Amosando publicacións coa etiqueta vilaxoan. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta vilaxoan. Amosar todas as publicacións

luns, 18 de febreiro de 2019

VILAXOÁN : ÉPOCA MEDIEVAL


VILAXOÁN : ÉPOCA MEDIEVAL
Na época medieval, a antiga freguesía de San Martiño de Sobrán pertencía ao bispado de Iria que, co tempo, chegaría a ser do Cabildo de Santiago de Compostela. A primeira nova histórica de San Martiño de Sobrán témola na obra de Antonio López Ferreiro Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago; dicía que no ano 1115 o nobre galego Ramiro Muñiz fixo a doazón deste territorio de Sobrán (Severana) ao Apóstolo, concretamente á igrexa de Compostela.
Co tempo, a finais do século XIV, estas terras de Sobrán pasarían por aforamento da Mitra Compostelán á Casa dos Soutomaior, liñaxe moi poderoso naquelas épocas en Galicia.
Pazo de Sobrán
Todas estas terras da Ría de Arousa, en especial a Saliniense (Salnés), así chamada polas explotacións das antigas salinas, eran moi cobizadas e tiña un especial interese para facerse con elas a igrexa de Santiago, como di E. Fernández Villamil: “Quizá su fertilidad y la riqueza en pesca de sus costas entrasen como factores en esta predilección del opulento cenobio por esta ciertamente hermosa y prolífica comarca. Y, desde luego, los tributos señoriales propios de los puertos de mar, donde se pagaban además de los propios de la tierra, eran un aliciente”.
Estes tributos señoriais dos portos da costa e das rías eran os “diezmos de mar”, que sempre foron de señorío real, inda que nos comenzos do século XIV tivesen a metade os Arcebispos de Compostela por unha concesión outorgada polo Rei Fernando IV.
Cando asentaron en Sobrán os Soutomaior, tiñan como dereitos ,ao ser terra marítima, tres importantes tributos,  que eran derechos del Señor”: O tributo dos “cambos”, que se compoñía dun feixe de peixes por cada barco que chegaba ao porto cargado de calquera especie do mar;  O de “portazgo”, que eran os dereitos por carga e descarga de calquera mercadoría de cada barco e, por último, o tributo de “quebrazos”, que viñan ser os refugallos dos naufraxios que o mar guindaba á costa, pero este tributo soamente lle correspondía ao señorío.
Sartego de Paio Gómez Chariño, na Igrexa de
San Fracisco de Pontevedra
As avantaxes señoriais estaban rebaixadas en certo porcentaxe nas terras dependentes dos Arcebispos composteláns polo aproveitamento e concesión que éstes tiñan do tributo dos “cambos” en toda a Ría de Arousa.
A economía dos habitantes da bisbarra do Salnés, e polo tanto dos que residían en Sobrán, era máis de subsistencia, baseada na pesca e a agricultura, e sufrían fortes impostos que enchían as arcas do señores, que eran os  Soutomaior, que tiñan intereses nalgúns portos da Ría de Arousa, Cambados, Illa de Arousa, Vilanova etc. Onde non tiñan señorío, impoñían a súa cara protección como era o caso de Vilanova de Arousa. Era o que os arousáns lle chamaban os cartos da sardiña”, exactamente corenta marabedís,que lles non foran dados salvo por defensión, que os defendese” .
Os Soutomaior desprezaban esa cantidade por un bo banquete para as súas xentes. Nunhas declaracións recollidas en acta notarial realizadas ante o alcalde da Hermandade da vila de Vilanova, Rui Vicenti, actas dadas a coñecer por López Ferreiro, comentábase sobre Suero Gómez de Soutomaior, Señor de Sobrán: “ahora viñase (Suero Gómez) a comer con trinta e quarenta omes e  quantos eles querian a comer os ditos jantares”.
Na segunda metade do século XV, a presión dos señores sobre as poboacións arousáns resultaba insoportable, segundo declaraban en 1467 aos alcaldes da Hermandade os veciños de ditas poboacións. Aquel primitivo titular do señorío, o Cabildo compostelán, fora anulado. Primeiro impuxo a súas esixencias o Arcebispo de Santiago, D. Lope de Mendoza, que levaba as rendas reais, e despois impoñían o seu ditado os señores que acadaran dos arcebispos o arrendo das rendas reais no seu favor. “Ahora se entrometian señores e caballeros da terra a arrendarla e... fazian faser outros arrendamentos ao dito lugar, en maneira que se agravaban o lugar para que os tomase a mayores precios”.
Sartego de Suero Gómez de Soutomaior. Museo de Pontevedra
A fundación de Burgos mariñeiros contemplouse como algo de moito proveito persoal para os receptores dos impostos. Así, no século XV, fundouse a vila de Portonovo polo Arcebispo don Lope de Mendoza; o arcediano de Reina, don Xoán Mariño de Soutomaior, fundou o porto de Vilaxoán na xurisdición de Sobrán, algo que comentarei con máis amplitude en vindeiros capítulos, e García de Caamaño, a vila e porto de Vilagarcia.
 O gran polígrafo Fermín Bouza-Brey,  no seu traballo titulado El señorío de Villagarcia desde su fundación hasta su marquesado (1461-1655), da a entender que a fundación do porto de Vilaxoán foi anterior ao de Vilagarcia,  e comenta textualmente:
“Para llevar a cabo esta puebla (refírese a Vilagarcia) a la que dio su nombre, como había dado su tío político, el Arcediano  Xoán Mariño, el suyo de Villajuán a la por el fundada, otorgó don García de Caamaño en la inmediata parroquia de Cornazo, una carta con fecha 12 de mayo de 1461”.
