubano e o Español de Barcelona, no que xogaba Ricardo Zamora, unha multitude de xente coreou o nome de M. Santos no Stadium da Habana, xa que fora o heroe daquel tan disputado encontro e mesmo os xornais afirmaron que fora o cerebro do equipo.
Entrenador da Selección Cubana nos xogos deportivos
centro-americanos
Foto dedicada a Martín Santos
en Cuba de Jesús Rodríguez Bouzas
O Español de Barcelona arribara a Habana o sábado 18 de setembro de 1926, e xogou ao día seguinte ás 17 horas. A selección cubana estaba formada por grandes xogadores internacionais como Amador, Bobranzas, M.Santos, Belmonte, Edelmiro, Arenas, Calceran, Villar, Candasu, Avelino e Torres.
O Español xogaba con Ricardo Zamora, Saprira, Portas, Trabal, Esparza, Caricedo, Olarriaga, Ventrolá, Oramas, Padrón e Yurrita.
Tras un partido amigable que disputou a selección de Cuba contra a de Uruguai, que viña de gañar os Xogos Olímpicos de Amsterdam en 1928, ofrecéronlle xogar no Nova Iorque mais non aceptou, pois dicía que en Cuba atopábase moi ledo.
Título de adestrador para entrenar o Castilla
Durante un partido entre a selección cubana e a mexicana, o estremo dereito desta última partiulle a perna dereita. Unha lesión tan grave tiña que apartarlle dos terreos de xogo, como así aconteceu. Converteuse en adestrador do Deportivo Centro Galego da Habana, e máis tarde a Federación Cubana de Fútbol nomeouno seleccionador-adestrador, gañando as Olimpíadas de Centroamérica.
Entrenador do filial do Real Madrid o Castilla
Tras nove anos de permanencia en Cuba, retorna a Galicia para ocupar o posto de adestrador do “Club Vilagarcía” e tamén do equipo feminino de hóckey. En 1940 marcha a Madrid opara ocupar un posto no Ministerio de Traballo e chega a adestrar ao Castilla, equipo de fútbol filial do Real Madrid. Case tódolos veráns viña pasalos en Vilaxoán e tiña o costume de pasear polo peirao e polo Preguntoiro falando con uns e con outros, xa que endexamais se esqueceu o pobo que o viu nacer. Nun deses paseos foi entrevistado polo xornal deportivo “Marca” o 4 de decembro de 1943.
Entrevista do xornal Marca de Madrid
en 1943
Martín Santos era un grande amigo do boxeador Jesús Rodríguez Bouzas “La Pantera de Arosa” tamén nacido en Vilaxoán, cando nos anos 1925 e 1926 estivo pelexando en combates na Habana e Santiago de Cuba, onde resalto unha foto en Cuba dedicada a Martín Santos. Entre os meses de 1925 e 1926 Jesús pelexou 10 combates
Unha das moitas afeccións que tiña aparte do fútbol e outros deportes, era a literatura. Martín Santos era fillo de Francisco Santos Crespo que fora fundador en 1919 e secretario do Pósito de Pescadores(Confraría) compaxinando esta faceta co de ser administrador do Marqués de Pardiñas Ramón Agustín Pardiñas Montenegro, que finara o 12 de xaneiro de 1917 onde foi soterrado no cemiterio de Sobrán (Vilaxoán). Antes de finar o Marqués regaloulle a escopeta de caza ao pai de Martín Santos, cousa que pasou dita arma (hoxe peza de museo) aos descendentes de Francisco Santos Crespo. Na actualidade está en posesión de Martín Santos Villar, fillo de grande futbolista.
Neste anaco da historia teño un pracer especial  e orgullo por escribir sobre Martín Santos Ferrón, xa que tócame familiarmente como tío-avó. Finou o 25 de agosto de 1964 o “Zaguero de la Elegancia”. 




