SÉCULO XX EN VILAXOÁN
1900-1901 ANOS MOI REVOLTOS CON SUCESOS MOI GRAVISIMOS
QUE ACONTECERON NA VILA
QUE ACONTECERON NA VILA
![]() |
Preguntoiro desde a casa de os Moreno Tilve,primeiros do século XX |
![]() |
Rambla de Badía do Tombo |
Non podía faltar no pobo unha das bases máis importantes para a
poboación como é a labor sanitaria que facía os médicos Manuel
Rovira Carrero e Valentín Viqueira.
Como todo Concello máis ou menos organizado, a grande maioría
produtiva do pobo viña da pesca dos mariñeiros xeiteiros e
traballadores/as das fábricas de salgadura rexentadas por Manuel
Costas, José Martínez Abad, Manuel Martínez, Somoza y Compañía,
Andrés Rodríguez e José Trigo.
No ensino e educación pública estaba ao cargo dos mestres Carmen
Oliván e Juan Piñeiro. Como toda sociedade organizada a primeiros
deste século XX,Vilaxoán tamén tiña o seu bufete de avogado co
despacho na praza que hoxe chámase Rafael Pazos que atendía o
letrado Juan Oubiña que tamén era o alcalde da vila.
Non podía faltar obreiros de todas as profesións que moitos
gardaban relación directa ou indirecta co mar, como podía ser os
talleres dos carpinteiros de Joaquín Callón, Angel Galván e Román
Loureiro. E do taller do ferreiro e cerralleiro Joaquín Piñeiro.
Quen arranxaban os vidros das fiestras e portas era no taller de José
Somoza que tamén era lanterneiro.
Eran tres as tendas de comestibles que eran rexentadas por Josefa
Berenguer Costa, José Galáns e Manuel Martínez. Non podían faltar
as tendas de roupa, oficialmente había dúas, a de Manuela Álvarez
e Francisco Villaronga. Por último non podo esquecerme dun dos
oficios artesanais máis importantes como o de zapateiro xa que eran
militantes tanto na súa profesión como nos movementos de protesta
social, case sempre tiveron un papel dominante nas actividades de calquera
pobo; por iso temos leido e escoitado aquel proverbio de:“zapatero a tus zapatos”, onde indicaba esta tendencia dos
zapateiros a expresar opinións que só debían de deixarse sobre
estes asuntos aos políticos e persoas oficialmente ilustradas. Na vila existían dúas zapaterías dos señores: Francisco Martinez e
Arturo Silva.
En definitiva, os cataláns
introduciron o sistema capitalista na produción pesqueira; tendo en
conta que ata o intre en que chegaron estes “fomentadores” os
mariñeiros de Vilaxoán como os demais pobos da Ría de Arousa e
Galicia pescaban a sardiña dunha maneira artesanal ou tradicional
coa arte chamada “xeito” dunha lonxitude de setenta metros de
longo e dezaseis ou dezaoito de ancho cunha embarcación de nome
“lancha xeiteira” ou dorna. Cando impuxeron os cataláns a
“xávega” era unha arte que tiña entre os trescentos e os
seiscentos metros de longo, cunha embarcación moito meirande que a
dorna xeiteira. Estes métodos capitalistas e enriquecemento rápido
da pesca, trouxeron moitos problemas aos cataláns con enfrontamentos
cos mariñeiros, problemática que espallo máis documentada en
vindeiras páxinas. A principios do século XIX, José del Río Cosas
autor dun arbitrio que remitira ao Ministerio co título:
“Contribución gravosa a la Pesca y Salazón”, dicía que
deploraba a triste situación dos mariñeiros en Galicia convertidos
en servizais dos cataláns, rematando o escrito desta maneira: “se
aprovechan del sudor de tanto rudo infeliz, es considerable la
ganancia que reporta al negociador foráneo, el ramo de la sardina y
demás pescados despues que salen de las manos de los infelices
pescadores matriculados, no lucrándose estos en nada en comparación
de aquellos, a quienes venden la pesca así que llega del mar, bajo
el precio que les acomoda, y se ven precisados a cederles por el
subyugo de ser sus artefactos”.
Tiveron que pasar case 80 anos
cando a voz de alarma chegou no ano de 1897
onde nun escrito publicado este ano
no xornal
El Imparcial de Madrid o 28 de outubro por Eduardo Gasset Artime
(fundador deste xornal) e deputado en cortes onde entre moitas cousas describe
as razóns dos fabricantes de conserva coa traíña comentando: “... Seamos
francos y menos egoístas y confesemos que con las traíñas se desa conseguir que
tan solo tenga cuenta pescar a los ricos...”.
O sr. Francisco Silvela
Presidente do Consello de Ministros dispuxo, ademais, que sexan rechazadas
todas as peticións en igual sentido.
Este ano de 1900 era o presaxio
de alarma sobre a loita dos xeiteiros contra a traíña que tanto problemas
tiveron a finais do século XVIII e principios do XIX, conflitos pola arte de
pesca do arrastre introducido polos cataláns, denominado xávega. Esta
alarma xa se viña avisando, que este conflito chegaría se non se poñía solución
por parte do Goberno.
![]() |
Viñetas satíricas dos xornais de 1901 |
![]() |
El Imparcial, Madrid-28-10-1897. |
![]() |
Eduardo Gasset Artime, fundador do xornal El Imparcial |
Desde 1897 ata 1900 a situación
foise agravando en Galicia e con máis intensidade na Ría de Arousa. As liortas
comezaban a estenderse por todos os portos, enfrontamentos ao longo das rías
baixas en especial todos os portos da Ría de Arousa. No centro de toda esta
loita, de malleiras, pedradas, tiros, dinamita contra as traíñas e queimándoas,
á armada con canoneiras no mar e en terra coa garda civil e os carabineiros
tratan de manter ao orde.
A chegar outubro de 1900, o
conflito ía agravándose por mor de que fora desestimada a instancia que fora
cursada ao Ministerio de Mariña por mariñeiros de Porto do Son, onde
solicitaban que se prohibira a pesca coa traíña nas Rías Baixas, en especial
a de Arousa, Muros, Pontevedra e Vigo.
![]() |
Traiña e xeiteiro |
Ante todo isto, chegando o mes
xullo os mariñeiros do xeito de todos os portos organizaron unha grande
manifestación en Vilagarcía. ¿Cal foi o motivo de decidir por este porto ?.
Pois pola forza que tiña os mariñeiros organizados en Vilaxoán e pensaban que
esta era a poboación máis importante de Arousa con comunicacións moi doadas con
outros municipios, o ser capital marítima da ría e ter unha clase burguesa e
políticos e militares de influencia de abondo, o ter unha badía moi grande para
poder recibir sen problemas a centos de barcos. Todos estes motivos foron
esenciais para que esta manifestación tivera a maior repercusión mediática a
nivel de todo o país.
Segue en vindeiros capítulos...................................