Da nobre e poderosa familia Soutomaior, que se asentou en San Martiño de Sobrán, foi Paio Gómez de Soutomaior, Mariscal de Castela, Cabaleiro da Banda, Señor da Fortaleza de Lantaño, das vilas de Santo Tomé, Villamaior, do porto de Carril e da Fortaleza e vila de Rianxo, Señor da Fortaleza de Insua, terra de Tabeirós, e de San Martiño de Sobrán.
O seu bisavó, que foi tanto ou máis importante, foi Paio Gómez Charino (segundo Crespo Pozo, débese nomear Paio Gómez de Soutomaior El Charino); nacera en Rianxo no ano 1223 e foi Señor de Rianxo e Quinto Almirante de Castela, asistindo á conquista de Sevilla tomada polos mouros. Para a toma desta cidade concorreu coas naves de Galicia, chegando a ser primeiro Almirante Maior; dende a súa mocidade foi moi afouto e práctico nas tarefas do mar por se ter criado na ribeira e afeito dende a súa nenez aos perigos do mar. Dende moi mozo comezou a súa carreira militar.
Na toma de Sevilla mandaba unha flota de 27 navíos e destruíu unha ponte feita de barcos sobre o río Guadalquivir, que chegaba desde o castelo de Triana ate o Arenal, cunha das súas naves. Isto aconteceu o 3 de maio de 1248.
Pazo de Sobrán en 1919
Ao ser Paio contemporáneo do Rei Alfonso X El Sabio, personaxe que tanto amaba a poesía e aos poetas galegos, o Rei sempre procurou telo ao seu carón. Moitos estudosos de Paio din que, no eido literario, foi un dos representantes máis notabéis da lírica galaico-portuguesa, xunto con Martín Códax, Mendinho e Joan de Cangas. Foi don Paio un dos primeiros autores que tratou o tema do mar na poesía, cantando ao mar aberto surcado polos navíos de guerra. Esta é unha pequena mostra da súa poesía:
“As froles do meu amigo / briosas van no navío / e vanse as frores / d´aquí ben cos meus amores...”.
Da súa condición trovadoresca, que foi e por certo excelente, recollo unha pequena estrofa: “... Ai Santiago, padrón sabido / Vos m´adugades o meu amigo; / sobre mar vem quem frores d´amor ten / mirarei, madre, as torres de Jeen...”.
O mariño, poeta e trobador, don Paio Gómez Charino, vencellado á Ría de Arousa e, indirectamente, con San Martiño de Sobrán, finou asasinado en 1297 (seica por razóns políticas) estando nunha dehesa de Ciudad Rodrigo en conversa a cabalo cos Infantes D. Xoán e D. Pedro, cando un cabaleiro de nome Rui Pérez Tenorio atravesoulle o corazón cun coitelo. Ao Almirante Poeta trouxérono para ser soterrado en Pontevedra, na Igrexa de San Francisco. Estaba casado con Dona María Maldonado.
O seu bisneto do cal faláramos anteriormente, don Paio Gómez de Soutomaior, Señor de Sobrán, fora nomeado polo Rei Henrique III embaixador ante o Gran Tamorlán,  chamado tamén  na forma máis usual no século XIV “Tamurbeque”, que era un gran conquistador tártaro e xefe do Diagatai, unha gran rexión de Hungría .
Interior do Pazo de Sobrán
co campanario da Igrexa de San Martiño de Sobrán
Nun escrito do século XV titulado Discurso hecho por Gonzalo Argote de Molina, fala deste acontecemento diplomático: “ .... imbió el rey don Enrique por Embaxador al gran Tamorlán a Payo Gómez de Sotomayor y Hernán Sánchez de Palazuelos, Caualleros de su casa. Los cuales se hallaron en aquella sangrienta  y famosa batalla que entre estos dos grandes  principes se dio, donde el turco, preso y puesto en una jaula de fierro, siruiendo de poyo de estribo al Tamorlán. Recibió el Tamorlán con mucha Beneuolencia a Payo Gómez de Sotomayor y Hernán Sánchez de Palazuelos... ”.
Entre os dons que Tamorlán concedeu ao Rei Henrique III, levados por Paio Gómez e Hernán Sánchez, estaban dúas damas irmáns, que en Castela se chamaron Dona Angelina de Grecia e Dona María Gómez. Contan os cabaleiros do liñaxe de Soutomaior, descendentes de Paio Gómez, que chegou a Sevilla con Angelina e María e de alí  marcharon á Corte, pasando pola fortaleza de Carpio (Córdoba) que pertencía ao seu curmán, Luís Méndez de Soutomaior. Foi recibido e hospedado con grandes festas, e acampou  ao pé da fortaleza na que don Paio tivo amores e empreñou a Dona María Gómez , razón pola que El-Rei don Enrique quixoo prender e matar, fuxindo don Paio a Galicia e despois a Franza para, co tempo, obter o favor real e ser perdoado. Por orde do Príncipe Juán, volveu a Galicia e casou con Dona María Gómez  en terceiras nupcias. A súa primeira dona , Dona Maior de Mendoza, era irmá do Arcebispo de Santiago don Lope de Mendoza, e a segunda foi María de Grecia. Os seus fillos foron Suero Gómez de Soutomaior, Mariscal de Castela que seguiu a liñaxe; Dona Inés Gómez de Soutomaior; María Gómez de Soutomaior; Paio Gómez; María Álvarez e Juán Mariño de Soutomaior, fundador da vila e porto de Vilaxoán. É máis que probable que  Inés Gómez como María Ávarez,  o doutor Diego Álvarez, e, quizais, tamén Estéban Rodríguez, tesoureiro da Igrexa de Santiago, foran fillos de  María Gómez, como tamén o devandito don Juan Mariño de Soutomaior.
O primoxénito, don Suero Gómez de Soutomaior, O Mariscal, herdeiro do señorío de Sobrán, Rianxo e Lantaño, xogará un dos papeis máis interesantes na Galicia do século XV. Estaba casado don Dona Leonor Vázquez da Insua.
Foto aerea onde se ollea o Pazo de Sobrán
 e a Igrexa de San Martiño de Sobrán, anos sesenta
De mozo serviu ao Rei Don Juán II de Castela. No ano 1441 foi testemuña con don Juan de Mendoza na carta do título de “Pertiguero Mayor” de Santiago, que fora outorgado a Rui Sánchez de Moscoso, da fidalga Casa de Altamira, da que Suero Gómez foi sempre o seu fiel aliado.