xoves, 18 de xuño de 2020

ULPIANO BUHÍGAS PRAT AVENTUREIRO E INVENTOR GALEGO NACIDO EN VILAXOÁN



ULPIANO BUHÍGAS PRAT

AVENTUREIRO E INVENTOR GALEGO NACIDO EN VILAXOÁN


      A mediados do século XVIII comezaron a vir a Vilaxoán aqueles cataláns aos que uns lle chamaban fomentadores e outros explotadores. Sobre o ano 1755 viñeron algunhas familias como eran: Antonio Fábregas, Xosé Fontanals, Nicolás Ferrer, Tomás Martí, Francisco Sabriá e os irmáns Fidel e Xoán Curt. Estes foron os principais pioneiros da industrialización pesqueira deste porto de Sobrán. Avegáronse nas zonas do Preguntoiro, Pumariño, Tombo e Torás, moitos deles eran naturais das poboacións de Arens de Mar, Blanes, Calella, Cubellas, Canet de Mar e outras poboacións de Cataluña. Ao longo dos anos fóronse destacando como industriais importantes Fidel Curt e Tomás Martí.
Ulpiano Buhígas Prat (Foto de 1879- Ilustración Gallega
Asturiana
   A partir do ano 1775, chegarían a este porto unhas cantas familias máis de Cataluña, como Francisco Batista, Xaime Bosch, Xoán Fábregas, Xoán Poch, e Francisco Prats. Un pouco máis tarde, concretamente nos anos 1788 e 1795 chegaban outras familias: Antonio Bargués, Pedro Bori, Salvador Buhígas, Manuel Cardona, Antonio Carrero, Xaime Comas, Carlos de Haz, Pablo Jover, Xoán Murta, Pablo e Ramón Poch, Manuel Roquete, Xerardo e Venancio Tapias e Francisco Vila; a maioría deles rematando este século, tiñan as súas fábricas en Vilaxoán no Grove e nos pequenos portos da Ría de Arousa, case todos eles eran veciños de Vilaxoán.
   Entre todos estes cataláns, un dos máis destacados era Salvador Buhigas Jaume afincado en Vilaxoán, onde ao pasar o tempo era nomeado Procurador Síndico Xeral, representaba a todas as fábricas de salgadura da Ría de Arousa, estaba capacitado para formular calquera queixa ao goberno de Carlos IV.
Vilaxoán a finais do século XIX, badía do Tombo
  Salvador Buhígas Jaume estaba casado con Teresa Prat Pons naturais de Calella provincia de Barcelona. Do matrimonio naceron e bautizados na Igrexa de San Martiño de Sobrán en Vilaxoán: Ulpiano Buhígas, Salvador e Isabel.
  Ulpiano Buhígas Prat naceu en Vilaxoán o 03 de maio de 1833, desde neno demostrou unha grande afección polas matemáticas, así como das linguas inglesa, francesa e italiana, de xoven e levado por ese xenio que tiña de “cu de mal asento”, ou sexa, era unha persoa de carácter inquedo e bulideiro, inconstante (tanto no persoal como no laboral) e incapaz de asentarse durante moito tempo en algún lugar ou facendo unha mesma actividade.
Preguntoiro, principios do século XX
  De moi mozo fixo unha viaxe á Habana, onde ficou un tempo ata que veuse na obriga a volver á Vilaxoán por mor de coller unha enfermidade . Curado da doenza, e polo seu carácter para o repouso, foise para Inglaterra. Chegou a Londres naquelas datas de verdadeiro furor por marchar a Australia, xa que tiña unha sona en ricas minas de ouro. Fervello por aventuras emprendeu    Ulpiano Buhígas unha viaxe a aquelas terras das antípodas, onde mercou en compañía de outros estranxeiros unha mina aurífera e dedicouse a súa explotación. Un desgraciado accidente que lle aconteceu visitando as escavacións feitas para atopar o vil e cobizable metal, ocasionoulle a fractura dun brazo que foi a causa de que decidise regresar a Galicia, vendendo a súa parte da mina a outros industriais, que por certo, atoparon ao pouco tempo de partir unha grande veta facendo unha grande fortuna os seus ex-socios.