Portada do Libro-documento
 
Naqueles tempos, eran moi normais as liortas entre a nobreza, e que as vilas e cidades solicitasen a axuda dun defensor entre aqueles homes que tiveran xente de armas. Suero Gómez tomou ao seu cargo a defensa de Sobrán, de Pontevedra e doutras vilas da Ría de Arousa. Comprometíase á defensa e axuda a tódolos veciños e moradores, e facía promesa de gardar tódolos usos e costumes da vila. Tampouco prenderá a ningún veciño, até que o faga saber ao alcalde da vila. O “Concejo” tiña por obriga, aparte de outros beneficios, a de axudar a Don Suero en todo o que fose necesario. Contrato parecido fixoo co “Concejo” de Vilanova de Arousa , xa que este pagaba o xantar a Don Fernando Bermúdez de Castro e a Don Suero para que defendesen a vila.
Manuscrito do Recuento das casas antigas do Reino de Galicia
na Biblioteca Nacional de España.
Os Soutomaior da Casa de Lantaño e Sobrán
As relacións que Don Suero tiña cos arcebispos de Santiago sempre foron de moita tensión e en moitos casos ameazárono de excomuñón e con multas de mil maravedís, de non se abster de esixir os tributos aos cidadáns das vilas pertencentes a Santiago. Pouco caso lles fixo. Unha desas requisitorias de excomuñón foi para que deixara exento ao cabildo de San Adrián de Vilariño de Cambados das rendas e froitos. Cando era Arcebispo D. Rodrigo de Luna non houbo nengún troco por parte de D. Suero.
No ano 1449, D. Suero casa en segundas nupcias con Dª Juana de Luna, irmán do Arcebispo, mais D. Suero seguiu aproveitando como antes os dereitos e señoríos da Igrexa de Santiago. En 1450, o Arcebispo D. Rodrigo fai un chamamento aos cabaleiros e escudeiros do seu reino, e moi especial ao seu cuñado D. Suero, prohibíndolles esixir “pechos y servicios” aos colonos dos canónicos por estaren exentos en virtude da concesión real e eclesiástica.
Máis adiante, e con ocasión dunha carta de D. Rodrigo de Luna na que se ordeaba a cantos tiñan terras e pazos do Arcebispo que se incorporasen ao real exército na expedición contra os mouros, D. Suero e os demais cabaleiros negáronse a tal, dicindo que non estaban na obriga de facer tal servicio, comezando así un enfrontamento entre o Arcebispo e os demais cabaleiros que precisou da intervención do Conde de Lemos para asinar unha tregua. Nese mesmo ano de 1458, o Rei D. Henrique mandoulle unha carta a D. Suero e a outros cabaleiros na que se refería ás liortas que mantiñan co Arcebispo de Santiago.
Alonso de Fonseca
Desde que se fai cargo da sede de Compostela Don Alonso de Fonseca no ano 1464, houbo unha continua sucesión de graves liortas cos señores. D. Suero Gómez, fiel aliado dos Moscoso, condes de Altamira, xogou un papel importante e, ao mesmo tempo, foi quen maior beneficios tirou da situación de enfrontamento que obrigou a Fonseca a asinar unha capitulación na que se comprometía a non residir na súa Diocese por un espazo de dez anos. Volverá Alonso de Fonseca a Compostela por mor do levantamento dos Irmandiños. A situación de descontrolo era tal que o Rei manda a D. Fernando Pareja, Adiantado Maior de Galicia, para poñer orde e fai un requirimento ao Sr. de Sobran, D. Suero, e a outros cabaleiros para que atendan a razóns, tomando estes a determinación de se constituíren nunha especie de confederación para se axudarse mutuamente contra Fonseca e os nobres vencellados co arzebispo. Ao derrotar a Fonseca, os señores de Galicia obtiveron grandes mercés do feble Rei Henrique IV e D. Suero é nomeado Mariscal conxuntamente con D. Pedro Pardo de Cela.
Pedro Pardo de Cela
Copia dun lenzo  no Castelo
da Frouxeira
Na guerra de sucesión ao trono de Castela, o Sr. de Sobrán  Suero Gómez amósase partidario de Dª Isabel. No ano 1475 intervén no cerco a Pontevedra, que estaba en poder de  Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga), cabaleiro que sempre foi compañeiro de armas de D. Suero. Quen levaba a parte principal do ataque a cidade eran o Arcebispo Fonseca e o nobre Ladrón de Guevara,  que, dubidando da lealdade de D. Suero e dos seus aliados, Lope Sánchez de Ulloa e Moscoso, Conde de Altamira, e Diego de Andrade, determinaron en segredo prendelos pero advertidos por García Martiz de Barbeira do que tramaba o Arcebispo, puideron librarse da traizón. As cousas “no fueron de buena guisa” para os inimigos de Pedro Madruga, tendo que levantar o cerco da cidade que continuou no poder de Pedro Álvarez.
No ano 1481, D. Suero intervén con Fernando de Acuña  contra Fonseca pero o cerco pouco dura.
Escudo de armas dos
Gómez de Soutomaior
No ano 1489, D. Suero fai testamento en Vilanova de Arousa. Este documento foi publicado no seu día por A. López Ferreiro e resulta ser unha copia do orixinal do século XVII. Quizais sexa máis interesante outro documento que é unha copia notarial coetánea da cláusula do testamento no que consta o legado ao Mosteiro de Santo Domingo de Pontevedra. Esta copia foi sacada do orixinal polo Prior e os monxes do devandito mosteiro polo mesmo notario ante quen D. Suero testara.
Finou D. Suero no ano 1490, sepultárono, segundo era a súa vontade, no Mosteiro de Santo Domingo de Pontevedra onde ficaban xa o seu pai Paio Gómez de Soutomaior e os seus avós.
Ao finar D. Suero, o seu irmán, D. Xoán Mariño de Soutomaior, o fundador do porto e vila de Vilaxoán, quedou rexendo o señorío de Sobran ata a súa morte, acontecida en 1496.