  Volto a Vilaxoán, e unha vez mellorado abondo nos baños de Cuntis, o seu maxín comezou coa súa imaxinación a lembrar aquelas explotacións de Australia, tivo a idea de explotar as areas auríferas do río Miño. Fixo estudos e construíu en Carril a maquinaria e farramentas que foron necesarios para acometer os traballos, marchouse a Ourense e puxo en práctica o seu proxecto, ao ver que non compensaba a extracción e gastos de traballo (acadou algún ouro) tivo que abandonar esta empresa, volvendo a Carril ao carón do seu irmán Salvador, que xa era un coñecido comerciante da vila e máis tarde Alcalde.
  Unha vez en Carril, e non dando repouso ao seu maxín e actividade, formou un proxecto dunha fábrica de mistos montada cos aparellos máis modernos daquelas datas. Empresa que montou  en compañía do seu irmán fundada en 1861, dando traballo a case 120 traballadores onde a maior parte eran mulleres; fábrica que seguiu funcionando ata principios do século XX.
En 1867 volveu Ulpiano a abandonar o país, esta vez embarcouse para Arxentina. Ao pouco tempo presentara a concurso os planos dunha praza-mercado, que foron aprobados e premiados polo Goberno Municipal de Bos Aires.
Vilaxoán finais do século XIX.  Camiño antigo de Vilaxoán a Vilagarcía
 (hoxe estrada Vilagarcía Cambados). Foto cedida por J.Carlos Porto.
Pertencente ao Museo de Royal Navy de London. O pé de foto é orixinal
  Como antes comentaba que era de “cu de mal asento”, Ulpiano sempre pensaba que non era aínda a hora de sentar ese cu. Pouco despois emprende viaxe a Estados Unidos, onde ficou case dous anos, ao remate dese tempo embarca para Montevideo e nesta capital contraeu matrimonio.
Ficando en Montevideo, e con ese carácter industrial e activo votou case cinco anos estudando o medio de conservar a carne no seu mollo natural, entre ensaios e sacrificios custosos e os seus constantes estudos, acadou ver a luz o invento “sistema Buhígas” .
  Este descubrimento tivo unha importancia para a conservación da carne a nivel internacional. Era moi importante para as longas viaxes da navegación e por suposto para o comercio. Boa proba diso foi que os Gobernos de Uruguai, Arxentina, Brasil, Perú, Cuba e outros lle concederan ao Buhígas o privilexio como autor do invento. En Cuba iniciouse co buque español “Terita” que estaba destinado na Habana.
  Nos xornais da época, falaban de que este mesmo beneficio foi recoñecido polos países : EEUU, Francia e outros, xa que foron enviados moreas de barrís para que puideran valorar o sensacional da carne conservada polo sistema Buhígas.
El Eco de Santiago, maio de 1928
  O Consello de hixiene pública de Montevideo, emitira un informe positivo, onde declara que tratada a mostra de carne cos reactivos que a ciencia indicaba naquelas datas, manifestaron que non se manifestou a presencia de ningunha sustancia que puidera non ser apta para o consumo, polo tanto foi a preferida polo Goberno Uruguaio para o abastecemento do exército e das escuadras.
Case todos os xornais de América e Europa facían mención do invento que viña a encher unha necesidade, principalmente das grandes singraduras da navegación oceánica.
  Ao pasar uns anos, concretamente a principios do século XX, o método de conxelación frigorífica xa viña petando moi forte y co tempo foi substituído polo método Buhígas; porén, aínda seguiu moitos anos compaxinando coa conxelación, por mor que aínda este método estaba nos seus principios e nos buques non estaba implantado polas dificultades que tiña.
  Porén, quédanos o exemplo e capacidade de emprender e iniciar uns proxectos, unha persoa que afrontou uns novos retos do século XIX con enerxía dun home nacido en Vilaxoán de orixe catalán.
Despois dunha longa enfermidade, Ulpiano Buhígas Prat finou en Montevideo o 18 de maio de 1889  Como dicía Albert Einstein: “Non pretendas que as cousas cambien se sempre fas o mesmo”. Ulpiano Buhígas adiantouse á cita do grande físico, xamais fixo o mesmo na súa andaina pretendendo trocar as cousas e o acadou.

Teo Cardalda F,







sábado, 2 de maio de 2020

O HISTÓRICO VENCELLO DOS APELIDOS VALLE-INCLÁN NA XURISDICCIÓN DE SAN MARTIÑO DE SOBRÁN (VILAXOÁN)



O HISTÓRICO VENCELLO DOS APELIDOS VALLE-INCLÁN NA XURISDICCIÓN DE SAN MARTIÑO DE SOBRÁN (VILAXOÁN)


Polos días da primeira metade do século XVIII (1732-33) chegaba ao porto de Vilaxoán procedente de Cádiz un persoeiro de nome Pablo del Valle Peña; persoa que acadou o vencello dos apelidos Valle e Inclán. No percorrer dos anos este apelido sería de moita sona co seu fillo Francisco del Valle-Inclán nacido en Vilaxoán e anos máis tarde o de Ramón del Valle-Inclán xenial escritor universal nacido en Vilanova de Arousa.
Francisco del Valle-Inclán Santos, nacido en Vilaxoán
Pablo del Valle Peña nacera o 25 de xaneiro de 1705 en Santa María de Bares, bautizado ao día seguinte na igrexa da citada freguesía. Era fillo de Andrés del Valle Rodríguez e de María Antonia de la Peña, todos eles veciños de Bares. Todos os devanceiros de Pablo del Valle pola liña paterna eran nativos dunha casa do seu apelido Valle que atopábase preto de Asturias e Euskadi; afincándose ao logo dos anos na casa chamada de Castro de Santa María de Bares, pertencente ao bispado de Mondoñedo. Pablo del Valle tivo uns antepasados fidalgos: Andrés e Gaspar del Valle Torre. Estes dous irmáns gañaron en Valladolid en novembro de 1556 a carta executoria de fidalguía.
Pablo del Valle na súa mocidade emprendera viaxe de Bares a Cádiz, nesta capital gaditana estivo estudando ao carón do seu tío Frai Tomás del Valle prior dos Dominicos desa mesma cidade e logo Bispo desa mesma diocese
Acta de bautismo de Pablo del Valle na Igrexa de Santa María de Bares
A finalidade que levou a Pablo del Valle a viaxar e residir en Vilaxoán é descoñecida polo autor deste traballo neste Blog. Porén, quizais sexa moi arriscado pode dicir que a motivación que o levou a afincarse neste porto, foran os negocios de exportación de ostra e importación de bacallau. Se fago este análise é con moitos reparos, tampouco pode ser rexeitada esta hipótese, por mor da cantidade de mercadores alleos que negociaban en Vilaxoán e outros portos da Ria de Arousa; poida ser que estivera relacionado con operacións mercantís desta natureza, xa que por estas datas (1734-35) o porto de Vilaxoán (e outros portos da Ria de Arousa) era un porto de comercio marítimo como porto de exportación de ostra escabechada e de peixe seco, Vilaxoán non só era base deste comercio de exportación, tamén unha importante base de recolleita de ostra.
Acta de Matrimonio de Pablo del Valle e Antonia Inclán na Igrexa de
San Martiño de Sobrán (Vilaxoán)
Coido que tamén puido estar Pablo de Valle relacionado coa importación de bacallau, por mor de que neses anos arribaron nesta vila barcos ingleses con bacallau de Terranova. Quizais houbera outras motivacións as que trouxeron a este porto, porén, non se pode descartar as anteriormente expostas.
Acta de bautismo  de Carlos Luís del Valle-Inclán en San Martiño
de Sobrán (Vilaxoán). Avó de Ramón del Valle-Inclán Peña o grande
escritor universal
Na data do primeiro de abril de 1735, a Igrexa de San Mariño de Sobrán, foi a testemuña silandeira deste vencello dos VALLE-INCLÁN ao contraer casamento Pablo del Valle de la Peña con María Antonia Inclán Santos, apelidos que ao longo dos anos sería universal. O casamento fora oficiado polo crego Manuel Francisco Padín. Pablo na data do seu casamento, ficaba no lugar de Faxilde preto dun quilómetro do porto. María Antonia Inclán foi bautizada en Santa María Ocampo da Pobra do Caramiñal no ano 1708; filla de Antonio Inclán (o menor) natural de Caleiro (Vilanova) e de María Gómez Santos natural de Boiro e veciños da Xurisdición de San Martiño de Sobrán, concretamente de a Ruanova.
Casa Pazo de Ruanova
O matrimonio tivo varios fillos nacidos nesta freguesía , o primoxénito foi Francisco del Valle-Inclán Santos, fundador da primeira Biblioteca Pública de Santiago de Compostela e de o primeiro xornal de Galicia “El Catón Compostelano”.Outros fillos nacidos en Vilaxoán: Miguel del Valle-Inclán-(1)- nado o 18 de agosto de 1744 e soterrado no camposanto de Sobrán o 17 de febreiro de 1789: José Antonio-(2)- que veu ao mundo o 12 de xuño de 1749; Dominga nacida o 5 de febreiro de 1737; Josefa Francisca (?) e Bárbara Micaela, desta muller seica que finou moi nova, de Josefa Francisca non teño novas sobre unha posible descendencia, non así de Dominga, que casou o 10 de xuño de 1759 na Igrexa de San Martiño de Sobrán con Juan Antonio de Rubianes Franco, natural de Carril.
(2)-JoséAntonio del Valle-Inclán Santos, casara con Juana Malvido que herdara o morgado da Casa de Ruanova, entre outros fillos, tivo a Carlos Luís del Valle-Inclán Malvido que naceu na Casa de Ruanova e bautizado na Igrexa de San Martiño de Sobrán o día 2 de novembro de 1791, sendo polo tanto pola vía paterna, tanto José Antonio como Carlos Luís bisavó e avó respectivamente do xenial escritor universal D. Ramón del Valle-Inclán Peña nacido en Vilanova de Arousa. Ver máis.........
Coido que queda abondo demostrado que todos os antergos de D. Ramón del Valle-Inclán veñen de Vilaxoán, freguesía de San Martiño de Sobrán.
Teo Cardalda F.