T.C.F.
   


luns, 4 de febreiro de 2019

PRINCIPIOS DA VILA



PRINCIPIOS DA VILA
Vilaxoán de Arousa atópase na marxe sur da Ría de Arousa na posición de latitude 42º 35` 4 N. e lonxitude 08º 47´ 3 W. Esta vila e porto é o núcleo de maior importancia tanto en poboación coma en edificación da freguesía de San Martiño de Sobrán. Toda a freguesía abrangue unha superficie de 5,9
Carta náutica da Ría de Arousa de Tomás López (1784)

Quilómetros cadrados con 83 Hectáreas de monte e 3.787 habitantes do censo de 2010. Foi concello de seu desde 1836 ata 1913 e desde entón pertence ao concello de Vilagarcia de Arousa.
Ampliación da mesma carta, onde se ollea
a Vilaxoán e Sobrán

Non hai moita constancia de cándo comezou a ser habitado o lugar onde naceu a vila, pero os estudios arqueolóxicos, o conxunto de costumes e crenzas que se transmitiron de xeración en xeración e a toponimia, danos pé para xulgar que debeu estar  habitada dende tempos moi antigos. Non é moi doado fixar con exactitude a época na que se formou un núcleo de poboación con un nome definido, pero tomando como base as excavacións que se fixeron a fins do século XIX e primeiros do XX, nas que apareceron varios obxectos de pedra pulimentada e cobre pertencentes a razas aborixes, pódese dicir sen dúbida que a vila debeu estar habitada nunha época cando menos anterior á neolítica, e polo tanto, prehistórica.
Na nave da igrexa de San Martiño de Sobran, do século XII, e máis no cemiterio, apareceron sartegos antropoides e moedas dos reis visigodos Égica e Witiza, achados que deberon ser descubertos en 1874 cando se acometeron unhas obras  no cemiterio e no adro, estando de crego Vicente María Tettamanzi, que remataron en 1880. No cemiterio tívose que reprantar a parte que está fronte á fachada principal da igrexa, levantándose unha fermosa escaleira de perpiaño que dá entrada ao adro do camposanto. A obra tiña unha razón de ser, xa que o camposanto atopábase ao descuberto e os nenos que pasaban para a escola sempre estaban a xogar dentro do mesmo e algunhas persoas atallaban camiño pasando por él. Tamén
Insuiña e parte da badía do Tombo nos anos 60
se fixo unha parede que separaba o adro da rúa, outra que deslindaba o camposanto do adro 
e unha terceira pola banda do nacente para pechar completamente o cemiterio. Estas paredes deron lugar a outros departamentos e locais separados, un deles quedará como adro principal embelecido con árbores. A desigualdade do terreo provocou a necesidade de erguer a terra pola entrada, así como desmontar rebaixando todo o terreo da parte superior. Este traballo non foi moi doado pero si moi custoso, sacándose unha morea de carros de terra e rochas que se racharon para dá lo fondo indispensable e poder abrir sepulturas. Ademais das devanditas obras, construíronse paredes exteriores para pechar unha pequena praza que se atopaba fronte a unha escola de nenos. Como anteriormente dixen, coido que os devanditos achados tiveron lugar cando se fixeron as obras e o crego Tettamanzi era unha persoa de alto nivel cultural e cunha perspectiva social progresista. A remodelación perdura hoxendia, con algún que outro troco no percorrer dos anos, mais a fasquía é a mesma.