sábado, 18 de abril de 2020

CAPÍTULO PRIMEIRO- ASOCIACIÓN DE LABREGOS E MARIÑEIROS “LA HONRADEZ” 1915



 CAPÍTULO PRIMEIRO-

ASOCIACIÓN DE LABREGOS E MARIÑEIROS “LA HONRADEZ” 1915

Ao anexionarse o Concello de Vilaxoán ao de Vilagarciá en 1913, non había unha representación real na vila que ollara polos intereses dos labregos e mariñeiros, e catro anos antes da fundación do Pósito de Pescadores nacera esta asociación concretamente o 5 de xaneiro de 1915 e o 7 do mesmo mes elixen a Xunta Directiva coas seguintes persoas: Presidente Honorario, Manuel Fernández Álvarez (1) ; Presidente, Bernardino Riveiro; Vicepresidente, Xosé María González; Secretario, Salvador Vidal; Vicesecretario, Braulio López; Contador, Silverio Bouzas; Tesoureiro, Emilio Dasilva; Vocais, Antonio Díaz, Xosé María Rey, Antonio Díz, Santiago Manuel Otero, Francisco Navazas e Marcelino Urcera.
Preguntoiro ao fondo. Estrada de Vilagarcía a Cambados. sobre a dereita
a fábrica de salgadura de Trigo e no mar a escadra inglesa, anos 20

(Foto: xentileza de J. Carlos Porto)
Eran uns homes emprendedores de Vilaxoán que trataron de facer o posible acadando melloras sociais para o pobo. Como dixen anteriormente, naceu esta asociación por mor da falla do Concello de Vilaxoán e aínda non chegara a lei dos pósitos en España.
Nesa primeira xuntanza comentaban que, a representación por Vilaxoán que neses intres tiñan no Concello de Vilagarciá non era do máis axeitado para os intereses dos labregos e mariñeiros, sendo o representante nese intre o derradeiro Alcalde de Vilaxoán Sr. Ameijeiras, concelleiro pola vila no Concello de Vilagarciá.
A primeiros do mes de febreiro de 1915, esta asociación “La Honradez” fixo un xesto moi humanitario ao mandar un telegrama ao Presidente do Goberno Eduardo Dato, pedíndolle a gracia e o perdón para uns reos de Cambados condenados a morte. A asociación recibiu un telegrama o 12 do mesmo mes do Presidente Dato, comunicándolle que se ollaría o expediente de ditos reos; un mes despois estes reos foron perdoados da pena capital.
Vilaxoán desde o alto de Faxilde. A dereita a Igrexa de San Martiño
de Sobrán e ao fodo na ría a escadra inglesa, ano 20
(Foto: xentileza de J. Carlos Porto)
O 10 de maio de 1915, nos medios de comunicación en especial "La Opinión" de Redondela comentaba moi extensivamente unha nota desta asociación: "La Asociación la Honradez de Villajuán está siendo objeto de un cobarde acecho por parte de unos malvados caciques de esta villa, aquí están unos hombres que mutuamente se denunciaron como finos ladrones y falsificadores, esta Asociación los ha cogido en fraganti delito de malversación, hubo un robo que se mormura simulado en la que desaparecieron comprometedores documentos de la Casa Consistorial relacionados con el Ayuntamiento de Villajuán, y ahora aquellos malvados sinverguenzas se proponen por los medios más cobardes acabar con esta asociación la Honradez,
En El Correo de Galicia de marzo de 1913
aparece unha nova onde fala  dese roubo
de actas do Concello de Vilaxoán. Actas que aínda
hoxe non apareceron. ¿Que quixeron ocultar?
pero muy pronto vendrán por Villajuán los líderes de las asociaciones de Pontevedra a dar un gran mitin los Sres. Couto, Amoedo, Jacinto Crespo y Samuel Blanco en la que perfectamente documentados sacarán las máscaras con que tratan de cubrise estes caciques de Villajuán. En el mitin se invitará a la prensa y mientras tanto tengan calma nuestros compañeros de Villajuán, que al fin y al cabo el tiempo será siempre de los honrados.
Nosotros dejaremos páginas escritas de ciudadanía, ellos dejaran las leyes un nombre manchado por el crimen”

Nestes históricos escritos algo se di sobre a anexión do concello de Vilaxoán, e algo fedía 

moi mal nesta versión oficial. A versión que se citou historicamente sempre foi a do 

problema económico de Vilaxoán.  Coido que as cousas non foron como se dixeron, senón que houbo moito de caciquismo das forzas vivas de Vilaxoán e Vilagarcía.
Hai moitas lagoas nos derradeiros momentos da anexión de Vilaxoán a Vilagarcía. Nalgúns escritos por historiadores locais fan un canto moi ledo a esa anexión, pero as cousas non foron tan ledas nin amigables, en especial por parte do derradeiro Alcalde de Vilaxoán o Sr. Ameijeiras e algúns membros da corporación; proba diso é a falla de actas e documentos nos Arquivos dos últimos anos antes da anexión, outra proba son as devanditas  declaracións a prensa da asociación La Honradez. ¿ A quen lles interesou naqueles anos que non houbera probas escritas do Concello de Vilaxoán?.
Faxilde anos 20