 Na obra Legado Histórico de Fermín Bouza-Brey, de Marcelino Abuín, coméntanse os indicios da presenza sueva á vista dos novos achados arqueolóxicos, segundo noticias recollidas no xornal El Porvenir, de Santiago de Compostela, no ano 1876.  Marcelino comenta no seu libro:
“No adro cemiterio da igrexa parroquial, a máis de dous metros de profundidade... descubriuse casualmente ao abri-los cimentos para construír unha capela unida ao hastial do norte, un antigo cemiterio”.
Sete foron polo menos as sepulturas descubertas só na profunda gabia aberta, e, ademais, indicios das moitas que existiron primitivamente naquel chan.
anos 50
Na súa maior parte compúñanse de grandes lastras de máis de tres metros de alto, que formaban a maneira dunha caixa máis ancha na cabeceira ca nos pés e cun fondo que estaba revestido de grandes ladrillos e nalgunhas tamén de baldosas. Había algunhas que tiñan as paredes laterais formadas de ladrillos. Unha delas atopábase escavada na roca ata a terceira parte da súa altura.
Varios foron os ladrillos enteiros que se sacaron, uns de barro e outros de cal, e todos eran notabeis polas súas dimensións. Habíaos cadrados de máis dun pé de lado e rectangulares de dúas e media cuartas de longo e unha de largo e tres polgadas de groso.
Nalgunha sepultura aparecen depositados varios cadáveres. Débese nota-lo tamaño dos osos extraídos, así como o groso dos cranios, que nalgúns chegaba a catro liñas.
Ao nivel dos sepulcros tamén se descubriu un pequeno arco de sillería curvado por un lado e cuberto no seu interior de terra negra, que parecía cinza descomposta, unha capa de muíño de man atopouse a pouca distancia“.
 Nas necrópoles galegas das provincias de A Coruña e Pontevedra, o uso dos sarcófagos remóntase aos primeiros tempos do cristianismo; uns tiñan forma de cuba rectangular (Iria Flavia, Santiago, Santo Tirso de Oseiro etc.), outros tiñan formas antropomórficas, en parte con ondulacións en forma circular ou case de ferradura na cabeceira.                                                     (Vilaxoán desde o ar)
Non parece seguro que tódolos sistemas de enterramento estivesen recubertos de pranchas espesas, senón por sistemas de cuberta do máis elemental; eran pedras de dimensións variábeis, de formas máis ou menos regulares. Desta clase de sarcófagos temos dabondos exemplos que apareceron en moitas maneiras: tallados na rocha (Portomouro, Vedra, Sarandon, Fornelos, etc..), ou ben como sartegos a ras da terra (Iria,                  
Santiago, A Lanzada, San Vicente do Grove, Caldas de Reis, Ouviña-Cambados  e San Martiño de Sobrán).
Tamén apareceron achados de olería romana e moedas dos emperadores Constancio Cloro e Constantino. Os topónimos que atopamos en toda a freguesía dános pé para dicir que os iberos, celtas, fenicios, gregos e romanos, de primeiro, e os godos, suevos, normandos e árabes despois, estiveron poboando este porto de Sobrán.
Manuel Murguía en Galicia, sus monumentos y artes, su naturaleza e historia de 1888 , comenta que, ao saír de Vilagarcia en dirección a Cambados e a curto treito do convento das agustinas (Concello de Vilaxoán naquelas datas), atopouse nun terreo de enxurrada un moi grande depósito de cunchas entre as cales ollábanse mesturados ósos de animais, compoñendo o todo dun verdadeiro kjoekkenmoedding, ou refugallosde cociña. Cubertos con unha capa de terra de seixos, cando os obreiros comezaron a escava-la fendedura e reenche-la estrada, apareceu o depósito, no que predominaban as cunchas de ostras, berberecho e mexilón. A cada momento aparecían ósos que polas súas dimensións puideron ser de grandes paquidermos extintos e tamén restroballos de cerámica e mosaicos romanos.