Estou a facer uns comentarios sen moitas interpretacións persoais, nin puntos de vista propios, soamente é unha relación de feitos vencellados aos primeiros anos do século XX. Feitos expostos obxectivamente pescudando nas fontes antigas sen discusións nin xuízos alleos á historia, aínda que ao pescudar sempre se fai algunha que outra interpretación persoal por mor de repetirse a historia en algún que outro caso.
Neste anaco histórico da Asociación “La Honradez”, coido que se pode sacar algunha interpretación analizando paseniño a vida social daqueles primeiros anos da perda do Concello en 1913 e das asociacións que naceron despois desas datas.
Despois daquel aviso aos xornais do 10 de maio de 1915 da Asociación “La Honradez”, falando sobre as trapalladas dos caciques e poñendo espidos aos causantes da perda do Concello. O 22 de agosto do mesmo ano celebrouse un gran mitin na Praza do Campo (hoxe, Praza de Rafael Pazos), para denunciar e poñer en evidencia aos caciques desta vila, segundo dicían os dirixentes da Asociación que, estaban antepor os intereses persoais aos intereses  da maioría do pobo.
Piornos na Lagoa, anos 20
Uns días antes de comezar o mitin, seica o Alcalde de Vilagarcía Sr. Valentín Viqueira tratou por tódolos medios de que o mitin non se celebrara, inclusive fixo xestións co Gobernador para abortalo. As crónicas daquelas datas dan conta deste feito, cousa que da pé para reflexionar un pouquiño, os xornais comentaban deste xeito: “El Alcalde Sr. Viqueira, haciendo honor a su impopularidad y a su sistemática oposición a cuanto signifique progreso para el pueblo, negó el permiso hasta el último momento, demostrando la más intolerancia e ignorancia de las leyes de reuniones públicas”. Porén, teño que poñer certas cousas no seu sitio: o cortés non quita o valente xa que tres anos despois o  Doutor Valentín Viqueira como médico estivo ao pé do canón con outros médicos a salvar vidas en Vilaxoán ante o andazo da gripe de1918.
A Asociación “La Honradez” ante este feito do Sr. Alcalde comentaba : “ Os labregos e mariñeiros de Vilaxoán non se asustan dos monterillas que coñecen a conduta dos caciques”. Os dirixentes da Asociación puxéronse á fala co Gobernador, que este lle dou tan tremendo rexeite ao Sr. Alcalde que inclusive o desautorizou con un telegrama moi preciso: “Gobernador, comunica Alcalde de Vilagarcía que organizadores mitin Villajuán, comunican que desean hacer mitin, sino hay otras razones que lo impidan, no veo que haga falta suspenderlo”.
Mitín na Praza do Campo (Hoxe Rafael Pazos) anos 20
Ante todo isto que estaba acontecendo, a Asociación manda aos xornais unha nota moi dura : “Si el Sr. Alcalde de tener muy claro el concepto de la dignidad política, pediría su dimisión. Así hacen los hombres de carácter que no se apegan al bastón de mando”. Despois da dura oposición do Sr. Viqueira e algúns concelleiros da Corporación, incluíndo o concelleiro por Vilaxoán o Sr. Ameijeiras, para que fracasaran os labregos e mariñeiros, non pode darse meirande desautorización por parte do Gobernador ao Sr. Alcalde.
O mitin comezou ás seis do serán. Asistiron as asociacións dos distritos de Cambados e Caldas de Reis coas súas bandeiras e moreas de xente. Estiveron convidados a Banda de Música de Vilanova de Arousa e o Gaiteiro de Paradela.
Na tribuna que estaba colocada onde hoxe está a fonte, comeza por falar o Sr. Maio, presidente da Federación de Asociacións, que fai a presentación para logo dar uso da palabra o avogado de Vigo e Director do xornal “La Noche” o Sr. Adolfo Gregorio Espino, onde fixo unha descrición moi animada sobre os galegos; comparounos pola súa reflexión ás pousadas augas da fermosa Ría de Arousa nos días de bonanza, e como ela, brava e adoecida cando chega o sufrimento. Atacou moi duramente ao caciquismo dicindo que, os labregos e mariñeiros teñen solucións políticas e económicas-sociais para arranxa-los problemas que neses intres tiñan.
Deseguido sube ao palco O Sr. Meis, fala como un socialista recomendando o asociacionismo como único medio de colle-la forza para derrubar aos caciques, dando lugar a que veña o estado de dereito e as reivindicacións sociais; falaba tamén da necesidade de face-los Bancos Agrícolas como medio de arrincar ao pequeno dono das poutas do caciquismo e do usureiro.
Badía do Tombo
Manuel Rodríguez dirixente labrego, comeza cun longo discurso, onde en cada intre era interrompido polos centos de persoas. Recomendaba a necesidade de que o pobo mariñeiro e rural perda o medo aos caciques e a necesidade de estudar o programa agrario nas asociacións para levalo á práctica.
Logo fala o Director da Escola número un, das que sosteñen as Sociedades de Preescolar en Paradela D. Samuel Blanco López, onde di en termos moi sinxelos a necesidade que o pobo ten da instrución na escola, pedindo ao Goberno uns locais que teñan as condicións necesarias e mestres que fuxindo de certos prexuízos pero espetando ideas e credos alleos, para acadar o que os “ alcaldes de monterilla” e caciques non deixan, que tratan de que non haxa escolas para eles aproveitarse, para ternos como años mansos; finalizou o Sr. Samuel con estas palabras: “pobo galego érguete e camiña, sacude a preguiza enarbora a bandeira do progreso da liberdade si queres redimirte”.....IR AO CAPÍTULO SEGUNDO
=============================
(1)-