Explorou un pouco por riba este depósito, sempre que  lle permitían as circunstancias, D. Ramón del Valle Bermúdez, pai do gran literario Ramón del Valle-Inclán. D. Ramón del Valle laiouse de non poder salvalo da completa destrucción por causa dos traballos da construcción do novo peirao de Vilagarcia (alertara desta destrucción no seu xornal La Voz de Arosa), xa que, buscando terra para o recheo, acometeuse o desmonte do terreo onde se atopaban e non tivo tempo máis que de achar algúns ósos e un cranio humano, asegurando que algúns dos osos tiñan ocos fendidos como para sacarlles a medula e outros apresentaban raias lonxitudinais e sinais de raspaduras, como se foran feitas con útiles de pedra. O Sr.Valle tratou de conserva-lo cranio para o estudio das xeracións vindeiras, gardouno nun caixón, pero foi víctima dos xogos infantís dos seus fillos.
( Mariñeiros da Vila á procura de peixe na Ría, anos 70)
Na Enciclopedia Universal Ilustrada, de 1920, fala da punta do Preguntoiro e un pouco máis aló da punta da Gorma é do illote do mesmo nome, que era un punto preferido polos mariñeiros de Vilaxoán para a pesca do congro ao palangre, comentando que, tendo este illote moi pouca extensión debeu estar habitado en tempos remotos, e onde en 1915 afloraban na súa superficie anacos de tégula romana.
O eminente polígrafo vilagarcián D. Fermín Bouza-Brey, expuña nas súas teses que os romanos escolleran o porto de Vilaxoán como un dos que arribaren de cando en vez nas súas viaxes pola Ría de Arousa; na súa opinión, tódolos achados de restos de ánforas procedían da limpeza dos barcos que se atopaban no porto.
T.C.F.