CAPÍTULO SEGUNDO ASOCIACIÓN DE LABREGOS E MARIÑEIROS “LA HONRADEZ” 1915




CAPÍTULO SEGUNDO

ASOCIACIÓN DE LABREGOS E MARIÑEIROS “LA HONRADEZ” 1915

Mariñeiro de Vilaxoán co arte de pesca o Medio Mundo
na badía de Ferrazo, anos 20
Remata o acto o líder agrarista Joaquín Núñez de Couto (2), a súa presenza ao subir á tribuna foi recibida con aplausos frenéticos. Comeza o discurso dicindo que xamais se ocupou da política miúda nin do caciquismo local, pero vese na obriga de facelo nesta data, xa que o caciquismo de Vilaxoán e Vilagarcía é moi alarmante. Fala da política da ganzúa de roubos e falsidades de políticos condenados á cadea. Seguía dicindo Núñez de Couto que, as xentes de Vilaxoán que seguen cos seus antigos explotadores son uns pobres comediantes, como as xentes das cordilleiras do Caraballo que adoran a quen máis os azoutan. Fai resaltar o grande fracaso do Sr. Alcalde e Corporación facendo tragar ao pobo aos caciques máis odiados. Dedica palabras moi agarimosas ao Crego de Vilaxoán D. Benigno Santos Pazos, que como “rara avis” achegouse á beira do pobo que sufre, que traballa e que paga. Moi canso despois dunha hora de discurso, o Sr. Couto remata entre grandiosos aplausos.

As Saiñas, ao fronte a punta do Esteiro e máis lonxe
A Gorma
Ao ano seguinte, concretamente o 11 de xullo de 1916, os xornais recollían un acontecemento moi en acorde co caciquismo en Vilaxoán que viñan denunciando os da asociación “Honradez”, o titular era moi elocuente: “Escándalo en Vilaxoán”. Comentaba o xornal que, 1725 quilos de sulfato de
cobre (elemento que escaseaba en España por mor da I Guerra Mundial) solicitado ao 

Estado polo derradeiro Alcalde de Vilaxoán  Serafín Ameijeiras, para as asociacións de 

labregos da freguesía de Sobran. Este Sr. montara unha asociación de labregos paralela 

para tratar de dividir á única asociación con carácter reivindicativo e pertencente á 