sábado, 2 de febreiro de 2019

CONCELLO DE VILAXOÁN. 1836-1913


CONCELLO DE VILAXOÁN. 1836-1913  
selo-do-concello-1847.JPG
Os Concellos, na forma en que hoxe os coñecemos, teñen a súa orixe na Constitución de Cádiz de 1812,  e un dos seus artigos dicía: “Para el gobierno interior de los pueblos habrá Ayuntamientos compuestos del alcalde o alcaldes, los regidores y el procurador síndico, y presididos por el Jefe político, donde lo hubiere, y en su defecto, por el alcalde o el primer nombrado entre éstos, si hubiere dos”. Se pondrá Ayuntamiento en los pueblos que no lo tengan, y en que convenga le haya, no pudiendo dejar de haberle en los que por si ó con su comarca, lleguen a mil almas, y también se les señalará termino correspondiente”. 
A primeiros do século XIX, concretamente en marzo de 1813, constituíase en Santiago a Deputación de Galicia para impulsar os “concellos institucionais”. Paralelamente, creábase o concello de Sobran tomando o nome da antiga xurisdicción.
01-acta-1841.JPG
As circunstancias políticas non favoreceron o desenvolvemento constitucional que ía supor unha nova andaina para os gobernos locais, aínda que axiña comezouse a por en marcha a nova organización, unha vez constituídas as primeiras deputacións provinciais ao Aveiro do artigo 335, punto tres, da Constitución, que di:“Cuidar que se establezcan Ayuntamientos donde corresponda los haya conforme a lo prevenido en el articulo 310”. 
Pero os novos concellos case non tiveron tempo de funcionar como tales, xa que a volta do desterro do nefasto Fernando VII e a súa proclamación como Rei absoluto tiveron consecuencias negativas para España e, de feito, supuxo o retorno aos usos e costumes do antigo réxime nos que xogaban un papel estelar os nobres, abortando desde o comezo unha etapa de modernidade constitucional que se consagra cun Real Decreto de 4 de maio de 1814 anulando e deixando sen ningún valor a Constitución de 1812 e tódalas leis e decretos producidas. 
En 1820, a Constitución de Cádiz é de novo posta en vigor a causa do alzamento de Riego pero en 1823, e coa axuda dos Cen mil fillos de San Lois, parouse en seco o desenvolvemento constitucional e, outravolta, retornou o absolutismo. Nembargantes, os concellos que xurdiron durante a etapa liberal, 1812–1814 e 1820-1823, entre eles o de Sobran, deixaron a súa pegada entre o poboación.
Esta experiencia serviu para demandar concello propio cando, ao aveiro do Decreto de 23 de xullo de 1835, abriuse o prazo para o arranxo provisorio dos concellos. Un Real Decreto de 24 de xullo de 1835 da pé  á nova organización territorial do país que abre de novo as canles da instalación duns novos concellos. 
No BOPP do día 3 de decembro de 1836 aparece publicada a nova división municipal do partido de Cambados na que figuran nove concellos e onde Vilaxoán aparece como unha parroquia máis do concello de Vilagarcia. Ese mesmo día, o procurador xeral do concello de Vilaxoán, Bonosio Tapias, dirixe unha instancia ao Xefe Político da provincia, na que se pode ler: “ al estenderse en aquella comarca la noticia, confirmada en el Boletín de ese día, de que hacía a dicha villa dependiente con todo el Coto de Sobran , del Ayuntamiento de Villagarcia, causo un profundo sentimiento en sus naturales, que unanimemente resolvieron se acercase a V.S. el exponente, como su representante, para manifestarle los justos títulos con que cuenta Villajuan para considerarse capaz de formar por si sola un Ayuntamiento”. 
cuno-alcadia-1909.JPG
xestións que precisas para acadar o que se desexa. 
En realidade, o Sr. Procurador xeral daba cumprimento ao acordo do seu concello de data un de decembro no que se facía constar o acordo de que o procurador Sr. Tapias pase a Pontevedra e en representación da freguesía de Sobran faga públicos na Deputación os inconvenientes derivados da “anexión” da freguesía ao concello de Vilagarcia, sen esquecer que na freguesía de Sobran, en tódalas épocas constitucionais, houbo Concello propio por ter máis de 500 veciños, e ,finalmente, facer todas as 
Na instancia apresentada na Deputación faise constar que Vilaxoán goza de título de vila e ademais que: “… desde remotos siglos; que tiene comercio, fábricas, agricultura y un puerto cómodo que le facilita la extracción de sus producciones y la introducción de los artículos necesarios para toda la Provincia; que lla formó ayuntamiento en las épocas constitucionales; que su situación topográfica le ofrece a las aldeas de su dependencia fácil acceso. Y que, además de razones de justicia y de comenencia pública, hay otra que en política no debe despreciarse, y es que con la medida, cuya rebocación se desea, se humilla el amor propio de los de Villajuan, privándoles de un derecho cuya posesión han gustado, y alimentado la vanidad de sus rivales los de Villagarcia, que ufanos se jactan de la victoria, excitando con esto resentimientos y motivos de discordia, cuyas consecuencias son siempre funestas”. 
A Deputación dirixe un escrito ao Xefe Político no que se pode ler:“La villa de Villajuan por medio de su procurador general ofrece varias razones que persuaden a esta Comisión  que la formación del Ayuntamiento de Villagarcia no está conforme a los principios de conveniencia de los pueblos que lo componen. Deseando evitar todo motivo de perjuicio en las plantas de las municipalidades que V.S. tiene dispuesto publicar en el Boletín de mañana, mientras que la Corporación reunida no delibere acerca de una esposición, la Comisión de Diputación y la Junta de Armamento espera que V.S. se sirva mandar suspender a la publicación hasta el Boletín próximo de la división municipal del Partido de Cambados”. 
08-sesion-extrado-c-de-vilag.JPG
A instancia pasa a informe dos membros da comisión de revisión dos concellos, os señores Gayoso e Reino, que consignan ao marxe do pedimento e asinan o siguiente dictame:  “Cuando la Comisión nombrada para los Sres. de la Diputación Provincial reconoció la división de los Ayuntamientos del partido de Cambados hecha por la anterior Diputación no dejó de advertir que convendría un Ayuntamiento en la villa de Villajuan por ser una población que gozó siempre de igual privilegio cabeza de jurisdición y habitada por gentes de comercio y de fortuna; pero no hallando la Comisión en el expediente ninguna instancia hecha por los vecinos de Villajuan con objeto de mantener la municipalidad como lo verificaron los de Villanueva de Arosa, creyó que hallándose Villajuan tan inmediato a Villagarcia se conformaban sus vecinos entenderse con este último Ayuntamiento, cediendo el derecho que podían tener a conservar el suyo. Juzga la Comisión sin perjuicio del mejor dictamen de S.E. que es admisible su solicitud por las razones que expone y van indicadas, constituyendose el Ayuntamiento de la Parroquia de San Martín de Sobran, la de Sobradelo y aún de la de San Lorenzo de András, agregada antes a la de Villanueva de Arosa”. 