Federación de Labregos de Galicia, como era “La Honradez”!.
Esta asociación denuncia por medio do seu presidente Bernardino Ribeiro que, ninguén dos asociados recibiu nin un quilo desa partida de sulfato de cobre, sospeitando que eses 1725 quilos foron parar ás mans dun comerciante que os está vendendo a 3 pts o quilo. Neste comunicado fan un chamamento e atención ás autoridades que aínda non se deron por decatadas;  na asociación pensan que todo parece unha complicidade vergoñosa.
A denuncia non quedou soamente nos xornais, senón que o Presidente Bernardino comunica esta anomalía ao Deputado en Cortes pola Cañiza D. Alejandro Mon., xa que el fora o que xestionara co Goberno esta subvención do sulfato para os labregos de Vilaxoán. Alexendre Mon., fixo unha interpelación no Parlamento de Madrid, sendo recollido polos xornais da capital de España como: “El Escándalo de Villajuán”.
A Lodeira e fábrica de salgadura
A Asociación “La Honradez” estaba disposta a chegar ata o fondo do problema caera quen caera, para saber o paradoiro do sulfato.
O día 12 de xullo, unha nota do xornal Galicia Nova de Vilagarcía da conta dunha notificación asinada polo Alcalde accidental Teodosio González ( o Alcalde Sr. Viqueira atopábase de viaxe ), onde comenta o seguinte: “ hace un mes, unos cuantos viticultores solicitaron al Ayuntamiento que rogase a la Dirección General de Agricultura una partida de sulfato de cobre que estaba subvencionado, y que éllos repartirían según sus necesidades, antes de formular el pedido, recibí el encargo de D. Serafín Ameijeiras para 1725 quilos con destino a las asociaciones de Villajuán, el sulfato llegó, luego se procede al cobro de 1,90 pts. Quien ingreso el dinero en el Ayuntamiento del importe del pedido fué el Sr. Salvador Galbán por encargo del Sr. Ameijeiras, y por la misma orden de este Sr. recogió la mercancía. Desde ese momento cesó toda intervención por parte del Ayuntamiento. Si el sulfato no llegó a los agricultores de Villajuán, este Ayuntamiento es el primero en lamentarlo, expresando su más enérgica protesta “. Esta nota leva a sinatura de Teodosio González.
Nota de prensa de 31 de xullo de 1913 desta Asociación de
labregos e mariñeiros do xornal El Progreso de Santiago, censurando
ao do xornal Galicia Nueva o non publicar unha xuntanza que
 tiveron co baqueiro de Vilagarcía o Sr. Deza.
 O director de Galicia Nueva seguindo
os ditados da banca. 
No xornal “Galicia Nueva”, o seu director Xosé Fernández sae en defensa dos labregos de Vilaxoán comentando nunha editorial digna de mención: “sabemos que no llegó ni un solo kilo de sulfato a los socios de la Honradez, que es la única  sociedad de agricultores que existe en Villajuán, por lo que dice el Sr. Alcalde accidental D. Teodosio González, sospechamos de quien llevó el sulfato. Como dice D. Teodosio, que lo recogió D. Salvador Galbán por orden de el Sr. Ameijeiras, por eso agradecemos Al Sr. Alcalde sus manifestaciones tan aclaratorias”.
Como xa veño comentando, e despois de estar pescudando na historia antes e despois da anexión do concello de Vilaxoán ao de Vilagarcía; coido que esta anexión non foi unha cantiga de amores eternos, loanzas, problemas económicos  nin por mor do Porto Comercial, como din algúns historiadores, que nos queren facer ver que todo foi unha inquietude do pobo por anexionarse a Vilagarcía. Se analizamos un pouco quen era o derradeiro Alcalde de Vilaxoán o Sr. Ameijeiras, e polas pescudas que levo feito nestes anos pasados, podo dicir con toda a seguridade sen receo a trabucarme, que o derradeiro acto do concello de Vilaxoán en 1913, foi un amaño de fedor caciquil entre as forzas máis conservadoras daqueles tempos de Vilaxoán e Vilagarcía.
Jesús Somoza
O 25 de xaneiro de  1918, esta sociedade nomeu unha nova directiva ao rematar os tres anos do anterior mandato, fora elexido Jesús Somoza Villaronga onde ao ano seguinte fundouse o Pósito Pescador sendo un dos fundadores con Francisco Santos Crespo.

A directiva da sociedade de labregos e mariñeiros La Honradez fora a seguinte: Presidente, Jesús Somoza. Vice, Ramón Sayar. Secretario, Salvador Vidal. Vice, José Otero. Contador, Manuel Otero. Tesoreiro, Antonio Díaz. Vocais: Joaquín Buceta, Juan A. Rodríguez, Manuel Martinez, Marcelino Nogueira, Bernardino Riveiro e Manuel Suárez.
=========================

(2)-Joaquín Núñez de Couto, nado en Ourense e finado en abril de 1940, foi un profesor e agrarista galego. Foi director do Colexio de San Luis Gonzaga de Lugo (1893) e profesor do Instituto de Lugo. Foi catedrático do Instituto de Ourense (1899), e cofundador e director do colexio León XIII de Ourense e despois de Vilagarcía, ata 1923 en que o substituíu o seu sobriño Xosé Núñez Búa. Cofundador da Sociedad de Agricultores de Vilaxoán "La Honradez", foi presidente da Sociedad de Agricultores de Portonovo e da Federación de Agricultores do distrito de Cambados e participou como propagandista na campaña de axitación da Liga Agrario-Redencionista no verán de 1910. 
Organizou o Congreso Agrario Provincial de Pontevedra, celebrado en Vilagarcía en xullo de 1915, onde se discutiu e aprobou o programa do Partido Agrario, do que era autor. Foi director de El Eco de la Enseñanza de Lugo (1893), colaborou en La Idea Moderna e El Regional, foi redactor-xefe de El Heraldo Gallego e colaborou en Galicia Nueva, La Zarpa e Faro de Vigo. Xubilouse como catedrático do Instituto de Ourense en 1931.