Semella un pouco sospeitoso que despois de case un ano de estudos, tiras e afrouxas, a Deputación intente que San Martiño de Sobran pase a depender do concello de Vilagarcia. O 5 de decembro de 1836, a Deputación e a Xunta de Armamento de Pontevedra, comunican ao Sr. Procurador Xeral, D. Bonosio Tapias, o acordo de rectificación que aproba a criazón do Concello de Vilaxoán, sendo o seu primeiro Alcalde D. Xosé Torrado, rexedor máis antigo Pascual Besada,  procurador síndico Xosé Búa e secretario Manuel Rubianes.
A partir de entón pasan a formar parte do Concello de Vilaxoán as freguesías de Sobran, con 1967 veciños, Sobradelo, con 292, e San Lourenzo de András con 191. En 1842, os veciños de András solicitan á Deputación a segregación para se unir ao Concello de Vilanova. O expedente de anexión comezou a tramitarse o 21 de maio de 1842 e á cabeza dos veciños de András estaba Antonio Piñeiro, mordomo pedáneo, sendo comisionado para esta tarefa Xoán Ramón Patiño, deputado provincial polo partido de Cambados. O 17 de decembro do mesmo ano, a Corporación da Deputación facía efetiva a incorporación de András ao Concello de Vilanova de Arousa con efectos desde o primeiro de xaneiro de 1843. Así foi. 
A partir deste ano, a andaina do Concello de Vilaxoán seguiu o seu curso normal mentres desde Vilagarcía arreciaban as chamadas para que se unira, acompañadas dunha campaña xornalística. Sobre esta unión comezouse a falar no ano 1909. A iniciativa saíu do que fora Deputado a Cortes e Ministro, Augusto González Besada, natural de Pontevedra.
O Xornal compostelano Correo de Galicia do 04-03-1913 recollo unha nova
onde o día da anexión a Vilagarcía, dasaparece todos os libros e actas
da longa andaina de moitos anos
do Concello. Xamais apareceron. Unha das grandes
cacicadas que fixeron 
En setembro dese mesmo ano, na finca que tiña en Poio o devandito político, xuntáronse os alcaldes dos tres concellos, Carril, Vilaxoán e Vilagarcia. Durante a reunión, o Sr. Besada comentoulles o siguiente: “ … que no es posible pedir ni obtener cosa de valía para estes ayuntamientos, entretanto por su unión no constituyesen una entidad grande; que recomendaba por ello y porque deseaba se le facultase el poder demostrar a estos pueblos un interés por éllos, el que se fuese cuanto antes a la anexión de los ayuntamientos de Carril, Villajuan y Villagarcia… ”. O 4
Nota ampliada do Correo de Galicia-1913
de outubro de 1911, o alcalde de Vilagarcia, Valeriano Deza García, convoca unha xuntanza no concello para falar da anexión, e comparecen o alcalde de Vilaxoán, Serafín Ameijeiras, e Ramón de la Fuente, alcalde de Carril e ademais os veciños de Vilagarcía Eugenio Salgado López, Eduardo Fernández e Francisco Padín Piñeiro e Juan Oubiña Iglesias, de Vilaxoán.
 Acordaron facer realidade a anexión das tres vilas e con esa intención crean unha comisión permanente cos tres secretarios dos devanditos concellos reflectindo na acta o siguiente: “… Siguiendo precedentes de lo practicado en casos análogos, la conformidad de la mayoría de los vecinos con el proyecto de anexión, se manifestará por medio de edictos anunciandolo en los tres pueblos y que tambien habrán de insertarse en el Boletín Oficial de la provincia dando un plazo de diez días durante el que los vecinos que no están conformes, lo manifiesten por escrito en las respectivas alcaldías…”. 
Tamén acordaron que na vindeira xuntanza se presentara un estudo moi detallado da situación económica dos tres municipios e dous meses despois, concretamente o 2 de decembro, nunha sesión plenaria do concello de Vilaxoán tómase o acordo de solicitar a anexión a Vilagarcia, acta que foi recibida polo alcalde desta última vila o 18 de decembro quen convoca un pleno extraordinario  para o día siguiente na que toman a palabra varios concelleiros entre os que cumpre subliñar a Padín, que dixo o siguiente en relación coas finanzas municipais dos tres concellos: “El Ayuntamiento de Villajuan es satisfactorio, porque si bien cubre su presupuesto ordinario de gastos con un repartimiento de unas siete mil pts., tiene hoy caja sobre ocho mil pts. Lo que demuestra que van en progresión y afianzándose los ingresos.
No puede decirse lo mismo del de Carril, que según nota de créditos facilitado por su Secretario parece que debe hasta unas cien mil pts…”. O Secretario do concello de Vilaxoán, Jesús Pajares, certifica o 17 de febreiro de 1912 que sobre a anexión non se formularan reclamacións entre os veciños unha vez transcurrido o prazo que de 30 días hábiles. Eles, a corporación toma o acordo de elevar o expediente á Deputación Provincial pregando a aprobación da anexión. 
Nembargantes, si se produciron unha morea de problemas como, por exemplo, o roubo dos libros de actas das sesións e tamén parece ser que houbo un cambio de actitude por parte da corporación, pero o certo é que o 31 de marzo de 1913 péchase unha etapa da historia de Vilaxoán cando definitivamente se produce a anexión. A derradeira corporación estaba formada polas persoas siguientes: Alcalde, Serafín Ameijeiras. Concelleiros, José Manuel Paz, Zoilo Trigo, José Rodríguez Fernández, Celestino Maquieira, Manuel Raimundez, Jesús Jueguen, José Ferro, Manuel Soto e Manuel Martínez. Secretario, Jesús Pajares. 
A Casa Consistorial atopábase na rúa do Preguntoiro ao carón dunha fábrica de salgadura propiedade de Zoilo Trigo na que hoxe atópase un edificio de recente construcción. 
A primeira vista, semella que o proceso de anexión foi un camiño de rosas pero ollando con moito detemento e con lupa diversa documentación de carácter oficial e estudiando o contexto político da época e aos mesmos protagonistas, un ten a impresión que se actuou dunha maneira caciquil seguíndoo dictado de certos potentados de Vilagarcia e Vilaxoán. Pero esta é outra historia que alguén a escribirá no seu día para narrar o que realmente aconteceu.


Algúns documentos do Concello de Vilaxoán

 




Teo Cardalda F.